Amosando publicacións coa etiqueta Xesús Fraga. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xesús Fraga. Amosar todas as publicacións

8.2.15

'Reo' (de Xesús Fraga). Léxico-2

Reo (de Xesús Fraga). Lexico-2
Este exercicio consiste en substituír a definición que vai entre corchetes pola palabra que se corresponda con ela. A palabra e a expresión na que vai inserida aparecen na novela citada.

6.2.15

'Reo' (de Xesús Fraga). Léxico-1

Reo (de Xesús Fraga). Léxico-1.

Velaquí un test feito dunha escolla do léxico que se pode atopar en Reo, novela de Xesús Fraga. O divertimento ocupa pouco tempo, como vén sendo habitual neste tipo de actividade.
Saúde.

3.2.15

Xesús Fraga, 'Reo'. Cuestionario

Imaxe: Reo, o blog.
Deixo este cuestionario sobre Reo, novela de Xesús Fraga, coa mala intención de que poida usarse como guía para os debates do club de lectura. 


CUESTIONARIO
  1. A primeira cuestión que se debate na novela é a do grafiti: arte ou vandalismo?
  2. ¿Como se reflicten na novela os efectos da crise económica?
  3. O protagonista está pasando a crise da adolescencia. ¿En que se apoia para superala?
  4. O grafiteiro ou “escritor” guíase por unhas normas de conduta non escritas. Poñédeas por escrito seguindo a lectura da novela.
  5. ¿Como se reflicte na novela a loita xeracional?
  6. ¿Como se trata na novela o mundo da emigración?
  7. Comentade o final do relato: ¿aberto?, ¿pechado?
  8. Cando o protagonista se atopa con traballos de seu pai mozo, ¿podería dicirse que se está atopando a si mesmo? (Véxanse pp. 100-103; 140-1).
  9. Na nosa literatura é doado atoparse coa figura da vella ou vello sabios. ¿Quen desempeña na novela este papel e por que?
  10. Se tivermos que etiquetar ideoloxicamente a Reo, ¿en que parte do abano ideolóxico o poderiamos situar?
  11. Se reparamos nos membros da familia do protagonista, ¿botamos algún en falta? ¿De que modelo de familia estamos a falar?
  12. Reo móvese ás veces guiado polo espírito da competitividade. Debátase este aspecto.
  13. Cando o protagonista pensa no futuro, ¿por onde encarreira o seu pensamento?
  14. Os rapeiros considéranse cronistas da sociedade. Debátase esta afirmación e coméntese se se pode aplicar a outras manifestacións artísticas destes tempos ou doutros máis recuados.
  15. Ao longo da vida relacionámonos con xente sobre a que cambiamos de opinión. ¿Acontece isto na novela? (Véxase, p. ex., p. 49).
  16. ¿Cal será a razón pola que o narrador non nos di o seu nome verdadeiro?
  17. ¿Os pais de Reo forman un matrimonio onde se reparten, implicitamente, os papeis?
  18. Comentade a imaxe da policía que se tira da lectura da novela.
  19. ¿Cales son os trazos característicos da postura rebelde de Reo?
  20. ¿Que idea se pode tirar da aquitectura urbana ao lermos esta novela?

Xesús Fraga, Reo. Vigo, Galaxia, 2014.

1.2.15

Xesús Fraga. 'Reo'

1
Imaxe: Editorial Galaxia
Reo é o nome de guerra dun mozo urbanita: “Só teño 17 anos e son un rapaz de barrio” (p. 15). Nunca nos dirá o nome que figura no dni. Pouco importa. O principal é que Reo está a piques de pechar dúas etapas na súa vida: a da adolescencia e a de graffiteiro.
Iniciamos a lectura da novela cun Reo enfrascado na loita por manter o control do seu territorio a golpe de tags, guiado pola teimosía de non ceder un metro a ningún posible rival: se o rei claudica, acabará sumido no esquecemento. Cada “escritor” procura eliminar os posibles rivais coutándolles o espazo para a expresión artística.
A vida do graffiteiro tórnase clandestina porque a faceta artística o converte nunha persoa distinta que vive canda a real. Tamén hai xente que identifica o graffiteiro como gamberro e presenta denuncias ante a policía, á que non lle queda outra que vixiar. Se a policía o detén, supón a fin do fraffiteiro.
En primeira persoa, Reo vai contando a necesidade de “escribir” e describe os distintos aspectos da tarefa. Paso a paso introduce o lector no seu mundo: a panda e as peculiaridades dos seus membros, a aparición dun novo rival que desata a guerra de graffiteiros, o barrio no que vive, a familia e as ocupacións e gustos, a elección de carreira ao que remate o bacharelato, o namoro, a detención, a fuga para axudar a moza, o retorno á casa despois da segunda detención, o cumprimento do castigo, a morte e enterro do veterano da panda e a asunción de que Reo ten que deixar o sitio para que o ocupe a persoa que figure no dni.
2
Os 13 capítulos de Reo desenvólvense linealmente no tempo reducido do derradeiro curso do bacharelato. Preséntanos o narrador protagonista no cumio da actividade que lle dá sentido á súa vida. O relato sérvenos unha reflexiva exposición sobre o graffiti dende a óptica dun activista: concepto, sentido, finalidade, terminoloxía, técnicas, percepción social…
A novela comeza in media res e, aparentemente, tampouco ten final porque quedamos co protagonista á espera dun futuro incerto. Neste sentido, o autor adopta unha técnica acaída ao período psicolóxico descrito, impreciso no inicio e no remate. Pero o feito de escoitar no funeral o nome verdadeiro de Chagui sérvelle a Reo para enterrar esta etapa da súa vida e prepararse para a seguinte, sen remorsos nin pena. O rapaz aprendeu en cabeza allea que manterse sempre na mesma etapa vital significa aniquilarse como persoa. Esta parece ser a mensaxe.
3
Imaxe: Editorial Galaxia

Ademais da crise da adolescencia, outra crise percorre as liñas desta novela: a económica e social que estamos a padecer estes últimos anos. A perda do traballo converte o pai de Reo nunha especie de zombi familiar; malia a actitude rebelde do rapaz, a desgraza social esperta un sentimento de comprensión e simpatía polo pai e lévao a descubrir que se parecen máis do que pensaba: descobre que tamén pintaba cando mozo e dóese do tempo que ambos os dous se escamotearon.
O avó é o personaxe máis lúcido á hora de enfrontarse a ambas as dúas crises. Malia botar a vida metido no soto de traballo, amosa unha clara visión do mundo que lle tocou vivir e a súa experiencia serviulle de guía ao fillo e ao neto.
As relacións que os personaxes establecen entre si baséanse nos principios clásicos de familia, amizade, amor de parella.
No grupo de mozos nos que se integra Reo son ben visibles as diferenzas económicas, pero o sentimento de amizade, o sentimento artístico e o feito de se constituíren grupo marxinal na discoteca okupada dilúe esas diferenzas de clase.


4
Dictiografía



Xesús Fraga, Reo. Vigo, Galaxia, 2014.

3.10.13

Xesús Fraga, O elefante branco. Cuestionario

Cuestionario para o club de lectura de O elefante branco (de Xesús Fraga).


  1. O elefante branco é un título que se explica na propia novela. ¿Cal é esa explicación?
  2. A novela é unha homenaxe ao escritor Ánxel Fole. Xustificade esta afirmación.
  3. O mago Waldemar ten “espírito de narrador”. ¿Que sigifica isto?
  4. Analizade a voz narradora na novela.
  5. Analizade o tratamento do espazo na novela.
  6. ¿A muralla da cidade produce algún efecto no protagonista ou noutro personaxe?
  7. Na novela menciónanse dous personaxes con tendencia a facer torres no aire. ¿Quen son? ¿Que problemas lle causan á familia?
  8. Na novela hai un personaxe conscientemente caracterizado pola súa fala dialectal. Comentade este aspecto.
  9. A avoa é un personaxe moi interesante. ¿Que características a fan salientable?
  10. Debatede, baseándovos na novela, a importancia dos feitos aparentemente humildes.
  11. ¿Pódese afirmar que O elefante branco é unha novela de formación?
  12. Na novela aparecen varios modelos de vida en parella. Analizádeos e relacionádeos coa época á que se refiren.
  13. Comentade os recursos narrativos máis salientables empregados na novela. Por exemplo: narrador en primeira persoa, uso de cartas persoais, diálogo contrapuntístico, espazo que enmarca a historia etc.
  14. Na novela atopamos polo menos un par de obxectos dotados dun especial simbolismo. ¿Cales son? ¿Que poden significar?
  15. Atopamos na novela varios personaxes que viviron a emigración. Comentade os casos, épocas e características. Reparade na opinión que os propios personaxes teñen sobre o tema.
  16. Analizade o tratamento do tema da guerra. Enfocádeo especialmente dende o punto de vista dos personaxes que sufriron esta experiencia.
  17. Na novela, pais e fillos ocúltanse información. Comentade este aspecto. Podédelo enfocar dende o punto de vista das relacións interxeracionais.
  18. Na literatura é doado atopar a figura da Vella Sabia. ¿Quen desempeña tal función na novela? ¿Un só personaxe? ¿Varios? ¿En que medida?
  19. ¿Podería sacarse desta novela un modelo de educación? ¿Cales serían as súas liñas mestras?
  20. Procurade o anaco do relato titulado “A caixa de habanos” (de Ánxel Fole, Terra brava), lédeo e analizade como se integra n’O elefante branco.

     Deixo este cuestionario coa malévola intención de sempre: que sirva de guía para o coloquio sobre a novela e, se cadra, como base para unha proba avaliable sobre a lectura.

    Outras actividades


24.8.13

O elefante branco (de Xesús Fraga). Léxico-2

O elefante branco. Léxico-2
Novo test de léxico para lectores desta novela de Xesús Fraga.
O exercicio non pretende máis que divertirse unha miga coa lingua da novela. Non ocupa máis de cinco minutos.

Máis información sobre a novela:

11.7.13

Xesús Fraga. O elefante branco

As historias que se entrelazan nesta novela cóntanolas o protagonista preadolescente que ve alteradas as
vacacións de verán por razóns que non alcanza a comprender. Aínda que sacara boas notas nos estudos, os pais envíano a pasar o verán á casa dos avós, unha fonda na estación do tren de Lugo. O que nese momento considera un castigo, quedará na memoria de adulto como unha das etapas fundamentais da súa vida.
O estado de ánimo vai mellorando grazas ás cartas que recibe da rapaza que lle gusta e da sorpresa que lle causan as novidades da casa dos avós. Neste escenario irá coñecendo mellor a súa familia, tropezará con estraños personaxes que se moven na imprecisa fronteira da ficción e a historia, aprenderá a ver a cara e a cruz da realidade. En fin, aprenderá a coñecerse mellor e a aceptar os seus como son. Madurará, nunha palabra.


Para matar o aburrimento inicial, o avó recoméndalle ao protagonista que procure ler e préstalle un exemplar de Terra brava de Ánxel Fole. A novela convértese nunha deliberada homenaxe ao autor lugués e mais ao doutor Rodríguez Saa (conde de Waldemar). Unha chuvia intensa obrigará o protagonista a permanecer no marco (literario) da pensión. Cando a chuvia cansa, o marco amplíase á cidade murada, que se converte ás veces nunha especie de círculo pechado. De “A caixa dos habanos” van saír personaxes, historias de espionaxe, un medallón co elefante branco... que se mesturarán cos personaxes, historias e obxectos “reais” da novela. Mesmo o espírito narrador do mago Waldemar semella saír da caixa dos habanos. O autor logra captar das figuras homenaxeadas esa capacidade para moverse no terreo neboento da realidade e da ficción e meter nel o lector que non dará distinguido unha da outra.
Foto: La Voz de Galicia


Estruturalmente a novela discorre ao longo de 14 capítulos que se poden agrupar en dúas partes. En 13 capítulos conta a historia do verán e no derradeiro, separado por anos dos anteriores, valora a importancia daquela historia na vida do protagonista, agora maduro e asentado.


Sinopse
O protagonista remata o curso con boas notas, pero no canto de ir cos pais ao apartamento da costa, onde tamén veranea a rapaciña que lle gusta, mándano á casa dos avós. O rapaz interprétao como un castigo e encabúxase cos pais.
Na fonda que gobernan os avós atópase co curmán Vítor, un adroleiro compulsivo, soñador de torres no aire, estudante clandestino de inglés; co avó Nicasio, ferroviario vocacional; coa avoa, muller capaz, de forte carácter e gran sentido do pragmatismo; co mago Waldemar, un estraño personaxe que aínda conserva retallos dos tempos de gloria.
O protagonista-narrador bota unha man nos traballos da fonda da estación e vai collendo confianza co avó, que se lle converte nunha sorte de guieiro: logra inocularlle ao neto, futuro reporteiro, o gusto pola lectura. Tamén lle conta a historia de espionaxe na que participara sen querelo e vaille descubrindo aspectos do misterioso Waldemar narrados en contrapunto coa avoa.
A visita dos tíos que traballan en Londres descóbrelle a verdadeira cara da emigración, así como outros aspectos da súa propia familia. Entre eles, o divorcio dos pais, que provoca unha crise no rapaz.
Pasa o tempo. A morte do avó reúne de novo os protagonistas, agora maduros, donos dos seus destinos e cos soños máis ou menos cumpridos. Algúns obxectos recuperados a xeito de herdanza serven para pechar a historia.


Sitiografía