Amosando publicacións coa etiqueta Toponimia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Toponimia. Amosar todas as publicacións

7.6.19

"Tendréis envidia de los muertos"

Imaxe:Historia de Iberia Vieja 162
Leo na revista Historia de Iberia Vieja (número 162, decembro de 2018)  o artigo "Campos de concentración en España", de Bruno Cardeñosa. Censa o autor 188 campos e dá detalles do trato exquisito que recibían os inquilinos desas residencias. Trato que sintetiza perfectamente a frase premonitoria de Ernesto Giménez Caballero: "Tendréis envidia de los muertos". Un estudo máis amplo e recente de Carlos Hernández, Los campos de concentración de Franco, aumenta a cifra en bastantes máis.
Para saber do trato que recibían os presos remítome, para empezar, ás fontes enriba sinaladas. Soamente quixera reparar na toponimia do mapa que acompaña o artigo citado, porque se trata da toponimia dos amos dos campos de concentración. Case que o único estraño é a posición de Camposancos. Os topónimos deturpados a machadazos levan camiño de se converteren nun endemismo. Houbo un coñecido defensor do galeguismo cordial que considerou tales nomes como "sinónimos enriquecedores". Non logro saber o que enriquecen. E hai xente que vai máis alá e que se nega redondamente a recoñecer que os lugares tivesen outro nome que el de siempre porque toda la vida se llamó así.
Pero se ningún topónimo do noroeste resulta impronunciable para calquera falante do leste do valado de grelos (greloseto para entendérmonos), ¿a que vén tanta teimosía na deturpación? Pois a única razón que queda é a que se le no pé dun debuxo de Castelao: a nosa terra non é nosa. Cómpre indicarlles claramente aos mandados que non son donos da súa terra, que o nome que lle puxeron non vale, que saiban de vez que lles varreron a terra de debaixo dos pés.
Se houbo xente que tivo o callo de "hospedar" unha boa masa de concidadáns en campos de concentración ou mesmo de deixar a un semellante enterrado coma un can danado nunha foxa descoñecida e viñeron despois outras xentes que prefiren deixar a cousa como está para non desenterrar odios... calquera cuestión lingüicida pareceralles unha brincadeira que non ten lles por que tocar a moral. Así que, quen queira vivir en Ourense, Rianxo ou Sanxenxo que saiba que estaría a vivir nunha distopía. O sensato é vivir en Orense, Rianjo, Puebla del Caramiñal...

21.12.15

Mi casa gallega en Sangenjo

Unha das razóns para lle cambiar o nome a un lugar é a imposibilidade de reproducilo na lingua orixinal. Teoricamente toda boca pode reproducir calquera son humano, pero só teoricamente. Na realidade abonda con lembrar as dificultades para imitar os sons da lingua estranxeira que estamos a deprender para confirmar o lonxe que queda a práctica da teoría, aínda tratándose de linguas da mesma familia.
Moitas veces os topónimos chégannos de lonxe por mediación doutras linguas, co que xa contamos con máis dunha vía de cambio.
Así e todo, nestes casos entre o orixinal e os resultados noutras linguas adoitan gardar semellanza: Spain, Spanien, Espagne, Spagna, Espanha, España… E debemos descartar nestas deturpacións do orixinal calquera sombra de mala fe, independentemente da consideración que cadaquén teña da marca.
Pero estas consideracións non teñen ningún valor para explicar o uso que Mariano Rajoy fixo da toponimia galega no programa de TVE En la tuya o en la mía. Calquera habitante da península Ibérica, incluídos os do Peñón, darían pronunciado con notable solvencia os nomes de Sanxenxo, O Carballiño e Ourense. Poida que nin se lle atrancasen a quen teña problemas na lingua, beizos, dentes, queixadas ou padal. 


No caso que nos ocupa nin faría falla lembrarlle a normativa sobre a toponimia de Galicia. Aprobouna o seu partido.
Resulta dificilmente comprensible nestes tempos esta teimosía en empregar un nomenclátor coma se este territorio aínda fose a leira de Felipe V (Quinto). Diremos na súa desculpa que, se cadra, aprendeu a xeografía do país nalgún mapa colgado na parede dunha escola unitaria nos tempos da España Una, Grande y Libre que practicaba o monolingüismo excluínte e non o bilingüismo cordial. Pero son ganas de desculpalo.
Calquera malpensado diría que Rajoy sente noxo polos topónimos que fan visible a lingua do oeste do telón de grelos e que practica sen ningún miramento o proceso glotófago, asistido polo dereito que o vencedor ten sobre o vencido.
Mais non sexamos malpensados, porque en España ningún goberno actuou nunca contra os vencidos. E no que portén ás linguas regionales é ben sabido que que se foron deixando para abrazar amorosamente o idioma común e os galegos, por non ser menos ca os demais, fomos bautizando fillos e leiras en cristiano.
Amén.

28.10.15

"Estuve en Órdenes..."

"Estuve en Órdenes, que es un pueblo de la provincia de La Coruña".

Así mesmiño o dixo don Mariano Rajoy no programa especial informativo de TVE (minuto 28:40-5). La Voz de Galicia (27-10-2015) recolle a expresión e comenta "que ha tropezado dos veces en una misma frase con la toponimia gallega".
Tropezar tropeza calquera. Pero coñecendo a traxectoria lingüística do personaxe e exercendo o meu dereito a ser malpensado, inclínome a consideralo como o consabido trato irrespectuoso co idioma "regional". Sobre a cuestión da toponimia, en España, discutiuse e debateuse ata cansar, e aprobáronse tantas propostas políticas que resulta difícil pensar que o de Rajoy fose un lapsus. Se cadra ao mellor, Fomento aínda non cambiou os carteis da estrada do "pueblo", pero así e todo...
A maior abondamento, direi que ata unha memoria fráxil e senil coma a miña lembra a defensa que un coñecido líder popular fixo das traducións aberrantes da toponimia dándolles a consideración de "sinónimos enriquecedores". Aínda está a tinta fresca. E tamén está fresca na memoria a despedida que lle fixeron cantándolle o lalalá a outro polìtico, tamén de alto rango. Así que, tanto se se ameniza con música lixeira en minisaia ou canto gregoriano en sotana, o couce sempre lle cae á toponimia da lingua minorada. Para que se saiba quen manda.
Os sociolingüistas (polo menos os que non teñen carné de partido) describiron este comportamento como típico e xeral para coas sociedades colonizadas. ¿Que han saber os indíxenas dos nomes do seu propio territorio? O menos que adoitan facer é "traducilo" ou grafalo contranatura, pero tamén lle poden amañar un ben xeitosiño que non o recoñeza nin a nai que o pariu (dispensando): Lalala Coruña, Órdenes, Seijo, Carballino (onde se admite pulpo como animal de compañía), Puenteareas, Niño de la Guía, Sangenjo, Toro, Desván de los Monjes... E hai próceres que esganarían a nai con tal de xustificalo. O importante é que o indíxena non recoñeza o terreo que pisa.
En Galicia --como saben os estudantes de FP Básica--, este proceso de resetear a toponimia e a antroponimia acelerouse dende o século XVIII. E aí estamos, e seguiremos porque os intentos de volver as cousas ao rego son considerados actividades antipatrióticas. Sempre domina a lingua de quen pon o letreiro (malia la imposición del gallego). E por estes lares hai moita afección a cambiar os postes e os marcos.
Así e todo, no programa enriba sinalado don Mariano Rajoy respectou Palas de Rei. Algo lle hai que deixar á oposición...