30.12.09

Noticias de literatura-73


Mentres comeza a cheirar ó chamusco a publicación das "Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia"...


Marcos S. Calveiro

conversa con Manuel Villar Villaverde: "O mito de que Galicia é unha cultura subvencionada está aínda aí, coma o dinosauro de Monterroso". Marcos Calveiro acaba de gañar o Premio Lazarillo 2009.

Xabier Rodríguez Baixeras
gaña o Caixanova de Poesía con Deserto diamantino. Segundo Galicia Hoxe (18-12-09):


Dividido en cinco partes -a terra nova brasileira, a lingua, o amor, a vellez e a morte-, o novo poemario de Baixeras, como el mesmo recoñece, naceu dunha vontade inéquivoca: "Quixen escribir un libro da miña idade".

B. R. Sotelino fai unha achega á figura e á obra de Xavier Baixeras en La Voz de Galicia (18-12-09).


Paul Auster
Galaxia publica Invisible: Auster "introduce o seu protagonista, un estudante universitario con vocación de poeta, nun perverso triángulo amoroso que o vai involucrar nun acto violento que alterará o curso da súa vida" (Galicia Hoxe, 19-12-09).
Na entrega do Premio Leteo, Paul Auster manifesta:

Sobre este asunto, Paul Auster explicou que está máis cómodo contando así [con múltiples narradores] as historias, porque obtén un resultado máis plural, e recoñeceu que antes usaba unicamente un só narrador porque “igual non estaba preparado” para o maior esforzo literario que supón centrarse en voces múltiples (Xornal de Galicia, 29-12-09).


Carlos Mella
fala con Alberto Ramos no Xornal de Galicia sobre Memorias dun ninguén, autobiografía na que vai debullando, con ironía, a vida que lle tocou vivir:

En canto á ironía, penso que todos deberiamos usala de forma cotiá. É un xeito de ver as cousas dende lonxe. Se a ironía non é ferinte, non cae no sarcasmo, é un simple xeito de ver a vida, máis suave, máis certeiro. O contrario da ironía son cousas como o dogma, o imperativo ou a seguridade. Un pouco de ironía é preguizar para non arrebatarse nas cousas e nos feitos. É contemplar a vida dende unha determinada postura.


Juan Tallón
gaña o Modesto Figueiredo co relato Era el. Aposta pola "identidade e cultura":

Esta cita coa literatura contemporánea en galego pretende converterse nun trampolín para os escritores que utilizan a lingua propia ao tempo que se loita "contra estes novos séculos escuros", segundo as verbas da mantedora do acto de onte, Iria Torreiro Rodríguez (Galicia Hoxe, 27-12-09).


Chus Pato
autora de Secesión (Galaxia), elixido pola Revista das Letras como o mellor de 2009:


O libro de Chus Pato, publicado por Galaxia, naceu como un proxecto de memorias que a escritora converteu -segundo as súas palabras- "nun autorretrato". Trátase, porén, non dun atorretato seu "senón da miña escrita" (Galicia Hoxe, 23-12-09).


Manuel Forcadela
publica Sete leccións de poesía (Espiral Maior):

"O poema galego (...) foi deixando as marcas dunha sociedade en crise, dunha sociedade incapacitada para decidir o seu destino, mesmo para asegurar a súa supervivencia, en loita por ser centro e non periferia, escenario e non sombra, aproveitando da súa lucidez ou puro gozo da súa alucinación, á procura, entre Apolo e Dionisos, da súa propia dignidade" (Galicia Hoxe, 24-12-09).


Manuel Lourenzo e Rubén Ruibal
falan de teatro. E Xosé Monteagudo conversa con Manuel Vidal Villaverde sobre lingua e literatura:

[Un tipo listo] É a miña novela máis madura, temática e estilisticamente. Unha novela sempre debe incorporar a visión autorial sobre a realidade que describe. Pero un autor non debe esquecer que o concepto "novela" implica necesariamente un xogo co lector e a eficacia dese xogo depende de certas regras que convén non obviar. Penso que unha novela pode ser profunda, reflexiva e dicirlle moitas cousas ao lector sobre a realidade que describe sen necesidade de perder por iso a parte de entretemento que é consubstancial ao xénero. As novelas que máis pegada me deixaron foron xustamente esas nas que se produce unha perfecta simbiose entre os dous polos que acabo de mencionar (Galicia Hoxe, 28-12-09).


Ramón Cabanillas
péchase o ano dedicado ó poeta cambadés coa presentación de Roteiros pola poesía de Ramón Cabanillas:

Ramón Cabanillas foi construíndo unha lingua galega supradialectal e elegante á que lle deu "estado de eternidade", coma ninguén antes ca el lle dera; unha lingua onde está moi presente a morfoloxía e un bo quiñón léxico que recolleu da xente labrega e mariñeira do rumoroso val do Salnés e do seu tan amado Cambados natal (Galicia Hoxe, 29-12-09).

Galaxia publica a correspondencia entre Ramón Piñeiro e Franco Grande:

Cando o futuro comezaba (Galaxia, 2009) é o titulo que agrupa as cartas cruzadas entre Ramón Piñeiro e Xosé Luis Franco Grande ao longo de trinta e cinco anos de amizade. Pero é, sobre todo, a intrahistoria incidental dunha xeración, aquela que o propio Franco Grande retratou no seu libro-espello, Os Anos Escuros, e que, coma un rosario de nomes propios e títulos literarios, emerxe no papel desta conversa por etapas, que se iniciou en 1955 e que rematou co pasamento de Piñeiro en 1990 (Galicia Hoxe, 29-12-09).


Balances dun ano de libros:
 Imaxes de Marcos S. Calveiro (Galicia Hoxe), Xavier Rodríguez Baixeras (La Voz de Galicia), Chus Pato (Galicia Hoxe), Manuel Lourenzo / Rubén Ruibal (La Voz de Galicia)
 

29.12.09

Ramón Cabanillas. A roseira dos recordos

De interese especial para os bachareis


Na Casa Galega da Cultura atoparase a exposición 
RAMÓN CABANILLAS. A ROSEIRA DOS RECORDOS
Rematará a exposición o 31 de xaneiro de 2010. Está comisariada por Luís Rei, autor da biografía máis recente e ampla sobre a figura do poeta de Fefiñáns. Compóñena dez paneis e un audiovisual duns 16 minutos de duración. 
Sobre a exposición propoñemos esta miniquest.
Non vos animo especialmente a acometer o traballo (coñezo a raza), pero convídovos encarecidamente a visitar a exposición. Non vos ocupará máis dunha hora e resultaravos de proveito.
Aburiño.

25.12.09

Andrea Camilleri. A pista de area


0. O comisario Montalbano atopa de mañanciña un cabalo salvaxemente sacrificado na praia que hai diante da súa casa. Avisa para que o retiren, pero a prea desaparece misteriosamente. Máis tarde recibe na comisaría a visita da señora Esterman para denunciar a desaparición do seu purosangue, que gardaba nas cortes dun seu amigo dedicado á cría de cabalos. A señora Esterman estaba en Sicilia para participar nunha carreira hípica e aloxábase na casa dunha vella amiga do comisario.
As primeiras pescudas fannos saber que son dous os cabalos roubados. Na casa do comisario tamén entran ladróns que lle levaron o Rolex herdado de seu pai.
As investigacións van por varias vías: apostas, carreiras clandestinas, vinganza contra o criador de cabalos e mesmo a ameaza ó comisario por parte dun mafioso que ía ser xulgado.
Montalbano coida que a intrusión na súa casa é un intento de intimidación para que o seu testemuño non prexudique o mafioso. Sabe que a amante do delincuente, coaccionada polas ameazas, testemuñará ó seu favor. O comisario monta unha trapela para pillar os que asaltaran a súa casa. Uns descoñecidos chegan e tentan meterlle lume. Vense soprendidos e foxen, pero un deles resulta ferido. A mañá seguinte atopan nun descampado o cadáver dun home en calzóns cun tiro nas costas. A policía científica identifícao como un pobre sicario dos mafiosos e que o tiro que lle meteran nas costas proviña dunha pistola da policía. Montalbano decátase de que o morto participara no asalto á súa casa e que os seus "amigos" procuraron desfacerse do cadáver.
A solución do caso chégalle cando menos a esperaba. Da lavandería devólvenlle unha ferradura que atoparan no peto dos pantalóns. O comisario recolléraa de onda o cabalo morto na praia. Era isto o que procuraban os que lle revolveran a casa. As marcas das ferraduras permitían identificar o dono do animal. Tratábase, a fin de contas, dun intento do criador de cabalos para enganar os organizadores de carreiras clandestinas sacrificando un animal enfermo para facerlles crer que era o que eles lle esixían.


1. Malia a temática e o ambiente desenvoltos na novela, abóndanlle escenas cheas de humor e mesmo lances amorosos non buscados polo comisario, que semella entenderse mellor coas amigas ca coa súa noiva de sempre.
Nesta entrega -duodécima da serie- atopamos un comisario xa cincuentón que vai precisando anteollos para a presbicia.

2. A pista de area é para Uberto Martinelli unha obra mestra: "Entre cabalos, cadáveres, carreiras clandestinas da mafia e carreiras de beneficencia organizadas pola nobreza local, Camilleri leva o lector a mirar dentro dun espello, coa convicción de poder albiscar a verdade, do mesmo xeito que se reflicte a imaxe nun espello, onde a dereita se torna esquerda e viceversa, non é aquilo que parece".

3. Sobre o autor:

  1. Biografía na Wikipedia.

4. Recensións desta novela:


  1. Wikipedia: trama da novela.
  2. Unilibro: breve descrición.
  3. Sellerio editore.
  4. Salvatore Silvano Nigro fala dos contidos.
  5. Club de fans de Camilleri comenta aspectos da novela.
  6. Francesco Erspamer comenta a novela en Harvard Diary.
  7. Marilia Picone, en Stradanove.
  8. MilanoNera.
  9. Lettura finita. Quaderno di un bibliotecario.
  10. Il sottoscritto.
  11. Libri e film.
  12. Quotidiano Net. Artigo de Uberto Martinelli.

5. Sobre a película:


  1. Blogapuntate. Resumo.



Andrea Camilleri, A pista de area. Vigo, Galaxia, 2007. Tradución de Carlos Acevedo.

22.12.09

Non vexo... ni quiero ver

No Xornal de Galicia (22-12-09) atopamos esta noticia referida a un sindicato e mais a un alto cargo da Xunta (Junta). Disque o alto cargo non dá visto en que mellora a orde de Actividades Formativas no estranxeiro a inclusión do requisito de coñecer o galego.
Supomos que o alto cargo non ten dúbidas ó respecto. Se as tiver, podería consultarllas ós sociolingüistas de GB. Estamos seguros que lle darían razón botando man de sisudas pescudas amplamente referendadas por estudosos das máis afastadas partes do mundo.

Por estes lares atopámonos xentes máis pedestres, de escasos estudos. Mais así e todo, ousamos suxerirlle que, segundo os entendidos, un bilingüe harmónico ou cordial, se deprende algo nunha das súas linguas (poñamos por caso matemáticas) pode transmitir eses coñecementos na outra lingua. Daquela, se se tratase de promocionar un idioma coma o galego -Deus non permita semellante tolemia-, ¿tería algún sentido que os participantes en actividades formativas coñecesen tal lingua? Por exemplo: imaxinemos que a Xunta (que ten como idioma oficial o galego, pobriña) envía a Berlín a algún dos seus funcionarios a estudar a mecánica da locomotora WagenStruppen para o tren de alta velocidade; é moi posible que reciba a formación en alemán. Agora ben, cando o formando retorne a Compostela, coa cabeciña ben amoblada e cheíño de ilusión para traballar na altísima velocidade galega, ¿vai redactar o proxecto tamén en alemán? 
Segundo os entendidos, o proceso adoita ser así: apréndese noutras linguas, asimílase e aprovéitase na propia. (Menos en Galicia, que é un sitio distinto.)
No mesmo Xornal de Galicia, na contraportada, comenta Cris Moss a exquisitez lingüística doutros altos cargos da Xunta. Polo Fórum Europa Tribuna Galicia pasaron cargos institucionais doutras comunidades que luciron os seus nomes no idioma de cadaquén. Entre os galegos estiveron la Consejera de Trabajo y Bienestar e mais el Consejero de Medio Rural.
Teñen razón en traducir os cargos a un idioma de máis empaque. En galego serían menos dignos; soarían a carguiño esfameado. Cómpre facerse membro dunha comunidade grande; hai que pensar que somos ciudadanos del mundo.
-¿Y luego de qué parte del mundo venís siendo?
-Pues, ¿de qué parte le vamos a ser? De la del z...rullo. Pero eso si, le somos de la GZ...rullo Calidade.
No fondo, pódenos o complexo de inferioridade.

Imaxe de chiringuitoenparis.

13.12.09

Noticias de literatura-72

Ánxela Gracián publica Pinga de choiva (Xerais). Fala da súa obra, de lingua e de filosofía con Lupe Gómez:
Sempre lin moito. Cando tiña dez anos xa lera toda a biblioteca do colexio. Teríame gustado estudar Cine ou profesións máis artísticas. Filoloxía era unha carreira que estaba ao meu alcance xeográfico e eu tiña amigos que escribían, cos que compartía lecturas e poemas. Quería traballar coas palabras, con esa reflexión filosófica que hai detrás da lingua (Galicia Hoxe, 22-11-09).

Eduardo Estévez e mais Eli Ríos desenvolven un xogo de seducción en Rúa da cancela:
"A idea xa foi, desde o principio, escribir o libro entre os dous, Eli e mais eu. Os meus textos están escritos en primeira persoa, e os de Eli en terceira, desde a perspectiva do seu personaxe. Os meus están en verso, e os dela en prosa. É unha historia que sucede nunha noite, contada dun modo narrativo, de xeito pausado, demorado", explicou Eduardo Estévez (Galicia Hoxe, 25-11-09). Véxase tamén Galicia Hoxe, 22-11-09.

Xoán Babarro gaña o Premio Arume de Poesía:
O xurado quixo destacar que se trata dunha "poesía fresca e orixinal, moi relacionada coa natureza e co medio xeográfico. É unha poesía do galego estremeiro, e dende o punto de vista léxico utiliza dialectalismos do galego oriental. A métrica e as estrofas son moi variadas, e xoga coas onomatopeas e cos recursos gráficos para facer os poemas máis atractivos par nenos e nenas (Galicia Hoxe).
Manuel Darriba fala con Lupe Gómez sobre a novela Branco e outros temas da vida e da literatura.
Manuel Rivas presenta en México o seu poemario A desaparición da neve:
Asegurou que a viaxe lle resultou doada porque a emigración galega construíu unha ponte con México, xa que é unha das máis numerosas no país americano.
O autor, que sentía de antemán gran curiosidade por coñecer o certame literario, explicou que “antes de que McLuhan escribise aquilo da aldea global, xa o inventaron os galegos, esa especie de internet da alma que é a diáspora; Galicia é unha especie de país portátil” (El País, 4-12-09).
Marcos Calveiro, premio Lazarillo 2009 por O pintor do sombreiro de malvas. Segundo recolle o Galicia Hoxe (5-12-09):
A historia que relata Calveiro, segundo el mesmo comentaba no seu blog, "acontece na pequena vila francesa de Auvers, na ribeira do río Oise, durante sesenta e nove días do verán do ano de 1890 e está protagonizada polo rapaz do lenzo que acompaña ao pintor do sombreiro de malvas...".
Marcos Sánchez Calveiro declara a Xornal de Galicia:
“Éncheme de orgullo poder gañar un premio en Madrid cunha novela escrita en galego, ese idioma que algúns din que non serve para nada, competindo en igualdade de condicións con textos en castelán, catalán e éuscaro”.
No Galicia Hoxe atopamos unha ampla reportaxe de V. Oliveira sobre Marcos S. Calveiro e a súa obra.

Manuel Lourenzo publica Medea dos fuxidos e outras pezas:
Un conxunto de pequenas pezas teatrais que acaba de publicar o dramaturgo e académico Manuel Lourenzo. O obxectivo do volume, segundo subliña o propia autor, é duplo: permitir o goce como lectores pero tamén ofrecer textos de fácil montaxe para afeccionados, escolares ou adultos (Galicia Hoxe, 5-12-09).
Manuel Pérez Rúa premiado co Ramón Piñeiro de ensaio por Retrato da xeración de 1950:
O autor (...) falou do libro como “unha maneira de entender o cambio social” que se produciu nas últimas décadas no que se fai unha comparativa xeracional a través de trinta entrevistas. Neste sentido, o premiado considerou a obra “un álbum ilustrado con voces”, unha forma de “ilustrar o cambio dándolle voz aos participantes” (Xornal de Galicia, 10-12-09).
Miguel González Garcés, vixésimo cabodano. Lembranza do poeta en artigos de Plácido Lizancos, "Non omnis moriar", e Miguel Anxo Fernán Vello, "Lembranza de Miguel González Garcés".
Diego Ameixeiras fala en El País sobre Dime algo sucio:
En Dime algo sucio hai algúns personaxes tremendamente insatisfeitos, tamén no plano sexual. Pero o que lles pasa é que non soportan a vida. Por iso buscan que alguén dende fóra lles veña solucionar o seu desacougo, ben a través da sexualidade entendida como posesión, ou ben a través desa alquimia que os faga sentir desexados polo outro, únicos e reverenciados. Esa xente é tremendamente infecciosa.
Acto de entrega do Premio García Barros de novela a Xosé Monteagudo. A obra gañadora titúlase Un tipo listo. Entrevista con Xosé Monteagudo en La Voz.
Manuel Rivas presenta Episodios galegos. Tempos de esperpento:
"Pasouse dunha fase na que "facer país" era a máxima tanto dun conservador como de calquera membro da esquerda, ao seu reverso, á deconstrución nacional. Pero non só nos seus símbolos como lingua ou cultura senón tamén na materialidade das cousas: cada día temos un recurso menos" (Galicia Hoxe, 1-12-09).

Rivas na RAG:
“Se hoxe falamos dunha cultura viva, dun país portátil , dunha arca en movemento, é porque se mantivo unha cadea de resistencia ecolóxica coas palabras, unha ecoloxía cun dobre sentido, porque na medida en que coidamos do sentido, da alma, das palabras, as palabras coidaron de nós” (Xornal de Galicia, 13-12-09).

El País recolle deste xeito o ingreso de Manuel Rivas na RAG; a noticia en La Voz de Galicia.
Galiciaé destaca no discurso de Manuel Rivas o compromiso coa defensa do idioma e o patrimonio cultural. A Nosa Terra salienta a asfixia da lingua; Vieiros destaca as palabras "memoria, ecoloxía e lingua"; Galicia Hoxe: Manuel Rivas ingresa na RAG para "defender e espallar o idioma, o patrimonio e as expresións culturais de Galicia" e pídelles ás novas xeracións seren "custodias das palabras".

Imaxes: Galicia Hoxe (Ánxela Gracián); Xornal de Galicia (Rivas); Xornal de Galicia
(Marcos S. Calveiro)

11.12.09

Yashmina Shawki. Contos ao carón da lareira

Publica Yashmina Shawki neste volume dous contos precedidos dunha brevísima introdución que lles serve de marco. Estamos nas vésperas de Nadal. O avó alecciona e consola o neto frustrado por non gañar un premio. O vello, á calor da lareira e co recendo do caldo que prepara a avoa no ambiente, tenta aclararlle ó neto que hai cousas máis importantes na vida.
O escenario é vello, e hoxe case que se pode dar por desaparecido. Así e todo, a mensaxe do avó é intemporal: "Hai que ter soños e loitar para que se fagan realidade". Como exemplificación bota man de dous contos:
1. "O xílgaro" dá voz ó trasno dos desexos ocultos de Mercedes, unha sacrificada muller de aldea sempre pendente de todo e de todos menos de si mesma.
Mercedes coida do marido, un bo home algo tosco que non pode vivir sen ela. Mercedes coida a casa e a horta. Mercedes é diabética, e ultimamente non se atopa moi ben. Os médicos non saben como darlle a noticia: está preñada e na súa situación...
Mercedes decide seguir adiante co embarazo e o marido acompáñaa na súa decisión; saben que lle están a dicir adeus á tranquilidade. Así e todo, rechouchía "un xílgaro na póla do carballo que daba á ventá do cuarto. Había anos que ningún paxaro se achegara polo hospital".
2. "O berce" conta a ilusión do vello Antonio. Xubilado había ben anos, con netos casados e un bisneto en camiño, o vello xa non lle facía falla a ninguén. O anuncio do bisneto créalle unha nova ilusión. O vello comeza a facer un berce para o meniño coas súas propias mans. Quere desmostrarlles ós seus que, aínda que non dependan del, significan todo na súa vida. Quería que o agasallo fose unha sorpresa e, para manter o traballo en segredo, comportábase dunha forma estraña que os máis achegados interpretaban como mostras de senilidade. Mais "o berce dixera o milagre. O osco, teimudo e mal encarado vello, incapaz de amosar a súa tenrura fixera o que nunca puido facer antes, abrir o seu corazón".

Deixando á marxe a (in)corrección política da escena marco (a avoa cociña, o home vai recoller o neto á escola, un cálido ambiente familiar, a proximidade do Nadal...) queremos reparar nun par de aspectos educativos:
a) A competitividade e o éxito recoñecido non deben ser as guías do noso labor.
b) Somos un elo na cadea de xente que pasa polo mundo. O esforzo ten sentido cando se proxecta para deixarlles un mundo mellor ós que nos han suceder.
Velaí están, cremos, os temas fundamentais que Yashmina Shawki ganduxa en Contos ao carón da lareira.


Yashmina Shawki, Contos ao carón da lareira. Vigo, Nova Galicia Edicións, 2007.

21.11.09

Noticias de literatura-71

Ramón Nieto, premio Pérez Parallé de poesía 2009 por A estación única dunha illa.
Antonio García Teijeiro fala de poesía con Lupe Gómez:
"Penso que a poesía non se ensina. Ponse preto do lector, leslle, deixas que caia, dise en voz alta. Non se trata de convencer a ninguén, senón de incitalo a que se achegue ata os versos. Cunha actitude natural e positiva filtras a súa esencia e eles bébena por imitación, curiosidade e, co tempo, pola intensidade emocional que leva consigo" (Galicia Hoxe, 13-11-09).
Manuel Darriba fala de Branco (Galaxia):
Esta novela está protagonizada por "dos hombres que formaban parte de una brigada militar, que detienen e interrogan con brutalidad a una mujer; años más tarde se reencuentran. Uno de ellos persigue a otro, que tiene pareja. El narrador es el perseguidor" (El Progreso).
Xosé Fernández Ferreiro fala de lingua e literatura con Alberto Ramos no Xornal de Galicia (14-11-09):
Tentei facer unha literatura máis sinxela, como a que atopamos en A morte de Frank González. Eu sempre busquei facer algo máis accesible porque non podemos escribir sempre como Faulkner. A xente agora está máis preparada, pero antes non era así. Facíase unha literatura excesivamente complicada. Parecía que cada un quería facer o seu Ulises particular. Para chegar á xente había que facer unha literatura máis accesible. Lese pouco agora e sempre se leu pouco, pero a literatura de aventuras chega máis á xente. Ese foi sempre o meu camiño. Ao final podémonos preguntar: “quen leu o Ulises”? E a maioría da xente que fala do Ulises non tocou ese libro na vida.
Galicia Hoxe destaca o escritor Xosé Fernández Ferreiro como "rompedor de clixés".
Uxío Novoneyra homenaxeado en Culleredo:
Baixo o título A voz fundamental de Uxío Novoneyra na Galicia contemporánea, o seminario reunirá a distintos persoeiros da cultura galega para dar a coñecer a figura do poeta. Analizarase a traxectoria humana do autor, a influenza do Courel na súa obra, o seu papel na Asociación de Escritores en Lingua Galega, a súa visión política e a súa faceta artística (A Nosa Terra, 16-11-09).
Yolanda Castaño, premio Ollo Crítico de Poesía pola obra Profundidade de campo:
Eu quería facer unha alusión a unha problemática moi real neste tempo das persoas e mais das mulleres que é ou constante xuízo que se fai a seu aspecto, a imaxe da muller como campo de abono para todo tipo de prexuízos, estereotipos e tópicos (La Voz de Galicia, 21-11-09).


Fotografías: El Progreso (Manuel Darriba); Xornal de Galicia (Fernández Ferreiro).

13.11.09

As serpes cegas (Cava / Seguí)

Arrinca a historia coa chegada a Nova York dun personaxe misterioso (un enviado do inferno) que anda á procura de Ben Koch para facerlle cumprir un pauto. Os personaxes viven, ou iso parece, na cidade dos rañaceos en 1939. Está a piques de rematar a Guerra Civil en España.

A participación nesta guerra e noutros asuntos que indirectamente se relacionan con ela é o que move ós protagonistas, Ben Koch e Curtis Rusciano, a buscarse con asaño para axustar contas.
As diferenzas entre ambos os dous veñen de 1936. O idealista Ben deixa en Detroit un nome e unha vida da que non quere falar e procura en Nova York unha saída para a súa existencia. Tropeza con Curtis, que o introduce nunha célula comunista. As cousas complícanse e Ben acaba nas brigadas internacionais, no POUM e na batalla do Ebro. Nesa Cataluña en guerra que ensaia varias revolucións, volve tropezar co Curtis, agora comisario político con novo nome, que tentará matalo na serra de Pandols; antes xa eliminara a moza de Ben a dous compañeiros. En realidade Curtis Rusciano era un axente de Stalin, sen ideais nin escrúpulos a quen lle gorentaba facer traballos sucios.

O lume do inferno que acollerá os protagonistas emprégase como elemento xusticeiro: un incencio consumirá a moza e os amigos de Ben Koch e tamén a casa e a familia de Curtis.

Consumada a vinganza, remata a historia co cumprimento do pauto e cun brinde pola saudade.

As serpes cegas na prensa:

Felipe Hernández Cava / Bartolomé Seguí, As serpes cegas. Pontevedra, BD Banda, 2008.

10.11.09

Noticias de literatura-70

Xornadas sobre a figura e a obra de Xohana Torres. Ampla información no soportal de culturagalega.org: "Un mapa de Xohana Torres".
A ruta literaria Fiz Vergara Vilariño:
O Roteiro literario-artístico pola Lóuzara de Fiz Vergara Vilariño, organizado pola Asociación Cultural Ergueitos de Sarria e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), conta dende o mércores con dúas novas intervencións, creadas para a ocasión polos artistas Caxigueiro e Jesús Otero-Yglesias (Galicia Hoxe, 30-10-09).
Baixo o título "Próxima parada: la poesía" recóllese a nova en El Progreso.
Uxío Novoneyra homenaxeado pola Revista das Letras (suplemento do Galicia Hoxe). Artigos de Herminio Barreiro ("Uxío e Brais Pinto"), lembranza do seu pasamento ("Eran as 10:52", "Cúmprense dez anos...")
Ernesto Guerra da Cal: cincuenta anos de Lúa de Alén Mar. Lémbranolo Joel Gómez nun artigo en La Voz de Galicia, 31-10-09.
A lingua das bolboretas (Manuel Rivas): tradución ó tetun. A nova recollida no Xornal de Galicia.
Xosé Fernández Ferreiro, homenaxeado polo PEN Clube.
Xohán Xesús González recuperado.
As serpes cegas, Premio Nacional de Cómic. Foi un ano triunfal para esta obra:
Hernández Cava, licenciado en Historia da Arte, escribiu neste libro a peripecia dun home que busca un tal Ben Koch, antigo combatente das Brigadas Internacionais, no Nova York da Gran Depresión, onde os grandes poderes se enfrontan na sombra.
Manuel Lourenzo fala con M. Vidal Villaverde sobre o teatro do país:
Para min o teatro é a representación da vida mesma e a súa máscara, unha síntese de realidade e subrealidade. Ou, noutras palabras, a exposición do ser humano na praza pública, á vista de toda a xente. O resto é filosofía (Galicia Hoxe).
Ramón Cabanillas homenaxeado no cincuentenario do seu pasamento:
Ramón Cabanillas, chamado “poeta da raza” polos seus compañeiros das Irmandades da Fala, unha das plumas que levou a lírica en galego ao século XX con obras como Na noite estrelecida ou Da terra asoballada (Xornal de Galicia).


Imaxes: Cultura galega (Xohana Torres), La Voz de Galicia (capa de Lúa de alén mar) e Vieiros (Ramón Cabanillas).

4.11.09

Alda Merini

Hoxe celebrouse un funeral de Estado por Alda Merini. Morreu o primeiro de novembro. Os lectores de Cartas de amor (Fran Alonso) demos cunha cita da poeta que lle serve de cabeceira ós relatos:

Escribe
unicamente unha
carta de amor
que teña a
semente
dun gran salaio
e logo esquécea
na memoria
para que eu
poida escoitala.

Na prensa destes días lóase a figura e a obra de Alda Merini, considerada unha das poetas máis grandes de Italia, capaz de profundar como poucos na ánima humana. O xornal La Reppublica defínea como a cantora da dor dos marxinados. Ela mesma padeceu unha das peores marxinacións: a da tolemia. Tampouco non tivo moito que lle agradecer a unha vida que a levou de ganchete pola enfermidade, a necesidade, o desafecto...
Morreu de cancro de óso no hospital San Paolo de Milán, ós 78 anos. Levou unha vida "entre a arte e unha lúcida tolemia".
Segundo o presidente Giorgio Napolitano "apagouse unha voz límpida e inspirada". Mais a súa obra non se apagará e os lectores teremos de lla agradecer. Descanse en paz, Alda Merini.

Imaxe: reprodución da páxina web de Alda Merini en Il Corriere della Sera.

31.10.09

Gonzalo Moure. A noite d' O Risón

O narrador lembra unha noite de treboada que tiña pasado moitos atrás nun bar do mariñeiros (O Risón). O marco das historias ambiéntase nunha vila da desembocadura do Eo. O temporal impídelle regresar á casa. No intento por achegarse, o rapaz acaba refuxiándose na tasca mariñeira. Os seareiros que se dispoñen a pasar a noite nese acubillo sen luz e sen teléfono comezan a contar vellas historias"de xa van alá máis de corenta anos". Veñen sendo etas historias relatos de náufragos que "saen do inferno". De entre eses relatos cobran unha certa autonomía os da moza esbrancuxada e o mariño lanzal.
O lugar e o narrador serven de fío condutor das historias. Para o protagonista que se pon a salvo da treboada externa, os contos dos mariñeiros provócanlle unha treboada íntima que aflora moitos anos despois na súa memoria.


Sobre a obra:


Gonzalo Moure, A noite d'O Risón, Vigo, Xerais, 2007. Tradución: Ignacio Chao. Ilustración: Pere Ginard.

Imaxes:Edicións Xerais e laboratorium.cat

28.10.09

Noticias de literatura-69

Faleceu a escritora Anisia Miranda:
En galego publicou unha importante obra dirixida ao público infantil, a maior parte en Ediciós do Castro: Pardela amiga, Cantarolas, Os contos do Compay Grilo, A primeira aventura, A casa dos títeres, A volta do Compay Grilo e Mitos e lendas da vella Grecia. Na colección Merlín de Xerais publicou en 1995 unha reedición de Cantarolas, na que incluíu unha ducia dos seus poemas para nenos e nenas escritos en galego (Xornal de Galicia, 23-20-09).
Escritora, entusiasta activista e muller de notable temperamento, destaca Galicia Hoxe.
Miranda
entrou á literatura galega da man de Neira Vilas. Mesmo dende a Cuba revolucionaria -aló residiron entre 1961 e 1992-, o activismo literario da escritora desenvolveuse en galego (El País).
O Porto dos Escravos lembra os anos duros de Anisia Miranda e Neira Vilas na etapa de Follas Novas. Manuel Vidal Villaverde fai unha "Lembranza da escritora recentemente falecida cando se fan dez anos que a AELG homenaxeou a Neira Vilas co "Escritor na súa Terra" (Galicia Hoxe). Baixo o título de "Anisia Miranda" atopamos tamén a sentida lembranza do poeta Miguel Anxo Fernán Vello.
Maribel Gómez Arto, co seu poema "Eles non saben" foi recoñecida co accésit do Premio Manuel Oreste Rodríguez de Paradela (Galicia Hoxe).
Dolores Vilavedra bota unha ollada ás últimas letras nun artigo que leva por título "Na procura da identidade" (Luces, El País).
Daniel Salgado escribe sobre Suso de Toro por mor da publicación de Sete palabras.
Camilo Franco e Vieiros fálannos dos dez anos de "Por conto alleo", unha interesante experiencia de literatura na rede.
Xavier Alcalá publica Habana Flash, unha crónica da Cuba castrista:
O libro é a crónica ficcionada dunha viaxe real a Cuba que mestura o periplo da emigración galega a Cuba e o presente revolucionario de Fidel Castro. Escrita nunha prosa lixeira, Habana Flash é, deste xeito, unha mestura de documento xornalístico con ficción realista (Galicia Hoxe).
Lembranza de Uxío Novoneyra no décimo aniversario do seu pasamento: "A RAG decidiu dedicarlle por unanimidade o Día das Letras pola "excelencia" da súa poesía, polo seu galeguismo e por ser "profundamente democrático" (Galicia Hoxe, 26-10-09). No mesmo xornal (27-10-09), Xosé Lois García bota unha ollada sobre a figura de Uxío Novoneyra e sitúa o escritor no contexto do conflito lingüístico actual.
Francisco Pillado conversa con Manuel Vidal no Galicia Hoxe.
María Canosa fala da súa literatura con Rodri García (La Voz de Galicia, 26-10-09).
Xavier Lama, premio Borobó:
Xavier Lama (1962) ademais de xornalista conta con máis de doce libros publicados onde destaca a súa obra poética. Licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid é xornalista na Televisión de Galicia, posúe númerosos premios que dan conta do seu bo facer como xornalista e literato. Entre eles o "Galicia de xornalismo" 1989 ó mellor artigo do ano e galardóns literarios como o "Álvaro Cunqueiro" ou "Rafael Dieste" (Galicia Hoxe, 27-10-09).
Xosé Lois Rúa Núñez fala do seu último libro con V. Oliveira:
Rúa Núñez define Memoria dos ríos perdidos como "o libro das homenaxes a amigos, á poesía galega, aos mártires de Palestina, á "nación oblicua", Galicia".
Rosa Aneiros presenta Sol de inverno:
Aínda que Sol de Inverno poida incluírse no xénero da novela histórica -reconstrúe a peripecia dunha familia republicana que debe exiliarse para fuxir do fascismo-, Rosa Aneiros rexeita falar dese tipo de etiquetas: "Toda novela está ancorada nun espazo ou nun tempo que ás veces é a actualidade e outras varios séculos atrás". Por riba de todo, o seu obxectivo era "defender a historia de Inverno" até o punto de que este personaxe -central na trama- "ten voz propia e traballei nel para que o lector percibise non tanto a miña voz como narradora senón a da protagonista da novela" (Galicia Hoxe, 28-10-09).

Imaxes: Galicia Hoxe (Anisia Miranda); Miguel Villar, La Voz de Galicia (María Canosa).

26.10.09

María Victoria Moreno. Onde o aire non era brisa. Cuestionario

Cuestionario guía para o club de lectores de Onde o aire non era brisa.

CUESTIONARIO
(Entre parénteses sinálanse as páxinas nas que se poden atopar pistas para posibles respostas.
)
  1. Explica a escolla lingüística da autora e as súas razóns para facela.
  2. A xente e os recendos (p. 25).
  3. Trazos xerais da mentalidade dos homes da novela (p. 15).
  4. Trazos xerais da mentalidade das mulleres na novela.
  5. Descubre os poemas que abrollan no texto da novela (pp. 16, 47, 154, 155, 156, 157).
  6. O medo e os medos (pp. 17, 22, 33-4).
  7. Describe a situación das escolas do rural.
  8. O sentido e a práctica da caridade (pp. 80-81, 83).
  9. A infancia descrita na novela.
  10. Describe a familia dos Coroneis e comenta o seu papel en Alcores de Donalvar.
  11. O mozo Santiago e o seu pai discrepan no valor que lle dan á escola. Comenta este aspecto. (Para comezar véxanse pp. 40-46).
  12. ¿Que valor se lle dá á literatura na obra? (Véxanse pp. 54-5).
  13. As mulleres roxas e as mulleres azuis. Confronta modelos (p. 56).
  14. Analiza na novela a institución do matrimonio. (Repara, por exemplo, na parella don Andrés / dona Paquita.)
  15. Os alcumes (pp. 72, 76).
  16. O mundo soñado de Purita (pp. 91-95).
  17. A presenza da morte na novela (pp. 104-5).
  18. Os galegos na novela (pp. 128-144).
  19. A folga e o terrorismo agrario (pp. 132-144).
  20. O simbolismo da maleta (pp. 147, 153-7).
  21. O desengano de Elena (p. 158).

23.10.09

María Victoria Moreno. Onde o aire non era brisa

0. Ábrese a obra cun prólogo de Pedro Ferriol que nos conta a xénese desta novela que nacera cun nome e nun idioma distintos 36 anos antes.
A novela está baseada "nas experiencias dunha mestra nova que chega a unha vila de caciques e que salienta as lacras da década de 1960, na que imperaban as conspiracións, a pobreza, o poder eclesiástico e o analfabetismo; unha etapa dura para os que a viviron" (p. 9).

1. María Victoria Moreno cóntanos un retallo da vida dunha mestra nova que se enfronta con temor e ilusión ó seu primeiro traballo. Tócalle unha escola no rural, afastada do mundo civilizado mesmo para unha vila perdida como Alcores de Donalvar.
A través dos ollos de Elena, a moza mestra, vemos a España mesetaria e rural. Xentes que se moven en sombra, maletas maltratadas por un revisor túzaro que goberna un autobús escancelado que comunica cun mundo descoñecido.
A novela tráenos á memoria a España dos anos sesenta. Aínda é a de vencedores e vencidos: contrólanse as ideas, recórdase comenenciudamente o pasado, defínese a xente por bandos, márcanse as clases sociais ("o recendo a colonia sinala moitas fronteiras", p. 72), practícase a caridade fachendosa e négase a xustiza máis elemental. María Victoria Moreno mete o lector nese ambiente irrespirable -o aire non é brisa- que Elena procura cambiar a golpe de esforzo e ilusión.

2. No mundo pecho de Alcores de Donalvar, Elena vai abrindo algún furo para respirar: vai satisfacendo as ansias de coñecemento dos alumnos, consegue a parte do leite americano que lle corresponde á escola, esperta a conciencia social... En definitiva, escasos logros pero de grande valor simbólico. Sobrevivir nese mundo física e mentalmente pechado esixe un enorme esforzo de vontade. A avellentada mestra Margarita, "que sabía moito de pobreza e de orde", é un perfecto exemplo do que dicimos. Aínda así, ó lector parécelle que a súa morte provócalla máis o noxo cá enfermidade.
Mesmo os personaxes máis sans acaban sucumbindo á prodremia ambiental. Para algúns, coma a Gueta ou a súa filla, é o seu medio natural. Outros, coma don Andrés ou Fernando (namorado de Elena), prefiren sacar partido adaptándose ás circunstancias. A Fernando, por exemplo, non importarlle moito deixar a Elena colgada para aproveitar as vantaxes profesionais e económicas da familia de Purita.
Para os desconformes -Elena entre eles- as febles esperanzas dun mundo mellor van nas maletas. Cando remata o curso e retorna onda os seus, o pensamento de Elena faise ladaíña que segue o ritmo da marcha do autobús. Ladaíña da maleta na que vai a vida da xente que foxe (cfr. p. 147): "A ladaíña das maletas era intemporal" (p. 150).

3. A carón desta "intemporal" ladaíña das maletas temos o detemento do tempo: "Alcores do Donalvar, onde o reloxo sen setas nin latexos da torre era todo un símbolo de intemporalidade" (p. 125). Se lle engadimos que "sobre os campos o aire víase. O aire víase" (p. 134) xa temos os dous elementos básicos cos que a autora logra transmitir ó lector a atmosfera abafante da ditadura.
O feito máis salientable contra o sistema protagonízano, curiosamente, os segadores galegos, que non dubidan en botar man do terrorismo agrario unha vez esgotados os medios civilizados na defensa dos seus dereitos.

4. Quitado o xesto rebelde dos galegos, o resto dos conflitos sociais mantéñense latentes no ámbito público e rebentan no privado: matrimonios amañados que se sosteñen por comenencia ou porque non queda outra; liortas familiares que continúan a loita fratricida da guerra civil; mulleres e nenos convertidos en vencidos dos vencidos...

5. Sobre a novela e a autora:

___________________________________
María Victoria Moreno, Onde o aire non era brisa. Vigo, Galaxia, 2009. Tradución Xavier Senín.

Imaxes: María Victoria Moreno (foto A Nosa Terra); capa da novela (editorial Galaxia).

20.10.09

Noticias de literatura-68

Daniel Cortezón na memoria. Xosé María Palmeiro lembra o derradeiro encontro co escritor (Galicia Hoxe, 12-10-09). Xosé Luís Franco Grande fala da súa vella amizade con Daniel Cortezón.
Xohana Torres: unha achega á súa obra no Galicia Hoxe: "O Consello da Cultura organizará o vindeiro 29 de outubro unha xornada para abrir novos enfoques arredor da obra de Xohana Torres".
Santiago Jaureguizar e Marica Campo publican O contador de estrelas e E Xoel aprendeu a voar (Obradoiro-Alfaguara), respectivamente:

E Xoel aprendeu a voar conta a historia dun rapaz de 13 anos que apenas ten vida fóra da PSP e da rede. Xunto a Xoel, aparecen outros moitos personaxes, como os seus atarefados pais, Paco e Carme; Eunice, a moza brasileira pola que suspira o protagonista; o seu avó don Santiago ou os seus amigos Fabio, Daniel e Sara.

O contador de estrelas está recomendado para mozos de 14 anos en diante. O libro narra a historia de Antía e o peculiar verán que pasa nunha base de servizo antilumes na compaña da súa nai. Alí, a protagonista coñecerá a Enver, un mozo albanés que traballaba de mecánico. Xunto a el, a rapaza descubrirá o amor e a aventura. (Galicia Hoxe, 14-10-09.)

Vicente Risco: unha achega fotográfica á súa figura. "Amberley edita unha biografía do creador de "O porco de pé" que inclúe 150 imaxes, a maioría do fondo da Fundación que leva o nome deste auto" (Galicia Hoxe). "A escolma apaña en todos os campos da vida do autor da ‘Teoría do nacionalismo galego’, dende a súa nenez até o seu labor político" (Xornal de Galicia).

Novelas de Suso de Toro (Sete palabras) e Diego Ameixeiras (Dime algo sucio) en papel e formato dixital.

Xosé Cid Cabido anuncia para novembro a novela Unha historia que non vou contar:
Cid fía agora retallos dun suceso que azougou Vigo "entre 1973 e 1974". Non quere adiantalo, pero o libro inclúe entrevistas reais, reconstrución histórica e un narrador "facendo que o material lle vén do ceo" (El País, 16-10-09).
Manuel Lourenzo gaña o premio Álvaro Cunqueiro de teatro con Flores de Dunsinane. No mesmo xornal dáse a noticia de premio Manuel María para X. A. Neira Cruz (por Sopa de xarope de amora) e do Barriga Verde para Ignacio Vilariño (por Auga que non vas beber...) e Begoña García (por Bon appétit). Parabéns. No Galicia Hoxe, Manuel Lourenzo fala con M. Dopico da súa obra:
"O tema que quería traballar é a conciencia. Os Macbeth foron moi insidiosos. Conseguiron o poder cometendo un crime, mantivéronse nel cun crime... Na miña peza, Fleance, o fillo decompañeiro de armas de Macbeth, a quen este mandara asasinar, emprega a súa astucia para chegar a rei de Escocia e agora, vello, recibe a visita dos seus antecesores, os Macbeth. O texto ten que ver con limpar a cabeza de pantasmas..."

Imaxes: Xohana Torres,
Vicente Risco e Manuel Lourenzo (Galicia Hoxe).

11.10.09

Noticias de literatura-67

Pasamento do escritor Daniel Cortezón:

Nado en 1927 en Ribadeo (Lugo), Daniel Cortezón foi de formación totalmente autodidacta e pertencía á chamada primeira xeración dos dramaturgos de posguerra. Entre a súa produción literaria inclúense tamén diversas obras de narrativa, ensaio, artigos e mesmo algunhas traducións.

Entre as obras teatrais de Cortezón destacan Xelmírez ou a gloria de Compostela, A diáspora, sobre a emigración, ou as históricas Crónica do rei don Pedro e Crónica de Enrique IV. Así mesmo, realizou novelas como A vila sulagada, coa cal gañou o recoñecido premio Blanco Amor. (Xornal de Galicia, 6-10-09).

El País recolle a noticia do seu pasamento: "Nacido en 1927 en Ribadeo, la obra de Cortezón alcanzó cierta notoriedad cuando Ramón Piñeiro le colocó un prólogo en As covas do Rei Cintolo (1955) y la expuso como vía válida para la narrativa de posguerra".

No Galicia Hoxe resaltan:

En ensaio, foi autor de obras como Castelao ou a paixón de Galiza e Dionisio Gamallo Fierros, Varón de Porcillán, ademais de numerosos artigos en revistas como Estudios. Tamén publicou estudos de crítica literaria como Da mística e mítica caballeresca en don Ramón Cabanillas e impartiu conferencias como A fundación do teatro nas linguas minoritarias.

El Progreso recolle un gran abano de testumuñas que nos achegan a figura de Daniel Cortezón.

Reedición de Corazón entre desertos (Tucho Calvo). Entrevista co escritor en Galicia Hoxe.

María Reimóndez: crónica de V. Oliveira no Galicia Hoxe por mor da publicación de Pirata.

Luis Lamela publica Escapado. Do monte do Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón:
"O que fixen foi contar un conto sen distorsionar a historia. Os nomes e os feitos son reais. O protagonista, Teófilo Caamaño, coñeceuno Amancio Prada en Segovia. Era un galego que lle ensinou moitas das cancións que el cantou. Non todo o que conto na novela lle pasou a el, pero si aos seus compañeiros" (Galicia Hoxe, 10-10-09).
Camilo Franco cóntanos do debate de Agustín Fernández Paz E Inma López Silva sobre a nosa literatura "connotada": a distancia xeracional fainos ver a distinta percepción do problema da lingua.

Parabéns para Herta Müller.

Imaxes: Daniel Cortezón (foto de Martín García en El Progreso); Luís Lamela (Galicia Hoxe); Herta Müller (La Voz de Galicia).