Amosando publicacións coa etiqueta Mans do medo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mans do medo. Amosar todas as publicacións

22.2.08

As mans do medo. Cuestionario (2)

Para o club de lectores de As mans do medo, de Xosé Miranda.
Como vos comentaba esta mañá na aula, déixovos unhas poucas preguntas máis sobre esta lectura. Velaí van:

7. Baseándote na obra e noutras que coñezas (mesmo no cine), comenta esta curiosidade: cando se constrúe un ser monstruoso con pedazos “prestados”, ¿de que partes do corpo estamos a falar? ¿E de que partes non se adoita falar, porque se supoñen?

8. Repara no relato titulado “As mans do medo”, compara os dous primeiros parágrafos (páxina 9): “Ímolo contar...” / “Hai tres anos que comprei...” ¿Podes explicar ese cambio de narrador?

9. ¿A que criatura, universalmente coñecida, feita de anacos de carne morta, se refire no relato “As mans do medo”? [pp. 17, 24]

10. ¿Como cres que se puido cerrar ese final aberto co que remata “As mans do medo”?

11. “Un conto de Reis”, ¿pode ser considerado un conto de medo? Compárao con outros relatos e xustifica a resposta.

12. Os personaxes principais dos relatos, ¿son infelices? Xustifica a resposta.

13. ¿Atopas nalgún relato personaxes que actúan movidos polo odio á humanidade?

14. ¿Que relato trata o tema da rexeneración física? ¿Vivir eternamente pode ser un castigo? Á luz do conto en cuestión, comenta este aspecto.

15. ¿Que relato se basea no mundo de ultratumba? Nese relato, ¿cal é o motivo polo que o defunto anda á procura dos vivos para levalos consigo?

16. Baseándote no relato titulado “Mondoñedo”, describe as premonicións de morte.

17. Hai un relato baseado na técnica da carta persoal. Sinala cal é e valora a capacidade deste recurso para crear tensión.

(Imaxe en Covarrubias)

17.2.08

As mans do medo. Opinións e crítica

Para o club de lectores de As mans do medo, de Xosé Miranda.
Xa vos deixei nunha anotación anterior desta mesma sección o cuestionario-guía e mais un par de enlaces de interese: ficha do autor e mais o seu blog, no que recolle unhas interesantes notas da presentación da obra.
N' As uvas na solaina podedes atopar máis anotacións críticas. Copio aquí o treito que máis nos interesa como axuda para interpretar a nosa lectura:
Falo de As mans do medo (Xerais). Ten catro relatos redondos: As mans do medo, Lambirón, Mondoñedo e Seis dedos. O último dos citados xa figuraba na Antoloxía do conto galego de medo (1995) de Silvia Gaspar. O vizoso mundo fantástico do lugués ofrécenos agora corpos mutilados e suxeitos a rexeneración dexenerativa, partes do corpo que cobran vida propia, homes peixe, os aparecidos da nosa tradición popular, etc. O medo, consubstancial á especie humana, impreso nos xenes dende o tempo das cavernas: ben o sabían Poe, Mary W. Shelley e Lovecraft, os mestres do xénero.
Sobre a mesma obra e o ambiente da súa presentación escribe este post o mesmo Marcos Valcárcel, no blog citado. A maior abondmento, botádelle tamén unha ollada a Brétemas e seguide os seus enlaces.
Por mor da presentación da obra publica Vieiros unha pequena biobibliografía do autor.
Os que lle teñades medo á lectura podedes pulsar a autorizada opinión de rapaces novos que xa lle meteron o dente e non saíron fanados: en Pinga lector inclínanse por un relato concreto;
vós podedes ter outras preferencias: non é ilegal. En Paidovento non se estenden en comentarios, pero demostran seren uns verdadeiros leóns. Imitádeos.

27.1.08

As mans do medo (de Xosé Miranda). Cuestionario (1)

Cuestionario para o esforzado club de lectores de As mans do medo, de Xosé Miranda.
Aviso previo: Se alguén non entende por onde van as preguntas que llo consulte ó profesor o día despois do exame e, a ser posible sen ter lido o libro. Porque anticiparse ós acontecementos xa se fixo sempre. Cómpre innovar.
Escrita esta estupidez, imos coa
primeira parte do cuestionario:

1. Enumera e comenta algunhas das razóns que demostren que os feitos relatados nestes contos de terror non serían cientificamente posibles.
2. Enumera e comenta as "razóns" que fan cribles os feitos narrados nestes contos.
3. Le os relatos titulados "As mans do medo", "Seisdedos" e "Mondoñedo". Analiza o motivo das mans, especialmente visible nestes tres relatos.
4. ¿Podes relacionar os relatos titulados "Primeiro calafrío" e "Segundo calafrío"?
5. Lido o libro, ¿que situacións dirías que nos causan medo?
6. Analiza os finais dos relatos. Comenta as súas características e a súa utilidade dende o punto de vista narrativo.

NOTA SEN GASTOS: Como vedes, este é un pequeno cuestionario que apunta a unha análise xeral da obra. Para máis adiante daremos a coñecer un segundo cuestionario que apunte a aspectos máis miúdos.
Ánimo.