Xulio Ríos desenvolve esta biografía de Lois Tobío (Viveiro, 1906-Madrid, 2003) seguindo tres liñas básicas:
- Aspectos clave da traxectoria vital de Lois Tobío.
- As principais facetas da súa personalidade.
- As grandes constantes de personalidade do biografado.
Ao debruzármonos sobre o traballo de Xulio Ríos vemos un dos trazos máis salientables de Lois Tobío: o carácter polifacético. Licenciado en Dereito, encamiñou a súa vida pola vía da diplomacia, mais tamén foi un incansable e xeneroso tradutor, un avisado analista da situación política que lle tocou vivir, un divulgador de temas políticos, sociais e históricos, un traballador competente con dotes organizativas, un lector voraz e amante de todo canto se relaciona co mundo da cultura.
Xulio Ríos defínenos a faceta pública de Tobío con tres adxectivos: diplomático, republicano e galeguista, convertidos en principios que guiaron o seu labor malia os tabanazos que lle supuxo a guerra civil.
Sen deixar de lado o sentimento da Terra, Lois Tobío percorre o mundo por razóns de traballlo (Berlín, Sofía...) ou por causa do exilio (Cuba, Nova York, México, Montevideo) ata que as circunstancias lle permiten regresar a España.
Das principais facetas da súa personalidade destaca Xulio Ríos o carácter político galeguista e, asemade, universalista "porque formou parte dunha xeración formada e educada na valiosísima idea do progreso con identidade, do positivo valor do noso achegamento ao exterior para sermos máis e mellores. É o universalismo galeguista que debería ser o noso pan de cada día, a nosa biblia en tempos de mundialización" (p. 110). Esta faceta alicerza as outras dúas: a de tradutor (cómpre que grandes escritores --Keats, Rilke, Baudelaire, Rimbaud-- falen galego, ou ensaístas e teóricos da política --Heller, por exemplo-- sexan coñecidos nas sociedades veciñas) e a de divulgador e animador cultural en prensa e radio.
Para Xulio Ríos, as grandes constantes que guían a traxectoria vital e o labor de Lois Tobío son:
- A curiosidade intelectual, que o afasta do chovinismo e o leva a exploración doutras culturas.
- A sensibilidade progresista, manifesta na súa preocupación pola xustiza social.
- A competencia e os dotes de organización cos que logra aconxuntar nun traballo común persoas valiosas de ideoloxías ás veces incompatibles.
Nun esforzo pola recuperación da nosa memoria, Xulio Ríos reivindica con esta biografía unha personalidade senlleira, de quen os concidadáns podemos sentirnos orgullosos. Unha personalidade que merece ser admirada e imitada. Unha personalidade que iniciou un labor que debe ser continuado para seguir reconstruíndo o que os salvaxes embates da nosa historia deixaron esborrallado.
___________________________
Xulio Ríos, Lois Tobío, un Galego de lei. Deputación de Pontevedra, 2015.