Amosando publicacións coa etiqueta Estudos/ensaio/divulgación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Estudos/ensaio/divulgación. Amosar todas as publicacións

30.1.17

Carlos Casares. Un país de palabras

“Eu creo que os escritores témo-la nosa propia linguaxe, que é máis metafórica ca conceptual, pero que nos permite pensar a través dela e explica-lo mundo e as cousas. Ese polo menos é o meu caso. Estes ensaios son reflexións, pero nas que reflexiono narrando, sobre literatura, sobre outros escritores, sobre pintura. Verémo-lo que sae de aí. Polo menos espero que a xente non se aburra”.
(Ana María Platas Tasende, “Conversación con Carlos Casares”, Revista Galega do Ensino nº 21, novembro de 1998.




Capa 1ª edición
Un país de palabras (1998) acolle quince textos de temática variada e amplo marco cronolóxico de xestación. Algúns deles fan referencia a unha data concreta (1926, 1962, 1964, 1967, 1977, 1980), outros móvense sen referencias temporais ou sen concreción temporal (“hai anos”, “nunha ocasión”). Dende o punto de vista didáctico admiten unha variada etiquetaxe porque son á vez textos literarios, ensaísticos, de crítica literaria, de análise social,memorialísticos ou mesmo anecdóticos. Un país de palabras ofrécenos, á fin de contas, o país que o autor tivo ante os ollos, visto de xeito global ou particularizado nalgúns dos seus persoeiros.
Amigos e coñecidos teñen acollida nestas páxinas: Ramón Piñeiro --por suposto--, Basilio Losada, Torrente Ballester, Álvaro Cunqueiro, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Miguel Torga, V. S. Naipul, Torres Queiruga… Constitúen a primeira malla dunha rede que se vai estendendo a outras figuras coas que suxiren ou establecen algún tipo de relación que serve para explicar ou ilustrar unha obra, un feito, unha actitude.

Dado o principal oficio de Casares, non resulta estraño na obra o peso dos escritores: de Torrente Ballester ocúpase en dous textos; noutros dous, de Otero Pedrayo; Cunqueiro, Risco e Piñeiro ocupan a cada un seu, sen contar as amplas referencias a escritores que hoxe son alicerce da literatura universal. Tampouco esquece a súa propia obra: en “A maquillaxe dun bispo”, vencidos os reparos que lle produce a seriedade académica, o autor descríbenos a construción do personaxe principal de Ilustrísima (1980).
Imaxe: Editorial Galaxia
As reflexións sobre a literatura están esparexidas pola obra de Carlos Casares, ademais de en entrevistas e conferencias. N’Un país de palabras achamos o miolo da súa propia teoría da creación literaria, da que podería dicirse que foi unha busca que lle durou toda a vida. Xa de neno se atopou na encrucillada de dous estilos narrativos:
“Tal vez foi a inxenuidade á que me refería antes a que me levou a narrar os meus primeiros contos da mesma forma que o meu avó me contaba os episodios máis destacados da súa longa vida, é dicir, mantendo a orde que seguiran no seu desenvolvemento real” (p. 136).
Non fai falla sinalar que se trata de relatos orais. O trazo da oralidade considérase unha característica xeral da súa narrativa. Con todo, “as maneiras de narrar de meu avó e da miña avoa diferían de forma radical” (p. 138). Mentres el enche as historias de feitos reais, datados, vividos ou presenciados, ela opta polo misterio, o medo, o inconcreto e atemporal. “Entre estas dúas formas de contar, sempre me seduciu a primeira, talvez porque a miña curiosidade infantil se sentía máis atraída pola concreción atraente do real que pola vaguidade neboenta do fantástico” (p. 139). Andando o tempo, esta escolla máis ou menos inconsciente acabaría caracterizando o labor narrativo do autor: “En termos técnicos considérome un narrador lineal, o que non ten para min outro significado que o puramente instrumental, nunca o dun valor estético de tipo estrutural” (p. 140).
As reflexións sobre o carácter do escritor son unha constante ao longo da vida de Casares, e saltan ao falar doutros autores e obras. Lembremos a imaxe do diamante pulido ou en bruto cando fai a comparanza entre Castelao e Otero, ou cando cita, entre outros, os chamados “viaxeiros de cheminea”, acusados de impostores porque inventan lugares que non coñecían. Casares apostila: “Hai realidades que só poden ser comprendidas desde a literatura, nunca desde a reportaxe ou a crónica” (p. 60).
Idea semellante desenvólvese, ao tocar o tema da sinceridade do escritor, no texto “O día que me regalaron a Miguel Torga”. O portugués non comparte a máxima pessoana que reza que “tudo poeta é um fingidor”. Así e todo, a creación literaria imponse:
“Para esta, todo escritor é un manipulador, un fabricante de artificios, mesmo cando manexa aquelas palabras que ten máis preto do corazón, como as que emprega para escribir o seu diario. Pero tamén as outras, as que utiliza nas súas memorias ou nas súas novelas. Non hai ilusionismo sen truco. O máis que se nos pode pedir, como nos ocorre cos magos, é que non se note” (p. 33.
No remate de contas, n’Un país de palabras atopámonos ante un escritor seducido pola literatura, e a ese reino da literatura, como el mesmo admite, pertence o corazón do home.


Falan da obra

Carlos Casares, Un país de palabras. Vigo, Galaxia, 1998.

25.10.16

Julia Fernández Rodríguez. Pequenas historias para falar de emocións e sentimentos

Imaxe: Editorial Galaxia
Julia Fernández estrutura este manual en tres capítulos. O terceiro, moi breve, contén a despedida e a expresión do desexo de conseguir o éxito na tarefa da educación emocional. O primeiro ten carácter teórico e ofrécenos as propostas e método para a educación dos sentimentos. No segundo, de carácter práctico e literario, atopamos o diario que narra a experiencia hospitalaria dunha rapaza  sobre a que se van propondo actividades para traballar sentimentos concretos.
Este manual para educación da emotividade nace en grande medida da experiencia do traballo hospitalario da autora, que define a emoción como “a cor da nosa mirada” (p. 22). Julia Fernández fainos ver a necesidade de aprender a enfrontarnos ás emocións, así como a necesidade de aprender a crear emocións positivas porque son a base para gozar da vida.
Sostén que o proceso educativo das emocións comeza por un mesmo, porque as emocións tamén se herdan e, daquela, cómpre mellorar a herencia antes de lla ir pasando aos sucesores.
O seu método sinala os seguintes pasos:
  1. Poñerlle nome ás emocións (teño medo, estou triste, contento, anoxado…) coa maior precisión posible, porque é o primeiro paso para facer o diagnóstico do estado anímico de cadaquén.
  2. Analizar os efectos somáticos das emocións: tremer, arrubiar, suar…
  3. Estudar a conduta que provocan as emocións: fuxir, quedar varados, gritar…
  4. Analizar as consecuencias da conduta nos seus aspectos positivos e negativos.
  5. Buscar respostas ás condutas provocadas polas emocións.
  6. Adestrarse en técnicas de control, en especial das condutas inadecuadas e
  7. Analizar as causas das emocións.
O método apóiase na soleira do optimismo. Cómpre deixar de enzoufarse na lama da desgraza para potenciar todo aquilo que funciona e nos senta ben. Os optimistas non son parvos e a actitude optimista axuda na resolución dos problemas que vaian xurdindo e, insiste a autora, o optimismo tamén se aprende.
Para ir levando a termo esta aprendizaxe emocional, Julia Fernández vai debullando técnicas e consellos, exemplificados con casos prácticos que, aínda sendo cotiáns, sinxelos e de sentido común, case que sempre se esquecen na tarefa educadora: aprender a gozar das cousas boas da vida, aceptar normas e límites, saber afrontar a frustración, manter boas relacións sociais partindo do coñecemento de si mesmo, desenvolver a autoestima.
Lémbrasenos no libro un antigo adaxio que nestes tempos tan ensimesmados que vivimos cómpre ter moi presente: a educación é tarefa da tribo enteira.

Dictiografía

Julia Fernández Rodríguez, Pequenas historias para falar de emocións e sentimentos. Vigo, Galaxia, 2015.

24.7.16

Xuristas das Irmandades da Fala

Os traballos que recolle este libro conforman un profundo capítulo da sociolingüística dos últimos cen anos no que portén ao campo da administración de xustiza. Céntrase na época das Irmandades e chega aos nosos días. Ofrece relación e biografías sucintas dos xuristas salientables: Manuel Banet Fontenla, Fermín Bouza Brey, Salvador Cabeza de León, Roberto González Pastoriza, Arturo Noguerol Buján, Valentín Paz Andrade, Lois Peña Novo, Luís Porteiro Garea. A nómina alárgase coa relación de persoeiros comprometidos coa lingua e, directa ou indirectamente, relacionados co Dereito (pp. 22-26). Os estudos de Xosé Manuel Pacho Blanco e Xaquín Monteagudo Romero ofrecen un amplo panorama da época, do movemento irmandiño e dos xuristas achegados, así como do panorama previo do século XIX.
Mais non se trataba só de levar a lingua ao exercicio da xustiza, tamén cumpría estudar o Dereito galego, especialmente o civil. Así o podemos ver nos traballos dedicados especificamente a Lois Peña Novo (da autoría de Manuel Roca Cendán), a Roberto González Pastoriza (de Xurxo Martínez González), a Fermín Bouza Brey e Trillo (de Clodio González Pérez), a Manuel Banet Fontenla (de Henrique Harguindey Banet) e a Lois Tobío (de Xulio Ríos).
Do momento actual ocúpanse senllos traballos de Carlos García Varela (“A situación do galego na administración de xustiza segundo os informes do Consello de Europa”) e Dalila Dopazo, Sandra Piñeiro e Luís Villares (“Un conto centenario”). Analizan o percorrido e os atrancos da lingua para a súa normalización neste campo.
No remate de contas, estamos hoxe case que na mesma. Lembramos e recoñecemos un mundo de xente que loitou pola dignidade da lingua --que tamén é dignidade persoal-- en tempos escuros e difíciles, que logrou transmitir ilusión e esperanza, pero que, pasados cen anos, os soños desta xente aínda están lonxe de se veren cumpridos. Soños que se resumen nos derradeiros parágrafos deste libro:
“As verbas de Porteiro Garea volven a nós coma ecos non escoitados nas esferas do poder: cómpre esixir a galeguización completa da administración, dos seus axentes e dos seus medios, como única garantía para a cidadanía de xustiza e fidelidade.
Todo o demais, son contos” (p. 192).


Dictiografía

VARIOS, Xuristas das Irmandades da Fala. Vigo, Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, 2016.

11.6.16

Xulio Ríos. Lois Tobío, un Galego de lei

Imaxe: igadi.org
Xulio Ríos desenvolve esta biografía de Lois Tobío (Viveiro, 1906-Madrid, 2003) seguindo tres liñas básicas:
  1. Aspectos clave da traxectoria vital de Lois Tobío.
  2. As principais facetas da súa personalidade.
  3. As grandes constantes de personalidade do biografado.
Ao debruzármonos sobre o traballo de Xulio Ríos vemos un dos trazos máis salientables de Lois Tobío: o carácter polifacético. Licenciado en Dereito, encamiñou a súa vida pola vía da diplomacia, mais tamén foi un incansable e xeneroso tradutor, un avisado analista da situación política que lle tocou vivir, un divulgador de temas políticos, sociais e históricos, un traballador competente con dotes organizativas, un lector voraz e amante de todo canto se relaciona co mundo da cultura.
Xulio Ríos defínenos a faceta pública de Tobío con tres adxectivos: diplomático, republicano e galeguista, convertidos en principios que guiaron o seu labor malia os tabanazos que lle supuxo a guerra civil.
Sen deixar de lado o sentimento da Terra, Lois Tobío percorre o mundo por razóns de traballlo (Berlín, Sofía...) ou por causa do exilio (Cuba, Nova York, México, Montevideo) ata que as circunstancias lle permiten regresar a España.
Das principais facetas da súa personalidade destaca Xulio Ríos o carácter político galeguista e, asemade, universalista "porque formou parte dunha xeración formada e educada na valiosísima idea do progreso con identidade, do positivo valor do noso achegamento ao exterior para sermos máis e mellores. É o universalismo galeguista que debería ser o noso pan de cada día, a nosa biblia en tempos de mundialización" (p. 110). Esta faceta alicerza as outras dúas: a de tradutor (cómpre que grandes escritores --Keats, Rilke, Baudelaire, Rimbaud-- falen galego, ou ensaístas e teóricos da política --Heller, por exemplo-- sexan coñecidos nas sociedades veciñas) e a de divulgador e animador cultural en prensa e radio.
Para Xulio Ríos, as grandes constantes que guían a traxectoria vital e o labor de Lois Tobío son:
  1. A curiosidade intelectual, que o afasta do chovinismo e o leva a exploración doutras culturas.
  2. A sensibilidade progresista, manifesta na súa preocupación pola xustiza social.
  3. A competencia e os dotes de organización cos que logra aconxuntar nun traballo común persoas valiosas de ideoloxías ás veces incompatibles.
Nun esforzo pola recuperación da nosa memoria, Xulio Ríos reivindica con esta biografía unha personalidade senlleira, de quen os concidadáns podemos sentirnos orgullosos. Unha personalidade que merece ser admirada e imitada. Unha personalidade que iniciou un labor que debe ser continuado para seguir reconstruíndo o que os salvaxes embates da nosa historia deixaron esborrallado.
___________________________
Xulio Ríos, Lois Tobío, un Galego de lei. Deputación de Pontevedra, 2015.

12.4.16

Manuel López Foxo. Sobre a poesía última de Manuel María (1976-1995)

Imaxe: Edicións Laiovento
Escritos dende a amizade e a admiración, Manuel López Foxo recolle neste libro un feixe de traballos sobre a obra poética que Manuel María escribiu entre 1976 e 1995. Estudan a etapa máis frutífera do poeta chairego. Son traballos diversos que cobren dúas décadas de labor, cohesionados por unha idea central: o desexo de convidar á lectura e ao estudo desprexuizados da poesía de Manuel María. Desexo non totalmente cumprido, aínda que as achegas á obra e á figura do poeta sexan hoxe abondosas e fondas. “É o meu desexo tamén convidar desde estas páxinas os lectores e as lectoras a redescubrir a palabra poética de Manuel María na súa expresión máis íntima e humanista” (p. 10). Este libro de López Foxo vai máis alá do marco cronolóxico do título e ofrece un seguimento do labor poético dun sempre activo Manuel María e referencia ese labor co doutros creadores do noso ámbito cultural: sempre que se produciu un cambio de rumbo na literatura do País, nomeadamente na poesía, a figura de Manuel María, independentemente da larga ou escasa recepción crítica da obra, estaba no grupo dos iniciadores do novo rumbo.

No perfil biográfico do poeta chairego, López Foxo destaca especialmente o carácter de figura ponte exercido por Manuel María:
Esta é a primeira reivindicación que quero facer da personalidade de Manuel María: salientar o seu perfil de patriarca, o seu papel de ponte histórica entre o nacionalismo da República e o nacionalismo da posguerra e o seu exemplo de intelectual sempre fiel ao país.
Manuel María pertence [...] a unha xeración fundamental na historia da nosa cultura contemporánea, a un grupo que asumiu un triplo compromiso: o compromiso coa lingua galega cando era case un delito escribir en galego, o compromiso cunha literatura que cumpría restaurar e enriquecer e, finalmente, o compromiso co proceso político do país, coa reorganización do nacionalismo galego” (p. 22).
Advirte Manuel López Foxo que para unha mellor comprensión da obra do chairego cómpre ter en conta as datas de redacción, mellor ca as de publicación: entre unhas e outras puideron ter pasado anos ou non ter correlación a publicación de obras coa súa redacción. Tocoulle vivir en tempos difíciles para a publicación en galego e as obras tiveron que durmir un longo sono nas gabetas.
Tendo en conta o anterior, López Foxo distingue catro épocas na poesía de Manuel María:
  1. Desasosego, que nos sitúa o poeta na Escola da Tebra: Muiñeiro de brétemas.
  2. Apertura á paisaxe: Terra Chá.
  3. Poesía de denuncia: Documentos persoaes, Mar Maior, Odes para un tempo de paz e de alegría.
  4. Retorno á poesía amorosa: Poemas ao Outono, Poemas da labarada estremecida.

Entre as características xerais da poesía de Manuel María salienta:
  • O compromiso e combate que manifesta, para empezar, na escolla lingüística.
  • O sentimento da terra e a fidelidade ás raíces.
  • A expresión do sentimento amoroso.
  • A visión panteísta da natureza.

Imaxe: Sobre a poesía última de Manuel María
O silencio que caeu sobre a poesía social, e sobre a de Manuel María en particular, atribúeo López Foxo a tres causas principais: o atraso na publicación dalgunhas obras significativas, a publicación en edicións humildes (ou nin sequera editadas) e a reacción da crítica contra todo o socialrealismo que, no caso do noso poeta, apunta no seu compromiso social e na súa militancia política. De aí a  chamada a redescubrir a Manuel María sen o prexuízo provocado pola poesía social que non sempre merece a cualificación de panfletaria. Manuel María, sen esquecer o compromiso, procurou a expresión estética dun xeito moi evidente.

Dictiografía

Manuel López Foxo, Sobre a poesía última de Manuel María (1976-1995). A Coruña, Laiovento, 2010.

16.2.16

Afonso Eiré, Eu estaba alí. Pequenas historias de Galiza

Imaxe: Hércules Ediciones
O marco cronolóxico destas “pequenas historias” que debulla Afonso Eiré abrangue de marzo de 1965 a decembro de 2001. Comeza coa caza do “fuxido” Luís Castro Veiga (O Piloto) e remata coa ruptura do BNG. Polo medio vanse relatando feitos que representan as pezas máis salientables da historia recente do país: as folgas do 72, a morte de significados antifascistas, a defensa da terra ante a usurpación de grandes empresas, a defensa da natureza e medio ambiente ameazados por axentes do mesmo estilo, o Estatuto aprobado pola minoría, as gadoupadas dos saudosos da ditadura, as loitas intestinas dos nacionalistas (sempre na encrucillada) e do perenne partido gobernante, a disolución do vello Partido Galeguista, o sindicalismo agrario, a persecución legal da lingua e dos seus defensores, Nunca Máis…
Esta monza de 22 historias ofrecen ao lector de hoxe unha visión abondo completa da traxectoria do país no último medio século. Unha traxectoria chea de atrancos que esixiron do pobo un esforzo non cativo para dalos superado e que non sempre se viron coroados polo triunfo e, no que portén ao nacionalismo, un traballo sacrificado que non tivo a recompensa dos votos.
O autor relata os acontecementos sen agachar compromiso nin ideoloxía e deixa que os feitos falen por si mesmos. O lector, se é unha miga malpensado, decatarase de como nestes lares fomos pasando da crueldade institucionalizada é renartería igualmente institucionalizada. Perdedores, os de sempre. Queda algunha migalliña de compango para o consolo.
Se cadra é este un libro demasiado gordo para nativos dixitais, pero deberían lelo, así e todo. Especialmente os rapaces da era posprestige, porque se é bo mirar para o futuro, por negro que se presente, aínda é mellor enfocalo dende a perspectiva da memoria, especialmente cando xa non está alumeada polo lábaro da folla do xornal ou dos noticiarios. Para non volver a ser o que xa fomos.

Falan do libro

Afonso Eiré, Eu estaba alí. Pequenas historias de Galiza. A Coruña, Hércules de Ediciones, 2014, segunda edición.

14.1.16

Manuel Mandianes. Viaxe sen retorno

Imaxe: Sotelo Blanco Edicións
Manuel Mandianes analiza nesta obra o fenómeno da emigración na actualidade, sen perder de vista outros tempos máis ou menos recuados.
O lector galego pode verse perfectamente reflectido neste estudo, pero pode afirmarse que a análise ten un carácter universal. O emigrante é un transterrado forzado. As razóns da emigración son basicamente económicas: cómpre buscar unha terra que permita gañar o pan. Este condicionamento será tamén básico á hora de establecer a relación entre o emigrante e a terra de acollida. Será unha relación distinta á do deportado, á do fuxido, á do exiliado, á do viaxeiro…
O estudo de Mandianes céntrase no custo humano da emigración. O emigrante acaba por converterse, en máis casos dos desexables, nunha persoa desenraizada. No país de acollida sempre será estranxeiro e no de orixe irase convertendo nun descoñecido. Os seus símbolos identificativos sofren o mesmo proceso: non se identifica cos do novo país e vai esquecendo os que deixa atrás ou perdendo a súa evolución do paso do tempo. Se o emigrante ten fillos e quedan en mans da familia, non deixará de sufrir un sentimento de desleixo; se ten os fillos no país de acollida, converteranse, máis cedo ca tarde, en cidadáns dese país. Pode dicirse, en síntese, que o emigrante é estranxeiro en calquera parte.
Mandianes analiza tamén fenómenos relacionados coa emigración que resultan preocupantes nestes últimos anos. Trátase das tribos urbanas (maras, por exemplo) ou dos grupos islamistas, que medran no estranxeiro mellor que no propio país de orixe.
Estamos ante un libro meritorio da primeira á derradeira palabra. Se cadra, o mérito máis grande sexa --como manifesta o autor-- expoñer con palabras un sentimento tan difícil de expresar.

Viaxe sen retorno na rede:

Manuel Mandianes. Viaxe sen retorno, Santiago, Sotelo Blanco, 2014.

7.4.12

Valentín Paz-Andrade. Galiza lavra a sua imagen

Imaxe: web dedicada a Valentín Paz-Andrade.
Galiza lavra a sua imagen é un libro epigonal. Non se trata dun testamento intelectual, pero debe considerarse un perpiaño máis na construción do edificio do país. Dátao na súa casa de Samil en 1984 e ve a luz o ano seguinte. Quéixase Valentín Paz-Andrade ó editor da tardanza da publicación (“ O livro Galiza lavra sua imagem estase facendo vello antes de saír do prelo”; Paz-Andrade, Epistolario. Carta a Isaac Díaz Pardo, 6-5-1985), mais non é un libro que se arruíne co paso do tempo, porque o que nel se trata está nos alicerces do país. Neste sentido podemos dicir, usando unha palabra do propio autor, que é unha obra “endorresistente”.
No limiar distingue o autor entre dous conceptos: personalidade e imaxe. Ambos os dous insertos no mesmo corpo e conformados pola “mesma relación consciente e responsábel dos cidadáns coa súa terra” (p. 8). Recoñece no limiar que se trata dun libro misceláneo, de variada temática unida por unha “coordenada subxacente” (p. 12), isto é, o fío da vida do país, que se vai tecendo coas vidas e obras das súas xentes, contempladas no seu conxunto. Nesta obra, Valentín Paz-Andrade convida a rematar a sementeira e a aprender a aproveitar as colleitas (p. 13).
Este conxunto de ensaios trae á memoria do lector aqueloutro libro fundacional do rexurdimento literario. A Galicia cómprelle un cambio de imaxe. Ás xentes de cada momento só teñen que seguir o exemplo e a actitude doutros coterráneos que co seu saber e o seu facer foron marcando o camiño e creando tradición.
Sostén Paz-Andrade que a un país non o conforman só as súas xentes. Recolle unha cita de Ganivet que reza: “Lo más permanente de un país es el espírito del territorio” (p. 17). Defende esta tese na parte titulada “Semiótica da paisagen”. Cada terra ten o seu símbolo, a súa árobore, a súa flor, o seu paxaro produtor da melodía do país (p. 24). Mais non é soamente a semántica da paisaxe a que conforma a personalidade do país. Tamén está o xenio das súas xentes e da elite creadora. A lingua é a máis grande obra colectiva e a máis identitaria: o carné e biografía de Galicia; pobre na casa e rica na expansión, pero xa fóra do control dos creadores orixinais.
Canda a lingua, pon Paz-Andrade a obra de pintores, arquitectos, científicos, literatos, publicistas... como esteos da personalidade do país e configuradores dunha imaxe coa que presentarse dignamente ante o mundo. Mais non se pense que Galiza lavra a sua imagen sexa un libro propagandístico e autocompracente. A diagnose que fai do país e dos seus traumas parécenos atinada e crúa (p. 118). Define a Galicia como un pobo á defensiva (p. 49), como país apouvigado por pauliña de vello (pp. 177-8). Mesmo aqueles que “tentaron coa materia de Galiza, case sempre deron na ferradura. No cravo ben poucas” [veces] (p. 123). Nin sequera as institucións estiveron á altura dos tempos; unha ollada histórica fáinolas ver “de recú” (p. 178), incapaces de abordar as reformas necesarias (p. 180).
Malia debuxar un país sen liberdade de opción nin potencia decisoria (p. 131), Valentín Paz-Andrade nunca abandona a esperanza e anima a pórse á tarefa de gañar imaxe e pelexar contra a rutina.


Valentín Paz-Andrade, Galiza lavra a sua imagen. Edicións do Castro, Sada, 1985.