Amosando publicacións coa etiqueta Butaca de lector. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Butaca de lector. Amosar todas as publicacións

22.12.22

Francisco Fernández Del Riego. "San Andrés de Teixido"


O san Andrés mariñeiro colle a barca e non para de navegar ata arribar ao Cabo do Mundo, nas inmediacións da serra da Capelada, "a occidente do cabo Ortegal". Nesa "beiramar sen porto nin naos", de "soidade" e "lonxanía impoñentes" a barca converteuse en pedra. En Teixido, lugar sagrado xa en tempos dos druídas, ergueu san Andrés a súa ermida "sobre un rústico altar pagán".

Mais aquela soidade supón unha dura proba para a fe do apóstolo. Dálle as queixas a Xesús, que aínda "andaba pola terra, e chegara a Teixido na compaña de san Pedro". San Pedro "moqueábase" do seu compañeiro, pero Deus compadeceuse e fíxolle a promesa que hoxe é a cerna da nosa lenda: "Ninguén, nin morto nin vivo, se librará" de facer a peregrinaxe ao seu santuario, ou o que é o mesmo, a san Andrés de Teixido vai de morto quen non foi de vivo.

Exposto o miolo da crenza, o relato vai desenvolvendo os detalles da peregrinaxe: o espazo natural no que remata o camiñar dos romeiros, os camiños que conducen a el, os amilladoiros que os van marcando cos ofrecementos de pedras, as promesas que conducen os crentes ao santuario, os exvotos que se deixan, a herba namoradeira, os xuncos de ben parir, o respectuoso coidado cos animais que poden ser a encarnación dalgunha ánima, a descrición do templo, a proba do anaco de pan, o ramo de san Andrés, as figuriñas de pan... Referencia, en fin, todo obxecto e ritual que ten que ver coa crenza así como o seu valor simbólico. Tampouco esquece o autor as circunstancias históricas da fundación do santuario nin as lendas dos territorios veciños.

O relato comeza centrado na figura do apóstolo como protagonista da súa propia lenda, pero pouco a pouco o texto vai deixando os trazos de creación literaria para irse convertendo en texto divulgativo dun elemento da cultura galega, que arrinca dende os máis recuados tempos da nosa historia e que segue vivo e poderoso na actualidade. O que hoxe é lugar de peregrinación cristiá ou punto de atracción turístico fora xa lugar de culto naturalista en tempos pretéritos.

A natureza ten no conto un protagonismo sobranceiro que engole o elemento humano. Preséntase viva e personificada (característica tradicional na nosa literatura): "A montaña [...] mergullaba os seus pés no mar"; "Ollaban as pedras, falaban as follas, rían as augas, movíanse con vontade de seu o sol, a lúa, as estrelas, o ceo, a terra". Non é un simple escenario onde ocorren os feitos que se contan. É unha forza poderosa, chea de elementos simbólicos, que atrae os seres vivos ao seu seo e condiciona o seu destino. Do seu influxo nin se salva o apóstolo: "No sen fin dun camiñiño [...] demandábao unha voz moi fonda".

Pecha o relato co retorno á figura de san Andrés como dinamizador desa "peregrinaxe singular" que o autor, narrador en terceira persoa, nos acaba de contar.

_________________________________

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO (1993). San Andrés de Teixido. Vigo: Ir Indo, (Contos do Castromil nº 24).

Sobre esta empresa de viaxeiros léase tamén os artigos de

Imaxes procedentes da edición citada enriba.

16.12.22

Santiago Rodríguez Salinas. "Illote P. Barraca 16"

 

Illote P. Barraca 16
Imaxe Editorial Galaxia

O título vén dado pola distribución do campo de Les Barcarès: "Illote P, barracón 16 será de aquí en diante o punto de referencia do novo aloxamento en Les Barcarès e o enderezo que lles comunicaremos aos nosos familiares e amigos" (p. 41). Gaiola de ouro en comparanza co de Saint Cyprien, pero sen deixar de ser presidio.
Santiago Rodríguez Salinas conta neste libro a peregrinaxe dos republicanos españois derrotados polos campos franceses de Saint Cyprien, Le Barcarès, Argelès-sur-Mer, Toulouse e, novamente, Argelès. O relato segue a cronoloxía dos feitos: saída de España; condución coma rabaño á praia de Saint-Cyprien; organización da concentración cos agravantes da suspicacia e da miseria (ausencia de condicións de habitabilidade, falta de comida e auga, indisposicións por debilidade e mala saúde: a disentería fixo unha feroz estragueira nos refuxiados). Entre os recursos para sobreviviren está o comercio e o trapicheo cos poucos bens que se poden levar ao lombo, a astucia para estafar os soldados brancos ou senegaleses... Pero as máis das veces os refuxiados eran despoxados das súas últimas posesións.
Ilustración da obra feita polo propio autor.
Imaxe ligada da Asociación Manuel Azaña

A carón do campo principal de Saint Cyprien montouse outro máis pequeno para os que desexaban volver a España. Aquí traza o autor a diferenza entre os idealistas e os que foron levados pola enxurrada dos acontecementos. No mesmo senso apunta o magro éxito da campaña de recrutamento de españois para a Lexión Estranxeira: os refuxiados loitaran por un ideal, non por unha paga; así o demostrou o alistamento voluntario de españois cando os nazis invadiron Francia. Aos que desexaban volver recomendábaselles conseguir padriños que os avalasen como xente de ben e bos españois. O tempo demostrou que eran máis trapela de cazador que protección para o regreso.

O cambio para o campo de Le Barcarès, mellor equipado, comporta unha vida menos dura pero tamén un cambio de concepto: de campo de refuxiados a campo de concentración. Así e todo, dentro das arameiras os exiliados tentan imitar unha vida normal, o máis parecido á vida nunha sociedade que convive en paz. Repártese a pouca comida, procúrase ocupar o moito tempo libre, organízanse celebracións, equipos de fútbol, improvísanse charangas, xorde un minúsculo comercio, prodúcense obxectos artísticos artesanais... Mais tampouco non faltan os ramallazos da España cainita que asoma tanto nun partido de fútbol coma na confrontación da ideoloxía política:
E como os españois parece que estamos condenados a dividir drasticamente en dúas as nosas opinións, negando toda virtude á parte contraria e atribuíndo as máis exquisitas esencias da veracidade ao noso propio pensamento, de onde xorden as dúas Españas irreconciliables, tamén aquí, seguindo esa intransixente actitude carpetovetónica, foron dous os equipos causantes do cisma [...] (p. 65).
Debuxo do autor publicado na obra.
Imaxe ligada da Asociación Manuel Azaña

Aínda coas lixeiras melloras do campo de Le Barcarès, as penurias son o pan de cada día e as pillerías para ilas caneando, malia resultaren creativas, supoñen penalizacións ao seren descubertas. A invasión de Francia polos nazis carrexa desconfianza, maior control e arbitrariedades para os refuxiados republicanos. Supuxo tamén o traslado ao campo de Argelès-sur-Mer, naquela altura ruinoso e abandonado. O frío e a fame cóanse polas fendas das paredes dos barracóns. con todo, a celebración de festas sinaladas como boamente se pode (o Nadal, por exemplo) axuda a manter o ánimo e a esperanza.

O recrutamento xeral decretado en Francia converte a moitos exiliados en soldados da lexión estranxeira ou obreiros industriais. Para o noso memorialista supón o remate da primeira "estancia nos campos de concentración franceses que durara catorce meses e medio" (p. 120).

O novo oficio non supón o remate da situación de provisionalidade. As longas xornadas laborais esixidas polo esforzo da guerra rematan co descanso nuns incómodos barracóns. As penurias alcanzaban tamén a aqueles exiliados que lograron formar un simulacro de vida familiar en vivendas alugadas.

As xornadas laborais son longas e esgotadoras, pero aínda así queda algún tempo de lecer que se ocupa en "deambular dun lado para outro" (p. 149) polas rúas e cafés de Toulouse (Square Wilson, Pont Neuf, alameda de Jean Jaurès, rue du Canal...).

O avance imparable do exército xermano provoca a chegada de refuxiados belgas. O día da sinatura do armisticio franco-alemán os españois son despedidos do traballo e concentrados novamente en Argelès-sur-Mer. Como represalia por unha lea cun soldado senegalés, na que o noso narrador non participara, un grupo de españois foi entregado ás autoridades franquistas. Caéronlle dous anos e medio en batallóns disciplinarios e medio máis de "servicio" militar obrigatorio.

Aquí pon fin ás súas  memorias de refuxiado, vistas dende tempos de paz e democracia, narrados co ton e ánimo de quen ten sobrevivido a duras probas que non llas desexa nin aos inimigos. E non remata estas memorias sen un sentimentos de comprensión e agradecemento para as autoridades francesas que, malia o trato duro e inxusto propiciado aos refuxiados españois, practicaron "o nobre exercicio do dereito de asilo que sempre distinguiu o pobo francés" (p. 167. Outros fixeron menos. Tampouco precisa o lector moita imaxinación para supor como sería o ton e o ánimo do relato se o autor nos contase a experiencia dos tres anos de estancia nos campos españois.

As descricións de espazos e situacións preséntaas o narrador espidas de detalles, pero resultan abondo claras para que o lector vexa a magnitude da traxedia vivida polos refuxiados republicanos perdidos no espazo e no tempo:

A nosa vida transcorría monótona e aburrida, tendidos a maior parte do tempo sobre a area, que sempre foi elemento característico dos campos de concentración franceses de refuxiados, establecidos en longas praias sen vestixio ningún de vida vexetal que rompese a desértica aridez do panorama (p.33).

Nunha prosa clara e sinxela conta situacións dramáticas coma quen fala de feitos anódinos e cotiáns. O recurso ao humor permite crear esta sensación narrativa. 

Á parte do inicio do exilio son poucas as datas que nos dá o autor, pero abondas para situármonos no contexto europeo do momento e das concecuencias que tivo para os refuxiados. Velaí as datas destacadas: 

  • 3-9-1939: estado de guerra Francia-Alemaña
  • 4-10-1939: traslado ao campo de Argelès-sur-Mer porque o exército francés necesitaba as instalacións de Le Barcarès
  • febreiro de 1940: a marcha adversa da guerra para Francia converte os refuxiados "nun peso francamente molesto"  que se reflicte "no parco das racións de comidas, que nunca foron abundantes" (p. 115)
  • 13-2-1940: "O día trece fago os 23 anos. Coméntoo e Aniceto Martínez á vez que me felicita dime co seu fino humos andaluz 'Xa es maior de idade, de maneira que a partir de agora podes andar só pala vida'. Río do consello que chega con case catro anos de atraso" (p. 116)
  • 14-6-1940: cae París.
  • 22-6-1940: sinatura do armisticio Francia-Alemaña, que "Hitler, en desquite polo Tratado de Versalles, impón que se realice, como na guerra do 14, no bosque de Compiègne, no mesmo vagón utilizado daquela [...] (p. 153)
Como se pode apreciar, o autor pertence a esa xeración de mozos que maduraron a marchas forzadas, levados polos duros acontecementos que lles tocou vivir. O regreso forzoso a España supúxolle tres anos de prisión e a entrada nesa etapa que o poeta Celso Emilio Ferreiro etiquetou como longa noite de pedra.

_________________________________

SANTIAGO RODRÍGUEZ SALINAS. Illote P. Barraca 16. Vigo, Galaxia 2021.

28.1.20

Viale Moutinho. "Manhas do gato pardo"

José Viale Moutinho preséntanos nesta obriña a adaptación de media ducia de contos populares rusos:
  1. "Manhas do gato pardo"
  2. "Urso pateta"
  3.  "Raposa rapozeca e cegonha de bico comprido"
  4. "A união faz a força"
  5. "Casa panela de barro"
  6. "Comer, beber, rir e fugir"
1. En  "Manhas do gato pardo" (que dá título a toda a colectánea) temos un gato demasiado lambón ao que a dona bota fóra da casa despois de lle quentar a pelella. Mallado e choroso vai camiñando na procura de novo acubillo. Vano acompañar na viaxe o carneiro e o bode, convencidos polo gato de que poden rematar nun bo asado. Van atopando outros animais polo camiño: uns, amigos, coma o oso; outros, inimigos, coma os lobos. O gato mañoso vainos librando dos perigos que poidan aparecer por eses camiños do mundo.
O relato ten unha estrutura semellante á dos músicos de Bremen, mais nesta vagabundaxe os protagonistas non se propoñen lograr un obxectivo definido, senón que semellan preferir ir tirando sen rumbo e procurar saír sans e salvos dos perigos que se lle presenten. Máis que un equipo solidario semellan un grupo dirixido por un líder astuto --o gato-- que os fai actuar en proveito de todos, aínda que lles custe algún sacrificio.

2. Un oso parvo e un labrador aproveitado de máis son os protagonistas desta breve historia. O labrador vai convencendo o oso de que, no canto de comelo, resultaríalle máis beneficioso colaborar con el. Pero o humanao resulta ser unha grade que leva todos os terróns e o babeco do oso queda sempre a velas vir. Canso dos abusos do labrador, o oso encabúxase e estrágalle os cultivos de xeito que ninguén saca proveito do campo. No remate de contas, labrador e oso non se poden ver.

3. O mesmo resultado, aínda que desenvolvido con métodos máis sutís, é ao que se chega na historia da raposa e a cegoña. A actitude aproveitada da primeira e o pago coa mesma moeda da segunda fan que se perda unha boa amizade. É o que ten querer quedar ben sen facer gasto.

4. O resultado contrario acádase cun cambio de actitude. No relato "A união faz a força" demóstrase que a colaboración honesta entre individuos, aínda que non se leven ben, dá sempre bo resultado sen que ninguén saia prexudicado.
Tamén demostra que sae a conta confiar na sabedoría dos vellos.

5. Na casiña da panela de barro vanse xuntando animaliños diversos que gustan do acubillo e viven felices nel ata que chega un oso paspallán e abusón que lles escacha o refuxio. Tamén neste relato a unión fai a forza e a acumulación de recursos dos amigos serve para lle dar ao oso unha lección inesquecible.

6. En "Comer, beber, rir e fugir" un pobre estorniño vese obrigado a facerlle o traballo suxo a un raposo que o ameazaba con paparlle os fillos. Canso do insaciable extorsionador, acaba por tenderlle unha trampa para que o raposo acabe nas mans dos cazadores.

Velaí, pois, media ducia de historias populares que nos agasallan a vellos e novos con consellos útiles para a vida en calquera lugar e tempo.

_______________________
Viale Moutinho: Manhas do gato pardo. (A ra que ri), Lisboa, Plátano Editora.
Ilustracións: João Luís.

3.11.19

Xoán C. Abad / Evaristo Pereira: "O soño crebado. Da República á Guerra Civil en Vigo e na súa bisbarra"

Imaxe: O soño crebado/IEV
O soño crebado é unha exposición amena e didáctica sobre a aniquilación da II República polo bando vencedor da Guerra Civil de 1936. O título é unha declaración de intencións: recolle o sentir tanto daqueles que viviron os feitos narrados coma dos que xa nados na ditadura e mesmo na actual democracia percibiron aquel intento de réxime político como unha ventá aberta á esperanza que se atrancou de golpe. A obra é unha achega clarificadora a ese período traumático da historia das Españas que aínda alporiza hoxe a algúns sectores políticos que xa non  viviron os feitos pero que deben de se considerar herdeiros do bando vencedor. Neste "caderno didáctico" non se xulga nin se condena; expóñense sinxelamente os feitos sen tapullos nin preocupación pola corrección política.

Cómpre sinalar que a obra é máis ambiciosa do que o título suxire: o marco cronolóxico esténdese dende as etapas precedentes á República ata os anos posteriores ao remate da II Guerra Mundial; o espazo xeográfico expándese máis alá de Vigo e bisbarra, e os feitos narrados, mesmo sendo locais, poden considerarse exemplos concretos dun estilo de actuación extrapolable ao resto da Península e a outros países europeos. Non estamos, xa que logo, ante un humilde caderno didáctico de historia local, senón ante un auténtico tratado que estuda unha etapa concreta da virulenta historia do século XX partindo dun escenario local pero sen deixar de ollo o espazo global que inflúe sobre ela.

 Expostos os precedentes dos tempos da República, o estudo céntrase na esperanza que esperta o novo réxime na sociedade, especialmente entre as clases populares, nos vaivéns padecidos pola incipiente República, no levantamento militar e, conseguido o control do territorio polo exército sublevado, nas consecuencias que tivo na bisbarra o desenvolvemento da guerra: recrutamento de soldados para as distintas frontes, requisa de medios materias, control da poboación por medios violentos (detencións, xuízos sumarísimos, paseos, sacas, fusilamentos...) e accións de propaganda para xustificación e lucimento do bando vitorioso. Os mecanismos de defensa dos leais á República crean entobados, fuxidos e guerrilleiros. A marcha da guerra provoca na cidade e bisbarra a habilitación de cuartelillos, centros de detención, campos de concentración, hospitais...

A traxedia tórnase máis vívida cando escenario e personaxes resultan familiares. A información gráfica que se achega amósase eficaz neste sentido. Na inmensa traxedia que supón o exterminio do inimigo interior (los malos españoles) hai episodios que puideron ser publicados no exilio polos que deron fuxido das gadoupas dos perseguidores. Outros malamente lograron resistir a corrosión do tempo e o sudario de silencio con que os taparon os vencedores. E outros episodios especialmente punxentes tiveron desenvolvemento literario, coma o das vítimas do bou Eva, ás que Unha morte lanzal, de Julián Rodríguez Novo, rende sentida homenaxe. No estudo aparecen nomes de infausta memoria pola súa crueldade e nomes de xentes que non merecían a morte que lles deron. O libro recórdanos todos: uns para que deprendamos a non repetir a historia, outros para devolverlles a honra que a barbarie lles roubou. Entre os miles de títulos publicados sobre o tema aquí tratado, este "caderno didáctico" que temos entre mans resulta ser un bo antídoto contra a desmemoria.
____________________________________________
Xoán C. Abad / Evaristo Pereira: O soño crebado. Da República á Guerra Civil en Vigo e na súa bisbarra. Vigo, Instituto de Estudos Vigueses, 2019.

21.10.19

Lewis Grassic Gibbon: "Canción de solpor"

Imaxe: Irmás Cartoné
Gibbon cóntanos a historia dun anaco de terra escocesa, chamado Kinraddie na novela, e dos seus poboadores dende tempos remotos ata o final da I Guerra Mundial.

A novela estrutúrase en tres partes. O Preludio, de ritmo narrativo lento, serve de presentación da terra e dos seus posuidores dende tempos idos ata os actuais. Coñecemos unha morea de personaxes e algunhas das súas peculiaridades, pero sen chegar ao nivel de desenvolvemento que acadarán na parte central, a Canción. Esta parte subdivídese en catro tramos --Decrúa, Sacha, Sementeira e Colleita-- e céntrase sobre todo na vida de Chris Tavendale (de solteira Guthrie) e do seu contorno. Na terceira parte, o Epiludio, péchase a historia: os que sobreviven tentan sobreporse á desfeita da guerra convencidos de que o seu mundo acabou e o que nese momento comeza vai ser moi diferente, pero non necesariamente mellor.

No miolo dese mundo narrado por Gibbon está Chris Guthrie, a súa familia e a súa pequena granxa. Seguimos os trafegos e os días da protagonista de nena a muller madura. Sufrimos canda ela as penalidades dunha familia numerosa gobernada por un pai moi traballador, pero tamén brután e pouco afectuoso. Asistimos ao esborrallamento desa familia, que comeza co suicidio da nai superada polas penalidades da vida e que decide levar con ela os fillos máis novos, a marcha-fuga do resto dos irmáns e, finalmente, a morte do pai.

Dictiografía
__________________________
Lewis Grassic Gibbon, Canción de solpor. Compostela, Irmás Cartoné, 2018. Trad. Celia Recarey Rendo.

16.10.19

Avelina Pérez: "Ás oito da tarde, cando morren as nais"

A liberdade dos nosos soños non debe renderse á lóxica do teatro.
As pantasmas dos seus soños non deben fecharse nos límites da escena.

Imaxe: Blog Edicións Xerais
Ábrese o pano do texto  con esta cita de Insultos ao público, de Peter  Handke, autor ao que Avelina Pérez homenaxea con esta peza.
A sala convértese en escenario e, no escenario, a actriz actuará como espectadora ata o remate do espectáculo co apagado das luces no patio de butacas.
Os personaxes que forman o colectivo do público semellan vivir fóra de si mesmos. Soltan frases sobre as súas vivencias, frases que manifestan sistematicamente a frustración que os goberna  e cargan sobre a actriz a responsabilidade de lles dar sentido ás súas vidas, que sexa a actriz quen  apañe a pataca quente, que para iso pagaron entrada.
A actitude da actriz non acepta converterse nesa nai desaparecida do público e, con palabras máis diplomáticas, acaba por lles dicir que cadaquén se ature a si mesmo.
O público encárnano individuos sen personalidade, ridículos nas súas pretensións. A actriz non goza do pracer de actuar porque o espectáculo verdadeiro está na actuación do público, nel está o centro da acción.

Dictiografía
Noticias sobre Peter Handke, enriba citado:
 ________________________________________________
Avelina Pérez: Ás oito da tarde, cando morren as nais.Vigo, AGADIC / edicións Xerais, 2019. Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais 2018.

Personaxes: 3 mulleres e 3 homes, repartidos en dous grupos: público / actriz.

15.10.19

Robert Seethaler: "Unha vida enteira"

Cóntanos a vida de Andreas Egger. Unha vida enteira que aparece sintetizada nun parágrafo inzado de verbos:
Segundo a partida de nacemento, que ao seu xuízo non valía nin a tinta do selo, Egger tiña setenta e nove anos. Aguantara máis do que cría posible, e en termos xerais podía estar satisfeito. Sobrevivira á súa infancia, á guerra e a un alude. Nunca estivera tan mal que non puidese traballar, abrira unha cantidade incalculable de buracos na rocha e probablemente cortara árbores dabondo para alimentar durante un inverno as estufas de toda unha cidade. A súa vida pendera moitas veces dun fío, entre o ceo e a terra, e durante os últimos anos como guía turístico aprendera máis das persoas do que podía abarcar. Que el soubese, non cargaba con ningunha culpa digna de mención, e nunca caera nas tentacións do mundo: as borracheiras, as prostitutas ou a gula. Construíra unha casa, durmira en infinidade de camas, cortes, caixas de camións e unhas cantas noites mesmo nun caixón de madeira ruso. Amara. E intuíra ata onde podía levar o amor. Vira dous homes camiñar pola Lúa. Nunca estivera no apuro de crer en Deus, e a morte non lle daba medo.
Imaxe: culturagalega.org
O parágrafo segue algo máis, pero xa con detalles que lle poñen ramo a todo o anteriormente dito. Andreas Egger, malia non queixarse, non tivo moito que lle agradecer á vida. Sen pais que termasen del, acaba na casa dun tío que o trata con crueldade. Unha malleira déixao coxo e condiciona o seu negro futuro. Como compensación, a natureza dótao dunha grande fortaleza física e mental que lle vai permitir sobrevivir malia as precarias condicións que marcan a súa existencia. Velaí o único triunfo na vida de Andreas Egger, a súa capacidade de resistencia.

Cando o seu corpo alcanza un tamaño que lle permite defenderse do seu escravizador, Andreas enfróntase a el, abandónao e comeza a andaina vital en solitario nun mundo inhóspito e nun contorno social hostil. Nin o medio nin a sociedade regalan nada. Andreas pagará en todo momento co esforzo necesario para seguir resistindo.

Seethaler cóntanos a vida enteira do protagonista escollendo etapas clave do seu desenvolvemento: nenez desgraciada, morte da parella embarazada baixo un alude, traballo no teleférico, recrutamento para a guerra, campo de prisioneiros, retorno e cambio de traballo e, derradeiramente, reencontro coa natureza. Malia non estenderse en detalles, a vida non curta de Andreas Egger queda completa ante os ollos do lector. Unha vida tan sinxela como dura, sufrida dignamente en soidade, narrada coa brevidade que lle corresponde ao home de poucas palabras que é o personaxe de Andreas Egger.

Fálase d' Unha vida enteira en Lecturafilia: https://lecturafilia.com/2019/02/15/unha-vida-enteira/
_____________________________
Robert Seethaler, Unha vida enteira.Cangas, Rinoceronte Editora, 2018. Trad. Moisés Barcia.

3.10.19

Francesco Marciuliano: "Podería facerlle pis enriba e outros poemas de gatos"

Imaxe: Lata de sal
Un libro escrito por quen sen dúbida sente un gran amor polos gatos e que lle resultará de agradable lectura a quen guste da compañía destes animaliños. Atoparase con escenas que lle parecerán familiares porque a obra vai contando poeticamente feitos e actitudes destes felices felinos.

A obra artéllase en catro partes (Familia, Traballo, Xogo, Existencia) que conforman outros tantos eixos temáticos. Unha brevísima introdución dá a idea xeral do poemario: cando un gato entra na vida dun humano convértese no seu xefe. O texto vai acompañado de simpáticas fotografías de gatos de varia pelaxe.

A voz de F. Marciuliano traduce para linguaxe humana os sentimentos, afectos, desafectos, problemas, beneficios... que xorden na relación dos felinos cos bípedes. Relacións que non sempre son amorosas, desinteresadas ou cordiais. Aos humanos, por exemplo, moléstalles esa teimosía dos gatos por marcar territorio, ou a desorde que causan os seus xogos, ou que esfarrapen o sofá, ou que desfagan a cama, ou que lles rouben o seu espazo favorito. Os gatos, pola contra, non levan ben que os bañen, nin que os desparasiten, nin que entren competidores na relación. E aínda levan peor que os castren.

Así e todo, os gatos esfórzanse por entender os humanos e consideran que paga a pena ter un bípede por mascota.
_____________________
Francesco Marciuliano: Podería facerlle pis enriba e outros poemas de gatos. Madrid, Lata de sal, 2015.

30.1.19

J. L. Graña Muíño: "Itinerario do botellón"

Imaxe: Fervenza Edicións
Itinerario do botellón desenvolve sobre o escenario as posturas que distintos colectivos sociais adoptan sobre este hábito de divertimento da mocidade.
O desenvolvemento escénico ponse en marcha cando o hábito xa se considera un problema social: moreas de xente nova concentrada en lugares emblemáticos, intoxicacións etílicas, abusos, espectáculo pouco estético e toneladas de lixo ciscadas ao remate da festa.
A partir de aí, cada grupo actuante enfoca o problema segundo o vello método de nadar e gardar a roupa. Os políticos (P) ao mando procuran evitar que a situación se descontrole e cause perda de votos; os empresarios (E) aproveitados tentan sacar tallada de clientes e institucións; os mozos (M) teiman en non perder a súa inocente diversión; os manifestantes, nomeadamente os traballadores do servizo de limpeza "externalizado",  ocupan prazas e rúas reivindicando uns dereitos prexudicados indirectamente polo botellón.
Os axentes implicados non analizan a fondo a situación; simplemente procuran afastar o problema cambiándoo de sitio. Non pretenden darlle unha solución, senón aparcalo, facelo invisible, que non moleste. E se de paso pode aproveitarse comenenciudamente, mel na filloa.
Os personaxes non levan nome. Mesmo os máis individualizados, salientados da masa, pensan, falan e actúan como membros dun grupo social. Así e todo, dentro dos grupos de políticos, empresarios e mozos pódense apreciar diferentes sensibilidades: desde os que amosan unha relativa conciencia social ata os de pertegaza e pallougada. Pero o elo que os une a todos é a pretensión de arrimar a brasa á súa sardiña. O resto da sociedade amosa o seu sentir nas manifestacións.
A peza desenvólvese en dous actos. No primeiro (20 escenas) desenvólvese toda a problemática causada polo botellón, agudizada pola folga dos empregados da limpeza que reclaman melloras laborais. O segundo acto (dúas escenas curtas) cumpre o papel de epílogo: cae o peso da representación sobre os mozos que son, no fondo, as vítimas da situación. Os mozos que nos falan amosan un sentido común de xente madura, e o seu diagnóstico é moito máis obxectivo e atinado ca o dos políticos e empresarios porque é plenamente consciente da cruel realidade e brindan:

M1.- (Resignado) Acabo de entendelo: non somos ninguén. [...]

M1.- Por nós, que non somos ninguén!
M2.- Por todos os ninguén froito do botellón!

Dictiografía
_________________________________
J. L. Graña Muíño: Itinerario do botellón. (A Pinguela. Teatro para ler e representar), Silleda, Fervenza Edicións, 2017. Colaboración da promotora e construtora Bamarti.
Personaxes: 4 P, 4 M, 4 E + número impreciso de manifestantes.

8.1.19

Ödön von Horváth: "Mocidade sen deus"

Imaxe: Irmás Cartoné
Mocidade sen deus é unha novela ambientada no período de entreguerras que narra a consolidación do nazismo no poder. O narrador, mestre de escola, describe todo o proceso de embrutecemento dunha sociedade a partir dunha anécdota que lle tornou a vida imposible e acabou por mandalo ao exilio.
Unha simple reconvención a un alumno para recordarlle que os negros tamén son persoas carréxalle ao profesor, ademais dun alcume, toda unha cadea de amargas consecuencias: a protesta cabreada dun pai, o escrito de rexeitamento asinado polos alumnos, a chamada de atención do director, a expulsión do centro, a inhabilitación para o traballo...
No relato de todo este proceso imos vendo como se vai producindo un profundo cambio social e o tipo de xente que, activa ou pasivamente, vive ese cambio. O profesor narrador non é un home de acción nin ten grandes aspiracións: tan só pretende ter un medio de vida e vivir en paz consigo mesmo e co resto do mundo. Pero posuír un agudo sentido crítico e importarlle a verdade convérteo, a el e aos que coma el son, en pandotes da historia cando os que a escriben esixen obediencia cega e entrega total á súa causa sen ningún tipo de reflexión. Os traballos de clase descobren unha masa de alumnos sen ideas propias que só manifestan o que di a propaganda.
A educación (para a guerra) é unha peza importante nese cambio e ao profesor non lle queda outra que colaborar. Pero pensa:
E penso nos dous axudantes da vangarda, no sarxento da reserva, ao que aínda lle toca comandar, e nos soldados de madeira cos que se fan as prácticas de tiro; acórdame o director e N e o seu pai, o mestre na panadeiro n a batalla de filipos; e penso na serraría que xa non serra, e nos accionistas que, a pesar de todo, gañan máis, e no xendarme, que sorrí, e no cura, que bebe, e nos negros, que non teñen dereito a vivir, e nos desempregados da serraría, que traballan desde a casa a obra feita sen que lles dea para vivir, e na inspección educativa e nos cativos desnutridos. E nos peixes (p. 47).
 O profesor tenta sobrevivir, mais conserva unha actitude belixerante, moi afastada do cínico colaboracionismo do director que só aspira a chegar a unha tranquila xubilación. A deontoloxía empurra o docente a plantar cara a esa sociedade amansada á que pretenden chegar os gobernantes. O sistema facilitará, asemade, un clima apto para a actividade de individuos psicópatas. Fracasará: "Non deixes nada aquí! O negro vai para onda os negros". Pero marcha convencido de que lle falta á mocidade o deus da Verdade.
 A novela describe o proceso de dicotomización da sociedade, como se van conformando dous tipos humanos con valores, actitudes e comportamentos enfrontados. Por un lado, as "malas herbas" (marxinais) e polo outro os "ollos de peixe" (que teñen ollos impávidos, de odio; son os que campan e trunfan no novo réxime; na súa cabeciña só entran as ideas simples das consignas, que toman como verdades indiscutibles).
Nesta situación de triunfo das ideas paifocas, o pacifista profesor, que fora mobilizado na I Guerra Mundial, séntese perdido, ve os seus ideais frustrados e consómeo a desilusión vital.
Tamén se senten perdidas as persoas con sentido crítico. Ás veces non chegan a verbalizar o pensamento e o narrador transmíteo como pensamento oculto, como "ganas de dicir" que non chegan a manifestarse.
A plasmación deste desasosego refórzase con recursos literarios como o cambio de punto de vista cando o narrador fala consigo mesmo ou cando semella dirixirse a un interlocutor ausente; ou cando semella dirixirse a un interlocutor ausente; ou con parágrafos que son unha frase curta ou unha única palabra, pero que en conxunto pintan unha situación abafante para o narrador e fóra do seu control.
Mocidade sen deus resulta ser unha lectura esclarecedora e útil para entender o pasado e tamén para aprender a sobrevivir en situacións de radicalización social. Unha lectura especialmente interesante neste tempo que conmemoramos efemérides coma o centenario da fin da I Guerra Mundial. Unha lectura que nos aprende que os "deuses" que nos venden dende o poder non son máis que "un negocio sucio".

Dictiografía
  • Diego Ameixeiras, "Olor a fascismo", La Voz de Galicia, 27-10-2017: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/fugas/2017/10/27/olor-fascismomocidade-sen-deus/0003_201710SF27P8992.htm
__________________________________
Ödön von Horváth: Mocidade sen deus. Compostela, Irmás Cartoné, 2017. Trad. Patricia Buján Otero.

27.12.18

Isabel Blanco: "María Vinyals. Un talento rebelde"

Imaxe: Belagua
Esta biografía novelada de María Vinyals que nos presenta Isabel Blanco é un logrado "axuste de contas coa historia" (p. 120). O libro, pensado para xente nova especialmente, ten dous propósitos: divulgar e concienciar; ambos os dous logrados con creces.
A autora recorre a un vello fantasma que tece un relato de amor platónico coa protagonista e enraíza coa longa historia do castelo, isto é, con outra caste de ocupantes e outros usos dese espazo. A pantasma narradora transmite unha forte carga sentimental.
A obra esperta no lector maduro a necesidade de achegarse con máis profundidade á figura da biografada. A traxectoria vital de María Vinyals súmase á de tantos outros fillos do país que non mereceron a mala sorte que sufriron, que foron esmagados po circunstancias históricas que botaron a perder o seu talento e o seu esforzo.
Recuperar a memoria de figuras como María Vinyals e honralas fará delas fermento de ilusión e esperanza e animará a seguir o seu exemplo a cantas xeracións veñan detrás. Recuperar a memoria é recuperar o sentido da vida.

Dictiografía
_________________
Isabel Blanco, María  Vinyals. Un talento rebelde. Deputación de Pontevedra / Belagua, 2018. Ilustracións de Luz Beloso.

29.10.18

Sandra Cisneros: "A casa de Mango Street"

Imaxe: Sushi Books
     "En inglés o meu nome sería Hope. En español ten demasiadas letras. Significa tristura, significa espera".

Unha narradora noviña e sensible, que leva o simbólico nome de Esperanza, vai contando retallos da súa  vida, da familia, amigos e veciños. Tampouco escapan ao seu ollar inquisitivo o espazo e os obxectos que conforman o mundo no que vive. Un mundo ao que se sente allea e que lle resulta hostil. Nin sequera a casa de Mango Street lle parece un fogar, malia que para o pai resulte un paso adiante na loita por lograr unha vida digna. Son poucos os trazos que describen a casa, pero abonda co adverbio da pregunta que ponen boca dunha profesora --Vives ?-- para que o lector imaxine como son as condicións de vida dos inmigrantes hispanos nese arrabalde de Chicago.

Á parte da casa, que dá título a obra, cobran especial relevancia os zapatos. O calzado pode arruinarlle o día a narradora ou darlle un plus de seguridade. Non son os zapatos de Cinsenta, pero Esperanza considera que cando chegue a encher os zapatos da nai terá logrado a madurez necesaria e a capacidade para enfrontarse ao mundo.

Levar é unha vida digna é o pensamento que guía todos os esforzos da rapaciña narradora. E para logralo sabe que ten que escapar das gadoupas dese submundo no que vive e non retornar a el ata que estea en condicións de rescatar a outros. Porque Esperanza pensa en volver "polos que non poden saír".

Mentres tal non ocorre vainos pondo ante os ollos, en pequenos relatos, as condicións do seu mundo marxinal. Cada relato ten o seu tema central e o seu protagonista; poderían considerarse como pezas autónomas no conxunto da obra, pero non por iso deixan de dar unha visión global do mundo que nos describen. O lector non sente que se rompa o fío do relato que desenvolve a narradora.

A súa voz doce e sensible non agocha a dureza da vida que levan as xentes do arrabalde: baleiro social dos anglófonos, que van cambiando de barrio a medida que se achegan os hispanos; escaseza de medios económicos; infravivendas; maltrato, especialmente sufrido polas mulleres; rapazas que maduran antes de tempo e que soñan cun marido que as saque da pobreza, pero que lles matará os soños e converterá a vida nun inferno; mulleres e fillos abandonados; illamento provocado polo descoñecemento do idioma; escaseza de posibilidades de promoción social... En fin, todas as condicións posibles que xeran na narradora o devezo de resistir e pelexar por unha vida digna, vivida nunha casa de seu que non será a de Mango Street.

Dictiografía
 _________________
Sandra  Cisneros, A casa de Mango Street. Cangas do Morrazo, Sushi Books, 2014. Tradución de Alicia Meléndez Sousa.

14.1.18

Antonio Manuel Fraga. A virxe das areas

Imaxe: Edicións Embora
Dúas beatas de Vilar de Sembra cren estar vendo a Virxe das areas cando atopan na praia, en camisón e desorientada a Norma Lago. Oficialmente, a rapaza levaba dous anos vivindo en Suíza cos seus tíos. Esta misteriosa aparición bota a andar as pescudas do xubilado e hipocondríaco Paco Louro, que remexe na memoria da parroquia ata dar coa resposta.
Vilar de Sembra pode ser o trasunto de calquera vila mariñeira, nomeadamente da Costa da Morte, segundo nos conta o autor. Coma en calquera poboación pequena, todo o mundo se coñece e todos os seus habitantes teñen unha cara pública e outra cara oculta que condiciona as súas vidas tanto ou máis cá primeira. As pescudas de Paco Louro destapan esta realidade paralela e poñen ante os ollos do lector as desgrazas, as vergoñas e a miseria moral que embazan a vida pública dos personaxes que se moven na novela.
Deste xeito, imos sabendo que Norma Lago nunca marchara a Suíza; esta loia faina correr a nai (Esperanza) para tapar a vergoña de que a filla fuxira cun home casado. En realidade, Esperanza estaba trabucada: Norma pretendía escapar co seu noivo secreto (Xureliño), pero atravesóuselle no camiño Casto Rivas, obsesionado coa rapaza, que a secuestra e mantén dous anos atada na baleeira abandonada da familia; drógaa con morfina e abusa dela en presenza da pretendida imaxe da Virxe das areas, da que tamén a familia tiña a custodia. A reaparición de Norma e o enterro de Casto coinciden no tempo e nas causas.

Servando Trillo, tío de Casto, é o que agacha máis segredos inconfesables. Pertence a unha familia de avoengo: industriais, militantes de partidos políticos ultraconservadores… Na guerra civil, Servando Trillo tomou partido polo bando vencedor, que o premiou coa alcaldía de Vilar de Sembra, alcaldía que mantén cando o país retorna á democracia. Encarna o caciquismo mudado de pel, pero non de condicións. Sospeitaba que o sobriño, herdeiro na xinea familiar e sucesor na política local, matara a Norma, de aí o distanciamento entre os dous. O alcalde fora amigo do irmán de Paco Louro antes da guerra e o noso pescudador ten o convencemento de que Servando está detrás da súa morte.

Esperanza é unha muller a quen a sorte lle torceu a cara. Coidou dos pais ata que morreron, do seu irmán diminuído psíquico e da filla reaparecida. É o único esteo da súa casa e gaña a vida traballando en casas de fóra. Amosa unha encomiable capacidade de resistencia e entrega. A filla foina parir na emigración para non luxarlle a honra ao pai, o cura párroco daquela aínda mozo.
De todos os personaxes da novela, son tres mulleres (Esperanza, Carme e Nora) as que cangan coa penitencia máis dura e menos merecida. Neste mesmo bando de perdedores da historia atopamos a Paco Louro (supervivente de familia de represaliados) e o doutor Óscar Bazán (estigmatizado por homosexual). Tampouco resulta unha sorpresa para o lector que sexan os personaxes máis solidarios e tolerantes.

No relato lineal que desenvolve Antonio Manuel Fraga saliéntanse dúas datas historicamente marcadas: 1938 (guerra civil, represión e xenocidio en auxe) e 1981 (“falido intento de golpe de estado perpetrado no Congreso por un grupo de gardas civís, fracaso que algúns aplaudían aliviados e que outros lamentaban en silencio”, p. 13). Os dous bandos enfrontados na primeira data seguen sen se levar ben na segunda. Na novela seguen ocupando o poder local os triunfadores da guerra fratricida e só lles pasa factura a xustiza poética: “Inevitablemente pensou en Servando, que murcharía só até o seu derradeiro latexo de vida. Paco desestimara denuncialo. A morte de Carme fora xa castigo dabondo” (p. 115).

Nesta novela de intriga, ademais da guerra civil, a represión, o xenocidio, a loita por manterse no poder, a violencia sexual, a homofobia… tócase o tema da xeración perdida, personalizada en Xureliño, paradigma desa mocidade estragada pola droga, especialmente na década dos oitenta do século XX.

Paco Louro gardará algúns dos segredos descubertos nas súas pescudas para non causar máis dor. Así e todo, o relato remata cunha raiola de esperanza reflectida na luz dos ollos de Norma.

Dictiografía
_____________________________________
Antonio Manuel Fraga, A virxe das areas. A Coruña, Edicións Embora, 2017.

7.11.17

Xosé Neira Vilas. Os papeis do vello mariñeiro

Imaxe: Os papeis do vello mariñeiro. Bolanda
Morre o vello mariñeiro e no rocho onde se refuxiaba para atoparse consigo mesmo e coas súas lembranzas achan uns papeis que veñen sendo as notas do relatorio de toda unha vida laboral.
O autor di ordenar e transcribir eses papeis e así llos presenta ao lector, na voz do mariñeiro narrador, coma se fosen anotacións para facer constar feitos sen ánimo aparente de procurar ningunha elaboración literaria.
Nesa vida de traballo relatada n’Os papeis do vello mariñeiro non aparecen datas concretas, pero os feitos narrados lévannos fundamentalmente aos anos sesenta do século XX, aínda que o marco cronolóxico sexa amplo dabondo para facernos ver a evolución da mariña mercante en medios e condicións laborais. Así, por exemplo, vemos como vai desaparecendo o contrabando de cousas miúdas (radios, whisky…), “necesario mercadeo” para redondear un salario miserable. A vista gorda do vixiante tamén axudaba. Mais aínda que mingüe o mercadeo, permanece o traballo sen horario e o cambio frecuente de barcos, as máis das veces baixo bandeira de comenencia.
A vida a bordo dun mercante non sempre resulta monótona nin levadeira. E cando o barco toca porto, os perigos cambian de cara pero non desaparecen. O mariñeiro en terra descoñecida pode verse drogado, asaltado, roubado…
O relato do vello mariñeiro tamén nos permite facer unha lixeira idea do país ao que van destinadas as mercadorías (sobre todo se non viaxan legalmente); deixan ver o que lle sobra ou o que lle falta. O lector non pode evitar imaxinar como será o país que importa bombóns ou champaña ou tractores de segunda man.
O noso mariñeiro traballa polo pan, mais tamén confesa que esta profesión lle permite sentirse libre (p. 67), sensación de liberdade que non sería posible en terra no país e na época que lle tocou vivir.

Noticias na rede


Xosé Neira Vilas, Os papeis do vello mariñeiro. Compostela, Bolanda, 2017. Ilustracións de Alberto Fernández García.

22.10.17

André Kaminski. Os xardíns de Mulai Abdalá

Imaxe: Rinoceronte Editora
Estes relatos de Kaminski conforman unha crónica da África poscolonial. Atopamos neles historias persoais, pero tamén colectivas. O autor recolle o odio ao colonizador e a desconfianza que espertan os cooperantes da mesma raza. Describe a loita por superar a situación de derrubamento que provocou a descolonización, transmite o sentimento de ilusión esperanzadora das xentes que soñan cun país libre e a frustración que os novos mandatarios non tardan en provocar.

Na obra atopamos os seguintes relatos:

  1. “Vitoria sobre a forza da gravidade”. Selección de persoal para volver pór en marcha a cadea de televisión que os franceses abandonaran en Alxeria. Un personaxe peculiar polo que ninguén daría un can acaba brillantemente o proceso. O personaxe conta a historia dun individuo desprezado que decide suicidarse. Esa historia fai que unha fermosa compañeira se namore del. A compañeira tamén resulta ser unha moza desprezada pola súa propia familia que tivo que prostituírse para poder sobrevivir. Ambos os personaxes, xuntos, deciden vivir.
  2. “A señora Zaui”. Respectuosa e cumpridora cos preceptos da súa relixión, viúva dun heroe da revolución, maltratada por un dos seus fillos, traballa de criada na casa dun matrimonio europeo que ten un fillo con problemas de saúde. A señora Zaui, medio meiga, logra sandalo co seu sangue (menstrual). Gaña o aprecio do matrimonio, pero segue a ser incomprendida pola aceptación da súa condición de muller maltratada porque quen a maltrata é carne da súa carne. Hai cousas que nin a fe dá explicado.
  3. Hafid fora un navalleiro fedayin (“vingador”). Dedicárase a castigar, cortándolles unha orella, aos que os seus superiores sinalaban como traidores á causa. Gañou un ascenso a soldado do exército popular combatente pola liberdade. Encomendáronlle a misión de facer estoupar un cine cheo de franceses. Había moitos nenos. Recuperou a bomba e logrou que non estoupase no cine, pero a policía perseguiuno e ferírono. Para os franceses era un terrorista, para os alxerianos un traidor. Perdeu as pernas e a noiva. Inválido, gañaba a vida rexendo un bordel no deserto.
  4. “Eu e os caníbales”. Un xuíz de París, membro do PC, xulga unha muller guineana que recoñece ter devorado un meniño de seis meses. A señora Diogo demostrou perante o tribunal como o fixera baleirando unha cabeza sen lle tocar. A acusación derrubárase. O narrador confesa non entender África. Tentan explicarllo con razóns como: “O voso código penal non serve para comprender a nosa vida. Porque só comprendedes aquilo que podedes ver ou oír”.
  5. “O meu criado”. O fillo dun comunista, que traballa para un país da África colonial acabado de independizar, ten un criado negro. Un luxo que co seu salario non se pode permitir. O criado cumpre satisfactoriamente co seu cometido, pero o patrón nunca o ten visto traballar. Mesmo coa pouca paga que lle pode pasar, o criado logra permitirse certos luxos. O patrón chegou a pensar que o goberno llo metera na casa para espialo. Descubriu que o criado negro subcontrataba o traballo: o salario africano permitíalle facer estas cousas. A relación patrón-criado acaba mal pola falta de confianza. O africano pídelle ao europeo que lisque, porque no seu país poden vivir sen eles.
  6. “Pilz”. Alias Champiñón. Vive perdido nun lugar ao pé do monte Nimba. Logrou facer fortuna como mecánico nun lugar onde malamente se pode sobrevivir. Un dos seus recursos básicos consiste en evitar que lle saian competidores. Pero Pilz é un individuo xa marcado pola súa propia orixe: é alsaciano, e nos momentos complicados da historia todos o consideran do bando contrario. No remate do relato, Pilz, créndose descuberto, desaparece. En realidade, foi sempre un desaparecido.
  7. “Baby Marx”.  Robert-Jean Longuet, alias B. M. por ser neto do pensador, vive protexido en Marrocos pola defensa que fixo dos bérberes marroquís cando o goberno francés os quixo converter pola forza ao cristianismo. O caso da defensa dun xerife deulle sona internacional. A parte penosa da súa historia ten que ver coa aparición dun personaxe ao que o narrador cualifica de réptil. Na procura de si mesmo, este personaxe decide emigrar a Marrocos e facerse comunista. Recibe a orde de esparexer no Marrocos español un panfleto en árabe asinado por Longuet. Non sabía o que dicía o panfleto e por iso buscaba o seu autor, para saber o que puña e para liberarse dos remorsos porque o panfleto supuxera o fusilamento dun home a mans dos rebeldes españois.
  8. “O terremoto de Agadir”. Triste historia que ten o seu lado cómico. Xulgan a un pobre home por agredir a unha enfermeira da Cruz Vermella cando o sacaron de entre o entullo no que o enterrara o terremoto. En realidade, tratábase dun morto de fame que baixara das montañas cando lle morreu a cabra co ánimo de cometer un delito para que o metesen na cadea, onde lle darían de comer gratis. O terremoto enterrouno nun rocho con comida e bebidas alcohólicas. A reacción de baterlle a enfermeira debeuse a que coidaba que o estaban botando fóra do paraíso. Outra historia paralela a esta cóntanos como un mercador asegura os bens que aparentemente non corren perigo, ponlles un valor altísimo coma se quixese levar á ruína ao asegurador. O terremoto dálle o dereito a cobrar unha cuantiosa indemnización, pero non a vai ver porque o asegurador morreu no terremoto.
  9. “Os xardíns de Mulai Abdalá”. O mulai vive nin país acabado de liberar. Así e todo, a situación non é moi diferente á da época colonial. Desexa cambiar a actitude dos seus gobernados, a educación, a economía e ata a paisaxe. Pero a poboación nómade non atende os seus desexos. Decide actuar e promulga leis que non teñen nada que envexar á peor das ditaduras. En moi poucos anos abriron pistas, escavaron minas, alfabetizaron tribos, plantaron xardíns, substituíron camelos por vehículos… Os súbditos entenderon a mensaxe e parece que quedaron contentos.
Dictiografía


André Kamisnski, Os xardíns de Mulai Abdalá. Cangas, Rinoceronte, 2010. Trad. de Ana Abeleira.