|
Imaxe: Edicións Xerais |
Flor de area é unha “obra que continúa o relato comezado en Irmán do vento” (2003), segundo se nos di na presentación editorial. Desta volta a narración vénnos da man da protagonista, que acouta as súas memorias entre os 14 e os 17 anos (marco cronolóxico 2003-2006).
No comezo da escrita, a rapaza atópase nun campamento militar onde se adestra para misións suicidas. Necesita escribir “para restaurar a fe e querer seguir vivindo” (p. 13).
Ao longo de 25 capítulos a moza Amrah vai debullando a súa curta pero intensa vida nun país oprimido por forzas estranxeiras e opresor para a súa propia xente, especialmente para as mulleres. No medio do seu relato aparecen poemas e textos do caderno do seu namorado Khaled.
Deste xeito, os lectores imos sabendo:
1. Da situación familiar: os conflitos, o divorcio dos pais, o reencontro co amor da infancia, que agora vive como granxeiro.
2. Da morte de Khaled e da recuperación do caderno “A miña casa no deserto”.
3. Do reingreso da protagonista nun grupo político.
4. Da espionaxe para o grupo clandestino.
5. Da visita secreta da nai e do vello (xuíz poderoso e socio do pai) coa que a prometeran en matrimonio.
6. Do contencioso con Israel. Da revisión do divorcio dos pais.
7. Do embarazo da protagonista.
8. Das dificultades para manter en segredo o embarazo e das complicacións que lle pode carrexar.
9. Da decisión de ter o fillo. Da fuxida para Kerbala, tapada coma se fose un secuestro.
10. Do encontro coa nai e do acubillo nun bonito apartamento.
11. Do nacemento do fillo, para o que dá o seu nome verdadeiro.
12. Do descubrimento do engano por parte do seu noivo xuíz. Da liquidación da compañía co pai, das hostilidades entre ambos os dous. Da reunificación da familia e dos plans para o futuro.
13. Da visita de Haythan. Da noticia de que os correlixionarios mataran a Khaled por traizón. Dos novos labores de espionaxe.
14. Do atentado. Do reencontro co coronel Mortimer e das sospeitas.
15. Do encontro cos integristas, da chamada de socorro a Mortimer, da malleira que reciben aqueles a mans dos axentes do coronel.
16. Da visita á súa amiga en Bagdad.
17. Da chamada de Hytham, da cea co coronel e do debate sobre a guerra. Das investigacións e transporte de material de guerra en cadaleitos. Do cesamento nos labores de espionaxe.
18. Da invitación á inauguración dun complexo turístico. Da descuberta da espionaxe e da morte do coronel.
19. Do plan para librarse da persecución dos sicarios do coronel. Da despedida do fillo e da fuga.
20. Do camiño cara ao campamento de instrución. Do desespero.
21. Das fotos e cartas e escritas e recibidas durante os nove meses de campamento. Do seu amigo palestino, a quen saca do analfabetismo.
22. Do agocho compartido co palestino Utba, das relacións sexuais e do inicio da redacción do seu diario. Da visita do Ben Laden. Da misión descoñecida.
23. Da misión abortada e da morte dunha familia en vinganda polo asasinato de Mortimer.
24. Da nova misión suicida: matar a Obama. Da viaxe aos EUA.
25. Do atentado frustrado. Do descubrimento da conxura de Haytham grazas ás pescudas do pai de Amrah e da liberación do preso número 11 de Guantánamo, que non é outro que Khaled.
Finalmente, un epílogo ganduxa as partes soltas da historia e anuncia un novo amencer e relaciona esta historia coa relatada en Irmán do vento.
Sen dúbida, o tema principal é a vivencia amorosa da protagonista. Para a rapaza a libre escolla de parella supón logros que van moito máis alá do sentimental ou sexual. Supón a superación das convencións sociais restritivas para as mulleres, en especial, pero tamén para os economicamente desfavorecidos; supón vencer o sometemento ás xerarquías familiares ou sociais para ser responsable das súas propias decisións e dona do seu propio destino, sen que iso signifique deixar de pertencer a unha familia ou a unha tribo (ou patria).
Canda este tema, o lector aprecia o desenvolvemento doutros coma o dos conflitos bélicos (a acción transcorre durante a ocupación de Iraq polos norteamericanos), a represión, a vinganza, a corrupción dos que aproveitan o río revolto para medrar, a insolidariedade, o abuso de poder, a traizón… Temática que contrasta fortemente co degaro da protagonista por vivir libre e en paz nun mundo gobernado pola xustiza.
O relato preséntasenos en forma de diario. Amrah escribe un caderno coas súas vivencias; mais o caderno vén sendo tamén a conticuación do que deixara escrito Khaled. Ambos os dous cadernos poden lerse como novelas de aventuras, sen esquecerse da importancia que teñen os datos históricos que neles se refiren.
Sitiografía