Amosando publicacións coa etiqueta O pintor do sombreiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta O pintor do sombreiro. Amosar todas as publicacións

19.9.10

Marcos Calveiro. O pintor do sombreiro de malvas. Cuestionario


Cuestionario guía para o club de lectura d’ O pintor do sombreiro de malvas.
(Nota previa: todas as cuestións procuran unha resposta baseada na lectura da novela.)

  1. Na novela, o narrador ocupa boa parte do seu tempo no gozo de ler.Relaciona as obras obxecto de lectura. Analiza a valoración que a sociedade descrita na obra ten das lecturas que se citan e da xente que le. [Para empezares, bótalle unha ollada ás páxinas 14, 26, 39 e 156.]
  2. ¿Quen narra a historia? ¿Cal é o punto de vista adoptado na novela?
  3. ¿En que época se ambienta a novela? ¿Cales son as características máis salientables desa época?
  4. O título da novela é anecdótico.Explícao.
  5. Quen vén sendo o pintor do que se fala na obra?
  6. ¿Podes establecer unha relación entre a personalidade do pintor e a técnica pictórica que emprega? [Véxanse pp. 20-21, 28 e 73.]
  7. Despois da lectura da novela, ¿como dirías que anda a cabeza do pintor Vincent?
  8. No contexto da obra, ¿que valor ten a expresión “A tristura non rematará xamais” (pp. 167, 173).
  9. Se contrastas a biografía do pintor coa figura que del se dá na novela, ¿temos a mesma imaxe do personaxe?
  10. Analiza a figura do sacerdote.
  11. Analiza a relación narrador-Adeline.
  12. ¿Dáse na obra outra relación que representa o contrapunto da anterior? ¿Quen son os protagonistas? Compáraa coa anterior.
  13. Como lector, ¿consideras que queda algunha liña argumental sen desenvolver?
  14. ¿Que decisión vital toma o protagonista-narrador?
  15. Por certo, ¿como se chama o protagonista-narrador? ¿Que recursos se utilizan para dirixirse a el?
  16. Describe o proceso de deterioración psicolóxica do pintor.
  17. ¿En que modo inflúe a pintor na madurez do protagonista-narrador?
  18. ¿Pode dicirse que a novela describe a confrontación de dous mundos? ¿Cal é a túa opinión ó respecto?
  19. ¿De que outros pintores se fala na obra? ¿Teñen algunha relación co noso pintor? [Véxanse pp. 47, 80, 105.]

Marcos Calveiro, O pintor do sombreiro de malvas, Vigo, Xerais, 2010. Premio Lazarillo 2009.

13.9.10

Marcos Calveiro. O pintor do sombreiro de malvas


1. Cóntanos a historia un adolescente a quen a nai envía a vivir á casa dunha tía en Auvers para afastalo da vida de malote que levaba en París. O rapaz, urbanita parisino, non é quen de establecer boas relacións cos rapaces do rural, dos que anda medio fuxido para aforrar tundas. A aparición do pintor Vincent [van Gogh] ábrelle un abano de posibilidades para darlle emoción á súa vida. Entre outras cousas, apréndelle a ver o mundo doutro xeito, a reparar en aspectos para os que os ollos do rapaz estaban cegos. Tamén lle servirá de conselleiro sentimental, aínda que de dubidosa eficacia.

2. O tempo reducido da novela (69 días) representa para o protagonista un curso intensivo de educación, mesmo sentimental: coñecerá a crueldade dos convencionalismos, pensará sobre o seu escuro pasado, abrirá os ollos a un mundo novo, gozará da ilusión dos amores vixiados, sufrirá a presenza da morte e da ausencia dos seres queridos, aprenderá a tomar as súas decisións mesmo sen saber se son as correctas...
Por veces, o lector coida -isto é algo atrevido- que é o adulto Vincent quen, á vista da traxectoria vital escalazada, “educa” a un Vincent adolescente que aínda ten a vida por diante. En todo caso, o relato transmite ó lector a intensidade da etapa final da vida do pintor.

3. A historia sitúase en Auvers no verán de 1890. Nesta viliña dos arredores de París enfróntanse dous mundos irreconciliables. Dunha banda, a sociedade reaccionaria que segue pautas de comportamento preestablecidas; destacan as autoridades políticas, relixiosas e as beatas. Da outra banda, os que tentan vivir seguindo os impulsos do corazón, sen facer mal a ninguén e sen o corsé de normas sociais de obrigado cumprimento. O pintor, o narrador, súa nai... son paxaros que pretenden voar fóra da abafadora gaiola das convencións sociais.

4. A sociedade convencional amosa ante o lector unha crueldade agachada. As normas, por si soas, non son quen de substituír os afectos nin de construír sociedades máis xustas. O lector ve, por exemplo, como se pasa o trámite do enterro das vellas sen importarlle ó familiar que as sepulta nada máis que a herdanza que poida apañar (segundo murmuracións da veciñanza); sospeita cal puido ser o “delito” que lle produce o baleiro social á nai do narrador; sospeita e non se explica o comportamento hostil do xendarme co rapaz... Unha sociedade, en definitiva, que non lles deixa ós diferentes outra saída que non sexa o suicidio ou a fuxida.

5. Falan desta  novela en:

  • Trasfegando ronseis, que salienta especialmente os valores que transmite o relato, así como a súa riqueza pictórica e léxica.
  • Ramón Nicolás: recensión publicada no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia recollida na páxina de Xerais.
  • Ars legendi achégase a esta e a outras obras de Marcos Calveiro. Destaca d’ O pintor a traballada construción de espazos e personaxes.
  • Xornal de Galicia (12-07-2009) dá noticia da concesión do premio e publica unha entrevista co autor.



Marcos Calveiro, O pintor do sombreiro de malvas, Vigo, Xerais, 2010. Premio Lazarillo 2009.