Amosando publicacións coa etiqueta Jordi Sierra i Fabra. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Jordi Sierra i Fabra. Amosar todas as publicacións

17.9.14

Durmido sobre os espellos. Léxico

Brincadeira léxica para lectores de Durmido sobre os espellos, de Jordi Sierra i Fabra.
As palabras e expresións están tiradas desta obra. O exercicio -que non rouba moito tempo- consiste en elixir o significado máis axeitado de entre os tres que se propoñen.

5.9.11

Kafka e a boneca viaxeira (de Jordi Sierra). Cuestionario

Boceto de Minia Regos
Cuestionario para o club de lectura de Kafka e a boneca viaxeira (Jordi Sierra).

  1. O Franz Kafka da novela non ten nenos, porque...
  2. ¿Por que crea Franz Kafka o enigma da boneca viaxeira?
  3. ¿Que criterios emprega Kafka para redactar as cartas da boneca?
  4. Kafka sabe que o lerio das cartas vai carrexarlle dificultades. Aínda así, ¿que motivos o animan a seguir?
  5. ¿Por que a veciña ve a Kafka como “un tipo raro”?
  6. ¿Como se pode interpretar o feito de que á boneca lle quede o mundo pequeno?
  7. Segundo a boneca, ¿que importancia teñen os soños?
  8. Caracteriza, segundo a novela, o mundo dos nenos.
  9. ¿Que valor ten a boneca Bríxida para a nena Elsi?
  10. ¿Que información se nos dá na novela sobre a enfermidade de Kafka?
  11. ¿Que dirías da relación entre Dora e Franz? [Quen sinta curiosidade pode botarlle unha ollada ao artigo de José Andrés Rojo, "El amor insondable de Kafka y Felice", El País, 27-11-2013).
  12. ¿Como se estrutura a novela? ¿Terá algún tipo de relación esta estrutura coa temática que trata?
  13. Comenta brevemente os temas principais tratados na novela. ¿Cales son? ¿Como se enfocan?
  14. Na novela vemos dous mundos: o dos adultos e o dos nenos. Confróntaos e a relaciónaos.
  15. ¿Que teme Kafka das preguntas de Elsi?
  16. Entre os personaxes do relato aparecen varias nenas e varias nais. ¿U-los pais?
  17. En realidade, Kafka pensa que o que está a facer coa historia da boneca é unha tolemia. ¿Por que pensa así? ¿Que pensa Dora ó respecto?
  18. Segundo a lectura da novela, ¿cal é a actitude de Kafka respecto da súa obra literaria?
  19. ¿Cando e por que deixa Elsi de lamentar a perda da súa boneca?
  20. Das cartas da boneca, ¿que leccións útiles se poden tirar para a vida?



Jordi Sierra i Fabra, Kafka e a boneca viaxeira. Vigo, Galaxia, 2009. Tadución de Carmen Torres París. Ilustracións de Minia Regos.

3.9.11

Jordi Sierra i Fabra. Kafka e a boneca viaxeira

1. O pranto dramático dunha nena interrompe o balsámico paseo de Franz Kafka polo parque Steglitz de Berlín. Detívose diante dela para saber o que lle pasaba.
Perdéraselle a boneca. Para consolala e que deixase de chorar, Kafka atopa unha solución literariamente sinxela: a boneca non se perdera, marchara de viaxe. Mais esta pequena loia acabou con Kafka convertido en carteiro de bonecas e a redacción das hipotéticas cartas da boneca nunha actividade esixente e comprometida para o escritor, que non quere defraudar a inmensa confianza que a cativa depositara nel.
As tres semanas de correspondencia da boneca viaxeira resúltanlle a Franz Kafka unha actividade esgotadora. Non lle faltará a axuda de Dora e da nai da rapaciña.Traza un plan para poñer fin ó que considera case que unha tolemia: casa a boneca Bríxida, que será moi feliz co seu namorado, redacta a carta de despedida e entrégalla canda un último regalo: unha nova boneca que se chama Dora, coma a noiva do carteiro.
Ilustración: Minia Regos
2. A obra presenta unha estrutura moi literaria, como para responder ó obxectivo demostrable da utilidade (inmediata, neste caso) da literatura para a vida. Kafka, protagonista do relato, vai escribindo as cartas da boneca viaxeira para consolar á rapaciña que a perdera e, de paso, vaille deprendendo o valor da obediencia, da liberdade, da amizade, da comprensión... As catro partes de que se compón a novela correspóndense coas catro fases deste proceso educativo:
  1. Soño: a boneca perdida”. A mentira piadosa do escritor serve nun primeiro momento para calmar o pranto da rapaciña, pero mete o escritor no compromiso de seguir coa ficción para manter a súa historia dun xeito verosímil. A nena resulta preguntona de máis.
  2. Fantasía: as cartas de Bríxida”. O escritor vese na obriga de ir redactando cartas ó longo de tres semanas. Toma este labor moito máis en serio que a súa propia obra, porque non quere defraudar a confianza da nena. Tamén lle serve para profundar no rico mundo infantil.
  3. Ilusión: o longo traxecto da boneca”. O mundo quédalle pequeno á boneca viaxeira. Pérdese nesta parte a lóxica dos adultos para explicar o mundo e os procesos, pero pouco importa: temos a ilusión, que é unha excelente ferramenta para enfrontarse a calquera problema e solucionalo.
  4. Sorriso: o regalo”. Pecha o proceso e fornece a novela dun final feliz. Tamén serve para liberar o escritor da lea na que se metera. Desenvolve o plan para que a nena Elsi aceptase a emancipación da boneca.

No “Corolario” e nos “Agradecementos” o autor cóntanos a intrahistoria do relato: o artigo “A boneca viaxeira” de César Aira (El País, 8-5-2004) supuxo a idea primixenia desta obra.

3. Sitiografía



Jordi Sierra i Fabra, Kafka e a boneca viaxeira. Vigo, Galaxia, 2009. Tadución de Carmen Torres París. Ilustracións de Minia Regos.

10.2.09

Soidades de Ana. Léxico-2

Para os membros do club de lectura de Soidades de Ana (de Jordi Sierra i Fabra) que queirades xogar co léxico da novela.

Neste exercicio debedes relacionar as palabras da esquerda (empregadas na 0bra) coas da dereita, na medida do posible.




Imaxe do Cartafol de libros de Vieiros.

27.5.08

Jordi Sierra. Durmido sobre os espellos. O título.

Para o club de lectores de Durmido sobre os espellos, de Jordi Sierra i Fabra (Vigo, Galaxia, 2003).

Seica vos preocupa atinar co sentido do título da novela. Non vos preocupedes: atinarlle ou non non vai ser morte de cristián. Un erro de diagnóstico non vai supor mandar o paciente para a pataqueira, neste caso.
Durmido sobre os espellos. Descartamos a interpretación literal: o protagonista non está deitado a durmir coma un cepo encol dun espello. Acollémonos ó dereito a especular (verbo da mesma familia etimolóxica) sobre o título.
Collemos, pois, o título polo lado simbólico e relacionámolo coa cita de Nietzsche que abre a novela. Esta dános a imaxe dun espello embazado, aquel sinálanos un individuo non consciente. O espello é un elemento de múltiple valor simbólico. Para nós o máis doado é entendelo ó xeito do psicanalista Jacques Lacan: o rapaz que se ve reflectido no espello é consciente de que se está a ver a si mesmo; mais neste caso, o feito de estar durmido impídelle recoñecerse, saber quen é exactamente. E velaí está o miolo da cuestión. Na novela temos un mozo que non sabe verdadeiramente quen é el nin a súa familia; está como durmido sobre a súa propia imaxe vital. Nesa viaxe (iniciática) que fai a Cuba na procura das súas raíces, descubrirá datos que lle devolven unha imaxe máis cabal de si mesmo e dos seus. O espello deixa de estar embazado e o rapaz de estar durmido.
O espello simboliza aquí o coñecemento. Cando Diego "esperte", verá reflectida no espello da historia a verdade da súa familia e das súas orixes. E mentres o espello estea embazado e non reflicta toda a luz da historia, Diego vivirá "na sombra", como nos suxire a cita de Nietzsche.
¿Realmente é isto o que significa o título? Pois non volo sei. Pero se tedes unha interpretación mellor, facédema saber.
Aburiño.

(Imaxe da Wikipedia.)

26.3.08

Sierra i Fabra. Unha noticia

Para os clubs de lectores de Sierra i Fabra.
Co atractivo título de "O regreso do fillo do bastardo" lemos no Galicia Hoxe unha nova relacionada coa biografía (ou iso parece) do escritor Jordi Sierra i Fabra. E aínda que a noticia se refira a unha novela que acaba de saír (Cuatro días de enero) e non teña relación directa coas obras que lle estamos a ler a este escritor, pode axudar a entender a súa actitude ante certos temas relevantes da súa narrativa.
Velaí queda a indicación.
Aburiño.
(Imaxe de Popular libros.)

2.3.08

Jordi Sierra i Fabra entrevistado

Para os clubs de lectores de Jordi Sierra i Fabra.

Na revista XLSemanal publican hoxe unha entrevista de David Benedicte con Sierra i Fabra. Trátase dun faladoiro cheo de frescura, mais non por iso deixa o autor de tocar temas que lle afectan á mocidade e que aínda son tabú para moita xente madura. Os que estades a ler Durmido sobre os espellos ou Soidades de Ana poderedes velos reflectidos dende outro ángulo.
Déixovos a ligazón da entrevista por se queredes botarlle unha ollada.
Algunhas das cousas que di deberían considerarse seriamente, como a "refundación da escola", por exemplo.
Abur.
(A foto de Lucía Antebi está na revista XLSemanal)

13.1.08

Durmido sobre os espellos. Achegas externas

Para o club de lectores de Durmido sobre os espellos (de Jordi Sierra i Fabra).
No suplemento "Los domingos de La Voz" que deixo enriba enlazado, atoparedes unha reportaxe fotográfica sobre Cuba. A información que nela se dá, sen ter que ver directamente coa novela que estamos a ler, axuda a entender algunhas situacións que só se insinúan no relato, pero que non reciben maior desenvolvemento por razóns bastante obvias.

Cos datos que se facilitan na reportaxe pódense entender mellor algúns comportamentos dos personaxes da novela, e os seus devezos. Así e todo, considero que as preguntas 17 e 20 do cuestionario proposto veranse con mellor claridade despois de ler -e ollar- esta reportaxe.
Na edición en papel tamén aparecen as fotos de tres carteis: un, coa imaxe do Ché e a lenda "Tu ejemplo vive"; outro, a dúas cores, coa lenda "Nuestras armas: la moral, la razón y las ideas"; por último, o cartel que lembra a efeméride: "47º aniversario. Multiplicando acciones junto al partido, a Fidel y Raúl".
Se a información non resulta útil, polo menos espero que aumente os coñecementos.
Para calquera dúbida, consultade co profe. Tamén vos lembro que dispodes dun estupendo caderno dixital, que tedes algo esfameado.
Abur.
(A foto é de Xosé Castro e está publicada na reportaxe enriba citamos.)

11.12.07

Durmido sobre os espellos, de Jordi Sierra Cuestionario


Para o club de lectores de Durmido sobre os espellos, de Sierra i Fabra, deixo este cuestionario.
Xa falamos na aula das condicións desta lectura. Así e todo, vou repetir aínda o desexo de que traballedes en equipo. O punto de encontro do club atoparédelo neste blog. O local está aberto a todas horas, ou polo menos mentres o permita certa compañía de telecomunicacións. Quen teña dificultades coa chave, que avise.
Aburiño.

CUESTIONARIO

1. Redacta en dez liñas o argumento da novela.
2. Segundo a novela, ¿que situación se vive en Cuba no momento da visita do protagonista? 3. A novela estructúrase en tres partes. Comenta este aspecto.
4. Segundo a túa opinión, ¿cal é o tema central da novela?
5. A novela é unha viaxe iniciática. ¿Que aprendeu o protagonista para a vida nesa viaxe?
6. Analiza a figura do avó do protagonista.
7. Á luz da novela, comenta esta afirmación: “A liberdade ten un prezo”.
8. ¿Que personaxe da novela é o modelo humano que o protagonista quere imitar?
9. Explica o título da novela.
10. Tira da novela aqueles personaxes reais que foron influentes na revolución cubana.
11. ¿Que feito histórico, revelante para o país, foi o que padeceron os avós do protagonista?
12. Segundo a novela, ¿pode afirmarse que os seres humanos non son realmente donos do seu destino?
13. No remate da novela, o protagonista une no seu maxín as figuras de Tania e mais da avoa. Explica o motivo.
14. A figura do avó sintetiza os ideais dun revolucionario. ¿Cales son eses ideais?
15. ¿Cal é o pago que os avós do protagonista tiveron que facer por seguir un ideal?
16. No inicio da novela o autor describe o pai e o tío do protagonista como personaxes opostos, malia seren irmáns xemelgos. ¿Ten este recurso algunha utilidade dende o punto de vista novelístico?
17. Ó longo da novela inténtase dar unha visión da situación cubana desde diversas ópticas. ¿Como se describe esa situación?
18. Analiza o uso que se fai na novela da figura da muller.
19. Analiza a figura do protagonista.
20. Tendo en conta a presente situación de Cuba, ¿que valor ten esta novela?

28.10.07

Soidades de Ana. Non é unha novela

Para o prezado club de lectores de Soidades de Ana.

Non lembro que estudoso dixo que cada obra literaria, o mesmo que o autor, son fillos da súa época. O caso é que ten razón. A noticia que enlazo, aínda sendo posterior ó relato que estamos a ler, ten o valor de actualizar a novela e debería servirnos para que a reflexión sobre esta peza literaria fose algo máis ca unha actividade intelectual.

Tomémolo en serio. A cabeciña, antes de que nola estrague a demencia senil, debe levar sempre o goberno da nosa vida.

Volvendo ó noso traballo académico, a noticia pode axudar nas respostas ás cuestións relacionadas coa protagonista e o seu círculo de amigos.


26.10.07

Jordi Sierra

Para o club de lectores de Soidades de Ana.


O autor desta novela é hoxe noticia literaria pola concesión do Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil. Enlazo a noticia e pego aquí a entrada:
El escritor Jordi Sierra i Fabra ha sido galardonado hoy con el Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil correspondiente a 2007 por su obra 'Kafka y la muñeca viajera'. El Premio lo concede el Ministerio de Cultura para distinguir una obra de autor español, escrita en cualquiera de las lenguas oficiales del Estado y editada en España durante 2006.



Parabéns.
(Imaxe de http://www.estrelladigital.es/.)

23.10.07

Soidades de Ana. A vida herdada

Pois con esta pregunta só procuro unha pequena reflexión sobre os condicionamentos que nos impón o ámbito familiar no que nacemos. Non herdamos só os bens materiais que nos deixen os nosos maiores, descontado o quiñón que leva Facenda. Herdamos tamén boa parte das súas virtudes e dos seus defectos. Non fai falla que nolo diga a prensa rosa: sabemos perfectamente que somos fillos de... (por sorte ou desgraza). Mesmo hai familias que van deixando en herdo o nome duns membros para outros: María nai, María filla, María neta, María bisneta... Filipe I, II, III...
Algúns personaxes que aparecen nesta novela loitan en boa medida contra esta imposición do clan familiar. Outros aceptan a situación sen especial dificultade. Se analizades a relación da irmá de Ana e mais o seu noivo decaterédesvos de que manteñen posturas contrarias ante o estilo de vida herdado.
En resumo: mirade en que medida os pais impoñen un comportamento, uns estudos, unha dedicación ó clan...

Se aínda non enfoquei a cuestión, preguntádelle ó profe. Para iso lle pagan, digo eu.

(Imaxe de http://foros.xenealoxia.org/viewtopic.php?p=14031.)

16.10.07

Soidades de Ana: os pais e o noivado

¿Que quero preguntar con isto?

Nada.
O que pretendo e que me describades como se trata este tema na obra.
Reparade que estamos diante de familias ben situadas, conservadoras, celosas da súa honra. E a honra non é só unha cuestión moral; tamén é unha cuestión social: es honrado se te consideran honrado. Os pais da nosa protagonista -igual có resto dos personaxes que desempeñan este papel- teñen tal idea moi ben deprendida.
O noivado, ademais de ser unha cuestión persoal, tamén ten a súa cara pública e pode influír na consideración que a sociedade teña da familia. Por iso os pais miran con reparo as relacións das fillas. Nomeadamente das fillas. Nos fillos reparan menos. Así e todo, apuntan a relacións que vaian máis alá do ámbito persoal: cómpre mirar pola posición social, polas empresas...
Os pais sufriron a fiscalización do noivado polos seus propios pais e, cando lles toca a vez de fiscalizar os noivados das fillas atópanse con que esta xeración prefire moverse sen regras nin pexas.
A ocultación das relacións ós pais dá unha certa liberdade de movementos, pero liberarse da obediencia cega ós pais deixa os mozos sen o amparo do clan familiar, polo menos no caso da nosa protagonista.
Na loita xeracional pais-fillos, o noivado é un dos aspectos máis salientables.
Non sei se aclarei algo o que me preguntastes na aula. Se non é así, seguide insistindo.


Abur.


3.10.07

Soidades de Ana. Opinións de lectores

Atopo neste foro unha interesante opinión que copio aquí. Reparade no matiz.


SOLITUDS DE L'ANNA Doncs solituds de l'Anna està escrit desde el punt de vista de la germana de "L'Anna" . L'Anna és una noia ke es keda embarassada i es mor x culpa d'una hemorràgia. Sabent això, la germana vol esbrinar tot el ke li va pasar a l'Anna.. mm.. aket llibre vol demostrar ke "prohibir" no és el mateix ke "protegir". A mi em va agradar .. xo .. nse, no és un llibre ke eet faci riure ni re, és un llibre com x coincienciar (s'escriu així ? xD )
Algo moi semellante vémolo nestoutra opinión:

Una novel·la compromesa i directa que denuncia la situació d’aïllament en què es troben els adolescents que han d’acarar un embaràs no desitjat. Un títol recomanat no sols per als joves, sinó també per als adults que encara entenen que prohibició és sinònim de protecció.



¿Como enfoca a novela o tema do fracaso educativo? Se cadra, podemos debater esta cuestión co gallo da lectura da novela.




30.4.07

Soidades de Ana. Algunhas achegas.


Os amables membros do club de lectores de Soidades de Ana atoparedes un par de achegas que se cadra vos resultarán de utilidade.

Unha síntese argumental apertada na páxina web de Andel; un comentario xeral dalgúns aspectos da novela neste blog.
Tamén vos lembro que tedes un caderno que devece polas vosas opinións.

20.4.07

Soidades de Ana. Cuestionario


Velaí vos vai o cuestionario-guía de Soidades de Ana.

Non fai falla que vos lembre onde esperan con ansia as vosas opinións sobre esta lectura.

Ánimo.


LECTURA: Jordi Sierra i Fabra, Soidades de Ana, Vigo, Galaxia, 2007.

CUESTIONARIO
1. Argumento.
2. A obxección de conciencia: valores e inconvenientes.
3. Os pais e o noivado.
4. Tema central da novela: enfoque e tratamento.
5. Os adolescentes e o sentido do compromiso.
6. A vida herdada.
7. A liberdade e as súas limitacións.
8. A necesidade de respostas cando xa non serven para nada.
9. O tema da educación sexual e o seu tratamento.
10. Estrutura da novela.
11. O tempo na novela.
12. As cargas familiares: enfermidade, morte, impedimentos...
13. Os amigos: valores e inconvenientes.
14. O futuro en compañía: vantaxes e inconvenientes.
15. O namoramento: tratamento que se lle dá na obra.
16. Condicións e actitudes segundo a novela para decidir a propia vida e o propio destino.
17. Caracteriza a adolescencia segundo a lectura da novela. [158]
18. Segundo a túa propia experiencia, ¿que lle falta ou sobra na novela á etapa da adolescencia?
19. A soidade. ¿A quen acudir cando estás sen xente, rodeado de obxectos? [169-70]
20. ¿A que se refire a novela cando fala do inimigo interior?
21. O final feliz. Valoración dende o punto de vista narrativo.

30.3.07

Soidades de Ana. O autor


Ás veces coñecer un pouco o autor axuda a interpretar a obra, ou a vela de xeito máis axustado á súa realidade. Por se aínda non destes con ela, déixovos enlazada a páxina web de Jordi Sierra. Nela atoparedes datos interesantes, aínda que poucos, sobre a lectura que estades a facer.
Tampouco está mal este frikiartigo. Nin estoutro, máis sinxeliño.
E xa abonda por hoxe.

Soidades de Ana


Para os amables membros do club de lectores de Soidades de Ana, de Jordi Sierra.

Podedes ir lendo algúns textos de urxencia sobre a novela.




Estes últimos enderezos corresponden á lectura dunha rapaza de terceiro de ESO.