Botamos unha furtiva ollada á prensa da semana (2008/09/15-21) para ver as noticias literarias que pescamos e atopámonos con Marcos Sánchez Calveiro a navegar no Barco de vapor. O canto dos peixes, titúlase esta novela gañadora. Dinos Galicia Hoxe que se trata dunha reivindicación do mar dende Galicia. Tamén se ocupan do evento en Literaturasnoticias.
Noticia feliz tamén o é a da versión francesa d' Os libros arden mal (L' Eclat dans l' abîme), de Manuel Rivas. A páxina fluctuat.net lémbranos a publicación de Le crayon du charpentier (O lapis do carpinteiro) oito anos antes. Destaca a recensión francesa o carácter poético da prosa de Rivas e a capacidade do autor para nos contar as mil e unha historias que se agachan nos anacos de papel que revoan sobre a fogueira dos libros.
Sobre esta tradución resulta de interese ler a puntualización de Anxo Tarrío na sección "De letras e de signos" no Galicia Hoxe.
Para os tintinófilos é recomendable o artigo de Mateo Sancho Cardiel no Faro de Vigo por mor do aniversario (50) de Tintín no Tíbet . Resultan salientables as puntualizacións sobre a "corrección política" que a obra padeceu en medio século de vida.
No quefacer poético destacamos a entrevista con González Tosar en El País sobre o seu último poemario (Estúrdiga materia).
Cándido Pazó reflexiona sobre as súas Historias tricolores. Unha débeda que tiña cos vellos republicanos.
Cómpre lembrar o aniversario do CDG; noticia tamén en Galicia Hoxe. Contémplao un cuarto de século da nosa historia teatral, non exenta de polémica tampouco.
Un remendo no capítulo de aldraxes: Steiner pide perdón. Xa estabamos a pensar que non era tan sabio como se supuña... Recibe recomendacións. Pero tamén a típica e tópica desconfianza do galego. Camilo Franco, en "Punto cero da polémica", advirte dos steiners do interior. Ilustra o artigo Kiko da Silva.
Para dentro de nada, anúnciase o encontro de escritores novos en Mariñan.
A nota triste da semana foi o suicidio de David Foster Wallace, a quen Xavier Queipo fixo falar na nosa lingua.
Ningún comentario:
Publicar un comentario