Amosando publicacións coa etiqueta Neno do pixama. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Neno do pixama. Amosar todas as publicacións

27.4.08

O neno do pixama a raias: unha fábula do horror.

Para o club de lectores d' O neno do pixama a raias.

Atopo no suplemento cultural Lecer, de Galicia Hoxe, esta recensión asinada por M. S. que vos deixo ligada. Completa a información que noutros apuntiños desta mesma sección fun deixando tempo atrás.
Na recensión coméntase o fenómeno literario en que se converteu esta novela, faise unha análise xeral e critícase a falta dun enfoque máis adulto. Este aspecto debemos confrontalo coa opinión de Flávio Paranhos, ligado no cuestionario sobre a lectura.
Resalta M. S. como mérito d' O neno o feito de enfocar o holocausto "dende un novo punto de vista para evitar que caia no esquecemento".

Intimamente relacionada co tema tratado n' O neno do pixama... está a reportaxe de Rodrigo Zuleta sobre o aniversario da queima de libros polos nazis. Ideas, obras e autores perigosos aparecen relacionados neste traballo, que tamén fai referencia a outras épocas torradoras. Botádelle unha ollada, non só para entender a obra que estades a ler; tamén ten interese como lectura terapéutica, para tentar de evitar que o menú cultural só nos ofreza uns tristes pratos coma os da foto: libros á brasa e xudiadas ó forno. (Perdoádeme o desabafo.)
Se aínda tedes uns minutiños, podedes escoitar este discurso do Furas:


(As imaxes son as que acompañan o artigo e mais a reportaxe que se citan.)

16.4.08

O neno do pixama a raias. Xenocidios

Para o club de lectores d' O neno do pixama a raias.
Déixovos este par de ligazóns. Servirán como fontes de datos externos que, en principio, non teñen moito que ver coa novela, pero que ilustran ós seus lectores.
Velaí van:
Galicia Hoxe
Mass Violence

(A foto é de Fernando Moleres, publicada no Galicia Hoxe citado.)

13.4.08

Un neno de pixama a raias

Para o club de lectores d' O neno do pixama a raias.

Déixovos esta ligazón para a revista XLSemanal que publica unha entrevista con Thomas Buergenthal quen, con máis ou menos a idade dos protagonistas da novela que estades a ler, padeceu en propia carne a experiencia do campo de Auschwitz. Tomou a experiencia coma un xogo e logrou saír con vida. Cóntanolo nun libro que acaba de publicar.
Algunhas das respostas que dá na entrevista axúdannos a entender mellor cuestións que na novela só aparecen insinuadas.

(Imaxe de Javier Ocaña en XLSemanal).

9.4.08

John Boyne. O neno do pixama a raias. Detrás do aramado

O neno sempre di que está en Ouvichs. A irmá atopa inexplicable que non o dea pronunciado correctamente. Mais o neno teima na incorrección, coma se se negase a admitir a existencia desa maquinaria de exterminio raiana na perfección que foi o campo de Auschwitz. (Ligo aquí este vídeo para ilustrar con imaxes o que só se nos suxire na novela.)
Tratamento semellante recibe o nome do promotor dos campos, e as traducións xogan coa suxestión que rezuma a parella de palabras:
Galego: Furas / Ouvichs
Brasileiro: Fúria /Haja-Vista
Francés: Fourreur / Hoche-Vite

8.4.08

O neno do pixama a raias. Datos previos

Para o club de lectores d' O neno do pixama a raias.

Os nosos veciños do IES Alexandre Bóveda xa lle botaron unha ollada a esta lectura. Para unha mellor comprensión da obra colgaron na rede este interesante informe que axuda a entender como se chegou ó nivel de barbarie que Jonh Boyne nos describe na novela.
Tamén deixo ligados este par de vídeos para que vexades sen a peneira da inocencia do protagonista o que pasaba do outro lado do aramado.
O primeiro dos vídeos pide un desexo que hoxe por hoxe parece imposible de lograr: que o animal humano deixe de exterminarse. Do segundo vídeo, xa falaremos outro día, despois de empregardes uns minutiños en asimilar esta información que vos recomendo.
Abur.

22.3.08

O neno do pixama a raias. Cuestionario

Para o club de lectores d' O neno do pixama a raias.
Deixo esta ringleira de preguntas co aviso de que vai ser revisada.

LECTURA: John Boyne,
O neno do pixama a raias, Pontevedra, Faktoría K, 2007.


CUESTIONARIO

  1. E educación dos nenos no seo da familia. (Repárese especialmente nas páxinas 16, 58, 110, 111.)
  2. Comenta e valora esta expresión que aparece varias veces na novela: "Zona-prohibida-en-todo-momento-e-sen-excepción".
  3. Comenta o xogo que dá a coincidencia de datas de nacemento dos nenos (p. 121).
  4. Na novela poden establecerse dúas partes. ¿Que feito establecería a divisoria? (Cfr. cap. 10).
  5. "Estás do lado equivocado do aramado" (p. 120). Comenta o valor desta expresión dita polo neno do pixama.
  6. Describe as relacións de Bruno coa súa irmá.
  7. O recurso ó amigo imaxinario.
  8. "Estamos aquí para corrixir a historia". ¿Que personaxe pronuncia esta afirmación? Comenta o significado da mesma.
  9. Gretel e a autoidentificación, é dicir, nós e os outros. (Véxanse pp. 161-162.)
  10. O traballo como "misión" (p. 166).
  11. O simbolismo do aramado.
  12. ¿Cal puido ser o final do pai de Bruno?
  13. Comenta o significado que poden ter na novela as bonecas de Gretel.
  14. A amizade segundo Bruno.
  15. O neno deforma certos nomes como Fura e Ouvichs. ¿Realmente é incapaz de aprendelos ben? Comenta este extremo.
  16. O comandante nazi recibe de rebote a súa propia menciña. Comenta dende a óptica de lector esta técnica de efecto de espello.
  17. ¿Agacha a novela algunha mensaxe? (Na edición orixinal figura a indicación "unha fábula".)
  18. ¿Como se xustifica na novela a superioridade dunha raza sobre doutra?
  19. A Avoa, ¿un personaxe disidente?
  20. Baseándote nas insinuacións da novela, comenta as distintas saídas que se lles ofrecían ás xentes que non comungaban co réxime.
  21. O valor das materias de estudo segundo herr Liszt?
  22. Explica o punto de vista adoptado por Boyne para contarnos a historia.
  23. Flávio Paranhos comenta no seu blog: "John Boyne escolheu mal a idade do protagonista, ou as crianças alemãs eram imbecis no período da Segunda Guerra?". Advirte Paranhos que Boyne é irlandés.
  24. A técnica adoptada por Boyne esixe un alto grao de "confabulación" co lector. ¿Estás de acordo? (Non esquezas xustificar a resposta.)
  25. ¿Serías quen de resumir en poucas palabras a esencia da traxedia que se nos conta n' O neno do pixama a raias?
  26. Comenta o valor literario do destino final dos nenos.
  27. ¿Reparaches nas dúas fiestras ás que asoma Bruno para contemplar o mundo? Comenta este aspecto.
  28. Shmuel pasa fame. Bruno tamén. Mais, ¿de que ten fame Bruno?
  29. Bruno diríxese ós pais como Padre e Madre. Comenta este tratamento. Compárao co que emprega Shmuel. (Por certo, ¿este rapaz fala dos dous?)

(Capa do libro tirada da páxina da editorial.)