Amosando publicacións coa etiqueta Actividades literatura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Actividades literatura. Amosar todas as publicacións

10.9.18

"Unha verdade amarga" (de Celia Díaz Núñez). Cuestionario

Imaxe: Unha verdade amarga/Galaxia
Solto este cuestionario sobre Unha verdade amarga, de Celia Díaz Núñez, coa intención de que sirva para o faladoiro do club de lectura da novela.

CUESTIONARIO
  1. No título da novela figura Unha verdade amarga, pero ao longo da lectura podemos detallar algunhas máis que foron marcando a vida dos personaxes. Ponde algúns exemplos.
  2. Daniel di: “Todo home ten dereito a saber quen é. E para iso un ten que coñecer quen foron seus pais” (p. 16). ¿Que outros dereitos pode ter unha persoa segundo a lectura da novela?
  3. Botar man do esquecemento ou do silencio é un recurso utilizado polas familias da novela cando están ante un asunto espiñento. ¿Que opinión vos merece tal recurso? ¿É realmente útil? ¿Resolve ou neutraliza os conflitos? ¿Serve para vivir en paz?
  4. Na novela hai dous matrimonios (Venancio-Pilar; Daniel-Silvia) que herdan a historia conflitiva que se desenvolve no relato. ¿Que semellanzas e que diferenzas hai entre estes dous matrimonios? ¿Que papel desempeña cada un dos membros desas parellas?
  5. Entre Aurelio e Alberte (avó e neto) establécese unha relación moi especial. ¿Que é o característico desa relación?
  6. O álbum de fotos, a caixiña de costura e a cama de ferro convértense na novela nun interesante recurso literario. ¿Que partido lle saca a autora a tal recurso?
  7. Dende un punto de vista social, Aurelio e Alberte presentan un onte e un hoxe. Establecede unha posible cronoloxía e comentade as condicións de vida de cada etapa.
  8. Fagamos un exercicio de lectura ficción: na novela (p. ex. cap. 4) hai historias que puideron ser e non foron. Xoguemos a facer propostas que cambien o fío argumental do relato. ¿Poden considerase estas historias que non foron como outras verdades amargas?
  9. Ademais do tango “Naranjo en flor” hai outras composicións citadas na novela “‘A canzone ‘e Napule”, “Volver”). ¿Que función desempeñan as cancións no relato?
  10. Ademais das datas citadas expresamente (1943, 1963), ¿que feitos ou obxectos nos axudan a situarnos no tempo?
  11. O tema da morte ten unhas poucas variantes nesta novela. comentade o efecto que causa nas familias. Reparade especialmente no tempo previo á fin do ser querido.
  12. Os personaxes móvense da aldea para a cidade. ¿Que supuxo ese cambio nas súas vidas? ¿Trátase só dun desprazamento persoal ou pode aplicarse a todo o país? No último caso, ¿que consecuencias sociais tivo tal cambio?
  13. “Mais ao cabo, os vellos segredos de familia sempre acaban por aflorar porque nin o amor nin o rancor poden agocharse eternamente” (p. 66). Debatede sobre a importancia da memoria e da desmemoria na vida das persoas, das familias e da sociedade.
  14. A idea de xustiza segundo os personaxes da novela.
  15. ¿Podería facerse unha imaxe da evolución da sociedade seguindo os modelos de coche de que se fala na novela? ¿E da crise económica? [Pódese empezar o coloquio polo capítulo 15].
  16. ¿Que idea do feminismo nos dá Carlos, o irmán de Pilar? [Cap. 15]
  17. Na novela cóntansenos pequenas historias de parellas. ¿Que as mantén unidas ou que as fai separar?
  18. Comentade a situación en que quedaban as viúvas da xeración de Lola Pereira. [p. 114]
  19. ¿Que opinión vos merece o control parental sobre os amores adolescentes? ¿Que caso ou casos se dan na novela?
  20. ¿Está xustificado o odio que sente Silvia contra os Salgado? [Cap. 21]
  21. ¿Viviu realmente enganado Aurelio Salgado sobre a realidade do seu suposto fillo bastardo?

25.6.18

Unha verdade amarga. Test de lectura

Unha verdade amarga. Test de lectura
Actividade para club de lectura da novela Unha verdade amarga, de Celia Díaz Núñez. 
Recoméndase levala a cabo coa lectura aínda fresca. Pode realizarse por puro divertimento persoal, para competición en grupo, para subir nota... ou deixar pasar a proposta sen pena ningunha.

15.11.17

Sapos e Sereas (de Ana Cabaleiro). Cuestionario

Imaxe: Editorial Galaxia
Para o club de lectura de Sapos e Sereas (de Ana Cabaleiro).

CUESTIONARIO

  1. No conto tradicional o sapo agachaba un príncipe ao que o bico da namorada volvía ao seu ser. Analizade esta visión clásica e contrastádea coa que se aprecia en Sapos e Sereas.
  2. Se non agachan “fermosos e afoutos cabaleiros”, ¿que veñen sendo os sapos dos relatos de Sapos e Sereas? Para comezardes a tirar do fío reparade nas páxinas 88-9: “os sapos non se bican, que os sapos só se tragan”.
  3. ¿A quen se dirixe a autora no epílogo?
  4. No epílogo cítanse tres mulleres. ¿Quen son? ¿Que teñen en común? ¿Que de diferente? ¿Que herdanza nos deixaron?
  5. Comentade as posibles semellanzas das protagonistas dos relatos coas mulleres que se citan no epílogo.
  6. Valorade este consello: “Se intentas imitala [a Xudit], procura estar no bando dos que fan as leis” (p. 88).
  7. A vida da xente rexistra unha boa restra de “traizóns” como, por exemplo, a crenza nos Reis Magos (p. 17). Rastrexade os relatos e citade algunhas das “traizóns” que atopedes.
  8. Comentade se os contos con final feliz son unha ferramenta para educarnos na resignación.
  9. Analizade a comunicación no matrimonio Aurora-Xosé no conto “Crónica do poema estragado”.
  10. No relato “A noite que o Lobo Feroz coñeceu a Groucho Marx” apréciase un radical cambio de roles dos personaxes en comparanza co conto tradicional que lle serve de base. Comentade este aspecto.
  11. Relacionade os elementos dese universo simbólico que nos acompaña dende a infancia (Carapuchiña, Lobo Feroz, Serea…) e comentade o tratamento que se lles dá nesta obra.
  12. ¿En que relato atopamos un conflito entre mundo rural e mundo urbano. ¿Como afecta ás relacións de parella?
  13. En máis dun relato tócase o tema dos malos tratos. ¿En que circunstancias se dan? ¿Como se enfoca ao tema?
  14. ¿Que tipo de papel desempeñan nestes relatos os personaxes masculinos?
  15. Ademais das relacións de parella, nestes contos trátanse outros temas como a desertización demográfica, a violencia doméstica, a educación infantil… Comentade estes e outros aspectos segundo o seu desenvolvemento na obra.

Ana Cabaleiro, Sapos e Sereas. Vigo, Galaxia, 2017.

21.12.16

Coma unha áncora, de Iria Collazo. Cuestionario

Para club de lectura da novela Coma unha áncora, de Iria Collazo López.
Deixo este cuestionario coa intención de que poida servir de guía para un coloquio sobre a obra.

CUESTIONARIO
  1. Iria Collazo avisa nun dos paratextos iniciais que un tráxico naufraxio é o xerme da novela. Poñede en común o que saibades desa traxedia.
  2. Comentade o xogo que, dende o punto de vista literario, poden dar o nome real do barco e o nome que figura na novela.
  3. Ademais do naufraxio, ¿que outros feitos históricos están presentes na novela?
  4. Na obra aparecen dous mundos. Para entedérmonos imos chamarlles mundo real e mundo de ultratumba. ¿Que elementos serven de pasadizo entre ambos os dous mundos? ¿Está ben lograda a conexión entre eles?
  5. O sentido do título da novela explícao unha personaxe. Comentade este aspecto.
  6. Segundo a novela, ¿por que é importante ter un corpo para enterrar?
  7. Despois da lectura da novela, ¿poderiamos falar de náufragos de mar e náufragos de terra?
  8. ¿Que personaxe da novela pode ser o paradigma das vítimas dun xenocidio?
  9. Aínda que na novela non se fala da miseria con palabras directas, a autora válese de varios recursos para poñela ante os ollos de quen a lea. Citade e comentade algúns deses recursos.
  10. ¿Tócase na novela o tema da emigración?
  11. Comentade como era a situación escolar botando man dos datos que se nos dan na novela.
  12. ¿Podemos imaxinar a situación política do momento coa lectura desta novela?
  13. ¿Que imaxe da infancia e da adolescencia se desprende da lectura desta obra?
  14. Dende o punto de vista dunha lectura crítica literaria, ¿podería dicirse que lle falta ou lle sobra algo a esta novela?
  15. ¿Que uso se lles dá no relato aos elementos lendarios ou misteriosos?
  16. Observando os personaxes da novela, ¿como se podería cualificar a súa actitude vital? ¿Resignada? ¿Estoica? ¿Optimista? Admítense propostas.
Outras actividades propostas

  1. Coma unha áncora. Test de léxico-1
  2. Coma unha áncora. Test de léxico-2.
  3. Miniquest. Coma unha áncora (de Iria Collazo).

12.12.16

Coma unha áncora (de Iria Collazo). Miniquest

https://sites.google.com/site/comaunhaancora/home
Proposta para o club de lectura da novela Coma unha áncora, de Iria Collazo.
Trátase dun pequeno traballo de procura de información sobre o naufraxio que serve como xermolo da novela citada.
Velaquí a ligazón a Coma unha áncora.

Outras actividades propostas:
  1. Coma unha áncora. Test de léxico-1
  2. Coma unha áncora. Test de léxico-2.

27.7.16

Lourenço, xograr (de Manuel Portas). Cuestionario.

Imaxe: Premios García Barros
Cuestionario para o faladoiro do club de lectura de Lourenço, xograr, de Manuel Portas.

  1. Na novela descríbese a sociedade estamental do século XIII. Comentade as características fundamentais desta sociedade.
  2. Ao xograr Lourenço un dos tópicos da poesía do seu mestre parécelle unha parvada. ¿A que tópico se refire? ¿Por que o considera unha parvada?
  3.  Dona Maior (pp. 105-6) fala co mozo Lourenço e dálle uns consellos que se resumen na palabra mesura. Concretade un pouco máis tales consellos.
  4. Describide a relación entre Joam García de Guilhade e o xograr Lourenço. 
  5. En Compostela, Joam García de Guilhade sofren o acoso dun embaucador. ¿Que lles ofrece? ¿Hai algún dato histórico que lle permita ao autor desenvolver esta escena humorística? ¿Como remata o lance? [Pp. 113-5]. 
  6. O trobador recrimínalle a Lourenço o desexo de aprender a compoñer poemas e explícalle os distintos oficios e papeis relacionados coa poesía e a súa interpretación. Comentade e sinalade personaxes e funcións (p. 146).
  7. ¿Que opinión ten Lourenço da guerra?
  8. ¿Que motivos teñen os insurxentes para depoñer a Sancho o Capelo? Podedes botar un ollo á páxina 166.
  9. ¿Por que razóns chama Lourenço "tropa do carallo" as asediantes de Porto?
  10. despois da batalla de Gaia, ¿que cambios produce no carácter de Loureo o sentimento de vencido?
  11. A entrega dos castelos ao Boloñés é un tema tratado na lírica medieval. Poñede en común a información que teñades sobre este asunto.
  12. Debatede sobre os desaxustes que Joam García de Guilhade atopa entre a teoría do fin'amors e a súa experiencia persoal.
  13.  ¿Que condicións se teñen que dar para que a mediados do século XIII unha muller como a Balteira se considere libre? Contrastádeo co que conta Branca de Guilhade.
  14. Comentade as reflexións que o rei Afonso X vai vertendo sobre a política peninsular e europea.
  15. A novela ten dúas partes. Na primeira hai unha soa voz narradora, pero a segunda é polifónica. Comentade este aspecto.
  16. Un dos temas da literatura escarniña é o da fame. ¿Como se trata o tema na novela?
  17. Da lectura da novela pode sacarse unha idea do matrimonio na etapa histórica que recrea. Poñede en común a vosa análise.
  18. Apoiándovos na novela e na historia que recrea, ¿que podedes dicir do poder do Papa na época? 

OUTRAS ACTIVIDADES

3.4.16

Sonetos á Casa de Hortas (de Manuel María). Miniquest

http://stellae.usc.es/phpwebquest/miniquest/soporte_tablon_m.php?id_actividad=808&id_pagina=1
Propomos esta actividade -Sonetos á Casa de Hortas (de Manuel María). Miniquest- como exercicio para achegármonos á Galicia de cultura rural e, en concreto, á casa chairega. En realidade son dúas propostas as que estamos a facer. Por un lado, a lectura dun poemario. Por outra, usar esa lectura para botar unha ollada a outras cuestións de carácter etnolóxico.
No “Aviso cecais innecesario ou cecais non” que abre Sonetos á Casa de Hortas, Manuel María dános as claves principais da intrahistoria deste poemario. A maior parte dos sonetos (40) son de 1991 e a primeira edición da obra, que conta con 50, data de 1997. Tamén nos conta as circunstancias persoais que provocaron a enxurrada poética, así como a consciencia de estar facendo a memoria literaria dun “xeito de vida que desapareceu -e con ela toda unha cultura ancestral- xa antes de morrer o século XX e de estrear novo milenio”.
Este poemario inscríbese no grupo de obras de Manuel María que seguen unha liña paisaxista (como Terra Chá, por exemplo). Isto non significa ausencia de compromiso coa xente ou coa terra. Tamén neste caso, “o poeta expresa o seu canto a unhas terras e a unhas xentes que pesan moito na súa vida e no seu corazón” [López Foxo, 2010: 18]. A diferenza con outras obras é o motivo que fai abrollar a expresión poética, moi persoal nestes sonetos. Pero iso non lle impide manifestar o mesmo sentimento de enraizamento na terra sempre presente na obra de Manuel María.
A lectura dos sonetos vainos ofrecendo unha lección de etnografía sobre a importancia da casa no rural galego: situación, construción, estética, distribución, terreos lindantes e construcións auxiliares, recursos económicos, habitantes… En síntese, unha descrición dese mundo completo e complexo que representa a casa na cultura rural.
Etnólogos e antropólogos deixaron escrito que a casa é máis importante que a familia que a habita, e o desexo dos que se van indo é que medre e perdure. Manuel María deixouno escrito en verso.

Sobre a obra
Bibliografía
  • López Foxo, M. (2010): Sobre a poesía última de Manuel María (1976-1995). A Coruña, Laiovento.
Dictiografía

Manuel María, Sonetos á Casa de Hortas. A Coruña, Espiral Maior, 1997. Hai edición recente (2014) feita pola Fundación Manuel María de Estudos Galegos.

20.3.16

A confesión de Lúcio (de Mário de Sá-Carneiro). Cuestionario

CUESTIONARIO
para club de lectura de A confesión de Lúcio, de Mário de Sá-Carneiro
Imaxe: Jailson Lima:
Biografía Mário Sá-Carneiro

  1. O suicidio é un tema principal nesta novela. ¿Como se enfoca?
  2. Para o narrador, ¿en que consiste a felicidade?
  3. Caracterizade a vida bohemia do París de finais do XIX: tipos, trazos, medios, profesións…
  4. A expresión “non foi un fracasado porque tivo o valor de esnaquizarse” (p. 16), ¿pode resumir toda unha vida?
  5. Se tiverdes que analizar o modelo de muller da época narrada na novela, ¿que trazos presentaría como definitorios?
  6. ¿De que tipo de poesía se fala na novela?
  7. No mundo artístico da bohemia parisina observamos o predominio de determinadas artes. ¿Cales son? ¿Que temas adoitan tratar?
  8. Segundo o narrador, ¿como é a vida torturada de Ricardo Loureiro?
  9. Relacionade e comentade algúns aspectos da biografía do autor visibles na do protagonista narrador da novela.
  10. Comentade o papel do medo na construción dos personaxes.
  11. A expresión “mentir non é querer menos” (p. 75), ¿que valor pode ter no contexto en que se di?
  12. Imaxinade, partindo da lectura, como sería unha sociedade amoral nas relacións humanas.
  13. No relato dáselle importancia ao tratamento entre amigos: ti / vostede (cfr. p. 75). Comentade este aspecto.
  14. ¿Que é o que realmente tortura o narrador?
  15. Analizade o proceso da relación entre os amantes.
  16. ¿Que efectos ten no protagonista o sentimento de noxo?
  17. ¿Como viven a amizade os personaxes da novela? ¿Cales son as súas condicións e os seus límites?
  18. Cando o protagonista retorna a París e reflexiona sobre o acontecido en Lisboa considera que o seu amigo Ricardo de Loureiro é un home vil. ¿Pode aceptarse esta consideración?

5.6.15

'O corazón da Branca de Neve', de Francisco Castro. Test de lectura-1

Exercicio para o club de lectura d'O corazón da Branca de Neve, de Francisco Castro.
A actividade rouba uns poucos minutiños e consiste en sinalar se son verdadeiras ou falsas as afirmacións que se fan sobre esta novela.

21.5.15

'A pomba e o degolado'-1. Test de lectura

A pomba e  o degolado-1. Divertimento para o club de lectura desta novela de Fina Casalderrey.
Consiste o exercicio en sinalar se son verdadeiras ou falsas as afirmacións que se fan sobre os personaxes da obra.


4.5.15

X. M. Álvarez Blázquez. Exposición do centenario

Centenario Álvarez Blázquez. Miniquest


Para o alumnado de FP básica e PCPI.
Miniquest sobre a figura de Álvarez Blázquez.
Visitamos a exposición "Centenario de Xosé María Álvarez Blázquez. Construtor dunha cidade de libros. Tui, 1915-Vigo, 1985" (na Fundación Penzol) e respondemos da actividade con esta pequena miniquest.

25.4.15

Domingo Villar, 'A praia dos afogados'. Cuestionario

Imaxe: Editorial Galaxia
Para o club de lectura d'A praia dos afogados, de Domingo Villar.
Como vén sendo habitual, o presente cuestionario ten como obxectivo provocar o debate sobre algúns aspectos desta novela. (Tamén pode servir de base para algún tipo de exercicio académico. Hai profesores para todo).

CUESTIONARIO
  1. ¿Que utilidade poden ter os encabezamentos dos capítulos?
  2. Analizade a estrutura desta novela.
  3. Na novela, ademais da principal, aparecen outras historias que cómpre considerar. ¿Cales son? ¿Que función poden ter na construción do relato?
  4. Tanto n’ A praia dos afogados como na anterior novela Ollos de auga, o inspector Leo Caldas presenta características estrañas neste tipo de personaxe. Enumerádeas e comentádeas.
  5. Da lectura d’A praia dos afogados pode tirarse todo un manual sobre a manifestacións dos sentimentos. Para comezar, limitádevos a facer un esquema sobre este aspecto.
  6. Analizade as descricións na novela.
  7. Á parte da investigación dun asasinato, ¿que outras historias se desenvolven na novela?
  8. O tratamento do tema da morte n’A praia dos afogados.
  9. ¿Que tipo de programa de radio é o de Leo Caldas? ¿Que utilidade lle atopa?
  10. Debatede sobre o tipo e uso do humor que se fai na novela.
  11. Comentade os aspectos culinarios que se nos ofrecen na novela.
  12. Analizade os recursos que emprega o autor para crear a intriga.
  13. ¿Que se pode dicir da caracterización lingüística dos personaxes?
  14. ¿Que características presenta o método de investigación de Leo Caldas?
  15. Hai personaxes que teñen unha forma especial de ver a vida. Citade e comentade algún caso.
  16. Tamén hai personaxes que teñen predisposición a amargar a vida propia ou allea. Comentade algún caso.
  17. Nas reflexións e diálogos dos personaxes afloran problemas da sociedade e do mundo. Citade os principais e comentade o enfoque que se lles dá.
  18. Despois da lectura d’A praia, ¿poderiades dicir algo sobre a pervivencia das supersticións?
  19. Analizade como nace e medra a historia misteriosa do capitán Sousa.
  20. As referencias á musica que se atopan na novela, ¿teñen algunha función?
  21. O pai de Leo Caldas é un vello que sentencioso que se expresa de forma profunda e concisa. Comentade o sentido de “Non se madura, Leo. Só se envellece” (cap. Cambiar).
  22. Leo Caldas e Estévez son personaxes contrapostos. Este vía a franqueza extrema como virtude; aquel, como unha máscara para ocultar a crueldade (cap. “Cabo”). Debatede este aspecto.

6.4.15

María Xosé Queizán, 'Amor de tango'. Cuestionario

Imaxe: Edicións Xerais
Cuestionario para o debate do grupo de lectura da novela Amor de tango, de María Xosé Queizán.

CUESTIONARIO

  1. ¿Que significou para Margot e as mulleres do seu tempo o “alzamento nacional”?
  2. ¿Cal é a opinión máis estendida na época sobre os matrimonios morganáticos?
  3. A muller e os estudos universitarios segundo a novela.
  4. As clases sociais reflectidas na novela.
  5. Segundo a novela, ¿como é a sociedade viguesa de principios do século XX?
  6. Comentade as condicións de traballo na industria da salga.
  7. Enumerade e comentade as profesións das mulleres do común.
  8. Na novela cítase a miúdo a doutora Olimpia Valencia. Procurade información sobre ela e comentádea.
  9. Dade a vosa opinión sobre os convencionalismos dos que se fala na novela. Para empezar, reparade nas pp. 53-4.
  10. As visións da emigración na novela. Reparade especialmente na óptica da avoa de Chelo e da do Gaucho.
  11. ¿Como se resolve na novela o asunto da educación sentimental?
  12. ¿Que representa o Gaucho para a protagonista e para o resto da familia?
  13. Dade unha explicación para o título da novela.
  14. ¿Como se describe na novela a evolución de Margarita a Margot?
  15. O deporte: tratamento que se lle dá na novela.
  16. Ocio e cultura no Vigo de Amor de tango.
  17. Aspectos ideolóxicos e sociais máis salientables que aparecen na novela.
  18. Analizade as figuras materna e paterna  na novela. Tomade como base os pais da protagonista.
  19. Comentade a visión da Igrexa que se nos dá na novela.
  20. Mentres agarda que a maten, Alma lembra as palabras do “destemido revolucionario” ruso Bakounine (p. 141). Procurade información sobre este personaxe e debatede sobre a imaxe que se dá del na novela.
  21. Margot considérase unha “muller truncada” (p. 145). Xustificade esta afirmación.
  22. Analizade a implicación da autora na obra.
  23. Debatede sobre o sentido da liberdade da protagonista.
  24. Establecede o marco cronolóxico no que se desenvolve o argumento da novela. Xustificádeo cos feitos históricos máis salientables ou significativos.