16.9.08

Miguel Anxo Murado. O soño da febre

O soño da febre é un conxunto relatos que teñen en orixe unha causa, un tempo e un escenario moi concretos: unha noite de febre, ano 2002, Cidade dos Mortos (O Cairo). Dos tres elementos, o principal é a febre, que se converte aquí no recurso básico para crear literatura fantástica
"sen que sexa fantástica. Pode seguir sendo realista, pero é fantástica
ao mesmo tempo. A febre é unha especie de estado literario, porque é
unha distorsión da realidade. Hai unha certa comuñón entre a idea da
febre e a idea da literatura. As dúas cousas deforman a percepción da
realidade".
A data e o lugar, aínda que sexan elementos que dean realismo ó que se nos conta, son nesta obra secundarios. O espazo literario vén sendo "a cidade da miña propia memoria, porque a febre conxurou alí en min pantasmas esquecidas había moitos anos" (p. 10).

Emprega Murado nestes relatos a técnica do "fío que cose" (p. 33). O fío é aquí o delirio febril que esvaece as fronteiras entre o real e o figurado, entre o momento actual e os tempos idos. E será o seu tío Avelino, morto na guerra civil, quen lle explique esta técnica a través do delirio. O delirio é o fío visible que ganduxa esta ducia de relatos, coma o asubío do tren en Anna Karenina, segundo dicía Cunqueiro.

Este relato da febre, onde o autor nos describe a técnica que emprega, está narrado en primeira persoa, ó xeito dun retallo biográfico. Divídese en 12 capítulos curtos, e neles o lector atópase:

a) Co dato técnico xa descrito do fío que cose. Tamén coa descrición da atmosfera enfebrecida que domina a obra.
b) Con retallos biográficos da voz narradora. Nunha sorte de totum revolutum provocado pola febre sabemos do asasinato do tío Avelino; de como pasou o sarampelo de cativo; do tío Pedro e da gripe do 18; das enfermidades contadas polo avó médico, xa morto, pero que visita ó narrador no seu delirio...
c) Cun tratado sobre a importancia da febre e a súa influencia na historia. O avó médico considera a febre unha grande viaxeira: foi con Colón a América, viaxe coas gripes dende Finlandia ou dende a China... Chega a comparar a febre co "espírito hegeliano do mundo" (p. 90). As diversas manifestacións da febre chegaron a marcar o rumbo da historia: Axudou a Roma contra Cartago, a Wellington contra Napoleón, a Stalin contra Trotski, ós serbios contra Austria... (cfr. pp. 34 e 74).
d) Cunha relación de exemplos sobre a influencia da febre na arte e na literatura. Así aparecen citados escritores e artistas que puideron crear baixo os efectos da febre: Stevenson (Jeckyll -Hyde), Marco Aurelio, Coleridge, Piranesi, Fuseli...; ou creadores, modelos e personaxes de ficción que padeceron unha saúde maltreita gobernada pola febre (cfr. pp. 145-6).

Cosidos neste fío van once relatos fantásticos:

1. "Jan van Riis, xoieiro", holandés, viúvo, vendedor ambulante de xoias. Viaxa acompañado da súa filla, mulata moi fermosa. Van deixando tras de si unha restra de mortes.
2. "Os seres luminosos" conta como unha rapaciña, única supervivente dunha familia de colonos en Guinea, é coidada polos familiares mortos polo cólera mentres non chega o barco de rescate.
3. "Os outros", relato ambientado na guerra civil. O Negro, que se avinagrara cando a guerra, acabou por se meter un tiro. Uns lobicáns que criara executarán a súa vinganza.
4. "Soldado, soldado" está ambientado no conflito pelestino-israelí. Unha muller preñada é axudada polos fantasmas da súa familia e dalgúns soldados xudeus para que poida dar a luz no outro lado da fronteira.
5. "O soño da neve". Unha familia illada pola neve na montaña precisa dun médico. O encargado de ilo buscar sofre o soño da neve e cre que logra cumprir a misión.
6. "A moeda de prata" recolle o mito de Caronte, pero en Londres e con protagonistas emigrados: unha familia de xudeus ortodoxos e un galego que morre na miseria.
7. "O remorso" conta a historia, chea de misterios, dun galego emigrado no Brasil. O irmán cóntalle ós fillos unha parte desa historia que lle deixa como recordo unha aventura cunha cobra maligna e un reloxo de ouro.
8. "A Pietá Rondanini" describe a actitude dun escultor ante unha obra inacabada e compáraa o autor coa actitude de Michelangelo ante a obra que dá título ó conto.
9. "O pan dos xustos" recolle as cartas que un sacerdote queimado pola inquisición dirixe ó arcebispo de Compostela emprazándoo perante o tribunal de Deus por lle negar a carne dunha balea ós seus servos.
10. "O diaño do outono" vén á feira da cidade coa súa barraca de proxección para facer soñar as xentes co cinematógrafo.
11. "A folla e o paxaro" narra un duelo entre dous homes namorados da mesma muller. O perdedor séntese amado con dozura e non se decata da morte ata que a muller llo confirma.

Estes once contos están ambientados en épocas e lugares diferentes, perfectamente identificables. O recurso ó onírico rompe as fronteiras espazo-temporais, pero respecta as marcas da realidade. O soño permite cumprir no mundo dos mortos os desexos que non se deron cumprido no mundo dos vivos. A fronteira entre os dous mundos é moi permeable nestes contos.


Falan da obra en:

Casa das letras: recolle a presentación editorial e a ligazón á recensión de Manuel Rodríguez Alonso en Cartafol de libros (Vieiros).
Páxina de Galaxia: presentación editorial e titulares de prensa. Tamén en readgalicia.com.
Sobre autor e obra publica un artigo xornal.com. O mesmo tipo de traballo atopámolo na folla de novidades da editora.
La Voz de Galicia e La Región dan a noticia da concesión do premio Antón Losada Diéguez a Miguel Anxo Murado por O soño da febre.
De obras premiadas en 2007 fala a páxina da AELG; noticia recollida tamén no Atlántico diario, no Faro de Vigo e n' A Nosa Terra. Neste xornal damos cun artigo sobre o Murado onírico.
El País, El Progreso recollen a noticia dos Premios da Crítica.
Lingua de amor recolle a presentación da "novela". Acto semellante en Galicia Hoxe, e mais unha entrevista.
Vieiros publica unha entrevista con Miguel Anxo Murado, co motivo da presentación do seu "novo conxunto de relatos". Co autor tamén fala Praza das Letras.
Na páxina do Instituto Cervantes atopamos un artigo sobre o autor. Breve é a biografía da Wikipedia.

Miguel Anxo Murado, O soño da febre, Vigo, Galaxia, 2007.
Imaxe da páxina de Galaxia.

Ningún comentario: