Amosando publicacións coa etiqueta Biografía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Biografía. Amosar todas as publicacións

27.12.18

Isabel Blanco: "María Vinyals. Un talento rebelde"

Imaxe: Belagua
Esta biografía novelada de María Vinyals que nos presenta Isabel Blanco é un logrado "axuste de contas coa historia" (p. 120). O libro, pensado para xente nova especialmente, ten dous propósitos: divulgar e concienciar; ambos os dous logrados con creces.
A autora recorre a un vello fantasma que tece un relato de amor platónico coa protagonista e enraíza coa longa historia do castelo, isto é, con outra caste de ocupantes e outros usos dese espazo. A pantasma narradora transmite unha forte carga sentimental.
A obra esperta no lector maduro a necesidade de achegarse con máis profundidade á figura da biografada. A traxectoria vital de María Vinyals súmase á de tantos outros fillos do país que non mereceron a mala sorte que sufriron, que foron esmagados po circunstancias históricas que botaron a perder o seu talento e o seu esforzo.
Recuperar a memoria de figuras como María Vinyals e honralas fará delas fermento de ilusión e esperanza e animará a seguir o seu exemplo a cantas xeracións veñan detrás. Recuperar a memoria é recuperar o sentido da vida.

Dictiografía
_________________
Isabel Blanco, María  Vinyals. Un talento rebelde. Deputación de Pontevedra / Belagua, 2018. Ilustracións de Luz Beloso.

2.7.15

Xosé María Díaz Castro. Nimbos de luz

Este libro recolle a exposición coa que se homenaxeou o poeta o Día das Letras do 2014. Trátase dun traballo colectivo coordinado por Alfonso Blanco Torrado que, baixo o título de "Unha voz limpa e comprometida", traza a traxectoria vital e poética do homenaxeado e sintetiza o triplo basamento da súa obra: lingua + paisaxe + cultura labrega. Afirmación que se pode ver corroborada polas imaxes desta fotobiografía.
Completan o traballo as achegas de Luís G. Tosar ("Diálogo con palabras amadas e soñadas") e Armando Requeixo ("A poesía que non se vai xa máis" e a "Cronoloxía", ampla e detallada).
Como agasallo, acompaña ao libro o documental de Xosé Antón Cascudo, O instante eterno, que recolle o espazo poético diazcastriano.
Imaxe: Xosé Cid. Escultor


Dictiografía

Alfonso  Blanco Torrado (coord.), Xosé María Díaz Castro. Nimbos de luz. Vigo, Galaxia / Xunta de Galicia, 2014.