30.1.19

J. L. Graña Muíño: "Itinerario do botellón"

Imaxe: Fervenza Edicións
Itinerario do botellón desenvolve sobre o escenario as posturas que distintos colectivos sociais adoptan sobre este hábito de divertimento da mocidade.
O desenvolvemento escénico ponse en marcha cando o hábito xa se considera un problema social: moreas de xente nova concentrada en lugares emblemáticos, intoxicacións etílicas, abusos, espectáculo pouco estético e toneladas de lixo ciscadas ao remate da festa.
A partir de aí, cada grupo actuante enfoca o problema segundo o vello método de nadar e gardar a roupa. Os políticos (P) ao mando procuran evitar que a situación se descontrole e cause perda de votos; os empresarios (E) aproveitados tentan sacar tallada de clientes e institucións; os mozos (M) teiman en non perder a súa inocente diversión; os manifestantes, nomeadamente os traballadores do servizo de limpeza "externalizado",  ocupan prazas e rúas reivindicando uns dereitos prexudicados indirectamente polo botellón.
Os axentes implicados non analizan a fondo a situación; simplemente procuran afastar o problema cambiándoo de sitio. Non pretenden darlle unha solución, senón aparcalo, facelo invisible, que non moleste. E se de paso pode aproveitarse comenenciudamente, mel na filloa.
Os personaxes non levan nome. Mesmo os máis individualizados, salientados da masa, pensan, falan e actúan como membros dun grupo social. Así e todo, dentro dos grupos de políticos, empresarios e mozos pódense apreciar diferentes sensibilidades: desde os que amosan unha relativa conciencia social ata os de pertegaza e pallougada. Pero o elo que os une a todos é a pretensión de arrimar a brasa á súa sardiña. O resto da sociedade amosa o seu sentir nas manifestacións.
A peza desenvólvese en dous actos. No primeiro (20 escenas) desenvólvese toda a problemática causada polo botellón, agudizada pola folga dos empregados da limpeza que reclaman melloras laborais. O segundo acto (dúas escenas curtas) cumpre o papel de epílogo: cae o peso da representación sobre os mozos que son, no fondo, as vítimas da situación. Os mozos que nos falan amosan un sentido común de xente madura, e o seu diagnóstico é moito máis obxectivo e atinado ca o dos políticos e empresarios porque é plenamente consciente da cruel realidade e brindan:

M1.- (Resignado) Acabo de entendelo: non somos ninguén. [...]

M1.- Por nós, que non somos ninguén!
M2.- Por todos os ninguén froito do botellón!

Dictiografía
_________________________________
J. L. Graña Muíño: Itinerario do botellón. (A Pinguela. Teatro para ler e representar), Silleda, Fervenza Edicións, 2017. Colaboración da promotora e construtora Bamarti.
Personaxes: 4 P, 4 M, 4 E + número impreciso de manifestantes.

8.1.19

Ödön von Horváth: "Mocidade sen deus"

Imaxe: Irmás Cartoné
Mocidade sen deus é unha novela ambientada no período de entreguerras que narra a consolidación do nazismo no poder. O narrador, mestre de escola, describe todo o proceso de embrutecemento dunha sociedade a partir dunha anécdota que lle tornou a vida imposible e acabou por mandalo ao exilio.
Unha simple reconvención a un alumno para recordarlle que os negros tamén son persoas carréxalle ao profesor, ademais dun alcume, toda unha cadea de amargas consecuencias: a protesta cabreada dun pai, o escrito de rexeitamento asinado polos alumnos, a chamada de atención do director, a expulsión do centro, a inhabilitación para o traballo...
No relato de todo este proceso imos vendo como se vai producindo un profundo cambio social e o tipo de xente que, activa ou pasivamente, vive ese cambio. O profesor narrador non é un home de acción nin ten grandes aspiracións: tan só pretende ter un medio de vida e vivir en paz consigo mesmo e co resto do mundo. Pero posuír un agudo sentido crítico e importarlle a verdade convérteo, a el e aos que coma el son, en pandotes da historia cando os que a escriben esixen obediencia cega e entrega total á súa causa sen ningún tipo de reflexión. Os traballos de clase descobren unha masa de alumnos sen ideas propias que só manifestan o que di a propaganda.
A educación (para a guerra) é unha peza importante nese cambio e ao profesor non lle queda outra que colaborar. Pero pensa:
E penso nos dous axudantes da vangarda, no sarxento da reserva, ao que aínda lle toca comandar, e nos soldados de madeira cos que se fan as prácticas de tiro; acórdame o director e N e o seu pai, o mestre na panadeiro n a batalla de filipos; e penso na serraría que xa non serra, e nos accionistas que, a pesar de todo, gañan máis, e no xendarme, que sorrí, e no cura, que bebe, e nos negros, que non teñen dereito a vivir, e nos desempregados da serraría, que traballan desde a casa a obra feita sen que lles dea para vivir, e na inspección educativa e nos cativos desnutridos. E nos peixes (p. 47).
 O profesor tenta sobrevivir, mais conserva unha actitude belixerante, moi afastada do cínico colaboracionismo do director que só aspira a chegar a unha tranquila xubilación. A deontoloxía empurra o docente a plantar cara a esa sociedade amansada á que pretenden chegar os gobernantes. O sistema facilitará, asemade, un clima apto para a actividade de individuos psicópatas. Fracasará: "Non deixes nada aquí! O negro vai para onda os negros". Pero marcha convencido de que lle falta á mocidade o deus da Verdade.
 A novela describe o proceso de dicotomización da sociedade, como se van conformando dous tipos humanos con valores, actitudes e comportamentos enfrontados. Por un lado, as "malas herbas" (marxinais) e polo outro os "ollos de peixe" (que teñen ollos impávidos, de odio; son os que campan e trunfan no novo réxime; na súa cabeciña só entran as ideas simples das consignas, que toman como verdades indiscutibles).
Nesta situación de triunfo das ideas paifocas, o pacifista profesor, que fora mobilizado na I Guerra Mundial, séntese perdido, ve os seus ideais frustrados e consómeo a desilusión vital.
Tamén se senten perdidas as persoas con sentido crítico. Ás veces non chegan a verbalizar o pensamento e o narrador transmíteo como pensamento oculto, como "ganas de dicir" que non chegan a manifestarse.
A plasmación deste desasosego refórzase con recursos literarios como o cambio de punto de vista cando o narrador fala consigo mesmo ou cando semella dirixirse a un interlocutor ausente; ou cando semella dirixirse a un interlocutor ausente; ou con parágrafos que son unha frase curta ou unha única palabra, pero que en conxunto pintan unha situación abafante para o narrador e fóra do seu control.
Mocidade sen deus resulta ser unha lectura esclarecedora e útil para entender o pasado e tamén para aprender a sobrevivir en situacións de radicalización social. Unha lectura especialmente interesante neste tempo que conmemoramos efemérides coma o centenario da fin da I Guerra Mundial. Unha lectura que nos aprende que os "deuses" que nos venden dende o poder non son máis que "un negocio sucio".

Dictiografía
  • Diego Ameixeiras, "Olor a fascismo", La Voz de Galicia, 27-10-2017: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/fugas/2017/10/27/olor-fascismomocidade-sen-deus/0003_201710SF27P8992.htm
__________________________________
Ödön von Horváth: Mocidade sen deus. Compostela, Irmás Cartoné, 2017. Trad. Patricia Buján Otero.