Amosando publicacións coa etiqueta Poesía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Poesía. Amosar todas as publicacións

3.10.19

Francesco Marciuliano: "Podería facerlle pis enriba e outros poemas de gatos"

Imaxe: Lata de sal
Un libro escrito por quen sen dúbida sente un gran amor polos gatos e que lle resultará de agradable lectura a quen guste da compañía destes animaliños. Atoparase con escenas que lle parecerán familiares porque a obra vai contando poeticamente feitos e actitudes destes felices felinos.

A obra artéllase en catro partes (Familia, Traballo, Xogo, Existencia) que conforman outros tantos eixos temáticos. Unha brevísima introdución dá a idea xeral do poemario: cando un gato entra na vida dun humano convértese no seu xefe. O texto vai acompañado de simpáticas fotografías de gatos de varia pelaxe.

A voz de F. Marciuliano traduce para linguaxe humana os sentimentos, afectos, desafectos, problemas, beneficios... que xorden na relación dos felinos cos bípedes. Relacións que non sempre son amorosas, desinteresadas ou cordiais. Aos humanos, por exemplo, moléstalles esa teimosía dos gatos por marcar territorio, ou a desorde que causan os seus xogos, ou que esfarrapen o sofá, ou que desfagan a cama, ou que lles rouben o seu espazo favorito. Os gatos, pola contra, non levan ben que os bañen, nin que os desparasiten, nin que entren competidores na relación. E aínda levan peor que os castren.

Así e todo, os gatos esfórzanse por entender os humanos e consideran que paga a pena ter un bípede por mascota.
_____________________
Francesco Marciuliano: Podería facerlle pis enriba e outros poemas de gatos. Madrid, Lata de sal, 2015.

10.2.17

Arancha Nogueira. Andar descalza

O poemario estrutúrase en dúas partes --"Descalza para ti" / "Descalza para min"-- que, como sinala María Lado na introdución, son dous puntos de vista diferentes pero complementarios. Complementarios e ligados pola mesma voz poética que pensa no "ti" e no "min", destinados a camiñaren "en sentidos opostos", como manifesta no poema que precede a ambas as partes.
Un ton amargo percorre todo o poemario. Os sentimentos que manifesta a voz poética vense como constrinxidos a ser gobernados por forzas alleas. Andar descalza é unha potente imaxe que transmite unha voz poética espida. Nos poemas que reproducimos --correspondentes á primeira e segunda parte, respectivamente-- tamén se pode albiscar o antedito. Patentizan a frustración do eu poético ao verse contemplado dun xeito interesado como un valor mobiliario e ao ver coutada a liberdade pexada polas súas propias orixes.

______________________________________
Arancha Nogueira, Andar descalza. Concello de Outes, 2013. XVII Premio Francisco Añón de Poesía.

7.12.16

Manuel Outeiriño. É


É, de Manuel Outeiriño, estrutúrase en tres partes:
  1. “Na nube”
  2. “O falante ilírico”
  3. “É”
O poema que reproducimos estende o seu título ao poemario enteiro.
A palabra é un dos motivos principais desta obra. Preséntase como elemento configurador da esencia do individuo. Sen palabra non hai persoa: “Non falas, non: / poucos e mal autentes, / morren os contos”. Este poema ocupa a penúltima posición na obra, que remata coa outra cara da moeda: a “contrapalabra”.
Os feitos cotiáns, anódinos ou non, métense no devir do individuo, no seu ser e no seu estar (“Na escasula do tempo”, p. 99). O individuo é un elo na cadea do tempo que xa vén dos devanceiros.
En "É" son moi visibles dous importantes elementos simbólicos: a curuxa e o río. A primeira, dende tempos inmemoriais, representa a sabedoría; mais entre nós tamén se toma como premonición da morte. O río, neste caso o feito de cruzalo, pode facernos pensar na superación dunha dificultade; pero tamén é unha referencia á purificación (o bautismo, por exemplo), malia que aquí se considere "ritual parvo".

Fálase do poemario en

Manuel Outeiriño, É. Vigo, Galaxia, 2005.

25.2.16

Manuel María. Sonetos á Casa de Hortas


O lector repara neste soneto porque nel están trazadas as paredes mestras do tema desenvolvido por Manuel María ao longo do poemario. Neste soneto está condensada unha lección de antropoloxía sobre o valor que o galego dá á casa co seu eido.
"A casa e o seu contorno ben cercado" non reflicte un mundo pechado, senón un universo completo, acabado, perfecto. Para o poeta vén sendo a representación máis cabal da idea do paraíso.
Casa e familia son no poemario conceptos indisociables. A casa é refuxio ou punto de encontro do clan (os Hortas). Ese clan fórmano a familia (vivos e defuntos), os serventes, as partes da casa, o eido e as árbores, os animais domésticos...
A casa, construída polos devanceiros con "sentidiño" na escolla do material, na distribución e na estética, é un ser vivo con memoria. Cando os moradores se van indo, a casa herda a súa memoria. As xentes morren, "a casa permanece".

Sobre a obra

Manuel María, Sonetos á Casa de Hortas. A Coruña, Espiral Maior, 1997. Hai edición recente (2014) feita pola Fundación Manuel María de Estudos Galegos.


2.12.15

Manuel Álvarez Torneiro. Onde nunca é mañá. ("Ofrenda")

Trátase dun poemario que segue na liña da poetización da memoria, iniciada Por Álvarez Torneiro en obras anteriores.
Onde nunca é mañá expresa liricamente a  loita contra os efectos do paso do tempo: “A vida que remata sendo historia / proclive ao esquecemento” (p. 11). A nosa existencia está garantida  mentres viven os que nos coñecen (“Coñecinos”). Para o poeta somos río (“pasando igual ca un río”; p. 46).

Onde nunca é mañá tampouco non é un poemario de memoria acrítica. O tempo vivido dá a experiencia e a autoridade necesarias para facer unha análise crítica do humano (“Os malditos”, p. ex.) e do divino (“Ese Deus…”). A senectude convértese en “Sabedoría”.

Esta obra estrutúrase en dúas partes ( O mandato do tempo e Para un final sen fin). Na primeira, a voz poética reflexiona sobre os temas dende unha certa distancia; na segunda, a voz poética diríxese predominantemente a un ti, que pode ser o lector, alguén coñecido ou o propio poeta.

Reparo no poema “Ofrenda” porque resulta unha excelente forma lírica de lembrarnos que, ademais de sermos memoria, tamén somos fala.

Fálase da obra en

Manuel Álvarez Torneiro, Onde nunca é mañá. Pontevedra, Kalandraka Editora, 2014.

22.8.15

Kruckenberg, homenaxeada


A imaxe e o poema están nas escaleiras da rúa Roupeiro, en Vigo. Trátase dun traballo do Proxecto EWA.
O texto pertence ao poemario A sombra ergueita, editado por Castrelos en 1976. Neste libro, os poemas aparecen numerados. O da fotografía vai encabezado co número 39 e pecha a obra. Unha obra que reflexiona sobre o sentido da existencia, que rezuma intimismo e, por veces, desespero.

Curiosamente, o poemario arrinca con estes versos:
Nin os muros de pedra
do camiño
paran o vento.
Ninguén para o vento.
O muro que sostén o traballo artístico é de formigón e, se non pode parar o vento, si pode soster un grito poético de fe e esperanza no ser humano.
Que dure.

Máis información:


2.7.15

Xosé María Díaz Castro. Nimbos de luz

Este libro recolle a exposición coa que se homenaxeou o poeta o Día das Letras do 2014. Trátase dun traballo colectivo coordinado por Alfonso Blanco Torrado que, baixo o título de "Unha voz limpa e comprometida", traza a traxectoria vital e poética do homenaxeado e sintetiza o triplo basamento da súa obra: lingua + paisaxe + cultura labrega. Afirmación que se pode ver corroborada polas imaxes desta fotobiografía.
Completan o traballo as achegas de Luís G. Tosar ("Diálogo con palabras amadas e soñadas") e Armando Requeixo ("A poesía que non se vai xa máis" e a "Cronoloxía", ampla e detallada).
Como agasallo, acompaña ao libro o documental de Xosé Antón Cascudo, O instante eterno, que recolle o espazo poético diazcastriano.
Imaxe: Xosé Cid. Escultor


Dictiografía

Alfonso  Blanco Torrado (coord.), Xosé María Díaz Castro. Nimbos de luz. Vigo, Galaxia / Xunta de Galicia, 2014.

19.9.14

"A semente" (de Víctor Campio Pereira)

No limiar, Xesús Alonso Montero descríbenos a un Víctor Campio Pereira González como persoa discreta e comprometida "coa causa universal da Xustiza". Defíneo como poeta elexíaco no senso machadiano do termo: "se canta lo que se pierde". Mais non todo o que se foi está perdido. Queda a memoria e o froito en novas xeracións, como vemos ao percorrer a obra deste autor.
En "A semente" non é precisa a referencia a Ramón Otero Pedrayo para entender a mensaxe, pero axuda a situar o poema nun tempo e nun espazo determinados. Sabemos que Otero viviu a noite de pedra condenado ao exilio interior. Os vencedores da guerra civil respectáronlle a vida --era católico e conservador--, pero depurárono e quitáronlle a cátedra. Tardaron una década en lla devolver. Coma outros vellos galeguistas, procurou non perder a esperanza e fixo sementeira agardando tempos 
Imaxe: alberguería.es
mellores.
O soneto de Víctor Campio Pereira comunica poeticamente esa situación: xeracións prometedoras ("trigo de luz"; "lentura de terra") que non puideron dar o froito esperado porque foron abafados nun "tempo de tebras" con "cascallos de odio"; recibiron o trato do inimigo vencido. Aínda así, nos tercetos ábrese o camiño da esperanza sementada pola voz do petrucio.

___________________
Víctor Campio Pereira, Quince sonetos de amor e once poemas máis. Antoloxía. Xunta de Galicia, 2011. Edición e limiar de Xesús Alonso Montero.

17.7.14

Jorge Armesto Rodríguez. As bágoas dos seres pequenos



Os seres pequenos son persoas, pero tamén cousas como a Máquina ou a Boneca de follato. Sobreviven nun mundo hostil. A voz poética fala deles con afecto e mágoa. Os seres pequenos son os perdedores da Historia, os vencidos da vida. Para eles, “a vida é un esputo de Deus” (p. 43). Segundo o poema escolleito, a Terra tamén é un ser pequeno que vai virando a súa vida padecendo as catorce estacións que compuñan -ou aínda compoñen- o viacrucis de calquera cristián.
Capa do pemario

Falan do poemario


Jorge Armesto Rodríguez, As bágoas dos seres pequenos. Pontevedra, Edicións Fervenza, 2007.

24.6.14

Rochi Nóvoa. Farrapos de boneca

Na “Soleira” defínese esta obra como un “libro de sentimentos versificados”. Estamos ante un poemario que debulla o tema amoroso nas súas múltiples variacións e efectos secundarios: fastío, indecisión, depresión, espera frustrada, vivencia do momento porque non hai nada eterno, soños perdidos, desorientación, claudicación, separación, tolemia… Tamén o amor filial.
Unha excelente descrición poética das caras deste sentimento atopámola no poema “O amor” (na imaxe).O amor.jpg

Farrapos de boneca é unha reflexión pesimista --por veces desesperada-- sobre a existencia: “visualizo a angustia e desesperación / do Skrik de Munchc” (p. 35).  Unha foto da situación dánola a tirada de adxectivos de “Estado de reflexión” (p. 49; na segunda imaxe).
A ollada pesimista esténdese ao mundo que nos rodea. Así, en “Luvas de tisú” (p. 45) ou en “E que máis?” (pp. 50-1) o eu poético cambia a un nós e denuncia os males da globalización, nomeadamente a explotación económica, a corrupción e o abuso de poder. No primeiro dos antecitados poemas descríbenos como:
Monicreques manipulados por fíos
madeixas de la
que se desfán
feitas en… Taiwán?

Estado de reflexión.jpg



Para achegarse á obra

5.5.14

Raíz da fenda (de Berta Dávila)


Este poema é o pórtico de Raíz da fenda e pon ante os ollos do lector a estrutura da obra. Nas súas cinco tiradas de versos e no seu contido están recollidas as cinco partes estruturais, ou "fendas", do poemario, que se corresponden coas vivencias da morte de seres queridos, do desamor, da enfermidade e da derrota, da procura dun lugar na familia ou da ferida que provoca a propia creación literaria.

Falan do poemario



Berta Dávila, Raíz da fenda. Vigo, Xerais, 2013.

4.1.14

Xosé María Díaz Castro. Letras 2014. Achegas na rede

Xosé María Díaz Castro
Imaxe: RAG
Designación da RAG


Sobre o autor e a obra