29.10.08

Embarquémonos, pois

¿Está escrito como parece ou teño que ir ó oculista? ¿Pero que pecado cometiches, miña amada lingua materna, para que te traten deste xeito? ¿A que lles vén esa teimosía de te levaren ó matadoiro coma un touro bravo que non ara?
Miña pobre lingua, seica te viu un vesgo.

26.10.08

Noticias de literatura-45

Estas últimas semanas déronnos noticias literarias ben tristes e ben ledas, case que sen termo medio.
A gadaña deixounos sen Ramiro Fonte na flor da vida, coma quen di. Unha triste desgraza a deste país, que conta por moreas as mortes prematuras. De Ramiro Fonte quédanos unha obra significativa, mais canda o pesar que causa a despedida da persoa queda tamén a mágoa pola obra que aínda tiña por facer.

No mundo da nosa literatura seguen as opinións críticas encontradas. Miguel Anxo Fernán Vello recolle tres: a de Francisco Rodríguez (desta vez crítico pesimista), a de Carod Rovira e a de Rexina Vega. O autor do artigo comparte o parecer da escritora: somos un país pobre en xente e recursos económicos, pero temos motivos para estar orgullosos do noso discurso literario. A maior abondamento, M.A. Fernán Vello remacha o tema noutro artigo afirmando: "Un dos serios problemas que padece a literatura galega no seu conxunto
-coas consabidas e parciais excepcións, todo hai que dicilo- é que non
ten unha recepción social normal. E, a pesar diso, a nosa creación
literaria está, cuantitativa e cualitativamente, moi por riba da
sociedade -e sobretodo no plano estético- á que inicialmente vai
dirixida. E mesmo moi por riba de sectores sociais cultos e galeguistas, e nacionalistas, que simplemente non len".
Quen teña ollos para ler, que lea. Aínda que os que len non son o obxectivo destas palabras.

En teatro destacan os dous premios gañados por Teresa González Costa: o Álvaro Cunqueiro por Sempre quixen bailar un tango, e o Manuel María por Pingueiras e tarteiras.

Entre os narradores, salientamos a presentación da novela de Pacho Blanco, gañadora do Torrente Ballester.
Murado e Reimóndez estiveron pola feira de Frankfurt, nunha aposta por facer máis internacional o libro galego.
Rivas, xa un clásico entre nós, triunfa en Francia con L'ÉCLAT DANS L'ABÎME. Mémoires d'un autodafé (Os libros arden mal).
A prensa francesa fixo unha boa recepción da novela.
O
Premio Nacional de Ensaio mereceuno Beramendi, pola obra De provincia a nación. Historia do galeguismo político.
Faro de Vigo dá noticia da edición bilingüe de Eume, de César Antonio Molina.

Unha das noticias máis gozosas está relacionada con Agustín Fernández Paz, Premio Nacional de Literatura infantil
pola obra O único que queda é o amor . La Voz, o mesmo que El País, dan a noticia sinalando o título da obra galardoada. O Galicia Hoxe ofrécenos unha entrevista co autor. Na entrevista d' El País e mais na do Faro de Vigo o autor ten palabras de agradecemento para os seus lectores, ós que considera o auténtico galardón.

No eido da poesía destaca a publicación dos poemarios Nadja c'est moi e Amebas, de
Xosé Luís Mosquera Camba, cos que conseguiu o premio de Carral e o accésit do Esquío.

Imaxes den La Voz de Galicia, Editions Gallimard, Xerais blog
.

15.10.08

Francisco Álvarez. Ratas en Manhattan

Temática da obra: Emigración. Identidade. Interculturalidade. Desigualdades económicas e sociais. Saudade.
Ambientado en Nova York, é, aínda, un dos poucos libros que trata historias da emigración en Norteamérica.
Non atopa aquí o lector os patufos desleigados xostregados por Celso Emilio, mais os relatos de Francisco Álvarez tráenllos á memoria. Cun estilo de crónica periodística, o escritor guardés ponnos diante dos ollos uns personaxes que sobreviven na emigración sacando a relucir o peor da condición humana.
En conxunto, os dezaoito relatos conforman unha boa crónica do lado escuro da emigración. Nin os triunfadores o son realmente.
As ratas que dan título ó mollo de relatos aparecen só no primeiro deles:
"Non existe o silencio nestas rúas. Tan só os mortos gozan deste luxo. Por iso
aquela noite, que non podía ser distintas ás demais, no medio do chiar das rodas
na rúa e cos saloucos e xemidos das parellas fornicando no apartamento contiguo,
Alcibiades e Ramona non escoitaron o berro do seu fillo. Un meniño de tan só
tres anos que nese preciso intre era alimento das ratas" (p. 11).
No resto dos relatos aparecerán as ratas que cadaquén pode levar dentro. Porque "hai ratas no Wall Street, hai ratas en Park Avenue e tamén hai ratas na Casa Branca" (p. 14).
Detrás deste mostrario da sentina da condición humana está a crítica do estilo de vida americano, que converte calquera cousa, mesmo os sentimentos, en mercadoría ("Cemiterio dos heroes").

Mais tampouco todo son ratas nesta obra; mesmo hai relatos humorísticos (San Carallán"; "O porco Canizo"). Tamén abonda a xente simplemente machacada pola vida ("A muller de negro"), vingativa ("Return to sender", "O can dos xanciños"), adoecida ("Comido con amor") ou sinxelamente saudosa ("O caso A Peneira"). En definitiva, xentes para ás que "A terra prometida" non pasou de ser un camiñar polo deserto.

María Xesús Nogueira, na páxina da Associació d'escriptors en llengua catalana, salienta ó referirse a esta obra enmarcada no panorama da literatura galega:
El cosmopolitisme i la globalització


De manera semblant a les transformacions que coneix la societat, i apressada per
l’afany de modernització, la literatura gallega va incorporar un imaginari cosmopolita derivat de la realitat multicultural i de la globalització. Aquests referents, que ja van cridar l’atenció de molts poetes dels vuitanta en el seu esforç d’actualització del gènere líric, condueixen el lector a escenaris llunyans com els que apareixen en la narrativa de Xavier Queipo, Lois Diéguez (pensem en la recent O canto do Muecín, (2007). Un cas singular per la seva freqüència en diverses novel·les escrites en els últims anys és el de Nova York, escenari d’O home inédito (2005), de Carlos G. Meixide; Ratas en Manhattan (2007), de Francisco Álvarez; i New York (2007), d’Inma López Silva.
Sobre o autor ou a obra atopamos información en:
Casa das Letras: recensión da obra. Unha visión máis persoal atopámola n' O trasno viaxeiro.
Xurxo Bértola encárgase da recensión da obra no suplemento cultural d' A Peneira, periódico que aparece nun dos relatos.
Book Press: Autores Hispanoamericanos celebran Herencia del Inmigrante en NY.
Faro de Vigo : crisis cultural gallega en N.Y.
La Voz de Galicia : Las instituciones ultiman detalles para hermanar la Torre y la estatua de la Libertad.
Pere Meroño, le o libro no tren de Galicia e fai literatura comparada; sobroulle tempo: "Tren Barcelona-A Coruña. 7 del matí. Llarguíssim cuc ferrat i plumbi. Em duc pel viatge –només seran 15 hores!—“Ratas en Manhattan” de l’escriptor gallec Francisco Alvárez. És un aplec de 18 relats sobre emigrants gallecs a la ciutat dels rañaceos –gratacels-, escrits en gallec –així em torno a familiarizar amb l’idioma d’en Castelaol’equivalent al nostríssim Joan Fuster".

O texto íntegro da obra no Centro de documentación da AELG.


Francisco Álvarez, Ratas en Manhattan, Compostela, Sotelo Blanco, 2007.

14.10.08

LINGUA ESGALLADA-42

LINGUA ESGALLADA-42

Velaquí algunhas expresións recollidas das
exposicións orais. Contémplaas dende a óptica do rexistro estándar e indica a
solución que creas máis idónea. E para pórlle o ramo á obra, comenta as razóns
da rectificación.

420 Está enterrado no pobo

421 Un día coñoce a unha muller

422 Para que a súa alma reencárnase nun lagarto

423 Había que quemalos

424 Deberían quemar a tódolos caciques

425 Cando a xente ríese non ten que ver con...

426 Refléxase no libro

427 Intentando olvidar os seus problemas

428 Basados na súa vida

429 Esa casa era un pouco estrana



CONDICIÓNS DO TRABALLO

BAC: Rectificación + explicación.

ESO: Rectificación.

Valoración: Actividade para mellora de nota, segundo previsto na programación.

Data entrega: 24 horas despois da publicación neste blog. Non se contan festivos.

Imaxe de Tête à modeler.

9.10.08

Probiña Sally

Agardo que me atendan nunha sucursal do Banco de Santander (para pagar con concepto hay que hacerlo antes de las 10:30) e bótolle man a prensa. Como La gaceta de los negocios está moi lonxe das miñas capacidades de entendemento, confórmome con La Razón.

Paso unhas cantas follas e acendeuse unha luz cegadora: «Eu chámome Sally », columna asinada por un tal Iñaki Ezquerra.
Resumo a historia "real" que nos conta Iñaki: unha rapariga americana chamada Sally foi enviada a las Españas na santa misión de aprender castellano, pero... "La madre se percató de algo
inquietante: su hija no ha estado aprendiendo español sino una lengua
que a ella le parece «extrañísima»". (A estrañada é a nai, porque a filla, desgraciadamente, dedicouse máis a aprender ca a esmilagrarse
.) Cando se decata da desfeita, a nai vén a España en socorro da filla, saltando as regras da organización da misión. Mentres non retorna á terra segura dos Estados Unidos, aínda tiveron tempo de estragala un pouco máis nunha viaxe a Cataluña. Menos mal que unha familia de amigos
"que tienen hijas de su edad, la invitaron a quedarse en Madrid durante unos meses y le buscaron colegio. De este modo, la heroína Sally consiguió volverse a los Estados Unidos habiendo pasado un apacible tercer trimestre escolar y castellanoparlante en un lugar donde podía hablar en lo que quisiera sin que nadie se lo prohibiese. Gracias a mis amigos. Gracias no al multiculturalismo y al plurilinguismo sino a una verdadera virtud española -la generosidad- que aún queda entre nuestras buenas gentes aunque ciertos políticos se hayan propuesto volvernos a todos malos y estúpidos".
Cando cheguei ó remate desta historia verdadeira respirei tranquilo. Menos mal. Comparto totalmente os sentimentos dos amigos de Iñaki ("les dio pena la extraordinaria odisea de Sally (...) que había venido a aprender español y se volvía hablando la lengua de Rosalía").
Dá gusto saber que aínda quedan "buenos españoles", deses que aprenderon de memoria a historia que nos contou don José María Pemán.

Os comentarios que levantou a columna tamén son saborosos. Algún deles é como para pórse a rezar. Son todo amor. Deus queira que os nosos bisnetos non teñan necesidade de andar cavando ósos nos montes.

A imaxe é de Diario de América/America's Daily, medio que tamén denuncia a "repugnante represión lingüística" que impoñen os presidentes autonómicos socialistas, "caprichosos totalitarios".

29.9.08

Se nolo dixese o avogado...

Vía La Paraula Vola chegamos a esta presentación de Ferran Suay sobre as actitudes lingüísticas e o seu posible cambio (verbascripta.googlepages.com/TELP.ppt ). Ligámola aquí coa mala intención de dar con alguén que lea entre liñas.
Somos conscientes, así e todo, de que os galeguiños non lle damos creto ós especialistas alá a correr. Xa nos vén de vello:
- ¿Quen che dixo que estás a morrer? ¿O médico? Boh... boh... boh... Se cho dixese o avogado...
Sobre o mesmo tema das actitudes lingüísticas, tamén da autoría de Ferran Suay, trata estoutra presentación.

Ferran Suay
View SlideShare presentation or Upload your own.

28.9.08

An Alfaya. A sombra descalza. Cuestionario

Para o club de lectores d' A sombra descalza (An Alfaya).

Deixo como pequena guía de lectura este


CUESTIONARIO

  1. Argumento da novela.
  2. ¿Que razóns explican o misterioso título da obra?
  3. "Ninguén nace coa culpa no berce, senón coa mágoa, filla" (p. 12). Explica o sentido que teñen na novela estas palabras de Esperanza.
  4. Fame e guerra son dúas palabras que caracterizan a época dos avós. a) Sitúa cronoloxicamente esa época e explícaa. b) Avó e avoa refírense a esas palabras en orde diferente. ¿Atópaslle algunha explicación? (P. 12).
  5. Os zapatos da morta (pp. 17 e 20, principalmente).
  6. A construción dos personaxes segundo o binomio culpa / coita (p. 24).
  7. Os nomes dalgunhas personaxes femininas carrexan un notorio simbolismo. Explícao.
  8. Debuxa a árbore de relacións e parentesco.
  9. O matrimonio morganático (cap. 13).
  10. As chaves da casa e o seu valor (p. 64 e 91, nomeadamente).
  11. A economía da aldea (cap. 22).
  12. ¿Por que medrou Elsa nun ambiente resentido? (Cfr. cap. 2.)
  13. ¿Que segredos de familia lle ocultan a Elsa?
  14. A voz narradora di que as mulleres eran "sombras" na casa familiar (p. 24). ¿Por que o di?
  15. O marido devolve a Florinda para a casa dos pais. Esta muller pasa a desempeñar o papel da defunta tía Sagrario. ¿Que "razóns" a obrigan a tomar tal decisión?
  16. O máis indefenso da familia acaba por apandar coas culpas de todo. ¿Por que ocorre isto? ¿Tan algunha solución? (Cfr. cap. 5.)
  17. ¿Que significado pode ter ventilar a casa? ¿Por que se frustra esta tarefa aparentemente sinxela? (Cfr. cap. 8-9.)
  18. Compara a paz que Amadora desexa para a súa casa coa paz que se vive no país. (Cfr. pp. 48-49).
  19. O "amor animal" (p. 48) de Amadora polo seu home, ¿explica a actitude desta muller?
  20. Na novela hai personaxes que teñen moi presente as ideas de dignidade e de deshonra. ¿Que personaxes son? ¿Que entende por dignidade e deshonra?
  21. Establece o marco cronolóxico da historia que se nos conta na novela e describe brevemente os cambios que se foron producindo nese tempo.
Para quen se decida a ampliar o campo de traballo, deixo enlazado este completo proxecto de lectura.

Imaxes de blix e de Bibliotecas escolares de Galicia.

26.9.08

Os outros (M. A. Murado: O soño da febre)

Para o club de lectores de O soño da febre (Miguel Anxo Murado) deixo esta proposta de traballo, de carácter voluntario, que pode considerarse unha ampliación do cuestionario colgado hai uns días.
A proposta é unha miniquest baseada no conto titulado

"Os outros".

Das condicións do traballo, da súa valoración e da data de entrega xa falamos na clase e foron recollidas na programación de aula.
Para outras consultas, falades co profesor (se o vedes).
Ánimo e avante.

22.9.08

O soño da febre. Cuestionario

Para o club de lectores de O soño da febre (de Miguel Anxo Murado).

Déixovos como guía para a lectura desta obra o seguinte

CUESTIONARIO

  1. Caracterización xeral da obra.
  2. Relaciona e comenta brevemente as épocas nas que están ambientados os relatos.
  3. Os espazos dos relatos.
  4. Describe a técnica que o autor adopta para a construción dos relatos [cfr. p. 33].
  5. Segundo o autor, ¿cal é a relación entre arte e enfermidade?
  6. ¿Como casa o autor aspectos contrarios como o real e o fantástico?
  7. Sinala a crítica que estes relatos de Murado son de resultado desigual. ¿Compartes esta opinión? (Xustifica a resposta.)
  8. O onirismo na obra.
  9. ¿Existe como un "marco" xeral no que se engloban todos os relatos?
  10. Analiza a presenza dos animais esparexidos pola obra. ¿Engádenlle algún valor ós relatos?
  11. Nesta obra, ¿pódese identificar autor e narrador? (Xustifica a resposta.)
  12. Hai relatos que tratan aspectos coma o da convivencia de culturas. Comenta este tema.
  13. Outros relatos tratan o tema do colonialismo. ¿Como se enfoca?
  14. Comenta e xustifica, se é posible, a expresión "a febre é un lugar" (p. 10).
  15. Nalgúns relatos os obxectos son tratados coma se tivesen vida. Analiza este aspecto. [Podes empezar por "Jan van Riis, xoieiro", "O remorso", "A moeda de prata"...]
  16. ¿Que escritor do país aparece citado nesta obra? ¿Cales poden ser as razóns? [Pistas nas pp. 33 e 63]
  17. Varios relatos teñen nenos como protagonistas. Analiza este aspecto.
  18. "O remorso" é o título dun relato. Mais este sentimento está presente e actúa noutros relatos. Comenta este aspecto. [Se non sabes por empezar, bota unha ollada a "Jan van Riis, xoeiro", "A moeda de prata" e "O remorso", por suposto.]
NOTA
Como traballo voluntario proporemos, dentro duns días, unha miniquest sobre "Os outros".

Imaxe da páxina do Dr. Jorge Cárdenas.

21.9.08

Noticias de literatura (43)

Botamos unha furtiva ollada á prensa da semana (2008/09/15-21) para ver as noticias literarias que pescamos e atopámonos con Marcos Sánchez Calveiro a navegar no Barco de vapor. O canto dos peixes, titúlase esta novela gañadora. Dinos Galicia Hoxe que se trata dunha reivindicación do mar dende Galicia. Tamén se ocupan do evento en Literaturasnoticias.

Noticia feliz tamén o é a da versión francesa d' Os libros arden mal (L' Eclat dans l' abîme), de Manuel Rivas. A páxina fluctuat.net lémbranos a publicación de Le crayon du charpentier (O lapis do carpinteiro) oito anos antes. Destaca a recensión francesa o carácter poético da prosa de Rivas e a capacidade do autor para nos contar as mil e unha historias que se agachan nos anacos de papel que revoan sobre a fogueira dos libros.
Sobre esta tradución resulta de interese ler a puntualización de Anxo Tarrío na sección "De letras e de signos" no Galicia Hoxe.

Para os tintinófilos é recomendable o artigo de Mateo Sancho Cardiel no Faro de Vigo por mor do aniversario (50) de Tintín no Tíbet . Resultan salientables as puntualizacións sobre a "corrección política" que a obra padeceu en medio século de vida.


No quefacer poético destacamos a entrevista con González Tosar en El País sobre o seu último poemario (Estúrdiga materia).

Cándido Pazó reflexiona sobre as súas Historias tricolores. Unha débeda que tiña cos vellos republicanos.

Cómpre lembrar o aniversario do CDG; noticia tamén en Galicia Hoxe. Contémplao un cuarto de século da nosa historia teatral, non exenta de polémica tampouco.

Un remendo no capítulo de aldraxes: Steiner pide perdón. Xa estabamos a pensar que non era tan sabio como se supuña... Recibe recomendacións. Pero tamén a típica e tópica desconfianza do galego. Camilo Franco, en "Punto cero da polémica", advirte dos steiners do interior. Ilustra o artigo Kiko da Silva.

Para dentro de nada, anúnciase o encontro de escritores novos en Mariñan.


A nota triste da semana foi o suicidio de David Foster Wallace, a quen Xavier Queipo fixo falar na nosa lingua.

20.9.08

Sen deixar rastro

Para los indígenas que se sientan montunos.

Atopo no suplemento Babelia (El País), na sección "Crónicas de América Latina", un artigo de Claudia Hernández que os galeguiños debiamos ler con atención e coas barbas de mollo. Titúlao "La sombra de las lenguas". Precioso título para un triste contido.
Claudia Hernández naceu en San Salvador (véxase localización no mapa que acompaña o artigo; o único que te escusa para non saber por onde cae é o presidente do paísmáispoderosodomundo).
Pois resulta que artigo de Claudia Hernández vén sendo un pranto polas linguas indíxenas do seu país. Fala das súas linguas chamándoas por nomes que nos fan abrir os ollos de sorpresa: potón, náhuat, cacaopera... Formas de comunicación capaces de explicar un mundo e que van desaparecendo como por arte de meigallo. Algúns deses idiomas xa desapareceran cando quixeron rexistralo e estudalo, porque mesmo que pareza mentira as linguas morren máis rápido do que se pensa.
¿E logo por que os galeguiños, mesmo os montunos, debemos reparar neste artigo? Os que estudan lingua e sociedade establecerán paralelismos evidentes entre a historia da que nos fala o artigo e mais a nosa propia historia. Reparemos en que os parias destas historias son sempre os indíxenas. ¡Xa é teimosía!
E os indíxenas, montunos incluídos, deberiamos reparar tamén en que non só as linguas van a menos: a xentiña acompáñaas no mesmo camiño. E esa xentiña que non puido manter a lingua tampouco non puido facer moito coas autoestradas, coas escolas, cos hospitais, cos servizos públicos... ¿Por que será que andan sempre na cabeza do ránking... de fracasados? Se cadra son algo bruto se o digo, pero teño para min que se os indíxenas non somos quen de estar no mundo na nosa propia lingua, haberá quen se encargue de facernos desaparecer do mapa, e sen dó. E, ademais, faranlle dicir ó heroe de película que "o único indíxena bo e o indíxena morto".
E no que portén ós indíxenas do fogar do Breogán, ¿gañamos algo con que se perda algunha lingua deste pobre mundo?
E a mulleriña indíxena da foto de José Cabezas, ¿ten moito que lle agradecer ó mundo que engulipou a súa lingua? ¿Pensades que os do Club Financiero de Vigo se van molestar en calcular a porcentaxe de PIB que acada o seu idioma? Podedes esparar sentados.
Cun pouco de sorte, alguén de Chámallehache Bilingüe lle botará en cara que pola súa culpa os seus fillos non puideron ser educados na lingua escolleita polos papás. E algún periódico líder en información neste mundo sacará unha páxina completa, con foto incluída, acusándoa de causar vítimas pola súa imposición lingüística.
Hai un anaco dun parágrafo do artigo de Claudia Hernández que quero pegar aquí para que os estudantes de lingua e sociedade establezan a correlación que corresponda:
Unen sus fuerzas en contra del tiempo, la pobreza y la marginalidad,
que son los tres compañeros que los idiomas indígenas han tenido en el
país. "No es coincidencia que los hablantes de estos idiomas se
encuentren ubicados en las franjas más pobres y desatendidas"

Tamén lembra Claudia Hernández a responsabilidade que a poboación debe asumir para a conservación do idioma.
Os indíxenas do fogar de Breogán que nos sentimos montunos preferimos oír os cantos das sereas en MP3. ¿Que máis ten que acabemos no menú dunha quenlla se iso nos fai felices? ¡Jo, que subidón! ¡Que fuerte!
__________
Entrevista coa escritora en Camisa de fuerza.

18.9.08

Cartas de amor. Vigo nunha carta de amor (inesperada)

Para o club de lectores de Cartas de amor (de Fran Alonso).
Déixovos esta miniquest por se volvedes á aula con ansia:

Vigo nunha carta de amor (inesperada)

Os criterios de avaliación figurarán na programación de aula.
Nota: os que estudades arte podiades turrar do resto da xente.
Veña.

Imaxe do cartel da película Casablanca (1942) de Posters Point.

16.9.08

Miguel Anxo Murado. O soño da febre

O soño da febre é un conxunto relatos que teñen en orixe unha causa, un tempo e un escenario moi concretos: unha noite de febre, ano 2002, Cidade dos Mortos (O Cairo). Dos tres elementos, o principal é a febre, que se converte aquí no recurso básico para crear literatura fantástica
"sen que sexa fantástica. Pode seguir sendo realista, pero é fantástica
ao mesmo tempo. A febre é unha especie de estado literario, porque é
unha distorsión da realidade. Hai unha certa comuñón entre a idea da
febre e a idea da literatura. As dúas cousas deforman a percepción da
realidade".
A data e o lugar, aínda que sexan elementos que dean realismo ó que se nos conta, son nesta obra secundarios. O espazo literario vén sendo "a cidade da miña propia memoria, porque a febre conxurou alí en min pantasmas esquecidas había moitos anos" (p. 10).

Emprega Murado nestes relatos a técnica do "fío que cose" (p. 33). O fío é aquí o delirio febril que esvaece as fronteiras entre o real e o figurado, entre o momento actual e os tempos idos. E será o seu tío Avelino, morto na guerra civil, quen lle explique esta técnica a través do delirio. O delirio é o fío visible que ganduxa esta ducia de relatos, coma o asubío do tren en Anna Karenina, segundo dicía Cunqueiro.

Este relato da febre, onde o autor nos describe a técnica que emprega, está narrado en primeira persoa, ó xeito dun retallo biográfico. Divídese en 12 capítulos curtos, e neles o lector atópase:

a) Co dato técnico xa descrito do fío que cose. Tamén coa descrición da atmosfera enfebrecida que domina a obra.
b) Con retallos biográficos da voz narradora. Nunha sorte de totum revolutum provocado pola febre sabemos do asasinato do tío Avelino; de como pasou o sarampelo de cativo; do tío Pedro e da gripe do 18; das enfermidades contadas polo avó médico, xa morto, pero que visita ó narrador no seu delirio...
c) Cun tratado sobre a importancia da febre e a súa influencia na historia. O avó médico considera a febre unha grande viaxeira: foi con Colón a América, viaxe coas gripes dende Finlandia ou dende a China... Chega a comparar a febre co "espírito hegeliano do mundo" (p. 90). As diversas manifestacións da febre chegaron a marcar o rumbo da historia: Axudou a Roma contra Cartago, a Wellington contra Napoleón, a Stalin contra Trotski, ós serbios contra Austria... (cfr. pp. 34 e 74).
d) Cunha relación de exemplos sobre a influencia da febre na arte e na literatura. Así aparecen citados escritores e artistas que puideron crear baixo os efectos da febre: Stevenson (Jeckyll -Hyde), Marco Aurelio, Coleridge, Piranesi, Fuseli...; ou creadores, modelos e personaxes de ficción que padeceron unha saúde maltreita gobernada pola febre (cfr. pp. 145-6).

Cosidos neste fío van once relatos fantásticos:

1. "Jan van Riis, xoieiro", holandés, viúvo, vendedor ambulante de xoias. Viaxa acompañado da súa filla, mulata moi fermosa. Van deixando tras de si unha restra de mortes.
2. "Os seres luminosos" conta como unha rapaciña, única supervivente dunha familia de colonos en Guinea, é coidada polos familiares mortos polo cólera mentres non chega o barco de rescate.
3. "Os outros", relato ambientado na guerra civil. O Negro, que se avinagrara cando a guerra, acabou por se meter un tiro. Uns lobicáns que criara executarán a súa vinganza.
4. "Soldado, soldado" está ambientado no conflito pelestino-israelí. Unha muller preñada é axudada polos fantasmas da súa familia e dalgúns soldados xudeus para que poida dar a luz no outro lado da fronteira.
5. "O soño da neve". Unha familia illada pola neve na montaña precisa dun médico. O encargado de ilo buscar sofre o soño da neve e cre que logra cumprir a misión.
6. "A moeda de prata" recolle o mito de Caronte, pero en Londres e con protagonistas emigrados: unha familia de xudeus ortodoxos e un galego que morre na miseria.
7. "O remorso" conta a historia, chea de misterios, dun galego emigrado no Brasil. O irmán cóntalle ós fillos unha parte desa historia que lle deixa como recordo unha aventura cunha cobra maligna e un reloxo de ouro.
8. "A Pietá Rondanini" describe a actitude dun escultor ante unha obra inacabada e compáraa o autor coa actitude de Michelangelo ante a obra que dá título ó conto.
9. "O pan dos xustos" recolle as cartas que un sacerdote queimado pola inquisición dirixe ó arcebispo de Compostela emprazándoo perante o tribunal de Deus por lle negar a carne dunha balea ós seus servos.
10. "O diaño do outono" vén á feira da cidade coa súa barraca de proxección para facer soñar as xentes co cinematógrafo.
11. "A folla e o paxaro" narra un duelo entre dous homes namorados da mesma muller. O perdedor séntese amado con dozura e non se decata da morte ata que a muller llo confirma.

Estes once contos están ambientados en épocas e lugares diferentes, perfectamente identificables. O recurso ó onírico rompe as fronteiras espazo-temporais, pero respecta as marcas da realidade. O soño permite cumprir no mundo dos mortos os desexos que non se deron cumprido no mundo dos vivos. A fronteira entre os dous mundos é moi permeable nestes contos.


Falan da obra en:

Casa das letras: recolle a presentación editorial e a ligazón á recensión de Manuel Rodríguez Alonso en Cartafol de libros (Vieiros).
Páxina de Galaxia: presentación editorial e titulares de prensa. Tamén en readgalicia.com.
Sobre autor e obra publica un artigo xornal.com. O mesmo tipo de traballo atopámolo na folla de novidades da editora.
La Voz de Galicia e La Región dan a noticia da concesión do premio Antón Losada Diéguez a Miguel Anxo Murado por O soño da febre.
De obras premiadas en 2007 fala a páxina da AELG; noticia recollida tamén no Atlántico diario, no Faro de Vigo e n' A Nosa Terra. Neste xornal damos cun artigo sobre o Murado onírico.
El País, El Progreso recollen a noticia dos Premios da Crítica.
Lingua de amor recolle a presentación da "novela". Acto semellante en Galicia Hoxe, e mais unha entrevista.
Vieiros publica unha entrevista con Miguel Anxo Murado, co motivo da presentación do seu "novo conxunto de relatos". Co autor tamén fala Praza das Letras.
Na páxina do Instituto Cervantes atopamos un artigo sobre o autor. Breve é a biografía da Wikipedia.

Miguel Anxo Murado, O soño da febre, Vigo, Galaxia, 2007.
Imaxe da páxina de Galaxia.

13.9.08

Un epistolario de Ramón Piñeiro (de Fernández del Riego)

Na presentación que Francisco Fernández del Riego fai deste libro apunta dous aspectos que cómpre ter en conta. O primeiro, que se trata dunha escolma de escritos dos que non se publican aqueles datos máis persoais. O segundo, que se trata dunha escolla enmarcada cronoloxicamente entre os anos 1948-1970. A amizade e a relación epistolar entre os dous persoeiros viñan de antes e seguiron despois. Un antes e un despois tamén complicados, pero máis esperanzadores.
Coa lectura deste libro, o lector confirma con datos de primeira man o que xa sabía por outras fontes. Atópase o lector ante dous membros dunha xeración que amosou sempre unha fe nun ideal e que desenvolveu sempre, aínda mesmo que non lle deixasen, un traballo sen canseira para facer realidade ese ideal. As cartas de Ramón Piñeiro reflicten o esforzo dunha xeración -ou do que ela queda- por manter aceso un facho de luz nese túnel do tempo enmarcado entre 1948-70, isto é, dos anos de dura represión ós anos de relativa permisividade. Como individuo consciente de pertencer a unha xeración, Piñeiro coméntalle ó seu interlocutor, e non sen orgullo, que fixeron as cousas mellor cá anterior; mais tamén lle fai a advertencia de que non deben retirarse da loita mentres os seus logros non estean asegurados pola xeración que os ten de suceder. Non poden deixar mirrar o que sementaron. Este é o fío que cose as máis de catrocentas cartas que Fernández del Riego tira dos seus arquivos. A punta do fío para tirar do no nobelo do galeguismo preconizado por Piñeiro atopámola xa nas primeiras cartas:

"Poucas cousas poden orixinar máis mágoa que o arredamento forzado do noso mundo auténtico; pois tal arredamento produce sempre a sensación de que che cortan as raíces. Soio unha viva fe ideal no valor inmorrente dese mundo noso é o que te pode salvar do esmorecemento espiritual. ¿Teremos folgos para acometer con alta cobiza e rexa vontade a empresa de superar a nosa actitude tradicional de pasivo lirismo cunha nova actitude de máis resonancias épicas? Iso sería entrar de novo na Historia, que é a meta irrenunciábel dos pobos que teñen conciencia de si mesmos" (p. 20; escrito aínda no cárcere o 20 de decembro de 1948).
"Queiramos ou non, sempre seremos substancialmente románticos. Por iso necesitamos a fe acesa dos altos ideais para que a vida teña sentido, e para que a nosa alma arda nunha labarada de entusiasmo" (p. 23; escrito en Madrid o 16 de marzo de 1949).

O epistolario céntrase -isto tamén nolo advirte o editor- no campo da cultura. Era o campo que se presentaba como máis idóneo, máis visible e talvez o máis eficaz para ir mantendo o lume do galeguismo mentres non aparecían tempos mellores. Tamén foi o campo onde se puxo maior resistencia á asimilación. Unha das teimas era demostrar que o idioma servía para ser vehículo de transmisión de calquera área do saber. Aínda hoxe hai xente que non acredita nesta cuestión. Mais a mediados do século XX, Piñeiro apostaba forte para demostrar sen paliativos a capacidade e a utilidade do idioma:
"Temos o proxecto de traducir un texto filosófico ó galego para aniquilar dunha vez a tese insidiosa de Dámaso e outros, según o cal o galego só sirve para facer poesías ou para lles falar ós labregos, pero é inepto para facer ciencia ou filosofía. Pensamos escoller un texto de Heidegger, por ser o filósofo de máis renome universal nestes tempos, e para darlle máis valor escollemos un traballo que non está traducido ó castelán e xestionamos, do propio Heidegger, un prólogo especial para a traducción galega. Xa comprendes facilmente que este plan responde a unha imprescindible e inapreciable "política da lingua" que debemos levar a cabo con rigor. O noso intermediario é Domingo Carballo, amigo persoal de Heidegger, e que sería un dos firmantes da traducción"
(pp. 36-37; escrito en Lugo o 15 de febreiro de 1950).
O ramo a esta empresa púxoselle o 7 de novembro de 1952:
"Onte certificámosche os tres exemplares da obra de Heidegger. Está tan aquilatada que supoño será ben difícil de facela máis fiel. Eu estou ledo, pois penso que se Heidegger pode falar en galego (que vén ser coma se falase Kant ou cousa así), xa non haberá motivos para que os da escola castelá-pontevedresa sigan dicindo que se trata dunha lingua de labregos" (p. 70).


As cartas están escritas no estilo esperable nun documento privado. Nelas vai quedando rexistrado o día a día do traballo cultural desenvolvido nese longo período coñecido como "longa noite de pedra". A importancia de tal labor quizais se vexa máis claro se reparamos no índice de nomes que acompaña as cartas. Na relación de nomes aparecen persoeiros que hoxe son imprescindibles na historia do país e que daquelas aínda eran rapaces novos. Por exemplo:
"Xosé Luis Méndez Ferrín é, como sabes, o poeta triunfante nos premios de poesía galega das Festas Minervais. Tamén levou o segundo premio no concurso de conto. Foi a gran revelación literaria deste concurso universitario. Felizmente, é un escritor galego e non pretende ser outra cousa. Será, de certo, un dos anovadores da nosa prosa literaria, pois ten verdadeira vocación de escritor. Ten, ademais, ideas moi claras sobre a súa adicación cultural. Pensa especializarse en filoloxía románica. Pono en contacto cos amigos de aí"
(p. 107; 23-3-1956).
Atopamos unha recensión deste epistolario en: Praza das Letras
Francisco Fernández del Riego, Un epistolario de Ramón Piñeiro, Vigo, Galaxia, 2000.

Imaxe páxina de Galaxia.

9.9.08

Desvío por obras

Ó doutor Darío Álvarez Blázquez dedicáronlle unha rúa en Vigo. Non é moi longa, pero descorre entre edificios nobres. Ben a merece.
Darío Álvarez Blázquez é irmán de Xosé María, de quen temos oído falar abondo este ano por ser o autor homenaxeado o Día das Letras.
Agora andan "mellorando o futuro" e mais as "beirarúas" (sic), e teñen que desviar o tráfico por obras. Avísano cun carteliño que está na rúa de Policarpo Sanz, diante do edificio Suevia.
E xa que cómpre desviar o tráfico, os peóns... ¿por que non meter no lote a onomástica?
-Xa se sabe -dixo o encargado-: cando hai obras, algo sempre pasa.
-Home -dixo o rotulista-, os apelidos escríbeos cadaquén como lle peta, ¿ou?
-Pataca miúda -dixo outro.
-Na... isto non é nada. O letreiro é provisional.
-Eso es por culpa de los galleguistas, que siempre te andan a cambiar las normas.