Amosando publicacións coa etiqueta Léxico. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Léxico. Amosar todas as publicacións

4.1.17

Avespa velutina e variantes

Imaxe: Pepa Losada / La Voz de Galicia
Lemos en La Voz de Galicia (03-01-2017) un simpático e interesante artigo de María Santalla. Titúlao "¿Vespertinas, brillantinas, comunistas, estatinas, ghalopinas...? No, velutinas". Recolle nel as distintas denominacións que lles foron dando nos avisos ao 112 sobre avistamentos de nespra asiática. Polo de agora non son máis que grallas léxicas (tímpano duro, termo novo e arrevesado...), pero andando o tempo poida que algunha desas denominacións acabe por facer o mesmo ca o insecto: quedar tan campante no niño do dicionario co seu novo significado. Mesmo haberá quen as eleve á categoría de ovispas. Xa se irá vendo co tempo.
Algunhas das denominacións recollidas son moi plásticas e deixan ao descuberto ese mecanismo psicolóxico que pomos en funcionamento á hora de etiquetar algo que non nos merece á mellor das consideracións: "raza loba", "ghalopinas africanisadas". Un bo alcume resulta máis identificador ca un nome, mal que nos pese a humanos e bechos.
E disto nin se libran os tradutores automáticos, que tamén teñen o seu corazonciño. A versión en galego deste artigo converte un "niño de raza loba" nun "neno de raza loba"; coma quen di, un neno que vai para cacique ou amigo e asesor de caciques. (Xa sabemos que hoxe non existen, pero que Deus nos garde deles. Para as velutinas xa iremos buscando amaño).

23.11.15

Co grelo ás envoltas

Imaxe: Davila/Faro de Vigo
Non hai moito puidemos ler na prensa unha simpática noticia relacionada coa festa do grelo das Pontes.Recollemos, como exemplo, as seguintes ligazóns:
 O trasno do tradutor de Google púxolle un toque erótico á festa e fíxolle aos organizadores unha ampla propaganda abondo máis barata có polémico vídeo musical de Enrique Iglesias.
O trabucamento explícase na identificación que no Brasil fan entre "grelo" e "clítoris". E o tradutor, se cadra influído polo clima, a potencia do país e a expansión da súa lingua, optou polo disfemismo.
Non me opoño a nada do dito, pero ¿seguro que só medran tales grelos no Brasil?
Quero lembrar a este respecto o dito por Valentín Paz Andrade na obra A galecidade na obra de Guimaraes Rosa: na outra beira do Atlántico abrollan usos, costumes e palabras que teñen as súas raíces neste vello país.
Lembro tamén, a maior abondamento, o alcuño dunha muller que viviu hai uns cincuenta anos na aldea de H. Rebautizárona como A Grela. Aos cativos non nos daban moitas explicacións, pero o motivo do sobrenome seica se debeu a que, tocante ao divertimento, facía o que lle saía do grelo. Non estou agora mesmo en condicións de procurar máis información ao respecto. Tampouco sei se hai máis xente bautizada desta sorte (se cadra han ter máis información no CRPIH). A señora emigrou da aldea canda o home e o resto da familia na procura de mellor vida. Ata onde eu sei, finou hai anos e non deixou o alcuño en herencia.
Para mellor información véxase o artigo "A Feira do Clítoris", no blog Dúbidas do galego.  Para non quedarmos con dúbida ningunha.

14.10.15

"Pedino de rodillas"

A expresión completa, tal e como a recolle La Voz de Galicia (08-10-2015. Actualizado a las 18:39 horas) di textualmente: "Pedino de rodillas e agora se me toma o pelo".
Expresións coma esta escóitanse e lense  a miúdo e fanlle saltar os automáticos ao gramático represor.
  1. En galego pídese de xeonllos (así nos vai). Non debe entenderse en sentido literal porque o alcalde non iría á reunión coma quen vai ofrecido á Virxe da Franqueira. Aquí ten o sentido de "pedir encarecidamente" ou algo similar. Tamén considero que se trata de algo máis que unha simple cuestión léxica. Lembro o caso dunha persoa culta que lles chamaba naranxas ás laranxas porque lle soaba menos "bruto". Así que por un prurito social tododiós ten rodillas e non xeonllos, abuelos e non avós ou nindiós ten Deus. As recuperacións, se se dan, pola vía académica.
  2. E agora *se me toma o pelo. O tomado é o pelo (complemento directo); daquela, sobra o se. En galego estándar: e agora tómanme o pelo.
Noutra ocasión falaremos dos complementos directos introducidos pola preposición a e da colocación dos pronomes átonos.

Malia o dito enriba, agradezo ao alcalde o uso da nosa lingua, mesmo para encabuxarse cos seus compañeiros de oficio. E prégolle que desculpe a miña deformación profesional. Ás veces os profesores somos tan atravesados coma os políticos.

27.11.13

Ai non (de Aíd)



ACTIVIDADES

1. Escoitamos aquí a canción Ai non (de Aíd)  ou directamente en Youtube.
2. Mentres escoitamos a canción, completamos a letra de Ai non (de Aíd) en Educaplay.
3. Cando teñamos rematada a actividade anterior, buscamos a letrada canción Ai non (de Aíd) na páxina musica.com e comentamos as grallas e os desvíos da lingua normativa que vexamos.
4. Coloquio: imos procurar o sentido da canción; recomendamos comezar polo retrouso.

5. Xogamos co léxico:

17.11.12

Lingua esgallada-49

Imaxe: Lingalog
Recollo algunhas expresións de exercicios escritos e propoño esta actividade por mor do trasacordo. Pódense facer en liña nestas dúas ligazóns:

Daypo:
Test lingua esgallada-49.

Educaplay:
Lingua esgallada-49.