23.9.10

Noticias de literatura-85

Manuel Rivas anuncia a próxima saída de Todo é silencio:
Trátase dunha historia de intriga ambientada nunha vila imaxinaria da costa -chamada Brétema - coa emerxencia do narcotráfico a finais dos anos setenta como pano de fondo. Un triángulo de rapaces -Leda, Fins e Brinco- protagonizan unha narración dominada, porén, polo Mariscal, un personaxe que, en palabras de Manuel Bragado, "quedará gravado na historia da Literatura galega" (Galicia Hoxe, 16-09-2010).
María do Carme Kruckenberg publica A voz da auga (Barbantesa):
un libro que, segundo a autora, marca un círculo existencial onde vai conectando diferentes etapas da súa vida. Son 84 poemas que percorren as catro estacións do ano e os seus 84 anos de vida (Galicia Hoxe, 17-9-2010).
Noticia da presentación da obra e entrevista coa autora no Xornal de Galicia (18-9-2010).
Entrevista con María do Carme Kurckengerg en La Voz de Galicia (18-9-2010).
Xosé Tobío Mayo recuperado:
O frade das dúas almas (Ed. Galaxia) foi escrita en tres ocasións diferentes, (a devandita edición desaparecida, otra redactada desde o labor memorístico da primeira e unha terceira datada por volta dos anos sesenta), os seus once capítulos encádranse arredor dos espazos e da vida aldeá, vilega e urbana (Compostela ten un peso importante e sobresaen algúns espazos típicos) e encaixa no que acostumamos denominar novela de aprendizaxe como sinalan os autores da edición Teresa López e Xoán López Viñas: "A infancia de Leliño e dos seus compañeiros de estudos, Mingos e Manuel, as probas a que son sometidos, a súa iniciación amorosa, a crise vital que se manifesta como crise de fe..." (Galicia Hoxe, 18-9-2010).
Xavier López publica Os libros prestados:
o importante son os personaxes de cada un dos relatos: un catedrático de literatura ao que as súas lecturas de mocidade o levaron a ser voluntario da División Azul; un vendedor de enciclopedias; un pensador, ou un teórico da literatura que sostén que o trascendente non é o que se escribe senón por qué se escribe (Xornal de Galicia, 18-9-2010).
Sobre Libros prestados e outras obras, véxase este post de Ferradura en tránsito.
Inma López Silva gaña o premio Pousadas de Compostela
cun relato titulado O despacho de Molly Bloom, “unha historia sobre un cura trotskysta que un día decide facer o Camiño... e non conto máis”, sinalou a escritora (Xornal de Galicia, 19-9-2010).
Víctor Freixanes publica Cabalo de ouros:
Trátase dunha novela centrada na época do volframio na Galicia do 49 ao 51, aproximadamente. Hai unha partida de cartas que dura tres días e tres noites entre un grupo de sete persoas cun capitán xogador, un vello alcalde do interior e un cura. Ese sería o núcleo da novela, pero é unha historia que resulta complexa porque se hai sete personaxes, hai sete vidas, hai sete historias. As historias entrecrúzanse, hai unha aventura de amor e unha parábola do país. A novela está construída como un cantar de cegos (Xornal de Galicia, 19-9-2010).
Retranca, Premio Ourense de Banda Deseñada.
Aínda que a Santa Compaña os persegue, desta volta coa gadaña da crise -o que os obrigou a reducir a súa perioricidade de mensual a bimestral ante a caída de publicidade-, o certo é que o seu humor gráfico "sen censuras e politicamente incorrecto" conseguiu facerse cun público fiel. A súa sátira diríxese tanto á polémica da lingua como aos "chistes" de Rosa Díez ou o feísmo urbanístico. "O noso interese é falar do que na prensa seria nunca se fala, sacarlles punta ós temas que están na rúa, nas cafeterías, nas tendas... A crítica chega mellor a través do humor. E iso é algo que falta en Galicia. Aquí non houbo nunca revistas satíricas senón que o humor se dirixía máis á reflexión. Agora que levamos tres anos, nótase que os autores que colaboran con nós foron perdéndolle o medo a falar de determinados temas", comenta Kiko (Galicia Hoxe, 21-9-2010).
A Porta Verde presenta Sétimo andar, poesía alén:
Os seus integrantes afirman que máis ca un colectivo pretenden ser un espazo, xa que consideran a poesía como “un espazo aberto onde sempre é posible un encontro que se constitúe nunha máxica coincidencia de soños (im)posíbeis” (Xornal de Galicia, 20-9-2010).
Manuel Núñez Singala, entrevistado no Xornal de Galicia (22-9-2010) por mor da presentación de Menú de enganos:
Ofrécese un conxunto de relatos que teñen un punto en común: o engano. Ademais, preséntase ao xeito dunha carta, xa que en función do tamaño de cada relato e se é máis ou menos dixestivo, cada conto se converte nun entrante, nunha sobremesa ou nun primeiro prato.
Os Ancares, a serra esquecida acaba de saír á luz publicado por Teófilo Edicións. Trátase dunha compilación de reportaxes do periodista Enrique de Arce que denunciaban o illamento e abandono desta terra (Galicia Hoxe, 22-9-2010).

19.9.10

Marcos Calveiro. O pintor do sombreiro de malvas. Cuestionario


Cuestionario guía para o club de lectura d’ O pintor do sombreiro de malvas.
(Nota previa: todas as cuestións procuran unha resposta baseada na lectura da novela.)

  1. Na novela, o narrador ocupa boa parte do seu tempo no gozo de ler.Relaciona as obras obxecto de lectura. Analiza a valoración que a sociedade descrita na obra ten das lecturas que se citan e da xente que le. [Para empezares, bótalle unha ollada ás páxinas 14, 26, 39 e 156.]
  2. ¿Quen narra a historia? ¿Cal é o punto de vista adoptado na novela?
  3. ¿En que época se ambienta a novela? ¿Cales son as características máis salientables desa época?
  4. O título da novela é anecdótico.Explícao.
  5. Quen vén sendo o pintor do que se fala na obra?
  6. ¿Podes establecer unha relación entre a personalidade do pintor e a técnica pictórica que emprega? [Véxanse pp. 20-21, 28 e 73.]
  7. Despois da lectura da novela, ¿como dirías que anda a cabeza do pintor Vincent?
  8. No contexto da obra, ¿que valor ten a expresión “A tristura non rematará xamais” (pp. 167, 173).
  9. Se contrastas a biografía do pintor coa figura que del se dá na novela, ¿temos a mesma imaxe do personaxe?
  10. Analiza a figura do sacerdote.
  11. Analiza a relación narrador-Adeline.
  12. ¿Dáse na obra outra relación que representa o contrapunto da anterior? ¿Quen son os protagonistas? Compáraa coa anterior.
  13. Como lector, ¿consideras que queda algunha liña argumental sen desenvolver?
  14. ¿Que decisión vital toma o protagonista-narrador?
  15. Por certo, ¿como se chama o protagonista-narrador? ¿Que recursos se utilizan para dirixirse a el?
  16. Describe o proceso de deterioración psicolóxica do pintor.
  17. ¿En que modo inflúe a pintor na madurez do protagonista-narrador?
  18. ¿Pode dicirse que a novela describe a confrontación de dous mundos? ¿Cal é a túa opinión ó respecto?
  19. ¿De que outros pintores se fala na obra? ¿Teñen algunha relación co noso pintor? [Véxanse pp. 47, 80, 105.]

Marcos Calveiro, O pintor do sombreiro de malvas, Vigo, Xerais, 2010. Premio Lazarillo 2009.

17.9.10

Roberto Blanco Torres, aínda desaparecido


Para os que nos debruzamos sobre a lingua e a literatura do país a figura de Roberto Blanco Torres é de visita obrigada.
Foi o escritor homenaxeado o Día das Letras do ano 1999. Daquela soubemos que perderamos a persoa cando a carraxe nos cubriu cunha longa noite de pedra, pero tamén descubrimos que nos quedara o modelo ético e estético que cómpre non esquecer.
Hoxe lemos, con emoción e desazo, o artigo "A dobre desaparición de Roberto Blanco Torres", de Cristina Huete (El País, 17-9-2010), que nos debe servir como motivo lembranza e reflexión.
Sobre o mesmo feito, vemos tamén a testemuña de Juan L. Blanco Valdés.

15.9.10

Noticias de literatura-84

Chelo Suárez gaña o XVII Premio Lueiro Rey de novela con As horas rotas: 
O xurado do certame resaltou que se trata dunha novela "de contexto da guerra civil española pero no que destaca a poética coa que é tratada dende o punto de vista dunha muller que padece as consecuencias do inicio da guerra civil, vendo como se tronzan as súas esperanzas e ilusións; e dende o punto de vista dun guerrilleiro que entrega a súa vida no que considera unha causa xusta" (Galicia Hoxe, 5-09-2010).
Xabier Rodríguez Baixeras presenta Deserto diamantino, un poemario 
que parte "da posesión dunha propiedade, de algo, que pode ser o poboamento dunha terra, incluso o poboamento dun poema. Cando botamos avista atrás, decatámonos de que xa non existen moitas cousas que antes había" e, daquela, aparece a perda.
A xuízo de Baixeras, danse tres clases fundamentais de perda: a perda da inocencia poética, o que el denomina "a voz perdida"; o concepto do amor, "que tampouco se dá dunha maneria plena coma antes", e a presenza da morte "como unha ameaza". Esas son, dalgunha maneira, "o poboamento da experiencia e os temas do libro" (Galicia Hoxe, 7-09-2010).
Manolo López Poy e Miguel Fernández publican unha historia gráfica sobre a figura do bandido Mamede Casanova (Toribio):
O fillo da furia presenta a un Toribio agotado, melancólico y envejecido que a finales de los años veinte regresa a su aldea de Grañas de Sor (Mañón, A Coruña) tras pasar 25 años en la cárcel de Figueres (Girona). Convencido de que la Grañas que conoció pertenece a "un mundo que ya no existe", el bandolero inicia una retrospectiva por su propia vida, fugaz y apasionada, de cuyos últimos tiempos apenas se tienen datos. Se le atribuyen diferentes finales, entre ellos el que lo señala como un mendigo que recorría la comarca de Ortigueira pidiendo limosna o el que lo ubica, más asentado, trabajando en las obras del ferrocarril (El País, 9-09-2010).

13.9.10

Marcos Calveiro. O pintor do sombreiro de malvas


1. Cóntanos a historia un adolescente a quen a nai envía a vivir á casa dunha tía en Auvers para afastalo da vida de malote que levaba en París. O rapaz, urbanita parisino, non é quen de establecer boas relacións cos rapaces do rural, dos que anda medio fuxido para aforrar tundas. A aparición do pintor Vincent [van Gogh] ábrelle un abano de posibilidades para darlle emoción á súa vida. Entre outras cousas, apréndelle a ver o mundo doutro xeito, a reparar en aspectos para os que os ollos do rapaz estaban cegos. Tamén lle servirá de conselleiro sentimental, aínda que de dubidosa eficacia.

2. O tempo reducido da novela (69 días) representa para o protagonista un curso intensivo de educación, mesmo sentimental: coñecerá a crueldade dos convencionalismos, pensará sobre o seu escuro pasado, abrirá os ollos a un mundo novo, gozará da ilusión dos amores vixiados, sufrirá a presenza da morte e da ausencia dos seres queridos, aprenderá a tomar as súas decisións mesmo sen saber se son as correctas...
Por veces, o lector coida -isto é algo atrevido- que é o adulto Vincent quen, á vista da traxectoria vital escalazada, “educa” a un Vincent adolescente que aínda ten a vida por diante. En todo caso, o relato transmite ó lector a intensidade da etapa final da vida do pintor.

3. A historia sitúase en Auvers no verán de 1890. Nesta viliña dos arredores de París enfróntanse dous mundos irreconciliables. Dunha banda, a sociedade reaccionaria que segue pautas de comportamento preestablecidas; destacan as autoridades políticas, relixiosas e as beatas. Da outra banda, os que tentan vivir seguindo os impulsos do corazón, sen facer mal a ninguén e sen o corsé de normas sociais de obrigado cumprimento. O pintor, o narrador, súa nai... son paxaros que pretenden voar fóra da abafadora gaiola das convencións sociais.

4. A sociedade convencional amosa ante o lector unha crueldade agachada. As normas, por si soas, non son quen de substituír os afectos nin de construír sociedades máis xustas. O lector ve, por exemplo, como se pasa o trámite do enterro das vellas sen importarlle ó familiar que as sepulta nada máis que a herdanza que poida apañar (segundo murmuracións da veciñanza); sospeita cal puido ser o “delito” que lle produce o baleiro social á nai do narrador; sospeita e non se explica o comportamento hostil do xendarme co rapaz... Unha sociedade, en definitiva, que non lles deixa ós diferentes outra saída que non sexa o suicidio ou a fuxida.

5. Falan desta  novela en:

  • Trasfegando ronseis, que salienta especialmente os valores que transmite o relato, así como a súa riqueza pictórica e léxica.
  • Ramón Nicolás: recensión publicada no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia recollida na páxina de Xerais.
  • Ars legendi achégase a esta e a outras obras de Marcos Calveiro. Destaca d’ O pintor a traballada construción de espazos e personaxes.
  • Xornal de Galicia (12-07-2009) dá noticia da concesión do premio e publica unha entrevista co autor.



Marcos Calveiro, O pintor do sombreiro de malvas, Vigo, Xerais, 2010. Premio Lazarillo 2009.

8.9.10

Paul Auster. Brooklyn Follies

O narrador -Natham Glass-, home sesentón divorciado, procura acubillo no barrio da súa nenez no que para el representa unha volta ás orixes. Padece cancro de pulmón e considérase con poucas posibilidades de superalo: “Andaba buscando por un lugar tranquilo onde ir morrer”, confesa na apertura da novela. Mais cando o lector espera que a obra sexa o canto de cisne dun proxecto vital fracasado, o narrador sorprende con que vai contar “unha historia que eu non son protagonizo” (p. 21). Deste xeito, as páxinas de Brooklyn Follies van debullando as vidas, ás veces penosas, da irmá defunta e dos seus maridos, dos sobriños Tom e Aurora, da filla desta, dun Harry que leva no sangue o desafío da estafa, de Rufus, do pai e da filla Chowder, da Mai Perfecta e Preciosa...
Non son moitos os personaxes, pero conforman entre todos un microcosmos de fracasados que van levando a vida como poden. Semellan táboas dun naufraxio que ó xuntárense convértense en xangada salvadora. Acéptanse, axúdanse e acaban por dar con ese Hotel Existencia que andaban a procurar inconscientemente. Isto é, atopan un lugar no mundo no que viviren en paz, reconciliados coa vida. Un xeito de renacer, en definitiva.
A liña argumental e a extensión da novela agachan a sorpresa do ritmo narrativo áxil deste relato inzados de toques de humor mesmo nos episodios máis tristeiros.
Cómpre subliñar a férrea vontade e a capacidade de decisión que amosan as personaxes femininas.

Debruzáronse sobre a novela:

  • Club de lectura virtual de Pontevedra. Destaca de Brooklyn Follies o ser unha novela chea de sorpresas; tamén repara no fanatismo relixioso que Auster asigna á sociedade urbana norteamericana fronte á liberdade de espírito da sociedade rural.
  • A lei de Lem sinala o gusto positivo que transmite o libro e destaca a calidade da tradución galega.
  • ¡Esto es Brooklyn!, páxina para entrar no universo Auster.
  • Lara Rozados, en A Nosa Terra (13-09-2008), achéganos á obra e á figura do autor co artigo “Paul Auster e a crise de América”.
  • María Liñeira fai unha crítica redonda de Brooklyn Follies en “A arte do encontro”.
  • Montse Pena Presas reseña a novela na revista Madrygal.


Paul Auster, Brooklyn Follies, Vigo, Galaxia, 2006. Tradución de Eva Almazán.

6.9.10

Rubén Ruibal. Delimvois

1. Delimvois é a escenificación dun estado do comportamento dos individuos que teñen a “sorte” de vivir nun Estado Único. O espectador -integrado no mesmo escenario que os tres personaxes da obra- vai vivindo o pesadelo de calquera habitante de Estado Único:
a) O poder exérceo un Comité mudo e omnímodo co que non se pode comunicar directamente.
b) Todo habitante debe profesar unha fe cega no Estado e no seu modelo de sociedade.
c) O Estado Único é o creador dun mundo perfecto e imperecedoiro, por principio.
Mais así e todo
d) A xente ten unha existencia virtual para o Comité para o que non ten máis categoría ca unha rata de laboratorio.
e) Nese mundo perfecto, as persoas vense sometidas a un proceso de “kippelización” (pp. 47-48).
f) Nas leis do Estado Único, o pensamento, a imaxinación e a fantasía son delitos.

2. A obra baséase en Nós (1921),  de Ivanovich Zamiatin (Lebedian 1884-París 1937), obra prohibida pola censura soviética. Aínda que Zamiatin se inspira no seu coñecemento e experiencia do socialismo ruso, inicia unha ampla e rica liña de sátiras futuristas que critican os totalitarismos e o seu obxectivo de controlar cientificamente a vida de todos e cada un dos seus súbditos.
Entre a novela de Zamiatin e a peza teatral de Rubén Ruibal median case que cen anos, pero constatar a actualidade do tema que tratan non deixa de causar certo desazo no espectador, quen se ve implicado na escenificación (unha furna transparente que permite ver e ser visto; que permite vixiar e ser vixiado).
En Delimvois o experimento para controlar os sentidos e a memoria dos cidadáns fracasa. Os tres personaxes que se moven pola furna son “disidentes” xa no seu propio físico: un cego, un xordo e unha científica de sexo indefinido máis próxima ó seu obxecto de estudo ca ó Comité... Como para esperaren un final feliz.

3. Sobre a obra:
  • Noticia da estrea da peza en Compostela “un espectáculo a cargo do grupo portugués Teatro Oficina en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG)”, baixo a dirección de Marcos Barbosa (La Voz de Galicia, 20-05-2009).
  • Alicia crece recolle a crítica de Manuel Xestoso (“Vladimir e Estragón nun mundo feliz”) publicada n’A Nosa Terra: “Delimvois: primeira crítica”.
  • El Correo Gallego, sección agenda, dá breve noticia sobre o horario do espectáculo e a trama da obra.
  • Dossier Delimvois, presentado polo CDG. Fornécenos de información sobre autor, obra, espazo escénico e outros datos de interese.
  • A páxina de Xerais recolle a crítica de Armando Requeixo publicada no Faro de Vigo e no suplemento “Saberes” de La Opinión A Coruña: “Literatura visionaria. Zamiatin en Ribadeo”.
  • Crónica da fuxida eterna” é o título con que nos achega a Delimvois o Galicia Hoxe de 21-05-2009.
  • Vía Láctea: vídeo (42:16 minutos) coa entrevista a Rubén Ruibal por mor do Premio Nacional de Teatro.
  • Diario de Felgueiras dános noticia de Delimvois e doutros espectáculos.


Rubén Ruibal, Delimvois, AGADIC/Xerais, 2009.

4.9.10

Noticias de literatura-83

Xosé Carlos Caneiro fala en La Voz de Galicia por mor da presentación de Un último destino:
Esta novela é unha meditación poética sobre a existencia. As miñas dez novelas son unha novela. Chamarémola novela fenomenolóxica: procuro sempre a esencia dos personaxes, a súa humanidade, non o mero relato das súas peripecias. A miña linguaxe fáustica non tería sentido noutro mundo literario. En Ámote ou Un xogo de apócrifos ou A vida nova de Madame Bovary ou Ébora está plenamente xustificado. Un último destino é a consumación de todo o mundo novelesco anterior (La Voz de Galicia, 6-08-2010).
Ánxel Vázquez de la Cruz presenta Luz de tebra. No artigo “Un escritor tardío”, Pablo Vaamonde fálanos do autor e da súa obra (Galicia Hoxe, 9-08-2010):
Trátase dun feixe de relatos situados en contornos xeográficos que forman parte da súa propia biografía: Tui -a súa infancia-, Santiago -os anos de Universidade- e A Coruña -onde desenvolveu a sua vida profesional durante moitos anos-. É, polo tanto, un libro autobiográfico, na medida que recolle historias de personaxes reais ou inspirados na realidade vivida polo autor, que son retratados nestas páxinas con grande habilidade narrativa e intensa proximidade afectiva.
Artigo en El País (14-08-2010) sobre Ánxel Vázquez de la Cruz e a súa obra.
Diego Ameixeiras anuncia a publicación de Asasinato no Consello Nacional para setembro:
O caso é nada menos que o asasinato dun dirixente do BNG cando sae dunha reunión do Consello Nacional. A novela é «unha clara homenaxe a Vázquez Montalbán», autor dunha novela negra publicada en 1981 que levaba por título Asesinato en el Comité Central (Planeta), na que nunha reunión rutinaria do PC español apáganse as luces e aparece morto o seu secretario xeral; a investigación corre a cargo do comisario Fonseca, designado polo Goberno, e de Pepe Carvalho, o detective creado por Montalbán que cumpre aquí o encargo do PC (La Voz de Galicia, 21-08-2010).
Agustín Fernández Paz tamén anuncia para setembro a presentación d’ As fronteiras do medo, un libro de relatos de misterio.