17.11.10

Verbos galegos-5

Velaquí outro pequeno test para o repaso dos verbos regulares. Para acceder a el, prémase no título do post ou nesta ligazón.
O exercicio consiste en relacionar a forma verbal que figura na columna da esquerda coa información que lle corresponda na da dereita. 

14.11.10

Si me permiten voy a cambiar al castellano

Recollo este artigo do xornal El País (13-11-2010) e recomendo a súa lectura -coas consabidas reservas porque disque non é prensa amiga- a todos os que estades co tema da lingua e a sociedade.
O xornal antecitado titula deste xeito: Currás usa el castellano en un discurso por ser un tema "abstracto".
Se as cousas ocorreron como nolas conta o xornal, o título está atinado e resulta un excelente exemplo dunha doenza vella coñecida como prexuízo lingüístico.
A enfermidade e abondo común, pero resulta moi dolorosa para a lingua cando a padecen aqueles falantes que teñen presenza social e deberían converterse nos seus valedores máis senlleiros e prestixiosos. Véñenme á cabeza un par de casos moi soados no seu tempo. Lembro o dun presentador da TVG de poboado bigote que sempre metía no seu programa de debate algún convidado forasteiro para ter a desculpa coa que "pasarse al castellano" por deferencia con el; aínda que o convidado lle pedise seguir no galego, porque o entendía perfectamente aínda que non o falase, o presentador "se pasaba... se pasaba". Tamén lembro o programa que dirixía a muller dun célebre escritor, destinado ó público da TVG (outra vez); a desculpa para eliminar a presenza do galego era que se gravaba na Casa de Galicia en Madrid...
Tema abstracto, convidado forasteiro, lugar de gravación... son desculpas moi válidas e razoables, como se pode comprender.
O prexuizoso nin se recoñecerá incompetente nin sentirá ningún remorso. Se non emprega a lingua B non é porque sexa ignorante, senón porque a lingua é incapaz de comunicar pensamentos sutís. De paso, regálalle tal sutileza e capacidade á lingua A. E queda tan campante... e mesmo haberá quen o defenda coa requinaterna da "libertad de elección".
Con semellante diagnóstico, se a doenza, no canto de ser psíquica, fose somática xa teriamos o enfermo na pataqueira. Mais deste xeito, a única que vai dar co cu no tego será a "lingua proletaria do meu pobo".
Os lingüistas, pola súa parte, sosteñen que calquera lingua do mundo é ferramenta capaz de transmitir o pensamento dos seus falantes (supoñendo que pensen). Hoxe en día non se lle escapa a ninguén -nin ós nosos consejeros- que nos tempos de Cervantes ou Shakespeare nin se sabía o que eran as TIC nin a macroeconomía, mais nestes tempos seica si... E calquera que teña coñecementos pode falar do asunto en calquera lingua do planeta.
Tamén sosteñen os linguistas que calquera individuo que adquira información nun idioma X pode transmitilos noutro idioma H. Todo dependen da mestría que teña o individuo nos idiomas X e H. Ignoro en que idioma leu a consejera Currás a Les Metcalfe, pero vou aventurar unha hipótese baseándome no decreto de plurilingüismo. A saber: o autor inglés non está traducido ó galego, nin é conveniente que o estea por ser unha lingua menor; El País suxire que debeu consultar unha versión castelá -quizais a do Ministerio para las Administraciones Públicas do ano 1989- como recurso pasaxeiro mentres o progreso non nos permita ler e conferenciar directamente en inglés, excelencia que se acadará grazas ó decreto de plurilingüismo.
Lembremos que estas avanzadas teses lingüísticas xa as había no século XIX, se non antes. E das súas consecuencias tamén estamos avisados.



"Si me permiten voy a cambiar al castellano, ya que algunos de nuestros asistentes no pertenecen a esta comunidad autónoma y Metcalfe ya es de por sí bastante abstracto", se justificó ayer la conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, durante su discurso en el Foro Nueva Economía de Santiago, en el que intervino para explicar las decisiones presupuestarias de su departamento.
La conselleira empezó en gallego agradeciendo los elogios de la presidenta del Parlamento autónomo, Pilar Rojo, que acababa de introducirla, así como la presencia de los asistentes Pero cuando entró en materia optó por citar a un teórico, para lo que recurrió al castellano. Currás, pontevedresa, se ha esforzado en mejorar su dominio del gallego -ha recibido clases particulares- desde su llegada al Gobierno autónomo.
Les Metcalfe, de quien Currás tomó la descripción de los tipos de presupuestos, es un estudioso de la hacienda pública. Entre sus trabajos destaca La modernización de la gestión pública, publicado a finales de los ochenta, que analiza la reforma de la administración pública de Reino Unido durante el thatcherismo.

10.11.10

Noticias de literatura-89

A política mete a culler na sopa da literatura. Carvalho Calero, Otero Pedrayo ou Valle-Inclán como botóns de mostra.
Xosé Antón Laxe Martiñán fala no Galicia Hoxe (1-11-2010) de lingua, lilteratura, sociedade...
David Pérez López publica Os foxos do lobo. A caza do lobo na cultura popular:
un estudo etnográfico ao redor da figura histórica do lobo. “O obxectivo que busquei é achegarlle á xente o patrimonio etnográfico vencellado ao lobo. Ademais tamén busco o compromiso da conservación desta especie que, en culturas anigas era un deus, pero que co cristianismo adquiriu trazos de ser un animal diabólico” (Xornal de Galicia, 2-11-2010).
Todo é silencio, de Manuel Rivas, vai ser levada ó cine: 
A historia sobre o contrabando da última novela de Manuel Rivas centrada nunha hipotética vila costeira galega, de nome Brétema, enfila xa a súa existencia cara a pantalla grande do cinema (Faro de Vigo, 2-11-2010).
María Rosendo gaña o Pérez Parallé de poesía:
Nómade nace dun "movemento migratorio no sentido literario e metafórico", asegura María Rosendo. A autora reflicte no poemario a súa experiencia vital durante unha viaxe que realizou a Bos Aires en 2007. Nos seus versos deixa patente "a busca do lugar físico propiamente dito así como a procura dun non-lugar, un espazo propio, un sitio individual no mundo" (Galicia Hoxe, 3-11-2010).
Faíscas, de María Canosa, recomendado por Galicia Hoxe (3-11-2010):
Un volume cheo de relatos sentimentais, de cousas vividas, soñadas e imaxinadas; outras que lle contaron a María Canosa, de noticias, de cousas que lle gustan e doutras que lle producen xenreira. Tres ducias de relatos independentes entre eles pero con referentes comúns, como poden ser o mar, tan presente, a auga, a ribeira e a costa, que aparecen  cada pouco e nos trasladan á Galicia costeira.
Víctor Freixanes publica Cabalo de ouros:
"É a crónica dun tempo que me interesa moito, o período da posguerra dos anos 40 e 50, no que se produciu un fenómeno pouco coñecido, a cultura do wolfram, xente que perde unha guerra e se dedica a sobrevivir. Xente que sempre me fascinou, a xeración de meus pais. É unha partida que dura tres días coas súas noites, afastados de todo, na que participan sete xogantíns: tratantes de gando, médicos composteláns, o secretario do arcebispo... Esa partida ocorreu realmente, e non foi a única" (El País, 5-11-2010).
Domingo Rodríguez Teijeiro analiza o sistema de prisións dos inicios do franquismo en Presos e prisións na Galicia de Guerra e posguerra (1936-1945):
É un exercicio de memoria histórica baseado na documentación dos centrosde reclusión e das fontes de carácter lexislativo, militar e estatístico, ademais da importante memoria dos presos. O historiador realiza unha ampla reconstrución do proceso de creación do sistema penal franquista e da evolución da represión nos inicios da ditadura que seguiu á Guerra Civil (Xornal de Galicia, 6-11-2010).
Kiko da Silva, humorista gráfico, entrevistado en Galiciaé (6-11-2010) co “secuestro” da revista Retranca como pano de fondo:
Home, eu nacín para facer banda deseñada. Téñoo claro e creo que é unha arte que ten moito por dar e dá moita liberdade á hora de traballar, probablemente, porque non está metida nun circuito de marchantes, deses nos que se moven tantos cartos e no que realmente hai máis postureo que traballo en si. O cómic é algo moi persoal do autor co lector e iso nótase despois á hora de ver obras. Realmente hai unha comunicación moitísimo máis forte nun cadro cando está nun museo. Non chegas da mesma maneira ao espectador e na banda deseñada iso conséguese porque realmente a persoa acaba trasladándose a un mundo que doutra maneira non poderías atopar.
A praia dos afogados, de Domingo Villar, será levada ó cine:
A novela anterior que protagoniza Caldas, 'Ollos de auga', foi tamén considerada, pero escritor e produtores inclináronse pola seguinte. Domingo Villar recoñece que os personaxes danse a coñecer en 'Ollos de auga', «pero a súa función nesa novela era unicamente  servir para o desenvolvemento da historia; están trazados con pincel gordo, sen entrar en detalles da súa vida», cando si se parou máis en darlle corpo en 'A praia dos afogados' (Galiciaé, 7-11-2010).
Helena Villar Janeiro fala da lingua e da súa creación literaria con Manuel Vidal Villaverde:
Identifícome cunha Galicia galega e, para min, a Galicia galega pasa por non estar subordinada a outra cultura e a outros intereses que non sexan os da súa xente. Non fun escolarizada desde os 6 ata os 14 anos. No en tanto, fun traballadora na xastrería de meu pai e educada por el, un republicano que me inculcou moitos valores que non estaban presentes na escola da época e por iso mesmo non me enviaban a ela. Eu coñecín moi noviña a existencia do feminismo e dos vellos ideais  da liberdade, fraternidade e igualdade entre as persoas e os pobos. Son universalista, pero para selo hai que ter os pés chantados e ben chantados nalgún lado e nalgunha cultura. No meu caso é Galicia e a súa lingua. Ser galega é a mellor maneira que eu coñezo para ser solidaria con outros pobos e nacións porque desde aquí podo comprender moitos dos seus problemas, das súas loitas e dos seus desexos (Galicia Hoxe, 8-11-2010).
Vázquez de la Cruz presenta Luz de Tebra:
un libro que cando un o le, segundo Manuel Rivas, «sente o calorífico levedar desa luz da escuridade. E sente a inconfundíbel felicidade clandestina de quen é agasallado co bisbar da boca da mellor literatura» (La Voz de Galicia, 10-11-2010).
Inma López Silva premiada co San Clemente polr Memoria das cidades sen luz.

8.11.10

Verbos galegos-4


Deixo a ligazón a este pequeno test de verbos. Para acceder a el, abonda con premer no título do post. O exercicio consiste sinxelamente en relacionar a forma verbal da esquerda coa información da dereita. Non é complicado nin leva máis alá duns tres minutiños.

6.11.10

Teafecciona 2010

VI Mostra de Teatro Afeccionado organizada polo Concello de Redondela.

Novembro 2010.

Sábado 13: Non hai ladrón que por ben non veña (grupo de teatro Fonte da Tella, de Soutomaior).
Sábado 20: A voda (Atrezzo Teatro, de Vigo).
Sábado 27: O meu home tolea (Ad libitum, de Ferrol).

Funcións ás 20:00 no multiusos da Xunqueira.

5.11.10

Cinema ás 7

Na páxina do SNL Concello de Redondela atopamos o cartaz coa programación de cine para os domingos deste mes de novembro.
Carteleira, argumentos, horarios e outros datos de interese, na páxina citada.