Amosando publicacións coa etiqueta Arto Paasilinna. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Arto Paasilinna. Amosar todas as publicacións

19.8.09

Arto Paasilinna. O muiñeiro ouveador (4)

Outra das achegas ó mundo paasilinniano que non debemos pasar por alto deixámola ligada máis abaixo. Referímonos á recensión de Elvezio Sciallis, publicada na páxina Horror magazine.
Destaca Sciallis case que como trazo característico dos artistas finlandeses a capacidade de moverse en territorio de fronteira, entre o cómico e o dramático, entre a alucinación e o realismo máis pormenorizado. Compara Paasilinna co seu paisano Aki Kaurismäki, cineasta, capaz de agachar baixo a codia do humorismo unha feroz crítica social.
Lémbranos Sciallis que o muiñeiro ouveador non pode menos que evocar a figura do lobishome. Tamén fai referencia á particular loita quixotesca de Gunnar contra os muíños... mais neste caso, coidamos nós, o alucinado non é o muiñeiro.
Para Sciallis resulta especialmente inesquecible o "(in) esperado" final, incerto e dubidoso, na raia entre o realismo e a fantasía.


Arto Paasilinna, O muiñeiro ouveador. Cangas do Morrazo, Rinoceronte Editora, 2007. Tradución de Tomás González Ahola.
Imaxe de tro-heol.fr, compañía de teatro e monicreques.

13.8.09

Arto Paasilinna. O muiñeiro ouveador (3)

Na páxina StradaNove atopamos unha recensión de Davide Potente sobre O muiñeiro ouveador (Arto Paasilinna) que enlazamos novamente aquí. Subtitúlaa "Un tolo finlandés á procura da liberdade". En síntese, dinos:
"Gunnar Huttunen é considerado soamente un pobre tolo que pouco despois das dúas guerras chega a unha tranquila aldeíña dende un lugar impreciso do sur de Finlandia. Kunnari, como lle chaman todos, decide reformar e poñer en marcha o vello muíño da ribeira do Kemijoki, abandonado hai máis de vinte anos. A empresa acada o éxito e comeza deste xeito a permanencia do home: a atmosfera pacata da comunidade vese trastornada polas bufonadas de Gunnar, home de metro noventa capaz de imitar moi ben a gran parte dos seus paisanos e a unha boa grea de animais. Se polo día a xente ri co comportamento raro de Gunnar, pola noite témeo e ódiao moi a miúdo. O muiñeiro sofre frecuentes crises depresivas que o fan ouvear pola noite. Todos os cans da veciñanza responden ós seus ouveos e por un devastador efecto en cadea a aldea enteira vai pasar varias noites en branco. De súpeto, prende o amor na vida de Gunnar identificándose coa figura de Sanelma, unha conselleira agrícola. Sanelma, andando o tempo e despois dos problemas causados pola alternancia de crises depresivas e exaltacións desenfreadas, dará comprendido este home e chegará a amalo. O mesmo proceso que vai da desconfianza que provoca o enfermo mental ó amor polo home vaise producir no lector: quen lea a primeira páxina logo se decata de que cómpre afastarse do protagonista, pero na segunda parte do libro non se pode evitar facerse seareiro de Kunnari. No fondo, é un bo home, unhas veces algo inocente e outras abondo renarte, que só desexa ser libre e que ama o seu traballo, o atletismo e a súa moza. Os personaxes secundarios, como o garda municipal Portimo ou Happola, vólvense relevantes para o destino do muiñeiro. Arto Paasilinna relátanos unha vez máis unha bela historia da súa Laponia, alternando a comicidade co drama humano e contando o paradoxo da tolemia dun xeito punxente".

Imaxe da páxina HorrorMagazine. Nesta páxina atopamos unha recensión de Elvezio Sciallis que non debemos perder.

9.8.09

Arto Paasilinna. O muiñeiro ouveador (2)

Entre as ligazóns que figuran máis abaixo no apuntamento sobre O muiñeiro ouveador (Arto Paasilinna) está a de Cronache da Tule, blog de Luca Rota. Imos deixar aquí un pequeno resumo do que o escritor italiano di sobre o colega finés. O artigo completo e orixinal fica ligado novamente aquí encima.

"O muiñeiro ouveador é unha típica historia paasilinniana: nela o protagonista é un tipo estraño que xorde da nada nunha aldea da Laponia finlandesa para volver pór en disposición un vello muíño medio arruinado, un personaxe que tenta fuxir por todos os medios da civilización contemporánea e de todos os seus conformismos, rodeado de tanta xente ben pensada (o doutor, o pastor, o comisario de policía... os que "mandan" na comunidade, en definitiva) que, notándoo "distinto", acaban por denigralo de calquera xeito, mais que tamén é axudado por algúns que comprenden o espírito libre e non homologable, se cadra porque se ven reflectidos nun semellante espírito de liberdade mais sen teren a coraxe de facer o que lles pide a súa vontade; e todo na paisaxe finlandesa de sempre, natural, maxestosa e viva, feita de bosques, lagos, montes, ríos e animais salvaxes como únicos habitantes lexítimos. Mais é unha Natureza paradigmática, capaz de resistir aínda a invasión humana e, daquela, representante baixo moitos puntos de vista dunha enxebreza ancestral, dunha harmonía primordial aínda sensible ó ritmo da vida universal. (...) Neste ambiente desenvolve Paasilinna a súa narración; na fuxida da normalidade humana contemporánea, atopará aí acubillo e, se cadra, solucións ós seus problemas...
En suma, tamén n' O muiñeiro ouveador atopamos todos os ingredientes que fixeron de Arto Paasilinna o escritor escandinavo máis coñecido ó sur das súas habituais latitudes, ben amalgamados para lle conferiren á historia tamén unha lectura crítica e sarcástica da civilización moderna e da súa irrefreable tendencia a cortarlle as ás a quen queira voar libre (demasiado libre para o que permiten as regras impostas).
N' O muiñeiro ouveador , o protagonista, para escapar da persecución á que o condenaron os seus paisanos, exasperados pola súa "rareza", bótase ó mato e reconstrúe nel o seu pequeno mundo cotián no que vivir en santa paz, afastado de normas, regras, leis, imposicións a miúdo derivadas da vox populi vox dei, expresión dun egoísmo colectivizado máis que dunha sabedoría comunitaria..."

6.7.09

Arto Paasilinna. O muiñeiro ouveador (1)

0. Gunnar Huttunen, un home do sur, instalouse despois das guerras na aldea de Suukoski en Laponia. Coa venda do pouco que tiña comprou un vello muíño arruinado, reparouno e púxoo en marcha xunto coa serra de auga.
Aínda que a empresa foi un éxito, os veciños xa o consideraran un insensato por se meter no negocio do muíño. Como tamén divertía os nenos imitando animais e veciños, a sona de tolo botou a rolar como unha bóla de neve. A pinga que rebordou o vaso foi o dos ouveos. Cando Gunnar estaba deprimido ou co ánimo alterado dáballe por ouvear, ás veces noites enteiras. Os veciños non dormen e desexan encerralo nun manicomio, especialmente o médico e mais o ricacho da aldea. Lógrano con malas artes. Mais Gunnar dá fuxido do encerro coa axuda dun falso tolo (Hoppola) que se dedica ós negocios.
A segunda parte da novela é unha fuga permanente do protagonista, que se mofa de veciños e autoridades coa axuda da súa namorada (a asesora agrícola Sanelma Käyrämö), o carteiro (que ten como afección a destilación clandestina) e o axente de policía Portimo, quen só desexa vivir en paz.
Cando o devolven ó manicomio (outra vez con malas artes), o axente e o muiñeiro desaparecen no bosque.
A partir deste feito, os fugados entran na lenda. Os veciños oirán ouvear un lobo grande, acompañado do can do axente, que tamén se fugara ó bosque.

1. Moitos aspectos desta novela traen á memoria do lector O bosque dos raposos aforcados. A lembranza da guerra e as súas secuelas, as situacións estrambilicadas que se contemplan como normais, a vivencia da extravagancia con absoluta naturalidade, o gusto pola vida rural...
Mais o muiñeiro ouveador non é aquel badulaque protagonista d' O bosque dos raposos..., a quen non lle importa enganar a amigos ou inimigos. O muiñeiro é un ser entrañable, amoroso e inofensivo mesmo cando se defende. Pode dicirse que se converte no pandote das tolemias dos outros veciños máis listos e comenenciudos.
Vistos en conxunto, os personaxes do bando do muiñeiro son algo inocentes e confiados. O autor contenta ó lector cun final máis ou menos feliz, pero o certo é que ó noso protagonista non lle queda outra que desaparecer da aldea. Os seus amigos reagrúpanse para viviren en mellores condicións e lógrano, pero son os perdedores da historia.

2. O lector estranxeiro notará na novela, especialmente se a relaciona con O bosque dos raposos aforcados, o carácter particular da vida e da cultura de Laponia, así como os efectos que sobre o ánimo das súas xentes tiveron as guerras sufridas no século XX.

3. Resulta interesante achegarse á novela e á figura do autor dende a perspectiva de:


Arto Paasilinna, O muiñeiro ouveador. Cangas do Morrazo, Rinoceronte Editora, 2007. Tradución de Tomás González Ahola.

30.7.07

Raposos aforcados

O bosque dos raposos aforcados, de Arto Paasilinna (traducido do finlandés por Tomás González Ahola).

Leva o subtítulo de “Ouro, delincuentes e belezas”. Non se pode estruchar máis o argumento nin a organización da novela. Tamén se estende por tres estados o espazo no que se desenvolven os acontecementos: Suecia, Noruega e Finlandia. A menos que consideremos Laponia como entidade única.
Tres son tamén os personaxes que podemos considerar principais: Oiva Juntunen (o delincuente protagonista), Sulo Armas Remes (o comandante borrachuzas que acabou sendo amigo do primeiro) e a vella koltta nonaxenaria Naska Mosnikoff (que se converterá nunha especie de nai para ambos os dous). Tropezarán con outros personaxes: animais que semellan humanos e humanos que non merecen tal consideración. Pero a todos eles alcanzará o brazo da xustiza (poética).
Arrinca a acción nun barrio de luxo onde vive o delincuente profesional Oiva Juntunen. Ó lector vaille chocar xa de entrada o carácter de estranxeiro na súa casa e o falar coma un carreteiro no seu dialecto savo, marcas que non abandonan o personaxe e que nolo fan familiar ós lectores do país. (A tradución cultural faraos expresarse nun galego occidental, con gheada e seseo. A gramática parda que empregan vén indicando o nivel de encabuxamento que experimentan segundo as situacións). Dende a primeira páxina, o autor non deixa de mostrar a cara agridoce da emigración independentemente do status que teña alcanzado cada personaxe que a sofre.
A novela artéllase en tres partes de desigual extensión. Na primeira atopamos o protagonista preocupado polos cambios que pode sufrir a súa actual vida acomodada. Lograra fuxir da necesidade de traballar para vivir grazas a un roubo máis afortunado ca ben planificado. Levaba uns aniños gozando da vida sen ter que dar pancada, pero agora os seus cómplices ían saír do cárcere e virían reclamar a súa parte. Dun deles desfíxose doadamente cunha argallada que o devolveu ó caldeiro. Mais o outro, o asasino en serie... Decidiu liscar co seu tesouro o máis lonxe posible das gadoupas do seu antigo cómplice e acabou nunha cabana de cazadores nos bosques de Laponia.
Tamén coñecemos nesta primeira parte ó comandante Sulo Remes, un brutamontes borrachuzo, sen moita ansia pola vida, con problemas familiares (non goza da simpatía da muller nin das fillas, e con razón), sen moitas posibilidades de ascenso e co ollo axexante so deu superior controlando o seu traballo. Concedéronlle unha excedencia para despois dunhas manobras militares... nos bosques de Laponia.
Cando comeza a segunda parte, xa temos un lugar onde non se espera tropezar con alma viva convertido nunha especie de lugar de encontro dunha morea de xente que parece levada da man dun trasno estrafalario. O delincuente vese na necesidade de defender o agocho do seu ouro duns posibles depredadores cos que non contaba: unha división de artillería pesada, un comandante que decidiu pasar alí a súa excedencia porque cheiraba que había algo que o podía sacar de apuros, un raposo, un policía de bosques...
Nas partes segunda e terceira, a acción vaise centrar case que exclusivamente na relación destes dous personaxes. Tal relación vai pasando por fases sucesivas: encontro, estudo, confianza, engano, hostilidade, colaboración, amizade...
O comandante vaise convertendo na man esforzada e habilidosa que lle falta ó protagonista, e recibirá destes os medios económicos e o gusto para ir meténdose nunha vida de luxo. Tamén realizará o importante papel de intermediario entre o mundo afastado do delincuente fuxido e o mundo civilizado.
A cabana do bosque cobra vida e vai cambiando de fasquía coma un personaxe máis. Pasando do abandono ó luxo, vaise afirmando na ansia pola vida e contaxia o entusiasmo ós seus moradores e ó contorno, coma se fose un oasis vivificador.
Mais as cousas teñen que volver ó rego. Como di o refrán, cada coello ó seu encovo. No bosque quedará Cincocentos, que semella máis cristián ca raposo. Cumprirá puntualmente o rito de marcar a tumba do gato que enterrou segundo o rito animal. Quedarán tamén as tumbas no silencio do bosque...
No derradeiro capítulo, Arto Paasilinna reparte xustiza e dá a cadaquén o seu merecido. Este aspecto parece ser un trazo caracterizador do novelista.
A novela está escrita cun humor que acae ben ós galegos. Fai sorrir, pero toca temas moi serios. Na lapela dísenos que “a súa escrita, limpa e precisa, ten a capacidade de contar de forma cómica as historias máis tráxicas e desconcertantes, que ambienta sempre nunha natureza vista con respecto e amor, e protagonizadas polos seus prototipos de homes finlandeses, algo anárquicos e individualistas”.
Por algún deses temas podiamos atravesar paseniñamente. A saber: o trato indulxente que reciben os delincuentes; as excursións de antigos soldados invasores; os movementos migratorios das xentes que non teñen patria; os baixos fondos da condición humana; as visións tópicas dos países veciños; a vella que se resiste a abandonar o seu hábitat; o sentimento da terra...