18.6.08

Foreiros da lingua

"A Academia Francesa rebélase contra as linguas rexionais", lemos no Galicia Hoxe. Con todo o peso da súa autoridade, pronúncianse os inmortais académicos en contra desa "excelente" intención dos deputados para que a Constitución recoñeza as linguas menores que aínda alentan no territorio de la Republique. Pensan os académicos coma algúns políticos dos nosos lares: se se fala e escribe máis dunha lingua xa se vai ó garete a "identidade nacional". Así que, con toda a finura que dá o savoir faire, esíxenlles ós deputados que vaian defender as linguas "régionales" na intimidade e que se esquezan de amparalas na Constitución. Entre nós, este tema esperta interese e mesmo preocupación. No diario enriba citado (18-6-08) atopamos tres artigos que aluden á polémica que sosteñen os franceses: Anxo Tarrío na sección "De signos e letras", a noticia de EFE "Tirando das linguas" e Marcos Valcárcel na sección "Andoliña". Só se trata dunha pinga máis na maruxía lingüística desatada en Francia. Dende mediados de maio, o xornal francés Libération ten aberto un foro sobre a cuestión das linguas "rexionais" que poden ver recoñecida a súa existencia se a Republique modifica a Constitución. Percíbese nos "foreiros" unha lixeira confusión. Así e todo, na discusión perfílanse as dúas liñas básicas: a dos que, naturalmente, están a favor de que as linguas minoradas non anden sen papeis pola patria da égalité e a dos que coidan que se van esfarelar os cimentos do universo se se manteñen vivos eses miserentos patois. A modo de exercicio, vou tentar de clarearme nesta faramallada.
Coma sempre, hai dous bandos. O dos xacobinos... ...e o dos xirondinos. Os do medio levan lafeadas nas dúas bandas da cara.
Estes xacobinos non son os devotos do santo Xacobe nin aqueles arreminados revolucionarios que se dedicaron a afeitar en seco os seus compatriotas. Son xente ben pensada que sostén contra vento e marea que un Estado só debe ter unha lingua; e se alguén naceu con outra lingua que non sexa a oficial do Estado que a meta no... que a use para lamber as feridas. Os xirondinos non son os seareiros do equipo de fútbol do Bordeos nin tampouco aqueles federalistas radicais curados de tal doenza cunha dose de guillotina. Aquí debemos consideralos como xente que non se asusta nin gaguexa nin lle tremen as carnes ante un feito diferencial.
Un alsaciano, poñamos por caso, se fala a súa lingua materna mesmo o pode facer por mala fe. Porque a mala fe é típica deste recuncho. Cando lle convén sacha en francés ou alemán... O conto é andar á comenencia. Os alsacianos son franceses ou alemáns... asegún. Ora esa! Un alsaciano fala o seu idioma porque é a súa lingua materna. E punto redondo. Algúns ven fantasmas.
¿Por que lle imos ter medo en Francia a esas linguas que xa están mortas ou que só falan intelectuais "régionalistes"
¿Para que queredes un patois rexional? ¿Para falar de paxaros e de herbas?
¿A que vos vén ese evanxelismo lingüístico? É para escachar coa risa.

A multiplicidade identitaria é unha riqueza. Protexela é protexer a riqueza do República.
Ides volvervos tolos para atopar choio se non sodes quen de redactar un currículo en francés. Onde colle unha lingua, collen dúas. En España atopáronse coa sorpresa de que os que mellor dominaban o castelán eran aqueles falantes de comunidades bilingües. Pensar nunha lingua non nos volve parvos nin nos inhabilita para acoller outra.
Sodes os simpatoizantes da anti-Francia. ¿A onde ides coas vosas músicas salvaxes, afumados de herbas provenzais? O recoñecemento simbólico das linguas "régionales" na Constitución, ¿vaivos impedir que sigades sendo uns lariqueiros na langdemolyèr?
Os que falades linguas "régionales" sodes uns reaccionarios neo-nacionalistas. Lembrade que en bretón ou alsaciano ou occitano... non se torturou en Alxeria. Xa vos asubiaremos cando necesitemos leccións de progresismo en francés.
Notre langue est déjà un patois à l'échelle planétaire. Le futur des européens parle Anglais. Ce n'est ni bien ni mal, c'est factuel. (Isto sóame moito. Algo semellante repetíao con sumo pracer certo alcalde de La Coruña). (Xa veremos o que pasará cando acaben de invadirnos os do Lonxincuo Oriente.)

E os Académicos ¿sodes incapaces de ver que os valores da República poden ter expresión en todas as súas linguas? ¿Non dades visto que a República ten cidadáns noutras linguas diferentes do francés?
¡Buf! Xa vou canso desta partidiña de ping-pong. Consólame non andar enleado no francés. Entre nós témolo máis claro. Neste "remiendo" do mundo no que nos puxo El-Señor resolvemos a cuestión lingüicida cos consellos da folla parroquial de don Armindo e outros acólitos. Podémola ler con devoción no blog fandiarzua.
Abur.

12.6.08

Fina Casalderrey. A pomba e o degolado

Fina Casalderrey, A pomba e o degolado, Vigo, Xerais, 2007.

0. A pomba e o degolado é, esencialmente, unha historia de amor entre adolescentes. Ou mellor, unha descuberta do amor que vén ser a descuberta dunha nova forma de ver o mundo e a vida, de estar no mundo, que supón establecer novas relacións cos familiares, cos amigos e cos compañeiros. Atrás, coma un pesadelo, van quedando problemas que se crían insolubles: a morte do avó, a separación dos pais, o acoso escolar, o fracaso nos estudos, o abandono dos amigos... Por diante aínda quedan cabos que atar: unha nova relación co pai e coa nai, unha noiva...
1. A novela recolle uns poucos anos da vida de André; non moitos, pero son anos de cambios profundos. Cando o pai marcha da casa, o neno aínda non é quen de comprender a situación. Interprétao coma unha viaxe do pai e relaciona o seu cambio de aspecto cando vén de visita con algún traballo que estará a facer para os Reis Magos. Tampouco entende o comportamento errático da irmá nin o malhumor permanente da nai.
O rapaz anda á valga pola vida, agarrándose a táboas de salvación como a súa compañeira Halima, o seu amigo Curro, a súa avoa e, sobre todo, o seu avó vivo ou na lembranza. As mágoas vainas superando coa axuda das súas afeccións: o chat e os paxaros.
2. A autora vai engarzando o inicio dun capítulo co remate do anterior. Deste xeito, o lector, levado pola voz do protagonista, enfróntanse ós 22 capítulos da novela coma quen tira do fío da memoria ata rematar as contas.
3. Aqueles lectores máis afoutos que non vos contentedes cunha sinxela e gorentosa lectura ou aqueles que precisedes fontes para algún traballiño académico (sempre hai profesores con instinto de verdugo) podedes consultar estas ligazóns:
Readgalicia.com (a foto está collida desta páxina).
http://www.xerais.es/catalogos/proyecto_lectura/XG00128101_1.pdf (ficha de lectura)
Noticia da fundación Caixagalicia.
Blog O aletófilo do Morrazo.
Suplemento Faro da Cultura, 10-5-07.
Recensión sobre a autora.
Recensión da obra en Vieiros.
Programa TVG Libro aberto, 7 de maio de 2007.
Noticia en Galicia Hoxe.

Na páxina do Foro contra o acoso escolar atopamos datos alleos á novela, mais que axudan a situala no seu tempo (hoxe mesmo, coma quen di) e a entender mellor un dos seus temas principais.

8.6.08

Actos literarios en Melide e San Simón

Entre as noticias de literatura que nos deixa esta fin de semana queremos reparar en dúas. Unha delas é a homenaxe que a AELG lle ofreceu en Melide a Xosé Vázquez Pintor. A outra, a entrega dos Premios Xerais, Merlín e Fundación Caixa Galicia.

As palabras de Vázquez Pintor son un agasallo: "Que o noso idioma nos sobreviva por moitos anos. E que a literatura sirva para facer feliz ao autor e a quen o lea". Do simbolismo do acto quedamos cunha ensinanza que nunca está de máis: amar e respectar a lingua, a todas as linguas.

O acto literario celebrado na illa de San Simón déixanos tres nomes e tres títulos ós que haberá que lles botar unha ollada : O xardín das pedras flotantes (Manuel Lourenzo González), Xenaro e o misterio da mochila verde (Mar Guerra Cid) e A cabeza de Medusa (Marilar Aleixandre). No Galicia Hoxe e mais na Voz de Galicia veñen unhas brevísimas referencias ós argumentos das novelas e á súa intrahistoria.

Deste periódico recollemos tamén un par de recensións publicadas no suplemento Culturas (7-6-08). Ramón Nicolás agóiralle unha boa acollida a Festina lente, novela de Marcos S. Calveiro. Salienta o crítico o labor de documentación e o esforzo estilístico desta novela ambientada na Galicia do século XVII.

A outra recensión á que nos referimos titúlaa Ana Abelenda "Viaxe á estación das ausencias"; ocúpase nela do último libro de poemas de Ánxeles Penas, Amor deshabitado: "A poeta desanda o camiño da memoria para recuperar a unha adolescente que lía a Neruda e presentía xa o amor como o reino das ausencias". A obra tivo unha longa xestación; segundo se nos di no pé de foto que acompaña á recensión, comezou a escribila nos anos setenta.

(Fotos de Galicia Hoxe.)

4.6.08

Exames

Quen máis quen menos xa está a contar polos dedos os días que faltan para rematar o curso. Uns farédelo con ilusión, outros con ansia e dúbidas e outros con noxo. Pero a todos vos quedan aínda os últimos exames nos que xogades unha boa parte dos resultados académicos.
Por iso vos suxiro que lle botedes unha ollada ó suplemento La Voz de la Escuela de hoxe. Na páxina 2, Ana T. Jack recomenda unhas sinxelas e útiles estratexias para superar exames.

Xa sei que vos resultarán familiares, pero non estará de máis lembralas.

Insisto. Non pretendo con este "apuntiño" aprenderlle a un pai a facer fillos, como vulgarmente se di, mais hai técnicas tan evidentes que se esquecen por rutina ou nervios.

No artigo que cito hai un parágrafo que transcribo expresamente: "Non se pode cualificar cun aprobado un exame que consiste nunha meada* de datos sen desenvolver, con ideas soltas e cunha redacción pésima". Entendo que con isto quere dicir que a desculpa de "¿pero usted sabe lo que quiero decir, no?" non vale de moito.

Botádelle unha ollada ó artigo, seguide os seus consellos e... avante toda.
(Nota sen gastos: O artigo está redactado en castelán, pero supoño que o daredes lido sen necesidade de tradutor automático.)
*¿Que significará esta palabra?