
0. Gunnar Huttunen, un home do sur, instalouse despois das guerras na aldea de Suukoski en Laponia. Coa venda do pouco que tiña comprou un vello muíño arruinado, reparouno e púxoo en marcha xunto coa serra de auga.
Aínda que a empresa foi un éxito, os veciños xa o consideraran un insensato por se meter no negocio do muíño. Como tamén divertía os nenos imitando animais e veciños, a sona de tolo botou a rolar como unha bóla de neve. A pinga que rebordou o vaso foi o dos ouveos. Cando Gunnar estaba deprimido ou co ánimo alterado dáballe por ouvear, ás veces noites enteiras. Os veciños non dormen e desexan encerralo nun manicomio, especialmente o médico e mais o ricacho da aldea. Lógrano con malas artes. Mais Gunnar dá fuxido do encerro coa axuda dun falso tolo (Hoppola) que se dedica ós negocios.
A segunda parte da novela é unha fuga permanente do protagonista, que se mofa de veciños e autoridades coa axuda da súa namorada (a asesora agrícola Sanelma Käyrämö), o carteiro (que ten como afección a destilación

clandestina) e o axente de policía Portimo, quen só desexa vivir en paz.
Cando o devolven ó manicomio (outra vez con malas artes), o axente e o muiñeiro desaparecen no bosque.
A partir deste feito, os fugados entran na lenda. Os veciños oirán ouvear un lobo grande, acompañado do can do axente, que tamén se fugara ó bosque.
1. Moitos aspectos desta novela traen á memoria do lector
O bosque dos raposos aforcados. A lembranza da guerra e as súas secuelas, as situacións estrambilicadas que se contemplan como normais, a vivencia da extravagancia con absoluta naturalidade, o gusto pola vida rural...
Mais o muiñeiro ouveador non é aquel badulaque protagonista d'
O bosque dos raposos..., a quen non lle importa enganar a amigos ou inimigos. O muiñeiro é un ser entrañable, amoroso e

inofensivo mesmo cando se defende. Pode dicirse que se converte no pandote das tolemias dos outros veciños máis listos e comenenciudos.
Vistos en conxunto, os personaxes do bando do muiñeiro son algo inocentes e confiados. O autor contenta ó lector cun final máis ou menos feliz, pero o certo é que ó noso protagonista non lle queda outra que desaparecer da aldea. Os seus amigos reagrúpanse para viviren en mellores condicións e lógrano, pero son os perdedores da historia.
2. O lector estranxeiro notará na novela, especialmente se a relaciona con
O bosque dos raposos aforcados, o carácter particular da vida e da cultura de Laponia, así como os efectos que sobre o ánimo das súas xentes tiveron as guerras sufridas no século XX.
3. Resulta interesante achegarse á novela e á figura do autor dende a perspectiva de:
Arto Paasilinna,
O muiñeiro ouveador. Cangas do Morrazo, Rinoceronte Editora, 2007. Tradución de Tomás González Ahola.