26.4.09

Noticias de literatura-59

Recensión de V. Oliveira sobre Os bicos de Tina, a última novela de Alfonso Eiré. O articulista sitúa esta novela no conxunto da narrativa de Eiré, analiza os personaxes e a sociedade á que pertencen, sinala a importancia da súa clase social e comenta aspectos técnicos da obra (perspectiva, estrutura, lingua...).
Entrevista con Manuel Rivas no Galicia Hoxe por mor da presentación do poemario A desaparición da neve.
Alberto Lema publica Sidecar (Galaxia). Noticia e entrevista co autor en Galicia Hoxe (18-4-09):
Sidecar estaría dentro das denominadas novelas de formación. Falo de xente que está entre os vinte e os trinta anos, con traballos precarios, semiurbanos ou urbanos, e que máis ou menos teñen unha conciencia política forte. As novelas de Sidecar teñen que ver cun retrato realista e trapalleiro de certo momento vital, cargado de costumismo e erotismo.
Premio da Crítica para Marcos S. Calveiro (Festina lente) e Chus Pato (Hordas de escritura) en narrativa e poesía. Baixo o título de "Resistencia e compromiso ", recóllese e desenvólvese a noticia no Galicia Hoxe (19-4-09). Chus Pato tamén foi galardoada co Losada Diéguez:
“Trátase dun poemario que sobrancea pola súa explosiva orixinalidade, unha proposta poética dunha Chus Pato madura e sempre fresca, onde os versos poderosos se debullan nunha nova aposta sólida e ben traballada; con mesturas de xéneros e temas xa enxergadas nos seus últimos poemarios”, reza a acta (e lemos en Vieiros ).
Zoommm... Textos biónicos, de Estíbaliz Espinosa:
No libro, a autora-observadora traza un zoom que vai do pequeno ao grande, e propón un dobre xogo de relacións: a autora coa súa criatura, -o texto-, e co lector. "Todo testemuño parte dun eu subxectivo. Pero non sabemos o que é o eu... Interesábame tomar distancia: situándome no futuro, -que pensarán de nós no futuro- e o pasado remoto: o neanderthal, o que puidemos ser e non fomos... Adoptar unha perspectiva deshumanizada para entender o humano: miralo desde o cosmos..." (Galicia Hoxe, 21-4-09).
Homenaxe da Fundación Rosalía a Abuín de Tembra .
Vixésimo aniversario de Teatro do Morcego.
Lemos a noticia do pasamento de Antonio Pereira , un home que levaba a Galicia no corazón. Que Deus o descanse na inmortalidade.

Fotografías de Galicia Hoxe (A. Eiré), Vieiros (Chus Pato) e La Voz de Galicia (Antonio Pereira)

16.4.09

Lingua esgallada-48

Velaquí algunhas expresións recollidas das exposicións orais. Contémplaas dende a óptica do rexistro estándar e propón a solución que creas máis idónea. E para pórlle o ramo á obra, comenta as razóns da rectificación
  1. Abre o bolso e tópase alí o anel.
  2. Bacherelato.
  3. Púxose unha chaqueta de seu pai.
  4. Apodouno co nome de Saratoga.
  5. Tontear con el.
  6. Tiña o sida.
  7. Cando se despertou, reflexionou.
  8. Sempre estaba metido en deudas.
  9. Tiña unha novia.
  10. Más que unha novia era una más del montón.
  11. Pues colleu o coche de súa nai e marchouse.
  12. Mentras bailaban na festa.
  13. En general, porque ya...
  14. Perden a amistade.
  15. Sin que naide se enterara.
  16. Servinta.
  17. Robouno e nada.
  18. A lingua está en tercera persoa.
  19. O seu primer amor.
  20. Cando curouse...
CONDICIÓNS DO TRABALLO

BAC: Rectificación + explicación.

ESO: Rectificación.

Valoración: Actividade para mellora de nota, segundo previsto na programación.

Data entrega: 24 horas despois da publicación neste blog. Non se contan festivos.

Imaxe de fotosdehumor.com

15.4.09

Noticias de literatura-58

Ramón Nicolás publica Conversas con Celso Emilio Ferreiro:
A biografía, a obra propia e a literatura en xeral, a lingua, a política e Galicia son os eixos temáticos polos que Nicolás se decantou para estruturar o libro, cuxa lectura achega a un Celso Emilio de sólidas conviccións e forte personalidade que en máis dunha ocasión dixo o que consideraba que tiña que dicir, sen eufemismos e sen importárenlle as consecuencias que dos seus comentarios puidesen derivarse (Galicia Hoxe, 4-4-09).
Luís Rei Núñez gaña o Blanco Amor de novela con Monte Louro (lemos no Xornal de Galicia e mais en El País .). O diario Galicia Hoxe desenvolve a noticia e fai referencia á obra do escritor. A novela premiada ten como argumento "Unha investigación sobre a biografía dun personaxe de ficción que se desenvolve entre o Muros dos anos 40, a Barcelona dos 60 e a Arxentina actual". La Voz de Galicia dá tamén unha breve bibliografía do autor e resalta: "O xurado destacou a profundidade psicolóxica dos personaxes, a plasticidade e realismo das descricións xeográficas, o coidado estilo e riqueza lingüística, o verismo dos diálogos, a estrutura e progresión narrativa e a fondura e delicadeza con que se formulan e resolven as grandes cuestións do ser humano". A Nosa Terra publica unha entrevista de Eva Estévez co escritor.
Homenaxe poética a Xohán Xesús González en Baños (Cuntis).
Xavier Lama publica Cabalos do alén na cidade das fábulas, obra gañadora do González Garcés 2008. Lemos no Galicia Hoxe:
Segundo o autor, o libro, ilustrado con fotografías de Vari Caramés, "é un poemario que se adentra na cidade con vocación refundadora, con ánimo de establecer unha cartografía fabulada ou un itinerario fantástico que devén, ao mesmo tempo un itinerario identitario. Podería tratarse dun libro sobre Compostela, e así é en certa medida, pero céntrase, sobre todo, nun trasunto urbano, nunha cidade paralela e irreal que xorde da real chamada Val Pinario".
An Alfaya gaña o XVI Premio Lueiro Rei de novela curta con Area quente:
"'Area Quente' é un espazo, ao que o protagonista foxe, un espazo recreado e imaxinario inventado por min que conscientemente non sei si existe en algures, pero pode ser calquera lugar desértico que está no meu imaxinario que eu non pisei nunca fisicamente e que recreei mentalmente" (A Nosa Terra, 8-4-09).
Alfonso Eiré publica Os bicos de Tina :
"E como toda a narrativa de Alfonso Eiré, esta nace de vivencias propias, de vivencias apañadas da súa contorna vivencial, da análise social, da textura e calor dos seus soños, da necesidade de deixar constancia como aviso e tamén como encontro. E é non só unha revisitación da infancia, anos que marcan fondamente ao ser humano, senón tamén a reivindicación dun modo de vida máis acorde ao ciclo natural, máis en comuñón coa natureza, que a opinión pública quixo manter como sinónimo de atraso porque nunca o soubo comprender nin se esforzou en valorar. Finalmente é, tamén, unha reivindicación da infancia, dunha infancia o suficientemente responsábel e libre como para equivocarse. Porque a infancia é territorio decisivo na aprendizaxe e a aprendizaxe para ser verdadeira debe conceder liberdade ao educando" (X. M. Eyré, Nós-Xornal de Galicia, 10-4-09).
Manuel Rivas, presentación de A desaparición da neve:
A desaparición da neve observa a natureza non dunha forma contemplativa, senón como "unha historia de feridas", unhas feridas que "ás veces son irreversibles", como as que actualmente pódense observar no litoral español, "cheo de cicatrices" por mor da construccion desmesurada dos últimos anos (Xornal de Galicia, 15-4-09).

Para Rivas, a poesía é unha forma de "loita contra o mal de ollo" e unha necesidade que lles proporciona aos lectores "información esencial sobre a condición humana". Poesía con condición de "célula nai", onde A desaparición da neve procura observar a natureza non dunha forma contemplativa, senón como "unha historia de feridas", unhas feridas que ás veces son "irreversibles", como as que actualmente se poden observar no litoral español, "cheo de cicatrices". A neve, engade, é un abrigo onde latexa a primavera, onde está a memoria adormentada" e escribir "é un desxeo onde vas describindo cousas que antes non se vían, pero estaban aí".
(Galicia Hoxe , 15-4-09).
A AELG homenaxea a Ramiro Fonte.

Imaxes de Galicia Hoxe (Rei Núñez e Manuel Rivas) e Xornal de Galicia (A. Eiré).

13.4.09

Agustín Fernández Paz. O único que queda é o amor (e 5)

4.1. Debruzáronse sobre esta obra:
A relación de ligazóns pode ser enorme, mais coas que temos sinaladas podemos comezar o traballo didáctico que traemos entre mans.
4.2. En Portugal a recepción da obra (Só nos resta o amor) deixounos estas impresións que recollemos:
  • Unha primeira achega témola en Wook, que sinala: "Agustín acredita que as palavras possuem a força necessária para mudar o mundo e pensa que os livros são imprescindíveis para nos ajudar a sonhar e a viver". Véxase tamén a páxina da editorial Nelson de Matos.
  • Casa da leitura fai unha gabanza do autor, da súa técnica e do lirismo que se aprecia na novela.
  • 7leitores repara no fío condutor que une os personaxes dos distintos contos: "As vidas dos personagens experimentam as diferentes cambiantes da experiência amorosa".
  • Para días estranhos, o libro é unha "verdadeira enciclopedia sobre o amor".
  • MGouveia, na páxina do Forum, incide nos dous eixos temáticos da obra: 1. «A experiência amorosa, a importância que tem o enamoramento na vida de qualquer pessoa»; 2. «A importância que a Literatura pode ter na nossa vida, como um poema ou um livro podem mudar-nos a vida».
  • Raul M. Marques, da Agência lusa , repara no carácter de literatura de fronteira, aspecto que se repite con frecuencia e que coincide coa opinión do propio autor.
  • Casa da leitura define o libro como "crónica oficiosa da alma humana".
  • Letras da Galiza sinala o autor como "Referência indiscutível da literatura infantil e juvenil galega".
  • Fora-da-estante fai un comentario xeral sobre a difusión da obra do escritor galego en Portugal.
4.3. No mundo catalanófono dámos con estoutras impresións:
  • Europa press salienta o carácter "agridulce" de Només ens queda l'amor.
  • Na mesma liña do carácter "agredolç " están as noticias de Yahoo.
  • A presentación de Quaderns digitals.net céntrase nos fíos que unen os distintos personaxes dos relatos.
  • En Vilaweb faise referencia á obra, ó premio e mais a outros títulos do autor en catalán.
  • Na páxina da editorial Bromera atopamos un achegamento ó autor e á obra. Salienta o carácter de "novela de transición".

Agustín Fernández Paz, O único que queda é o amor, Vigo, Xerais, 2007. Ilustracións de Pablo Auladell.
Imaxe de Saforguia.com

12.4.09

Agustín Fernández Paz. O único que queda é o amor (4)

3.1. O título de O único que nos queda é o amor ten a súa orixe en Neve (de Orhan Pamuk). Mais toda a obra é unha homenaxe ós libros e á lectura. Algúns dos relatos comezaron sendo unha lectura; noutros, a lectura é unha peza fundamental do seu argumento.
Se rastrexamos a obra na procura de bibliografía, atopamos unha selecta biblioteca que reflicte os gustos do noso autor:

Auster, Paul , A noite do oráculo ; O palacio da lúa.

Bécquer, Gustavo A., Rimas y leyendas.

Ferreiro, Celso Emilio, Onde o mundo se chama Celanova.

Grimm, J. e W., Rapunzel.

Hicks, Scott, Corazóns en Atlántida.

Kafka, F., A metamorfose; Cartas a Milena.

López Valcárcel, Xesús, A porta de lume.

López Valcárcel, Xulio, Memoria de agosto.

Margarit, Joan, O primeiro frío.

Martínez Sarrión , Antonio , (cita para título: "Ríos da memoria tan amargos ", de Teatro de operaciones.)

Matheson, Richard, Eu son lenda.

Neruda, Pablo, Todo el amor.

Pamuk , Orhan, Neve.

Perec, Georges, Lémbrome.

Rivas, Manuel, ¿Que me queres, amor?

Steinbeck, John, A perla.

Szymborska, Wislawa, Instante.

Valente , José Ángel , Breve son; El inocente; Fragmentos de un libro futuro; Interior con figuras; Punto cero .

Wenders, Win, O ceo sobre Berlín.

Yeats, William B., Poemas escollidos.

Dos escritores homenaxeados nesta obra destacan José Ángel Valente e Paul Auster. O primeiro, pola súa condición de poeta capaz de falar "dos sentimentos máis complexos en poucas frases" (El Progreso, 30-11-07). O segundo porque recolle unha vella idea na literatura: a do azar que goberna o mundo.
Esta homenaxe ós libros non debe resultarnos estraña. O propio autor, de ter que definirse, "me definiría como lector; otra cosa es que me dedique a escribir" (entrevista de Ágatha de Santos, Faro de Vigo, 24-10-08). Ademais: "En todos mis libros hay un personaje que lee y de cierta forma, cuando cito a los autores, pretendo animar el lector a buscar otros libros y también películas", recollen en estrelladigital.es.

3.2. Tocante á música e ó cine, son salientables as referencias a Antonio Machín (Dos gardenias , p. 151) e mais á película Centauros del desierto (p. 149).

Imaxe de Algún día en alguna parte.



10.4.09

Agustín Fernández Paz. O único que queda é o amor (3)

2.3. Así e todo, se temos que sinalar un sentimento predominante nos personaxes da obra parello ó da paixón amorosa, temos que apuntar o sentimento de frustración. Podemos escoller exemplos case que ó chou:
  • De María ("Ríos de memoria") dise: "Alí atrás quedaba a súa infancia, afogada sen remedio no río do tempo. Agora comprendía que sempre deixamos unha parte da nosa vida nos lugares onde vivimos, abandonada neles coma eses farrapos de néboa que quedan enganchados entre as pólas das árbores..." (p. 102).
  • Margarida ("Loanza da filatelia"): "Era bo home, si, pero non tiña moita disposición. Se ben se mira, moitas manías lle levo aturado!" (p. 109).
  • O narrador de "Meditación ante o álbum de fotos familiar": "A vida, cando menos nos aspectos económicos, foime moi favorable; dos outros mellor non falar, non é este o momento de desenterrar as miserias que os anos nos reservan a cadaquén" (p. 140).
  • A narradora de "Despois de tantos anos": "...quizais consiga que a miña memoria quede ancorada para sempre na imaxe de Adrián, o mozo que me agasallou co primeiro libro autenticamente meu, o home co que quizais o destino me ofrecía a fortuna de emprender unha vida máis feliz" (p. 163).
2.4. Canda a frustración amorosa temos que considerar o paso do tempo. Nas citas anteriores resulta ben visible. O paso do tempo queima as ilusións mellor fundadas e leva a vida por vieiros impensados. Mais aquí, o tempo non queima a lembranza, mellor dito, a lembranza esperanzada: "Entre elas [as persoas], dimo o corazón, estará tamén a muller que agardo, ese descoñecido amor co que espero compartir todos e cada un dos días da miña vida" (p. 172).
Diríase que a lembranza recupera o sentido da vida dos personaxes; mesmo a daqueles que foron gobernados por vontades alleas ("Un radiante silencio", "Amor de agosto", por exemplo).
A soleira destes relatos alicérzase na pervivencia da lembranza, como lle acontece á narradora de "Despois de tantos anos": "O que de verdade me importa son as lembranzas" (p. 146).

2.5. Outro dos trazos comúns que presentan varios dos protagonistas é o da percepción do espazo.
Temos por unha banda os personaxes que necesitan un paraíso: a casa onde naceron ou pasaron os mellores momentos da súa vida:
Debe ser certo que non só o tempo, senón tamén o espazo, teñen moito de subxectivo, porque, mirado coa perspectiva de hoxe, resulta ridículo que a viaxe desde Lugo ata aquí me parecese unha aventura, cando agora non se tarda máis de media hora en percorrer os trinta e poucos quilómetros que hai. Pero, daquela, eses quilómetros que separaban a cidade do paraíso duraban moito máis tempo e sempre prometían ser tan longos e apaixonantes coma as viaxes por terras exóticas emprendidas polos protagonistas das novelas de Verne que devoraba naqueles anos" (p. 136).
Dun xeito semellante á vivencia amorosa, estes paraísos "teñen data de caducidade" (p. 139). Así e todo, son espazos ós que se torna para recuperar as raíces perdidas da vida.
Por outro lado, temos o sentimento da saudade da terra do emigrante. É o que lles acontece ós protagonistas de "Amor de agosto" ou "Ríos de memoria".
Esta necesidade de ver os espazos perdidos ou de adquirir a casa dos devanceiros non sempre é comprendida nin compartida pola familia. A vivencia do espazo tórnase tan subxectiva coma a vivencia amorosa.
______________________
Imaxe de Fora-da-estante, blogue que cómpre non perder.

8.4.09

Agustín Fernández Paz. O único que queda é o amor (2)

2.1. Sinálase na presentación editorial que "hai unha trama de fíos invisibles que une as vidas dos personaxes deste libro".
Podemos dicir que este trazo literario resulta ser, ademais, un recurso técnico: "Eu penso que os libros de relatos han ter un fío", coméntalle o autor a Santiago Jaureguizar (El Progreso). "Sempre fago que contos debo ter un fío común", confírmalle o autor a Óscar Iglesias na entrevista que lle fai en El País (24-10-08).
Posiblemente é este recurso o que permite que non renxan cando van xuntos contos de diferente factura e época de redacción. O fío común resulta un eficaz elemento cohesionador.
Nesta obra son moi visibles dous fíos básicos: o amor e o gusto da lectura, que van entretecidos por dentro e por fóra do relato. As citas que encabezan os contos van avisando ó lector por onde pode ir a liña argumental; pero as citas de autores e obras convértense en materia viva para os protagonistas dos relatos, vólvense pezas argumentais case que imprescindibles. É "como unha marca da casa. Un personaxe que permita introducir lecturas ou filmes" (El País, 24-10-09).
2.2. Os protagonistas viven experiencias amorosas frustradas e frustrantes. Segundo o autor, "o amor é triste, porque ten data de caducidade". O do primeiro relato ("Un radiante silencio") nin chega a madurar. O resto vaise gorando. Pero o realmente válido e duradeiro é a lembranza desa experiencia, a ilusión do que puido ter sido aínda segue viva e latexante nos protagonistas no intre de axustar contas coa vida:
O libro é por veces triste e melancólico, só o feito de ter esa experiencia é algo remarcable na vida de calquera persoa. como dicía Pessoa, os únicos ridículos son os que nunca escribiron cartas de amor (El País, citado).
En resumidas contas, o amor vén sendo o tema central. Como salienta a Revista de Lletres, un tema da literatura universal desenvolvido en todas as súas posibilidades: "o desamor, a nostalxia da primeira experiencia, amores adolescentes e adultos, o que sobrevive despois de mortos..."

Agustín Fernández Paz, O único que queda é o amor, Vigo, Xerais, 2007. Ilustracións de Pablo Auladell.

Fotografía de J. Lores publicada en Faro de Vigo, 24-10-2008.

6.4.09

As esmorga: 50 anos (2)

Ademais dos artigos sinalados no apuntamento de máis abaixo, resultan de interese especial para os bachareis estoutros que ligamos agora.
  1. Na Galipedia temos un artigo que analiza o tempo e a voz narradora na novela, así como algúns elementos simbólicos dos que o autor se vale para caracterizar o protagonista.
  2. No Blog da Editorial Galaxia recóllese a nova da edición dun selo en honra do escritor. Tamén se ven as ligazóns a outros artigos sobre a figura do autor e a obra.
  3. En Vieiros recóllense novas de actividades conmemorativas da efeméride.
  4. Na páxina do Concello de Ourense atopamos a Ruta da Esmorga, que sinala o camiño dos que queiran meterse nos galochos de Cibrán o Castizo e lembrar o seu particular viacrucis.
  5. Camilo Franco publica en La Voz de Galicia "A resistencia de Blanco Amor". No artigo dá unha visión do escritor dende o significado que ten para nós hoxe, e salienta o valor identificador que teñen a literatura e as artes. Recomenda ler A esmorga porque é unha novela que ten a capacidade de nos recolocar a percepción que temos de nós mesmos.
  6. Canda o artigo anterior vén a interpretación gráfica de Kiko da Silva, que recolle unha visión da nosa literatura por parte duns pándegos que poñen a esmorga ó día.
Imaxe de Kiko da Silva en La Voz de Galicia. Marca da Ruta da Esmorga, páxina do Concello de Ourense.

4.4.09

A esmorga: 50 anos (1)

De interese especial para estudantes de 2º de bacharelato.

O Xornal de Galicia publica hoxe (4-4-09), no seu suplemento cultural, un par de artigos sobre esta efeméride que resultan de moito interese para os bachareis que se ven na obriga de achegarse á figura de Eduardo Blanco Amor (¡espantosa imposición que no respeta la libertad del individuo!).
Mexericadas á parte, os artigos que deixo ligados amplían a información sobre a obra e o seu autor máis alá do que aparece nos manuais de texto que nos serven de base.
O primeiro artigo que ligamos é da autoría de Iago Martínez: "O veredicto de Blanco Amor...". Recolle os problemas coa censura, a figura do protagonista como caste condenable, a presenza abafante dun xuíz que non vemos, os problemas de publicación...
O segundo artigo ó que nos referimos trata da versión cinematográfica da novela. José Manuel Sande comenta no traballo "Gonzalo Suárez e Parranda: crónica do día de autos" a intrahistoria desta película, que interpreta a obra do escritor ourensán.

Que a lectura vos aproveite e sirva de saúde.

Imaxes de Xornal de Galicia.