30.3.11

Noticias de literatura-100

Xesús San Luís Romero recuperado por Toxosoutos, que nos achega a inédita Foliada no rueiro:
O carballés Xesús San Luís Romero deixou na súa lonxeva vida (1872-1966) un interesante ronsel de composicións líricas ademais dun labor teatral, moi significativo, ao que dedicou unha parte esencial do traballo como escritor. Das numerosas obras creadas e ideadas para a escena, ocupa un lugar moi sobranceiro O fidalgo (drama en tres autos e un cadro, en verso) coa cuberta ilustrada por Asorey, que se editou no ano 1918 (Tipografía "El Eco de Santiago") coincidindo no tempo coa súa estrea no Teatro Principal. Incluía un prólogo de Ricardo García Rivas e varias noticias de xornais e revistas que fixaron a súa atención na representación e no autor. Sete anos despois, unha nova edición (coa cuberta ilustrada por Camilo Díaz) poñía na rúa tres mil exemplares, o que viña de ser a demostración do éxito da peza e da consideración do dramaturgo (Galicia Hoxe, 19-03-2011).
María Xosé Queizán profunda na figura de Mary Shelley en Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial :
A obra, un ensaio con ronsel de novela, afonda non só na figura de Mary Shelley e a súa familia, senón no contexto histórico e en especial no escenario intelectual da época: científicos, artistas... "Foi un traballo de moitos anos. Sempre me interesou moito o Frankenstein de Mary Shelley. Levo moito tempo recollendo material e, si, documenteime moito. O obxectivo é explicar como xorde unha novela tan fantástica, da man dunha escritora tan nova, que ademais tivo unha vida tremenda. Súa nai morreu no parto dela, perdeu fillos, a irmá suicidouse... e a súa novela foi un xeito de optar pola vida, de crear vida ante tanta morte", indicou Queizán (Galicia Hoxe, 19-03-2011).
Entrevista coa autora: “As mulleres deberiamos reaccionar dun xeito moito máis radical” (El Mundo, 26-03-2011).
Lois Pereiro: Xerais publica a poesía completa e mais unha biografía novelada do autor:
dous volumes que, de xeito ben diferente, xiran en torno ao universo de Lois Pereiro. Trátase da biografía novelada de Marcos Calveiro, Náufrago do paraíso, e da Poesía completa de Pereiro, reunida por primeira vez pola profesora e investigadora Ana Acuña (Xornal de Galicia, 20-03-2011).
Artigo sobre a vida de Lois Pereiro no Faro de Vigo (20-03-2011).
Isidro Novo fala de Cabalos do demo e outros invertebrados (Trifolium), e tamén da situación da lingua. Cabalos do demo...
É unha compilación de relatos espallados en distintas publicacións. O primeiro, o que case lle impón o nome ao libro, é Cabalos do demo, que foi en 1995 o gañador do Premio Murguía. Hai outro relato, O voyeur e a dama intanxíbel, que conmemora o décimo aniversario dese galardóns. Despois hai dous relatos que foron publicados en periódicos. Unha asombrosa sombra, que foi escrito para o Xacobeo de 1993, no que eu facía o percorrido inglés. O último é un microrrelato, que escribira para outro xornal no que un escritor facía o seu traballo e un pintor facía a ilustración. Chámase Vostede siga ben, señor fiscal. O espírito do libro reúne relatos diferentes e de distintos formatos e tamaños. O primeiro é moi longo e o último é micro. Todos teñen a diferenza de continente e de contido. Quixen saír dos modelos academicista tan marcados. Pareceume axeitado romper con eses criterio e estou satisfeito co resultado.
No que portén á lingua:
A palabra normalización está en desuso. É unha palabra obsoleta, xa non se usa para nada. Agora só temos a palabra SOS, a ver si podemos salvar a lingua e dende logo se este goberno segue gobernando terémolo moi cru para que a lingua permaneza. A lingua vai sufrir moito cos gobernantes que teñen dentro o autoodio. Aspiran a ser madrileños de rexional preferente. Pero tamén hai que botarlle a culpa a impasibilidade da xente que lle quitan o seu e se deixa ir. A culpa non é só do goberno, senón tamén desa actitude da xente (Xornal de Galicia, 20-03-2011).
Bernardino Graña entrevistado en El Mundo (21-03-2011) por mor da publicación da antoloxía Ser auga, darse en auga. Medio século: 1958-2008:
Recolle cousas que eu xa non tiña. Eu creo que os mellores son 'Profecía do mar', 'Himno verde' e 'Sen sombra e sen amor'. Porque aí están expresados os sentimentos máis importantes: o mar, o amor e tamén o desamor...
Dionisio Pereira estuda un aspecto do franquismo en Loita de clases e represión franquista no mar (1864- 1939):
O autor asegura que a ditadura franquista foi capaz de espallar con éxito unha visión que despolitizaba a represión, reducíndoa a cuestións como as loitas entre familias (Galicia Hoxe, 23-03-2011)
Manuel Lourenzo: artigo de Dolores Vázquez en La Voz de Galicia (25-03-2011):
foi á volta de Alemaña cando, nos setenta, foi o impulsor do Teatro Independente Galego. A partir de aí unha prolífica carreira como tradutor, escritor, director teatral e profesor, e numerosos recoñecementos.
O pintor do sombreiro de malvas e Contos para nenos que dormen deseguida na lista White Ravens 2011. Parabéns.
Variacións enigmáticas, de Eric Emmanuel Schmitt e Eloxio da Sombra do xaponés Junichiro Tanizaki (1886-1965) en galego:
Eric-Emmanuel Schmitt naceu en 1960 en Sainte-Foy-lès-Lyon (Francia). Profesor de filosofía na universidade, comezou a ter éxito como dramaturgo nos anos noventa con obras como A noite de Valognes ou O visitante. Entre outros recoñecementos, recibiu o Gran Premio de Teatro da Academia Francesa polo conxunto da súa obra no ano 2001. É tamén autor de varios ensaios, volumes de relatos e novelas.
Junichiro Tanizaki é un dos autores xaponeses con maiores influencias occidentais nas súas lecturas. Edgard Allan Poe ou Oscar Wilde son algúns dos escritores adivíñanse nas súas liñas. O seu estilo neorromántico, de elegancia serena e refinada, chegou ao cumio na súa obra A neve tenue, que escribiu no transcurso de moitos anos. (Xornal de Galicia, 26-03-2011)
Carlos Solla e Xerardo Quintiá fanse cos premios Johan Carballeira e Fiz Vergara Vilariño:
A necesidade de, polo menos, superheroes, que os galegos temos para conseguir salvar a nosa lingua e a nosa cultura ante os ataques dos poderosos. E a recuperación da memoria da infancia. Son os principios que moven cada un dos poemarios que resultaron gañadores (Galicia Hoxe, 27-03-2011).
O teatro e os seus atrancos son analizados no artigo de Mar Mato en Faro de Vigo (27-03-2011). Na mesma dirección apunta o artigo de Camilo Franco en La Voz de Galicia (27-03-2011).
Xavier Quiroga conversa con Manuel Vidal sobre narrativa, lingua e democracia:
Resulta que moitos dos meus personaxes miran conscientemente para o pasado coa finalidade de atopar o seu presente e mesmo para procurar o futuro. É como se nese pouso que se vai acumulando ao cabo dos anos por dentro de nós estivese a verdadeira esencia do ser humano. De aí esa procura, constante e esencial. Afóndase no que se coñece, no que pasou, no que sentimos, para asentar o que descoñecemos e será (Galicia Hoxe, 28-3-2011).
Xesús González Gómez, Dicionario de surrealismo e surrealistas. Presentación da obra no Verbum:
O surrealismo foi un movemento artístico, político e cultural que marcou as vangardas do século XX.
Os seus posicionamentos ante a arte, a literatura e a cotidianidade aniñaron con fortaleza en propostas posteriores ata concretar influencias que hoxe son recoñecidas por historiadores, sociólogos e filósofos. As súas principais figuras son igualmente senlleiras personalidades do século pasado. Mereceron e seguen a merecer recoñecementos, restauracións biográficas, publicacións e mostras conmemorativas e recuperadoras (Xornal de Galicia, 28-03-2011).
Víctor Freixanes, autor do ano por Cabalo de ouros:
Antes dera ao prelo Unha ducia de galegos (1976), fito na recuperación da memoria do galeguismo a través do xénero da entrevista, e Memoria dun fuxido (1980), baseada na vida do guerrilleiro Manuel González Fresco. No ano 2010 publica en Galaxia a novela Cabalo de ouros (Galicia Hoxe, 30-03-2011).
A noticia escura é a da situación do libro. En 2010, cae o número de títulos publicados e mantense a invisibilidade do libro galego.
A noticia triste é a do pasamento de Valentín Arias. Quédanos o seu maxisterio.

Etiquetas: , , , , , , , , , , , , , , , , ,

28.3.11

Bertrand Russell. Por que non son cristián

Chéganos por cibercorreo nota de prensa de Editorial Trifolium con información sobre a publicación do libro Por que non son cristián, de Bertrand Russell.
Deixámola aquí pegada.



Editorial Trifolium publica

POR QUE NON SON CRISTIÁN
 de Bertrand Russell

Editorial Trifolium, dentro da súa colección Musa pedestris, vén de sacar do prelo “Por que non son cristián”, de Bertrand Russell.

“Por que non son cristián” é o texto dunha conferencia impartida por Bertrand Russell o 6 de marzo de 1927, no consistorio de Battersea, baixo os auspicios da Sección do Sur de Londres da Sociedade Laica Nacional.

Bertrand Russell foi un escritor prolífico durante toda a súa vida e parte dos seus mellores traballos está contido en pequenos folletos e en artigos publicados en diversos xornais. Isto pode aplicarse en especial aos seus estudos sobre relixión, pouco coñecidos fóra de certos círculos racionalistas.

Aínda que é valorado sobre todo polas súas contribucións a temas tan abstractos como a Lóxica e a Teoría do Coñecemento, cabe esperar que Russell sexa igualmente lembrado como un dos grandes herexes en moral e relixión, tal como apuntaba en 1956 Paul Edwards, compilador de varios dos seus ensaios relativos a temas teolóxicos.

Consideraba Bertrand Russell, un dos pensadores máis lúcidos do século XX, que todas as grandes relixións –o budismo, o hinduísmo, o cristianismo e o islam- son falsas e daniñas, á vez que avogaba por un mundo no que a educación tendese á liberdade mental en lugar de encerrar a mente da humanidade na ríxida armadura do dogma.

Porque o mundo, engadía, necesita mentes e corazóns abertos, e estos non poden derivarse de ríxidos sistemas, vellos ou novos.


O Autor

Bertrand Russell (1872-1970) foi un home dunha curiosidade intelectual case ilimitada. Estudou Matemáticas, Física e Ciencias Humanas en Cambridge. Autor da Teoría dos tipos, coa que daba resposta á grave crise que atravesaba a Teoría dos conxuntos, abriu un novo campo á Lóxica formal. En Filosofía moral e social abordou as contradicións entre individuo e sociedade, liberdade e orde, progresismo e pesimismo, etcétera.

A súa insubornable actividade crítica fixo que fose encarcerado en dúas ocasións. Enfrontado á carreira armamentística nuclear e á violencia, presidiu o tribunal que xulgou os crimes de guerra en Vietnam.

Foi profesor en Cambridge e conferenciante en universidades e centros culturais de todo o mundo, e en 1950 foi galardoado co Premio Nobel de Literatura.

Cómpre salientar da súa vasta obra “Principia mathematica”, “A educación e a orde social”, “Historia da Filosofía Occidental”, “A sabedoría de Occidente” e, “Crimes de guerra en Vietnam”, entre outros títulos, neste mesma colección “Eloxio da ociosidade”.


Datos

Título: Por que non son cristián
Autor: Bertrand Russell
ISBN: 978-84-938669-1-4
Páxs.: 68
______________________
Imaxe de Left Hemispheres.
Etiquetas: , , , ,

18.3.11

Noticias de literatura-99

Inma López Silva fala con Manuel Vidal Villaverde sobre lingua, política e literatura dramática (Galicia Hoxe, 7-3-2011).
Espiral Maior pon nas librerías cinco novos poemarios: Farruco Sesto, Eva Veiga, Diana Varela, Iria Fernández, Ludwig Zeller.
Gonzalo Amoedo investiga A memoria e o esquecemento. O franquismo da provincia de Pontevedra:
O libro mantén durante as súas máis de 350 páxinas este ton crítico e claro, o mesmo co que conclúe que "diversas familias da aristocracia oligárquica e as xerarquías producidas durante o franquismo seguirían a manter diversos membros nas altas instancias da sociedade actual, incluídos os estratos políticos". Deste xeito, "o capitalismo familiar pontevedrés, que xirou arredor das familias non galegas en orixe (Bárcena, Massó, Curbera, Sanjurjo, Portanet, Oya, Puig Gaite, Munáiz, Mon), vinculadas algunhas ao mundo da pesca e todo o que este creou ao seu redor, acada límites asombrosos. Esas mesmas familias serán as que financien a Falanxe e cooperen ao éxito do golpe de Estado, sendo o seus fillos os militantes máis comprometidos nos primeiros momentos" (Galicia Hoxe, 8-3-2011).
Daniel Lanero Táboas estuda outros aspectos da mesma etapa en Historia dun ermo asociativo:
Un estudo polo miúdo dos labregos, sindicatos verticais e políticas agrarias en Galiza baixo o franquismo. Aínda que centrado no territorio galego, o tecido da obra agacha en clave contextual un solvente estudo do papel que o franquismo, desde diversas e variadas políticas e estruturas, en todo o territorio do Estado español (A Nosa Terra, 11-03-2011).
Espiral Maior edita poesía para nenos:
vén de poñer en marcha unha colección poética destinada aos máis cativos, que recibe o nome de Lúa Lueira, e que se abre con dous títulos: Parece unha rosa, de Rosalía de Castro, e Cantiga do mazarico, de Emilio Pita. Ambos os dous volumes están ilustrados por Isabel Pintado (La Voz de Galicia, 13-03-2011).
Dolores Vilavedra fala en El Mundo (13-03-2011) sobre a literatura galega de fin de século:
Na etapa postfranquista, a literatura galega non iniciou o proceso de institucionalización dun campo autónomo ata a aprobación do Estatuto de Autonomía. A narrativa adquiriu a condición de xénero hexemónico e ampliáronse os horizontes temáticos e discursivos ó mesmo tempo que mudaban o modelo de autor, o de lector e o de editor desde unha posición militante a outra máis plural.
Miguel Anxo Fernández volve poñer en acción a Frank Soutelo en Lume de cobiza (Galaxia):
A serie de Soutelo comezou no 2002 con Un nicho para Marilyn e continuou con Un luar no inferno, e Tres disparos e dous friames (La Voz de Galicia, 18-03-2011).
Procedencia das imaxes:
A Nosa Terra (foto da praza de abastos) e La Voz de Galicia (capa de Parece unha rosa e Miguel Anxo Fernández).

Etiquetas: , , , , , , , , ,

13.3.11

Verbos galegos-07

Deixo a ligazón a un test de verbos regulares para facer en liña. Accédese a el premendo no título do post.
Como vén sendo habitual, p1= primeira persoa de singular; p2= segunda de singular, e así sucesivamente.
Abur.

Etiquetas: , ,

9.3.11

Ray Bradbury. Fahrenheit 451. Cuestionario

Para o club de lectura de Ray Bradbury, Fahrenheit 451

Coa intención de que poida servir de guía de lectura, propoño este
 
CUESTIONARIO
  1. Comenta o dobre concepto de “ser sociable” (pp. 51-52).
  2. O comportamento e as actitudes da xente segundo Clarisse (véxanse pp. 52-53).
  3. O suicidio na novela (véxanse pp. 34, 54, 63...).
  4. Describe a crise persoal do bombeiro Montag. Podes empazar botándolle unha ollada á p. 68.
  5. Comenta os problemas que crea a incomunicación, segundo se reflicte na novela.
  6. As máquinas e os humanos. A súa importancia nas condicións de vida.
  7. ¿Que valor teñen os libros para o bombeiro Montag?
  8. A filosofía da vida do capitán Beatty.
  9. O capitán Beatty di: “A palabra intelectual converteuse no que merecía: un insulto” (p. 84). Comenta o alcance desta afirmación.
  10. Fai o mesmo con estoutra frase do mesmo personaxe: “Non se trata de que todas as persoas nazan libres e iguais, como di a Constitución, senón de facelas iguais” (p. 84).
  11. Na situación descrita na novela, ¿que valor poden ter nomes como “Brigada da Alegría” ou “Equipo da Felicidade”? (Cfr.: p. 88).
  12. ¿Con que se xustifica a teimosía contra os libros?
  13. ¿Por que se considera disidente un lector de libros?
  14. ¿Con que recursos conta a sociedade de Fahrenheit para superar o estrés?
  15. ¿Que busca a xente nos libros? ¿Pode atoparse noutro lugar?
  16. ¿A que se está a referir o vello Faber cando cita “o rabaño inamovible da maioría”? (Véxase p. 140).
  17. Na sociedade da novela, ¿que temas interesan e cales non? (Podes comezar pola p. 183, p. ex.).
  18. ¿Por que se lembra na novela a ave Fénix? (Cfr. p. 197).
  19. Comenta o tratamento da guerra na terceira parte da novela.
  20. ¿Que valor se lle dá á memoria na novela?
  21. O simbolismo do lume e as súas manifestacións na novela.
  22. A novela é unha distopía. Segundo a túa lectura, ¿darías caracterizado tal distopía?


Ray Bradbury, Fahrenheit 451. Vigo, Xerais, 2005. Tradución de María Magdalena Fernández Pérez.
Imaxe de Relevant: The chronicles of Ray Bradbury.

Etiquetas: , , , ,

7.3.11

Noticias de literatura-98

Oriana Méndez fala de Cero, o seu último poemario:
Desde unha óptica de estrañamento da realidade, de distanciamento respecto ó mundo tal como o coñecemos, Oriana Méndez formula en Cero, (Galaxia), o seu segundo libro, reflexións posibles sobre o poder, a opresión, a memoria ou a incomunicación (Galicia Hoxe, 1-3-2011).
Euloxio Ruibal presenta Labirinto da memoria. Friso contemporáneo (Toxosoutos):
O fascismo volve abrollar nas sociedades occidentais contemporáneas. A burguesía prefire mirar para outro lado e non facerse preguntas sobre un pasado cuxa resposta enfía cun presente inzado de violencia explícita e implícita. Mozos protestan contra unha guerra que é a da Iraq, pero podería ser calquera outra. Mentres uns políticos serven o imperialismo, o Estado reprime as protestas populares. Este é o escenario no que agroma Labirinto da memoria. Friso contemporáneo (Galicia Hoxe, 2-3-2011).
Manuel Lourenzo entrevistado en El Mundo (2-3-2011) por Montse Dopico:
A compañía Casahamlet acaba de recibir o premio Otero Pedrayo pola súa traxectoria de dignificación e promoción da cultura galega. Manuel Lourenzo é, xunto con Santiago Fernández, o fundador deste proxecto, ademais dunha das figuras clave do teatro galego. Dramaturgo, actor, director, investigador, docente... non hai campo da nosa escena que Lourenzo non teña axudado a desenvolver, desde a etapa do teatro independente dos 70. O seu traballo foi recoñecido xa con moitos outros galardóns: Abrente, Ditea, Cangas, Xeración Nós, Rafael Dieste, Premio Nacional de Literatura Dramática, Premio Nacional das Artes Escénicas, Álvaro Cunqueiro ou Pedrón de Ouro, entre outros.
Manuel Monge presenta A historia secuestrada do franquismo:
O libro amósase especialmente crítico coa política desenvolvida pola Xunta na recuperación da memoria pero tamén co incumprimento da lexislación que apoia os traballos (Galicia Hoxe, 4-3-2011).
Xelís de Toro fala no Galicia Hoxe (5-3--2011) do seu novo proxecto de música e poesía:
presenta hoxe na Sala Nasa de Compostela o seu Laboratoro, un proxecto que desenvolve desde Brighton xunto ao músico Ed Briggs. O Laboratoro, que o escritor concibiu ao primeiro como un alterego, naceu nun momento crucial da súa vida creativa: cando descubriu que non lle interesaba xa escribir novelas e recuperou a poesía, ámbito no que se deu a coñecer a finais dos anos oitenta.
Stèphane Hessel indígnase en galego:
En Indignádevos!, Hessel –o único redactor da Declaración Universal dos Dereitos Humanos que segue con vida–, diríxese directamente á xuventude, á que lle ofrece un manifesto a prol da “insurrección pacífica” empregando como argumento a súa propia biografía. Defende que el non contribuíu á loita que permitiu acadar tantas conquistas sociais na segunda metade do século pasado para que todos eses avances se derrubasen dende a década do 2000 en diante (Xornal de Galicia, 5-3-2011).
1Q84, de Murakami, recomendado por La Voz de Galicia (6-3-2011, edición papel). Os que non teñan inconveniente de lelo en galego, con permiso da autoridade, poden atopalo (polo mesmo prezo) na edición de Galaxia, como este periódico nos fixo saber e nos lembra hoxe na última liña da recomendación.

Etiquetas: , , , , , ,

5.3.11

El gallego feo de Marta...

Grazas ó repaso que Ferradura en tránsito lle dá á cultura, lingua, sociedade e política do país, volvemos tropezar coa (agora ex-) concursante de GH12. No blog que cito  hai unha ligazón a un vídeo de Chema Montero que non quero deixar de apegar aquí.
Diante miña vexo todos os días moitas martas, bilingües en idioma e medio (cando non en medio idioma), que se senten montunas aínda que vivan na vella liña do tranvía que vai de Chapela a Bouzas.
Quen ande pola zona sabe que se tropeza ó saír da casa acaba escornándose na reixa de "abrir Vigo al mar". Pero o de "montuno" non obedece ó lugar onde se sitúe a casa, senón a certo idioma que seica provoca alerxias.
Velaí vos queda o vídeo de Chema Montero.

2.3.11

Noticias de literatura-97

Talía Teatro pon en escena Pelos na lingua:
queriamos facer un espectáculo entretido, divertido, sobre a lingua. Desta volta xogamos cos prexuízos arredor do galego, e non só arredor do galego. A idea é facer que os prexuízos queden á vista, xogar coas evidencias, non é convencer a ninguén de que fale galego ou non. Quixemos facer un espectáculo moi apegado á realidade, moi directo, no que se poidan recoñecer facilmente as situacións que se formulan. Está estruturado, como o outro, en sketches..." (Galicia Hoxe, 23-2-2011).
Rivadulla Corcón fala con Lupe Gómez no Galicia Hoxe (23-2-2011) por mor da publicación do poemario Os papeis do vagabundo:
No novo libro de Rivadulla Corcón hai un vagabundo que, de forma moi delicada e romántica, abandona poemas de amor baixo a cunca do café para unha camareira nas súas visitas a unha taberna preto do mar.
Lupe Gómez presenta A grafía dos mapas:
o novo libro de Lupe Gómez, mestura de poesía, teatro, fotografía e ensaio. Un libro que supón un chanzo máis no compromiso social da autora, que se rebela contra perdas como a memoria, a desesperanza ante o futuro, o "cárcere" no que vive hoxe Galicia (Galicia Hoxe, 24-2-2011).
Noticia da presentación d’ A grafía dos mapas no Galicia Hoxe, 25-2-2011.
Andrea Nunes Brións publica Todas as mulleres que fun:
o segundo poemario de Andrea Nunes Brións, que acaba de editar Corsárias. En palabras da autora, "un alento, unha procura, un buscar un construírmonos como nós mesmas queremos, en plural" (Galicia Hoxe, 24-2-2011).
Carlos González Reigosa presenta A agonía do león:
Unha reportaxe dun tempo de combate, represión, miseria e dor, novela policial, crónica de horribles sucesos, episodio bélico, novela psicolóxica, crónica de costumes, descrición dunha zona deprimida -La Cabrera, montaña case inaccesible no noroeste de León- ou como retrato da condición humana nunha situación límite. Así pode lerse A agonía do León, Esperanza e traxedia dos escapados, o ensaio de Carlos Reigosa publicado por primeira vez no 1996, e que volve agora saír do prelo, actualizado, da man de Xerais. (Galicia Hoxe, 25-2-2011).
Noticia da presentación d’ A agonía do león en Xornal de Galicia, 25-2-2011):
Reigosa aproveitou a presentación da súa obra– que o autor define como “unha conxunción de xéneros”– para reflexionar sobre o debate ao redor da recuperación da historia dos vencidos na contenda civil. “A nosa memoria histórica resulta que é moi débil, pero non debe saír dese estado para ir a unha forma torcida”, sentenciou o autor. Nese sentido, apuntou os dous xeitos nos que se pode desenvolver o traballo de recuperación. “Por unha banda, hai unha maneira de respectar os feitos históricos e contalos con precisión; pola outra, temos ese afán de traer os feitos ao presente dun xeito trapalleiro con fins utlilitarios”, explicou Reigosa, quen advertiu que “o preocupante agora” é que hai un “sectarismo excesivo” en moitas das obras sobre memoria histórica.
Noticia da presentación da reedición d’ A gonía do león en Galiciaé (24-2-2011)
Ana Romaní fala en El País (25-2-2011) de poesía e de Estremas:
Porque vivimos tempos durísimos e asistimos a unha serie de fracturas, de crebas, que nos levan a un lugar de abatemento, de cansazo, de sensentido. Como se fósemos corpos políticos exhaustos. Estremas é unha rebelión fronte a esa trama e a ese confinamento. O libro indaga neses dicursos e na posición dende onde participamos. Tamén fala do movemento, da acción.
Federica Montseny, Impresións dunha viaxe por Galicia en 1935. Noticia sobre a publicación da experiencia en El País 25-2-2011):
Impresións dunha viaxe por Galicia en 1935 relata a xira organizada pola Confederación Regional Galica da CNT. Nos anos da II República, o sindicalismo vermello e negro agrupaba no noroeste ás masas proletarizadas da costa e rexía, antes de máis, entre os traballadores do mar.
Unha achega ó anarquismo nesta terra atopámola no Galicia Hoxe (28-2-2011).
Elena Veiga publica Ironía para morrer en fucsia (Biblos):
A historia inicia coa confesión dun asasinato en plena catedral. Unha rapaza admite a un sacerdote que asasinou a Virgo23. Despois desa parte inicial, chea de diálogos absurdos e hábiles, a historia continúa cun segundo apartado no que fala o propio cura, que pouco ten home de deus. Ao final da novela, toma a palabra Virgo23, un personaxe estraño que fala dende a tranquilidade que lle dá a un estar morto (Xornal de Galicia, 26-2-2011).
Noticia da presentación de Morto en fucsia no Xornal de Galicia (2-3-2011).
Agustín Fernández Paz entrevistado por Ágatha dos Santos en Faro de Vigo (26-2-2011).
Anxos Sumai fala de lingua e literatura con Manuel Vidal Villaverde no Galicia Hoxe (28-2-2011).

Etiquetas: , , , , , , , , , ,