Imaxe: O triunfo do ovo / Irmás Cartoné |
O triunfo do ovo é, segundo o seu autor Sherwood Anderson, “un libro de impresións sobre a vida americana”. Recolle 15 narracións, de extensión variada, precedidas da teoría pola que se rexen os relatos do autor. Os contos son os seguintes:
- “O mudo”. Conta en primeira persoa unha escena que ocorre nunha vivenda coma se fose unha película muda. O narrador non sabe o que ocorre porque non ten palabras para expresalo.
- “Quero saber por que”. Un rapaz afeccionado aos cabalos admira a un adestrador, a quen considera un pai para el. Pero dende o momento en que o ve entrar nun bordel de mala morte e bicar a unha muller que ten parecido cun cabalo que coñece só sente desprezo por ese home e non sabe por que o despreza.
- “Sementes”. Un pintor afeccionado á psicanálise tenta recuperar a saúde e superar o esgotamento. Cóntalle ao narrador (que nolo transmite en primeira persoa) o caso da muller que necesitaba ser curada. O pintor cre que o abafan plantas rubideiras, “sementes sementadas por mortos… agroman na miña alma e afóganme”. Anda na procura da purificación.
- “A outra muller”. Cóntanos un poeta novo que vai casar coa súa prometida, pero outra muller ocúpalle o pensamento. Espera que cando case a outra lle desapareza da mente.
- “O ovo”. A obsesión polo progreso dunha familia que quere mellorar criando pitas acaba por se converter en obsesión persoal polos ovos que se transmite de pai a fillo. (Quizais sexa este relato o que mellor transmite a filosofía da vida do americano).
- “Lámpadas apagadas”. O doutor Cochren comunícalle á filla Mary que padece do corazón e que pode morrer en calquera momento. A preocupación do pai é que vai ser da filla cando el falte. A filla vai lembrando a vida sen nai, a pouca comunicación co pai, os afectos non manifestados, as murmuracións sobre a desaparición da nai… O doutor caeu morto polas escaleiras da casa despois de vir de atender un parto. Unha vida que comeza e outra que se apaga no mesmo acto.
- “Senilidade”. Comeza o relato en terceira persoa, pero case que todo el descansa na voz dun vello --casado en segundas nupcias cunha muller moito máis nova-- que salmodia a súa vida a un viandante que pasou por onde se atopaba.
- “O home do abrigo marrón”. O historiador escribe moitísimo sobre grandes homes, pero é incapaz de comunicarse con quen ten máis cerca: a súa muller. Se cadra, algún día…
- “Irmáns”. O narrador, nos seus paseos polo campo, tropeza cun vello tolitates que considera da familia canto personaxe aparece nos periódicos, mesmo a un home que matou a muller sen saber por que. Este velliño tolo que pasea cun can no colo e que devece por falar co narrador concentra en si “a historia toda da soidade do ser humano”.
- “A trapela”. O profesor de matemáticas, casado e pai de tres fillos, leva unha vida anódina. Ten dúas criadas na casa e vive despreocupado e sen paixón. Entre os seus alumnos aparece Mary Cochran (a rapaza do conto “Lámpadas apagadas”); convídaa á súa casa e a vida dos habitantes cobra outro aire. A relación da Mary coa familia rematou de forma brusca. O profesor sentiuse feliz porque el non sería o culpable de que aquela muller vivise na prisión en que se convertera a súa casa e a súa vida.
- “A moza de Nova Inglaterra”. Os Leanders son unha familia de granxeiros pobres. Os fillos, coma o resto dos veciños varóns, van marchando cara ao oeste ou cara a Nova York. Os vellos Leanders e a súa filla Elsie deciden marchar á casa do seu fillo Tom, que casara e progresara. Na nova casa, Elsie seguía sentíndose coma un paxaro prisioneiro ata que a “treboada que se estaba formando no seu interior” escachou.
- “Guerra”. No grupo de refuxiados, unha muller polaca resísteselle ás indicacións do mando alemán: só queren que a deixen en paz. Prodúcese un estraño cambio de almas que comporta un cambio de papeis: agora o alemán resístese a camiñar cara a onde ela lle manda.
- “Maternidade”. Unha moza, traballadora dunha granxa, ten amores cun mozo labrador. Medran. Vense ás escondidas. Ela queda embarazada. Vai ter un neno. A historia, inzada de lirismo, remata cando vai chegar o parto.
- “De ningures a nada”. Unha moza de 27 anos regresa de Chicago á aldea doss pais para falar de algo con eles. Había seis anos que vivía en Chicago. Os ruídos da grande cidade non lle impedían durmir, ao contrario dos pequenos ruídos da tranquila casa paterna, que non lle deixaban pegar ollo pola noite ao tempo que se estaba facendo muller. O día na casa paterna estaba regulado por pequenos xestos e remataba cando seu pai lle daba corda ao reloxo antes de se deitar a durmir. No barullo da cidade de Chicago, Rosalind madura: le libros, escoita e fala con xente interesante, asiste a concertos e participa no teatro amador. Un encontro casual co seu veciño solteirón acaba por lle descubrir unha alma xemelga: tamén el quere fuxir da vila. Outro home que domina a mente de Rosalind é o seu xefe, un home preso á vida pola muller e os fillos, pero amargado polo traballo. Rosalind volvera á casa dos pais para lle contar á nai o seu amor por el. Quería que o soubese antes de se entregar ao home co que non podería casar. Rosalind abandona a casa no medio da noite, marcha a pé ata a vila veciña para coller un tren para Chicago. Na vila permanecerá o solteirón, unha especie de alma xemelga masculina.
- “O home da trompeta”. Misterioso conto narrado en primeira persoa pola voz dun negro que lles fala ás xentes do seu pobo como un oráculo e lles di o que poden facer das súas vidas.
Anderson retrata o estilo de vida do Medio Oeste americano. Os personaxes destes relatos atopámolos no remuíño da trasfega de xentes do campo á cidade nunha época en que están medrando os grandes núcleos urbanos (Chicago, por exemplo) empurrados por unha forte industrialización. Nalgúns casos, “progresar” comporta abandonar o campo e buscar vida na cidade. Pero vivan no campo ou na cidade, o lector atópase diante duns personaxes que se senten tremendamente sós. Dá a sensación de que vixían e controlan o comportamento público uns dos outros, pero é o narrador que pon ante os ollos do lector a intensa e desacougada vida que se lle remove nos adentros. Como di Melville Stoner, un deses personaxes: “En todo ser humano hai dúas voces, ambas loitando por facerse oír”. Así e todo, a voz que máis se fai sentir e que lles serve como lema, independentemente de que os leve á felicidade ou á desgraza é “triunfar na vida”.
Os relatos constrúense segundo a visión moi persoal do autor. Para Anderson “os contos son xente que senta na porta da casa da miña mente”, e neste proceso de personificación dota os relatos de sensacións físicas e psicolóxicas. Os personaxes, máis que as accións, son o eixe sobre o que xiran os contos de Sherwood Anderson.
Dictiografía
- Sherwood Anderson, O triunfo do ovo. Presentación editorial.
- O triunfo do ovo na Radio Galega, 07-04-2015.
Sherwood Anderson, O triunfo do ovo. irmás Cartoné, 2015. Trad. Carlos Valdés e Celia Recarey.