10.9.18

"Unha verdade amarga" (de Celia Díaz Núñez). Cuestionario

Imaxe: Unha verdade amarga/Galaxia
Solto este cuestionario sobre Unha verdade amarga, de Celia Díaz Núñez, coa intención de que sirva para o faladoiro do club de lectura da novela.

CUESTIONARIO
  1. No título da novela figura Unha verdade amarga, pero ao longo da lectura podemos detallar algunhas máis que foron marcando a vida dos personaxes. Ponde algúns exemplos.
  2. Daniel di: “Todo home ten dereito a saber quen é. E para iso un ten que coñecer quen foron seus pais” (p. 16). ¿Que outros dereitos pode ter unha persoa segundo a lectura da novela?
  3. Botar man do esquecemento ou do silencio é un recurso utilizado polas familias da novela cando están ante un asunto espiñento. ¿Que opinión vos merece tal recurso? ¿É realmente útil? ¿Resolve ou neutraliza os conflitos? ¿Serve para vivir en paz?
  4. Na novela hai dous matrimonios (Venancio-Pilar; Daniel-Silvia) que herdan a historia conflitiva que se desenvolve no relato. ¿Que semellanzas e que diferenzas hai entre estes dous matrimonios? ¿Que papel desempeña cada un dos membros desas parellas?
  5. Entre Aurelio e Alberte (avó e neto) establécese unha relación moi especial. ¿Que é o característico desa relación?
  6. O álbum de fotos, a caixiña de costura e a cama de ferro convértense na novela nun interesante recurso literario. ¿Que partido lle saca a autora a tal recurso?
  7. Dende un punto de vista social, Aurelio e Alberte presentan un onte e un hoxe. Establecede unha posible cronoloxía e comentade as condicións de vida de cada etapa.
  8. Fagamos un exercicio de lectura ficción: na novela (p. ex. cap. 4) hai historias que puideron ser e non foron. Xoguemos a facer propostas que cambien o fío argumental do relato. ¿Poden considerase estas historias que non foron como outras verdades amargas?
  9. Ademais do tango “Naranjo en flor” hai outras composicións citadas na novela “‘A canzone ‘e Napule”, “Volver”). ¿Que función desempeñan as cancións no relato?
  10. Ademais das datas citadas expresamente (1943, 1963), ¿que feitos ou obxectos nos axudan a situarnos no tempo?
  11. O tema da morte ten unhas poucas variantes nesta novela. comentade o efecto que causa nas familias. Reparade especialmente no tempo previo á fin do ser querido.
  12. Os personaxes móvense da aldea para a cidade. ¿Que supuxo ese cambio nas súas vidas? ¿Trátase só dun desprazamento persoal ou pode aplicarse a todo o país? No último caso, ¿que consecuencias sociais tivo tal cambio?
  13. “Mais ao cabo, os vellos segredos de familia sempre acaban por aflorar porque nin o amor nin o rancor poden agocharse eternamente” (p. 66). Debatede sobre a importancia da memoria e da desmemoria na vida das persoas, das familias e da sociedade.
  14. A idea de xustiza segundo os personaxes da novela.
  15. ¿Podería facerse unha imaxe da evolución da sociedade seguindo os modelos de coche de que se fala na novela? ¿E da crise económica? [Pódese empezar o coloquio polo capítulo 15].
  16. ¿Que idea do feminismo nos dá Carlos, o irmán de Pilar? [Cap. 15]
  17. Na novela cóntansenos pequenas historias de parellas. ¿Que as mantén unidas ou que as fai separar?
  18. Comentade a situación en que quedaban as viúvas da xeración de Lola Pereira. [p. 114]
  19. ¿Que opinión vos merece o control parental sobre os amores adolescentes? ¿Que caso ou casos se dan na novela?
  20. ¿Está xustificado o odio que sente Silvia contra os Salgado? [Cap. 21]
  21. ¿Viviu realmente enganado Aurelio Salgado sobre a realidade do seu suposto fillo bastardo?

3.9.18

Rolda pola república das letras-200. Agosto de 2018

Xavier Alcalá, The making of
[...] conta a historia dun escritor que, grazas a un xornalista galego coñecido como Cholo, indaga na vida de Alfredo Mosquera, o Coghomelo, un emigrante galego chegado a Arxentina nos anos 30 que colaborou cos nazis durante a Segunda Guerra Mundial (Borja Casal/X.F., La Voz de Galicia, 01-08-2018).
Emma Pedreira, Antídoto
-Cada vez que damos un paso adiante estamos deixando cousas atrás. O libro completo fala diso, de como avanzamos tendo que pechar portas. De como, para saír de certos espazos, hai que romper eses espazos. Estamos rompendo cousas a través das rupturas sentimentais e emocionais. Sempre imos cara a un futuro que nunca vén (entrevista de Borja Casal / X. F., La Voz de Galicia,03-08-2018).
Xosé Constenla, O colapso territorial en Galiza 
O colapso territorial constitúe o resultado da influencia que exerce a lóxica do capitalismo en combinación cunha serie de factores de tipo político e cultural. Nesta situación, emerxen dous procesos que tenden a reducir de xeito dramático a complexidade do territorio: por un lado, a diminución da humanización do espazo; isto dos usos sociais sobre o espazo (non só en termos demográficos); por outro, a perda da biodiversidade e o establecemento dunha paisaxe que resulta unha plasmación de determinados intereses empresariais (entrevista de Montse Dopico, Praza Pública). 
Alberto Ramos, A simetría das bestas
A obra trata, segundo indica Ramos, «da integración, do trauma e sobre todo de Caridad Verdet, a protagonista, que é a maior das bestas, non por fealdade, senón pola necesidade de adaptarse a un medio hostil para sobrevivir» (B. Casal / B. P., La Voz de Galicia, 06-08-2018). 
Xabier Quiroga, O cabo do mundo; Manuel Gago, O exército de fume 
O escritor Xabier Quiroga [...] debuxa en O cabo do mundo [...] un protagonista que, indica, «está no límite da vida» por mor dunha enfermidade, e que aínda así decide buscar no pasado familiar para saber quen era e que fixo seu pai: un home ao que acusan de asasino.
Manuel Gago [...] constrúe unha novela coa idea de chegar a un público amplo, pero sen renunciar, afirma, «a facerse preguntas incómodas sobre nós mesmos». O exército de fume (Xerais) sitúase a principios de 1942 nunha Galicia que vive entre dúas guerras ocultas: a dos nazis contra os Aliados e a da resistencia guerrilleira contra o franquismo (Borja Casal / X. F., La Voz de Galicia, 06-08-2018).
Oliver Añón, Canción para afundir flores no mar
Añón, ilustrador e animador, construíu “unha trama principal na que se entrelazan pequena historias con personaxes particulares que deixan ver un relato con presenza autobiográfica” (Sermos Galiza, 08-08-2018).
Max jacob, Filibuth ou o reloxo de ouro
“Tece unha historia da sociedade francesa mediante o retrato de gran cantidade de figuras de extracción social dispar”, explica a editorial na contracapa (Sermos Galiza, 12-08-2018).
Antía Yáñez, Senlleiras
A obra traza un relato de mulleres oprimidas pero que pelexan contra a opresión [...] En Senlleiras quería explicar, e tamén a min mesma, por que unha muller maltratada segue co maltratador e non é capaz de rachar con ese círculo vicioso (entrevista de Daniel Salgado, Sermos Galiza, 19-08-2018).