Amosando publicacións coa etiqueta O único que queda é o amor. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta O único que queda é o amor. Amosar todas as publicacións

11.6.09

O único que queda é o amor. Léxico-2

Para os clubs de lectura de O único que queda é o amor (Agustín Fernández Paz).
O xogo consiste en atinarlle co significado correcto das voces que se propoñen.
Para realizar o exercicio, prémase na imaxe ou nesta ligazón:

Test O único que queda é o amor. Léxico-2


Nota sen gastos: Funciona aceptablemente con Explorer. Con outros programas ás veces fai trampas.

7.6.09

O único que queda é o amor. Léxico-1

Para club de lectura de O único que queda é o amor (Agustín Fernández Paz) deixo este pequeno xogo.

Notade que as correspondencias non son exactas: pode haber voces sen ningunha ou pode haber voces con varias correspondencias. O xogo non vos levará máis alá de cinco minutiños.
Abur. Que a lectura vos sirva de saúde.

Imaxe no blog Letras frescas.


1.6.09

Agustín Fernández Paz. O único que queda é o amor. Cuestionario-2

Para o club de lectura de O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz.
CUESTIONARIO para alumnado de ESO.

CUESTIONARIO-2

Para o club de lectura de ESO


  1. O autor faille dicir a un personaxe: "Todos os paraísos teñen data de caducidade" (p. 139). ¿Que quere dicir con esta frase? ¿Pódese aplicar de forma xeral a toda a obra?
  2. A protagonista de "Despois de tantos anos" está namorada dun mozo, pero casou con outro. ¿Por que? ¿Cales foron os condicionamentos sociais que decidiron por ela?
  3. Na obra hai protagonistas que viven momentos de ilusión. Cita polo menos dous exemplos de personaxes que viven ilusionados e explica o porqué da súa ilusión.
  4. A morte está presente na obra. Xustifica con exemplos esta afirmación.
  5. ¿Que relatos están contados por un narrador morto? ¿Que características teñen estes narradores?
  6. Baseándote na túa lectura da obra, ¿como definirías o amor?
  7. Xustifica por que a obra pode ser considerada unha homenaxe á lectura.
  8. Algúns dos personaxes dos relatos senten un especial agarimo por lugares concretos. Escolle un par de exemplos que xustifiquen esta afirmación.
  9. Na presentación editorial dise que "hai unha trama de fíos invisibles que une as vidas dos personaxes deste libro". ¿Cales poden ser os fíos desa trama?
  10. Nos relatos de O único que queda... atopamos seres frustrados. Cita algúns exemplos e explica a súa frustración.
  11. Repara no conto "Amor de agosto" e describe a vida nunha vila rural na época do "desarrollismo": costumes, divertimentos, ensino, relacións sociais, forma de gañar a vida...
  12. Escolle un par de relatos que che parezan acaídos para ilustrar a grandeza e a miseria das relacións de parella.
  13. No relato "Despois de tantos anos" a protagonista recorda un libro, unha película e unha canción. ¿Cales? ¿Que significan para ela?
  14. Da lectura de O único que queda..., ¿que leccións consideras que poden resultar útiles para a vida?
  15. Repara nas ilustracións de Pablo Auladell e dá a túa explicación sobre a presenza de anxos de ás cativas.

Imaxe no blog Literatura infantil y juvenil.

13.4.09

Agustín Fernández Paz. O único que queda é o amor (e 5)

4.1. Debruzáronse sobre esta obra:
A relación de ligazóns pode ser enorme, mais coas que temos sinaladas podemos comezar o traballo didáctico que traemos entre mans.
4.2. En Portugal a recepción da obra (Só nos resta o amor) deixounos estas impresións que recollemos:
  • Unha primeira achega témola en Wook, que sinala: "Agustín acredita que as palavras possuem a força necessária para mudar o mundo e pensa que os livros são imprescindíveis para nos ajudar a sonhar e a viver". Véxase tamén a páxina da editorial Nelson de Matos.
  • Casa da leitura fai unha gabanza do autor, da súa técnica e do lirismo que se aprecia na novela.
  • 7leitores repara no fío condutor que une os personaxes dos distintos contos: "As vidas dos personagens experimentam as diferentes cambiantes da experiência amorosa".
  • Para días estranhos, o libro é unha "verdadeira enciclopedia sobre o amor".
  • MGouveia, na páxina do Forum, incide nos dous eixos temáticos da obra: 1. «A experiência amorosa, a importância que tem o enamoramento na vida de qualquer pessoa»; 2. «A importância que a Literatura pode ter na nossa vida, como um poema ou um livro podem mudar-nos a vida».
  • Raul M. Marques, da Agência lusa , repara no carácter de literatura de fronteira, aspecto que se repite con frecuencia e que coincide coa opinión do propio autor.
  • Casa da leitura define o libro como "crónica oficiosa da alma humana".
  • Letras da Galiza sinala o autor como "Referência indiscutível da literatura infantil e juvenil galega".
  • Fora-da-estante fai un comentario xeral sobre a difusión da obra do escritor galego en Portugal.
4.3. No mundo catalanófono dámos con estoutras impresións:
  • Europa press salienta o carácter "agridulce" de Només ens queda l'amor.
  • Na mesma liña do carácter "agredolç " están as noticias de Yahoo.
  • A presentación de Quaderns digitals.net céntrase nos fíos que unen os distintos personaxes dos relatos.
  • En Vilaweb faise referencia á obra, ó premio e mais a outros títulos do autor en catalán.
  • Na páxina da editorial Bromera atopamos un achegamento ó autor e á obra. Salienta o carácter de "novela de transición".

Agustín Fernández Paz, O único que queda é o amor, Vigo, Xerais, 2007. Ilustracións de Pablo Auladell.
Imaxe de Saforguia.com

12.4.09

Agustín Fernández Paz. O único que queda é o amor (4)

3.1. O título de O único que nos queda é o amor ten a súa orixe en Neve (de Orhan Pamuk). Mais toda a obra é unha homenaxe ós libros e á lectura. Algúns dos relatos comezaron sendo unha lectura; noutros, a lectura é unha peza fundamental do seu argumento.
Se rastrexamos a obra na procura de bibliografía, atopamos unha selecta biblioteca que reflicte os gustos do noso autor:

Auster, Paul , A noite do oráculo ; O palacio da lúa.

Bécquer, Gustavo A., Rimas y leyendas.

Ferreiro, Celso Emilio, Onde o mundo se chama Celanova.

Grimm, J. e W., Rapunzel.

Hicks, Scott, Corazóns en Atlántida.

Kafka, F., A metamorfose; Cartas a Milena.

López Valcárcel, Xesús, A porta de lume.

López Valcárcel, Xulio, Memoria de agosto.

Margarit, Joan, O primeiro frío.

Martínez Sarrión , Antonio , (cita para título: "Ríos da memoria tan amargos ", de Teatro de operaciones.)

Matheson, Richard, Eu son lenda.

Neruda, Pablo, Todo el amor.

Pamuk , Orhan, Neve.

Perec, Georges, Lémbrome.

Rivas, Manuel, ¿Que me queres, amor?

Steinbeck, John, A perla.

Szymborska, Wislawa, Instante.

Valente , José Ángel , Breve son; El inocente; Fragmentos de un libro futuro; Interior con figuras; Punto cero .

Wenders, Win, O ceo sobre Berlín.

Yeats, William B., Poemas escollidos.

Dos escritores homenaxeados nesta obra destacan José Ángel Valente e Paul Auster. O primeiro, pola súa condición de poeta capaz de falar "dos sentimentos máis complexos en poucas frases" (El Progreso, 30-11-07). O segundo porque recolle unha vella idea na literatura: a do azar que goberna o mundo.
Esta homenaxe ós libros non debe resultarnos estraña. O propio autor, de ter que definirse, "me definiría como lector; otra cosa es que me dedique a escribir" (entrevista de Ágatha de Santos, Faro de Vigo, 24-10-08). Ademais: "En todos mis libros hay un personaje que lee y de cierta forma, cuando cito a los autores, pretendo animar el lector a buscar otros libros y también películas", recollen en estrelladigital.es.

3.2. Tocante á música e ó cine, son salientables as referencias a Antonio Machín (Dos gardenias , p. 151) e mais á película Centauros del desierto (p. 149).

Imaxe de Algún día en alguna parte.



10.4.09

Agustín Fernández Paz. O único que queda é o amor (3)

2.3. Así e todo, se temos que sinalar un sentimento predominante nos personaxes da obra parello ó da paixón amorosa, temos que apuntar o sentimento de frustración. Podemos escoller exemplos case que ó chou:
  • De María ("Ríos de memoria") dise: "Alí atrás quedaba a súa infancia, afogada sen remedio no río do tempo. Agora comprendía que sempre deixamos unha parte da nosa vida nos lugares onde vivimos, abandonada neles coma eses farrapos de néboa que quedan enganchados entre as pólas das árbores..." (p. 102).
  • Margarida ("Loanza da filatelia"): "Era bo home, si, pero non tiña moita disposición. Se ben se mira, moitas manías lle levo aturado!" (p. 109).
  • O narrador de "Meditación ante o álbum de fotos familiar": "A vida, cando menos nos aspectos económicos, foime moi favorable; dos outros mellor non falar, non é este o momento de desenterrar as miserias que os anos nos reservan a cadaquén" (p. 140).
  • A narradora de "Despois de tantos anos": "...quizais consiga que a miña memoria quede ancorada para sempre na imaxe de Adrián, o mozo que me agasallou co primeiro libro autenticamente meu, o home co que quizais o destino me ofrecía a fortuna de emprender unha vida máis feliz" (p. 163).
2.4. Canda a frustración amorosa temos que considerar o paso do tempo. Nas citas anteriores resulta ben visible. O paso do tempo queima as ilusións mellor fundadas e leva a vida por vieiros impensados. Mais aquí, o tempo non queima a lembranza, mellor dito, a lembranza esperanzada: "Entre elas [as persoas], dimo o corazón, estará tamén a muller que agardo, ese descoñecido amor co que espero compartir todos e cada un dos días da miña vida" (p. 172).
Diríase que a lembranza recupera o sentido da vida dos personaxes; mesmo a daqueles que foron gobernados por vontades alleas ("Un radiante silencio", "Amor de agosto", por exemplo).
A soleira destes relatos alicérzase na pervivencia da lembranza, como lle acontece á narradora de "Despois de tantos anos": "O que de verdade me importa son as lembranzas" (p. 146).

2.5. Outro dos trazos comúns que presentan varios dos protagonistas é o da percepción do espazo.
Temos por unha banda os personaxes que necesitan un paraíso: a casa onde naceron ou pasaron os mellores momentos da súa vida:
Debe ser certo que non só o tempo, senón tamén o espazo, teñen moito de subxectivo, porque, mirado coa perspectiva de hoxe, resulta ridículo que a viaxe desde Lugo ata aquí me parecese unha aventura, cando agora non se tarda máis de media hora en percorrer os trinta e poucos quilómetros que hai. Pero, daquela, eses quilómetros que separaban a cidade do paraíso duraban moito máis tempo e sempre prometían ser tan longos e apaixonantes coma as viaxes por terras exóticas emprendidas polos protagonistas das novelas de Verne que devoraba naqueles anos" (p. 136).
Dun xeito semellante á vivencia amorosa, estes paraísos "teñen data de caducidade" (p. 139). Así e todo, son espazos ós que se torna para recuperar as raíces perdidas da vida.
Por outro lado, temos o sentimento da saudade da terra do emigrante. É o que lles acontece ós protagonistas de "Amor de agosto" ou "Ríos de memoria".
Esta necesidade de ver os espazos perdidos ou de adquirir a casa dos devanceiros non sempre é comprendida nin compartida pola familia. A vivencia do espazo tórnase tan subxectiva coma a vivencia amorosa.
______________________
Imaxe de Fora-da-estante, blogue que cómpre non perder.

8.4.09

Agustín Fernández Paz. O único que queda é o amor (2)

2.1. Sinálase na presentación editorial que "hai unha trama de fíos invisibles que une as vidas dos personaxes deste libro".
Podemos dicir que este trazo literario resulta ser, ademais, un recurso técnico: "Eu penso que os libros de relatos han ter un fío", coméntalle o autor a Santiago Jaureguizar (El Progreso). "Sempre fago que contos debo ter un fío común", confírmalle o autor a Óscar Iglesias na entrevista que lle fai en El País (24-10-08).
Posiblemente é este recurso o que permite que non renxan cando van xuntos contos de diferente factura e época de redacción. O fío común resulta un eficaz elemento cohesionador.
Nesta obra son moi visibles dous fíos básicos: o amor e o gusto da lectura, que van entretecidos por dentro e por fóra do relato. As citas que encabezan os contos van avisando ó lector por onde pode ir a liña argumental; pero as citas de autores e obras convértense en materia viva para os protagonistas dos relatos, vólvense pezas argumentais case que imprescindibles. É "como unha marca da casa. Un personaxe que permita introducir lecturas ou filmes" (El País, 24-10-09).
2.2. Os protagonistas viven experiencias amorosas frustradas e frustrantes. Segundo o autor, "o amor é triste, porque ten data de caducidade". O do primeiro relato ("Un radiante silencio") nin chega a madurar. O resto vaise gorando. Pero o realmente válido e duradeiro é a lembranza desa experiencia, a ilusión do que puido ter sido aínda segue viva e latexante nos protagonistas no intre de axustar contas coa vida:
O libro é por veces triste e melancólico, só o feito de ter esa experiencia é algo remarcable na vida de calquera persoa. como dicía Pessoa, os únicos ridículos son os que nunca escribiron cartas de amor (El País, citado).
En resumidas contas, o amor vén sendo o tema central. Como salienta a Revista de Lletres, un tema da literatura universal desenvolvido en todas as súas posibilidades: "o desamor, a nostalxia da primeira experiencia, amores adolescentes e adultos, o que sobrevive despois de mortos..."

Agustín Fernández Paz, O único que queda é o amor, Vigo, Xerais, 2007. Ilustracións de Pablo Auladell.

Fotografía de J. Lores publicada en Faro de Vigo, 24-10-2008.

8.3.09

O único que queda é o amor. Cuestionario

Para o club de lectura de:
Agustín Fernández Paz, O único que queda é o amor, Vigo, Xerais, 2007.

CUESTIONARIO

  1. Á luz da lectura, comenta esta frase: "Todos os paraísos teñen data de caducidade, aínda que eu daquela non o soubese" (p. 139).
  2. Céntrate no conto "Despois de tantos anos" e comenta os cambios de comportamento que se foron operando dunha xeración a outra.
  3. Comenta: "A memoria é traidora, vai e vén polos camiños que quere e xoga con nós sen que poidamos evitalo. Pero a imaxinación é máis fiel, podemos mandar nela ao noso antollo" (p. 161).
  4. A ilusión como recurso literario e como recurso vital. (Para empezar, podes ver os relatos "Un río de palabras" e "Unha foto na rúa").
  5. Comenta a presenza da morte na obra. (Repara especialmente no relato "Despois de tanto tempo", p. 145, e confróntao con outros relatos que tratan o tema.)
  6. Fai o mesmo co mundo de ultratumba. (Repara: "Esta estraña lucidez", "Unha historia de fantasmas"...)
  7. Despois de ler a obra, ¿podemos describir o que chamamos amor?
  8. Á luz da lectura da obra, comenta a cita de Orhan Pamuk que a encabeza.
  9. Repara na explicación final do autor ("De amores e de libros") e explica por que razóns os libros poden ser obxecto do noso amor.
  10. En todos os contos se establece unha relación directa entre o sentimento amoroso e a palabra. Comenta este aspecto.
  11. Cita e comenta o sentimento da terra ou dos lugares nativos que se manifesta nos personaxes dalgúns contos. (Por exemplo, "Amor de agosto", "Ríos de memoria" ou "Meditación ante o álbum de fotos familiar").
  12. Na presentación editorial dise que "hai unha trama de fíos invisibles que une as vidas dos personaxes deste libro". ¿Cales poden ser os fíos desa trama?
  13. Relaciona e comenta brevemente aqueles relatos en que os protagonistas ven dirixida a súa vida polas fortes presións familiares. (Repara, p. ex., en "Un radiante silencio", "Amor de agosto"...)
  14. Os libros e os estados de ánimo dos personaxes. Repara, por exemplo, en "Un radiante silencio", p. 18. Cita máis casos.
  15. Comenta a presenza na obra do sentimento de frustración.
  16. Repara no conto "Un amor de agosto" e describe a vida nunha vila rural na época do "desarrollismo": contacto co mundo, relacións sociais, sistema de ensino, economía familiar, usos e costumes...
  17. Analiza o papel da memoria na obra, especialmente dende a óptica dos protagonistas. ¿Pódese dicir se a soleira dos relatos está na lembranza? (Cfr.: pp. 145-146 como punto de partida.)
  18. Escolle dous ou tres contos, os que che parezan máis axeitados, e analiza neles a grandeza e a miseria das relacións de parella.
  19. Comenta a percepción subxectiva do espazo. (Podes empezar por "Meditación ante o álbum de fotos familiar", nomeadamente polo que di na páxina 136.)
  20. Na obra son tan numerosas as citas bibliográficas coma escasas as referencias á música e ó cine. Así e todo, estas últimas tamén son significativas. Comenta este aspecto, reparando especialmente no relato "Despois de tantos anos".
  21. Se considerases esta obra como un manual de educación sentimental, ¿que ensinanzas tirarías del?
  22. Repara nas ilustracións de Pablo Auladell e dá a túa explicación sobre a presenza de anxos con ás cativas.
Imaxes de filix.org e Pablo Auladell.

12.1.09

Agustín Fernández Paz. O único que queda é o amor (1)

1.1. "Un radiante silencio". Sara, executiva capaz e competitiva, busca unha pequena saída á rutina diaria cambiando a cafetería habitual pola dunha nova librería que acaban de abrir ó pe do banco onde traballa. Curiosea polos andeis e compra algúns libros que le con ansia. Tamén vai atopando polos andeis tarxetas con citas de libros, coma se fosen expresamente deixadas para ela, coma se alguén estivese a manter unha charla con ela... Xorde o namoro ás cegas, mais abandona a busca do seu namorado oculto e deixa de ir pola librería. Pablo, o libreiro, decide queimar as tarxetas que lle tiña preparadas, coma se fosen cartas de amor, para irllas deixando días vindeiros.
1.2. "Amor de agosto". O protagonista, home maduro e cos fillos criados, decide queimar as cartas que de mociña lle escribira Laura. Namoráranse de adolescentes, mais o pai da rapaza botouno do traballo e ameazouno se non a deixaba. A rapaza elixiu o mellor partido dun estudante de leis con futuro.
O conto tamén nos presenta o panorama de emigración dentro do Estado: o asentamento e creación dunha familia noutro lugar, a falta de raíces da parella e dos fillos na terra, o esforzo do emigrante saudoso por manter algún lazo, aínda que sexa remoto, co lugar onde naceu.
1.3. "Esta estraña lucidez". El e mais o seu can tornan cada noite durante un ano "a este mesmo lugar, como marionetas gobernadas por unha man invisible". El namorárase d' Ela o día que a viu lendo un libro sentada nun banco da praia. El e mais o can morreran nun accidente. Aínda que romperan antes do accidente, de morto torna a visitar a muller da que estivera namorado.
1.4. "Unha historia de fantasmas". Pamplona, ousada de peregrinos que camiñan a Compostela. Cóntanse historias, recítanse poemas. Un misterioso contertulio identifícase co poema de Valente recitado pola narradora. O misterioso contertulio cóntalle o accidente dunha parella namorada. O narrador resultou ser o marido falecido catro anos antes naquel accidente de coche.
1.5. "Ríos de memoria". María, aproveitando unha viaxe a Bilbao, obriga o seu marido a desviarse para visitar a vila onde vivira de pequena. Identifica os lugares, lembre un amor adlescente, a despedida onda o regato que desapareceu canalizado... As bágoas acoden ós seus ollos: o soterramento do río asolágalle parte da memoria.
1.6. "Loanza da filatelia". Ernesto colecciona caixas de mistos. Cando casou, a muller non lle puxo mala cara; mais comezou a vela con malos ollos cando dediciu que lle estorbaba na casa. Despois dunha rifa coa muller, Ernesto deixou a colección. Cando morreu dun infarto, a muller queimou as caixiñas e con elas arde o "magnífico diamante de vinte e catro quilates engarzado no anel de ouro branco" que tiña pensado regalarlle nas vodas de prata.
1.7. "Unha foto na rúa". Daniel atopa tirada na rúa unha foto de carné co nome de Diana escrito por detrás. Namórase da moza e comeza unha busca desesperada. Diana é unha administrativa que se dedica a viaxar dende que lle tocara a lotería. Xoga a deixar oito fotos en cada cidade que visita coa ilusión de que, se cadra, alguén que as atope se entreteña en imaxinar historias.
1.8. "Meditación ante o álbum de fotos familiar". O narrador desta historia fai por herdar o pazo familiar. Na reforma da vivenda atopa un agocho cun cadáver. Mirando o álbum familiar, o narrador tenta ver os ollos do asasino.
Neste relato podemos ter o xermolo de Corredores de sombra, novela que trata o resentimento e a represión na guerra civil. Na novela, o tema desenvólvese dende a perspectiva da neta do asasino.
1.9. "Despois de tantos anos". Á narradora danlle a nova da morte de Adrián, de quen se namorara sendo moza xa con noivo formal. A vida levou a cadaquén por camiños estraños e afastados. Coa nova, a narradora recupera as lembranzas da mocidade e o desexo de imaxinar como tería sido a vida co mozo de quen estaba namorada. Unha caixa na que gardara unha foto e un exemplar das Rimas de Bécquer que Adrián lle regalara serviralle de táboa neste naufraxio.
1.10. "Un río de palabras". Botando man do recurso de colocar en lugares públicos follas con anuncios de servizos varios e tiras cortadas co número de teléfono, o protagonista deste relato pretende inundar a cidade con ríos de tinta: textos de obras e tiras co título para animar á lectura. Xórdenlle imitadores. Entre eles espera atopar o amor da súa vida.

Ilustración de Pablo Auladell para esta obra.