Amosando publicacións coa etiqueta Represión. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Represión. Amosar todas as publicacións

23.2.21

Holodomor tamén para as linguas

Imaxe: Galipedia: Holodomor
Hambruna roja. La guerra de Stalin contra Ucrania, de Anne Applebaum (Barcelona, Penguin Random House, 2019) non se centra só no periodo da fame negra (1932-34), senón que fai unha aproximación á "cuestión ucraniana" dende a Idade Media para explicar como non foi posible un Estado soberano ata finais do século XX.

Lingua e cultura ucraínas estaban xa definidas na Idade Media. A identidade nacional foise conformando ao longo da historia, sobre todo nos séculos XVII e XVIII, e foi recoñecida por intlectuais de prestixio: "L'Ucraine a toujours aspiré à être libre", deixou escrito Voltaire. Non ocorría o mesmo coas marcas territoriais, polo menos no seu lado occidental. Se cadra foi este o detalle que propiciou o baile de donos, nomeadamente polacos e rusos, que andaban á retesía para o reparto da torta.

Como vén sendo habitual cando se trata de chamarse a donos dunha leira allea cómpre eliminar as marcas que a identifiquen. E así se tentou facer coa lingua, a cultura e os elementos simbólicos ucraínos, con maior ou menor intensidade e con diversos métodos, ao longo da historia. O uso da fame provocada intencionadamente para someter o país é o fío condutor do libro de Applebaum. A crueldade de Stalin fixo da fame a principal ferramenta para converter a Ucraína nunha provincia sen identidade da Rusia soviética e, asemade, para ir dando aviso a outros territorios do que podían esperar se non musgaban a orella.

Os mortos por fame e os desprazados cóntanse por millóns. Os anos da fame negra (1932-34) transcorreron baixo a bota soviética, pero pode afirmarse que fartura --salvo de miseria-- non a houbo na zona en toda a primeira metade do século XX. Mortos e superviventes non só padeceron privación de comida, vestido e vivenda; tamén padeceron outras privacións de carácter inmaterial. Este é o aspecto no que imos reparar aquí.

Nas leas armadas producidas ao longo da historia entre os distintos amos do territorio téñense atopado soldados de fala ucraína en ambos os bandos contendentes, mais isto non foi atranco para consideraren os ucraínos, independentemente do bando que lles tocase, como distintos na lingua, usos, costumes, relixión, música, comidas... As afectacións viñan cando tal recoñecida identidade non interesaba á parte dominante. Por exemplo, os burócratas e mesmo os académicos rusos consideraban o ucraíno como un dialecto do ruso, un patois, que "non tiña dereito a unha existencia independente (cfr. p. 18) e usábase entre escritores rusos como elemento caracterizador da fala dos labregos.

Os polacos, pola súa vez, insistían en considerar as terras ucraínas como "fronteira non civilizada á que eles levaron a cultura e as institucións do Estado" (p. 19). Como as clases dominantes que falaban outras linguas distintas do ucraíno se asentaban en zonas urbanas e os monolingües ucraínos ocupaban as zonas rurais non se tardou en considerar estas zonas como "retrógadas e primitivas", consideración da que non se librou o idioma. E a escolla desta lingua por parte dos intelectuais comportáballes a sospeita de subversivos ou antisistema. Por suposto, estaba fóra do ámbito oficial pero era o idioma poético e de ámbito privado. No século XIX gañou a etiqueta non sempre santa de "nacionalista", que baixo o imperio ruso significaba unha ameaza para o goberno central o mesmo que para os boxeviques que se fixeron posteriormente co poder. A súa prohibición baseouse na falacia de que non era un idioma. No fondo estaba o medo a que a normalización do ucraíno en todos os ámbitos (ensino, xustiza, administración, lexislación...) suporía unha "alteración perigosa" para a unidade do Estado. Isto significou manter unha boa parte da poboación no analfabetismo ou nunha deficiente formación educativa, así como a trasfega de falantes para o ruso porque era a lingua na que podían progresar socialmente. Baixo o poder dos tsares prohibíronse libros, publicacións, libretos musicais e teatro en ucraíno, así como as actividades das agrupacións da sociedade civil. Paralelamente, cara ao territorio ucraíno foron atraéndose xentes doutras falas co engado da industrialización das cidades. Todas estas medidas foron corrixidas e aumentadas a medida que os soviets se afianzaron no poder. Cando se carece de Estado e de poder político a literatura e a arte convértense na canle do espírito patriótico. Nin que dicir ten que canda a independencia política e o crecemento económico medran a produción e a difusión lingüística e mais o orgullo e a paga emocional que os falantes ofrecen ao seu idioma.

A traxectoria normalizadora non durou moito e coa chegada dos bolxeviques ao poder revirouse de vez, nomeadamente baixo a etapa staliniana. Stalin concibía a Ucraína economicamente como despensa e politicamente como provincia sen identidade. E non dubidou en empregar toda a forza do poder, do exército vermello e do aparello de propaganda para o logro dos seus obxectivos. Así que tornou a prohibición da prensa ucraína, botouse o idioma fóra das aulas, pecháronse teatros, elimináronse libros de texto e outros materiais e non volveron editar as gramáticas e dicionarios doutras épocas; podíaselle disparar impunemente a calquera que falase ucraíno ou o parecese (p. 91). Acompañáronse estas accións coa aniquilación das elites e cunha feroz campaña de demonización ideolóxica das manifestacións culturais en ucraíno. Converteuse este idioma nunha lingua inferior, de aldeáns, de granxa (pp. 90-1), fronte ao ruso, idioma superior e urbano. Expresarse en ucraíno era identificarse como "pequenoburgués", "nacionalista", "contrarrevolucionario" (p. 91), etiquetas que podían levar a calquera ao cárcere, ao gulag ou ao paredón. Creose, en definitiva, un clima no que toda relación coa lingua nai resultase tóxica e perigosa.

Malia a hostilidade amosada dende o poder, o programa de sometemento non deu acabado coa identificación do país coa súa lingua e a súa cultura. E a Ucraína figura nos mapas dende 1991 como país independente  co ucraíno como lingua oficial. Como se pode supoñer, a maioría da poboación tamén coñece o ruso, froito da pertenza á URSS. Tamén padece outras secuelas menos gratas froito desa mesma relación.

Todo este drama histórico do que nos fala Anne Applebaum (negado por algúns onte e hoxe), ocorrido nun país tan afastado de nós xeografica e culturalmente, ecoa con estraña familiaridade no proceso lingüicida vivido no noroeste ibérico. ¿Va que si? Se cadra, é no momento presente onde se aprecian as diferenzas. Mais este é outro cantar.

Deixo aquí un par de recensións da obra referida:


20.11.19

A lingua da terra natal

"A lingua da terra natal é o alimento espiritual das almas sinxelas. O idioma é o bálsamo que mitiga a nostalxia do expatriado. [...] A comunidade do idioma é unha das que máis influíron na formación da Patria e por este motivo os conquistadores sempre trataron de arrincar as linguas propias dos pobos anexionados; e os pobos vencidos sempre defenderon o seu idioma como o derradeiro resto da súa indepencia".
A quen escribiu esas palabras executárono, canda outras once persoas, na estrada Coruña-Ferrol o once ou doce de setembro de 1936. Non tivo xuízo. Chamábase Arturo Noguerol Buján. Non foi un acto de amor o que o levou a unha foxa común do cemiterio de Serantes. Tampouco se pode dicir del que fose delincuente, nin separatista, nin fanático impositor de galego excluínte ou como lle queira chamar o gobernante "de turno". Nin fai falla ser lingüista para saber que unhas linguas espertan máis afectos ca outras.
En fin... Para sabermos máis podemos botar unha ollada ao libro de Jesús-Fernando Román Alonso (2003): Arturo Noguerol. Xornalista, arbitrista e financeiro do Galeguismo. (Galegos na Historia), Vigo, Ir Indo. (Cita e imaxe tiradas deste libro, pp. 25 e 49 respectivamente).

3.11.19

Xoán C. Abad / Evaristo Pereira: "O soño crebado. Da República á Guerra Civil en Vigo e na súa bisbarra"

Imaxe: O soño crebado/IEV
O soño crebado é unha exposición amena e didáctica sobre a aniquilación da II República polo bando vencedor da Guerra Civil de 1936. O título é unha declaración de intencións: recolle o sentir tanto daqueles que viviron os feitos narrados coma dos que xa nados na ditadura e mesmo na actual democracia percibiron aquel intento de réxime político como unha ventá aberta á esperanza que se atrancou de golpe. A obra é unha achega clarificadora a ese período traumático da historia das Españas que aínda alporiza hoxe a algúns sectores políticos que xa non  viviron os feitos pero que deben de se considerar herdeiros do bando vencedor. Neste "caderno didáctico" non se xulga nin se condena; expóñense sinxelamente os feitos sen tapullos nin preocupación pola corrección política.

Cómpre sinalar que a obra é máis ambiciosa do que o título suxire: o marco cronolóxico esténdese dende as etapas precedentes á República ata os anos posteriores ao remate da II Guerra Mundial; o espazo xeográfico expándese máis alá de Vigo e bisbarra, e os feitos narrados, mesmo sendo locais, poden considerarse exemplos concretos dun estilo de actuación extrapolable ao resto da Península e a outros países europeos. Non estamos, xa que logo, ante un humilde caderno didáctico de historia local, senón ante un auténtico tratado que estuda unha etapa concreta da virulenta historia do século XX partindo dun escenario local pero sen deixar de ollo o espazo global que inflúe sobre ela.

 Expostos os precedentes dos tempos da República, o estudo céntrase na esperanza que esperta o novo réxime na sociedade, especialmente entre as clases populares, nos vaivéns padecidos pola incipiente República, no levantamento militar e, conseguido o control do territorio polo exército sublevado, nas consecuencias que tivo na bisbarra o desenvolvemento da guerra: recrutamento de soldados para as distintas frontes, requisa de medios materias, control da poboación por medios violentos (detencións, xuízos sumarísimos, paseos, sacas, fusilamentos...) e accións de propaganda para xustificación e lucimento do bando vitorioso. Os mecanismos de defensa dos leais á República crean entobados, fuxidos e guerrilleiros. A marcha da guerra provoca na cidade e bisbarra a habilitación de cuartelillos, centros de detención, campos de concentración, hospitais...

A traxedia tórnase máis vívida cando escenario e personaxes resultan familiares. A información gráfica que se achega amósase eficaz neste sentido. Na inmensa traxedia que supón o exterminio do inimigo interior (los malos españoles) hai episodios que puideron ser publicados no exilio polos que deron fuxido das gadoupas dos perseguidores. Outros malamente lograron resistir a corrosión do tempo e o sudario de silencio con que os taparon os vencedores. E outros episodios especialmente punxentes tiveron desenvolvemento literario, coma o das vítimas do bou Eva, ás que Unha morte lanzal, de Julián Rodríguez Novo, rende sentida homenaxe. No estudo aparecen nomes de infausta memoria pola súa crueldade e nomes de xentes que non merecían a morte que lles deron. O libro recórdanos todos: uns para que deprendamos a non repetir a historia, outros para devolverlles a honra que a barbarie lles roubou. Entre os miles de títulos publicados sobre o tema aquí tratado, este "caderno didáctico" que temos entre mans resulta ser un bo antídoto contra a desmemoria.
____________________________________________
Xoán C. Abad / Evaristo Pereira: O soño crebado. Da República á Guerra Civil en Vigo e na súa bisbarra. Vigo, Instituto de Estudos Vigueses, 2019.

7.6.19

"Tendréis envidia de los muertos"

Imaxe:Historia de Iberia Vieja 162
Leo na revista Historia de Iberia Vieja (número 162, decembro de 2018)  o artigo "Campos de concentración en España", de Bruno Cardeñosa. Censa o autor 188 campos e dá detalles do trato exquisito que recibían os inquilinos desas residencias. Trato que sintetiza perfectamente a frase premonitoria de Ernesto Giménez Caballero: "Tendréis envidia de los muertos". Un estudo máis amplo e recente de Carlos Hernández, Los campos de concentración de Franco, aumenta a cifra en bastantes máis.
Para saber do trato que recibían os presos remítome, para empezar, ás fontes enriba sinaladas. Soamente quixera reparar na toponimia do mapa que acompaña o artigo citado, porque se trata da toponimia dos amos dos campos de concentración. Case que o único estraño é a posición de Camposancos. Os topónimos deturpados a machadazos levan camiño de se converteren nun endemismo. Houbo un coñecido defensor do galeguismo cordial que considerou tales nomes como "sinónimos enriquecedores". Non logro saber o que enriquecen. E hai xente que vai máis alá e que se nega redondamente a recoñecer que os lugares tivesen outro nome que el de siempre porque toda la vida se llamó así.
Pero se ningún topónimo do noroeste resulta impronunciable para calquera falante do leste do valado de grelos (greloseto para entendérmonos), ¿a que vén tanta teimosía na deturpación? Pois a única razón que queda é a que se le no pé dun debuxo de Castelao: a nosa terra non é nosa. Cómpre indicarlles claramente aos mandados que non son donos da súa terra, que o nome que lle puxeron non vale, que saiban de vez que lles varreron a terra de debaixo dos pés.
Se houbo xente que tivo o callo de "hospedar" unha boa masa de concidadáns en campos de concentración ou mesmo de deixar a un semellante enterrado coma un can danado nunha foxa descoñecida e viñeron despois outras xentes que prefiren deixar a cousa como está para non desenterrar odios... calquera cuestión lingüicida pareceralles unha brincadeira que non ten lles por que tocar a moral. Así que, quen queira vivir en Ourense, Rianxo ou Sanxenxo que saiba que estaría a vivir nunha distopía. O sensato é vivir en Orense, Rianjo, Puebla del Caramiñal...