Amosando publicacións coa etiqueta Onde o aire non era brisa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Onde o aire non era brisa. Amosar todas as publicacións

26.10.09

María Victoria Moreno. Onde o aire non era brisa. Cuestionario

Imaxe
Onde o aire non era brisa. Editorial Galaxia
Cuestionario guía para o club de lectores de Onde o aire non era brisa.

CUESTIONARIO
(Entre parénteses sinálanse as páxinas nas que se poden atopar pistas para posibles respostas.
)
  1. Explica a escolla lingüística da autora e as súas razóns para facela.
  2. A xente e os recendos (p. 25).
  3. Trazos xerais da mentalidade dos homes da novela (p. 15).
  4. Trazos xerais da mentalidade das mulleres na novela.
  5. Descubre os poemas que abrollan no texto da novela (pp. 16, 47, 154, 155, 156, 157).
  6. O medo e os medos (pp. 17, 22, 33-4).
  7. Describe a situación das escolas do rural.
  8. O sentido e a práctica da caridade (pp. 80-81, 83).
  9. A infancia descrita na novela.
  10. Describe a familia dos Coroneis e comenta o seu papel en Alcores de Donalvar.
  11. O mozo Santiago e o seu pai discrepan no valor que lle dan á escola. Comenta este aspecto. (Para comezar véxanse pp. 40-46).
  12. ¿Que valor se lle dá á literatura na obra? (Véxanse pp. 54-5).
  13. As mulleres roxas e as mulleres azuis. Confronta modelos (p. 56).
  14. Analiza na novela a institución do matrimonio. (Repara, por exemplo, na parella don Andrés / dona Paquita.)
  15. Os alcumes (pp. 72, 76).
  16. O mundo soñado de Purita (pp. 91-95).
  17. A presenza da morte na novela (pp. 104-5).
  18. Os galegos na novela (pp. 128-144).
  19. A folga e o terrorismo agrario (pp. 132-144).
  20. O simbolismo da maleta (pp. 147, 153-7).
  21. O desengano de Elena (p. 158).

23.10.09

María Victoria Moreno. Onde o aire non era brisa

0. Ábrese a obra cun prólogo de Pedro Ferriol que nos conta a xénese desta novela que nacera cun nome e nun idioma distintos 36 anos antes.
A novela está baseada "nas experiencias dunha mestra nova que chega a unha vila de caciques e que salienta as lacras da década de 1960, na que imperaban as conspiracións, a pobreza, o poder eclesiástico e o analfabetismo; unha etapa dura para os que a viviron" (p. 9).

1. María Victoria Moreno cóntanos un retallo da vida dunha mestra nova que se enfronta con temor e ilusión ó seu primeiro traballo. Tócalle unha escola no rural, afastada do mundo civilizado mesmo para unha vila perdida como Alcores de Donalvar.
A través dos ollos de Elena, a moza mestra, vemos a España mesetaria e rural. Xentes que se moven en sombra, maletas maltratadas por un revisor túzaro que goberna un autobús escancelado que comunica cun mundo descoñecido.
A novela tráenos á memoria a España dos anos sesenta. Aínda é a de vencedores e vencidos: contrólanse as ideas, recórdase comenenciudamente o pasado, defínese a xente por bandos, márcanse as clases sociais ("o recendo a colonia sinala moitas fronteiras", p. 72), practícase a caridade fachendosa e négase a xustiza máis elemental. María Victoria Moreno mete o lector nese ambiente irrespirable -o aire non é brisa- que Elena procura cambiar a golpe de esforzo e ilusión.

2. No mundo pecho de Alcores de Donalvar, Elena vai abrindo algún furo para respirar: vai satisfacendo as ansias de coñecemento dos alumnos, consegue a parte do leite americano que lle corresponde á escola, esperta a conciencia social... En definitiva, escasos logros pero de grande valor simbólico. Sobrevivir nese mundo física e mentalmente pechado esixe un enorme esforzo de vontade. A avellentada mestra Margarita, "que sabía moito de pobreza e de orde", é un perfecto exemplo do que dicimos. Aínda así, ó lector parécelle que a súa morte provócalla máis o noxo cá enfermidade.
Mesmo os personaxes máis sans acaban sucumbindo á prodremia ambiental. Para algúns, coma a Gueta ou a súa filla, é o seu medio natural. Outros, coma don Andrés ou Fernando (namorado de Elena), prefiren sacar partido adaptándose ás circunstancias. A Fernando, por exemplo, non importarlle moito deixar a Elena colgada para aproveitar as vantaxes profesionais e económicas da familia de Purita.
Para os desconformes -Elena entre eles- as febles esperanzas dun mundo mellor van nas maletas. Cando remata o curso e retorna onda os seus, o pensamento de Elena faise ladaíña que segue o ritmo da marcha do autobús. Ladaíña da maleta na que vai a vida da xente que foxe (cfr. p. 147): "A ladaíña das maletas era intemporal" (p. 150).

3. A carón desta "intemporal" ladaíña das maletas temos o detemento do tempo: "Alcores do Donalvar, onde o reloxo sen setas nin latexos da torre era todo un símbolo de intemporalidade" (p. 125). Se lle engadimos que "sobre os campos o aire víase. O aire víase" (p. 134) xa temos os dous elementos básicos cos que a autora logra transmitir ó lector a atmosfera abafante da ditadura.
O feito máis salientable contra o sistema protagonízano, curiosamente, os segadores galegos, que non dubidan en botar man do terrorismo agrario unha vez esgotados os medios civilizados na defensa dos seus dereitos.

4. Quitado o xesto rebelde dos galegos, o resto dos conflitos sociais mantéñense latentes no ámbito público e rebentan no privado: matrimonios amañados que se sosteñen por comenencia ou porque non queda outra; liortas familiares que continúan a loita fratricida da guerra civil; mulleres e nenos convertidos en vencidos dos vencidos...

5. Sobre a novela e a autora:

___________________________________
María Victoria Moreno, Onde o aire non era brisa. Vigo, Galaxia, 2009. Tradución Xavier Senín.

Imaxes: María Victoria Moreno (foto A Nosa Terra); capa da novela (editorial Galaxia).