13.9.08

Un epistolario de Ramón Piñeiro (de Fernández del Riego)

Na presentación que Francisco Fernández del Riego fai deste libro apunta dous aspectos que cómpre ter en conta. O primeiro, que se trata dunha escolma de escritos dos que non se publican aqueles datos máis persoais. O segundo, que se trata dunha escolla enmarcada cronoloxicamente entre os anos 1948-1970. A amizade e a relación epistolar entre os dous persoeiros viñan de antes e seguiron despois. Un antes e un despois tamén complicados, pero máis esperanzadores.
Coa lectura deste libro, o lector confirma con datos de primeira man o que xa sabía por outras fontes. Atópase o lector ante dous membros dunha xeración que amosou sempre unha fe nun ideal e que desenvolveu sempre, aínda mesmo que non lle deixasen, un traballo sen canseira para facer realidade ese ideal. As cartas de Ramón Piñeiro reflicten o esforzo dunha xeración -ou do que ela queda- por manter aceso un facho de luz nese túnel do tempo enmarcado entre 1948-70, isto é, dos anos de dura represión ós anos de relativa permisividade. Como individuo consciente de pertencer a unha xeración, Piñeiro coméntalle ó seu interlocutor, e non sen orgullo, que fixeron as cousas mellor cá anterior; mais tamén lle fai a advertencia de que non deben retirarse da loita mentres os seus logros non estean asegurados pola xeración que os ten de suceder. Non poden deixar mirrar o que sementaron. Este é o fío que cose as máis de catrocentas cartas que Fernández del Riego tira dos seus arquivos. A punta do fío para tirar do no nobelo do galeguismo preconizado por Piñeiro atopámola xa nas primeiras cartas:

"Poucas cousas poden orixinar máis mágoa que o arredamento forzado do noso mundo auténtico; pois tal arredamento produce sempre a sensación de que che cortan as raíces. Soio unha viva fe ideal no valor inmorrente dese mundo noso é o que te pode salvar do esmorecemento espiritual. ¿Teremos folgos para acometer con alta cobiza e rexa vontade a empresa de superar a nosa actitude tradicional de pasivo lirismo cunha nova actitude de máis resonancias épicas? Iso sería entrar de novo na Historia, que é a meta irrenunciábel dos pobos que teñen conciencia de si mesmos" (p. 20; escrito aínda no cárcere o 20 de decembro de 1948).
"Queiramos ou non, sempre seremos substancialmente románticos. Por iso necesitamos a fe acesa dos altos ideais para que a vida teña sentido, e para que a nosa alma arda nunha labarada de entusiasmo" (p. 23; escrito en Madrid o 16 de marzo de 1949).

O epistolario céntrase -isto tamén nolo advirte o editor- no campo da cultura. Era o campo que se presentaba como máis idóneo, máis visible e talvez o máis eficaz para ir mantendo o lume do galeguismo mentres non aparecían tempos mellores. Tamén foi o campo onde se puxo maior resistencia á asimilación. Unha das teimas era demostrar que o idioma servía para ser vehículo de transmisión de calquera área do saber. Aínda hoxe hai xente que non acredita nesta cuestión. Mais a mediados do século XX, Piñeiro apostaba forte para demostrar sen paliativos a capacidade e a utilidade do idioma:
"Temos o proxecto de traducir un texto filosófico ó galego para aniquilar dunha vez a tese insidiosa de Dámaso e outros, según o cal o galego só sirve para facer poesías ou para lles falar ós labregos, pero é inepto para facer ciencia ou filosofía. Pensamos escoller un texto de Heidegger, por ser o filósofo de máis renome universal nestes tempos, e para darlle máis valor escollemos un traballo que non está traducido ó castelán e xestionamos, do propio Heidegger, un prólogo especial para a traducción galega. Xa comprendes facilmente que este plan responde a unha imprescindible e inapreciable "política da lingua" que debemos levar a cabo con rigor. O noso intermediario é Domingo Carballo, amigo persoal de Heidegger, e que sería un dos firmantes da traducción"
(pp. 36-37; escrito en Lugo o 15 de febreiro de 1950).
O ramo a esta empresa púxoselle o 7 de novembro de 1952:
"Onte certificámosche os tres exemplares da obra de Heidegger. Está tan aquilatada que supoño será ben difícil de facela máis fiel. Eu estou ledo, pois penso que se Heidegger pode falar en galego (que vén ser coma se falase Kant ou cousa así), xa non haberá motivos para que os da escola castelá-pontevedresa sigan dicindo que se trata dunha lingua de labregos" (p. 70).


As cartas están escritas no estilo esperable nun documento privado. Nelas vai quedando rexistrado o día a día do traballo cultural desenvolvido nese longo período coñecido como "longa noite de pedra". A importancia de tal labor quizais se vexa máis claro se reparamos no índice de nomes que acompaña as cartas. Na relación de nomes aparecen persoeiros que hoxe son imprescindibles na historia do país e que daquelas aínda eran rapaces novos. Por exemplo:
"Xosé Luis Méndez Ferrín é, como sabes, o poeta triunfante nos premios de poesía galega das Festas Minervais. Tamén levou o segundo premio no concurso de conto. Foi a gran revelación literaria deste concurso universitario. Felizmente, é un escritor galego e non pretende ser outra cousa. Será, de certo, un dos anovadores da nosa prosa literaria, pois ten verdadeira vocación de escritor. Ten, ademais, ideas moi claras sobre a súa adicación cultural. Pensa especializarse en filoloxía románica. Pono en contacto cos amigos de aí"
(p. 107; 23-3-1956).
Atopamos unha recensión deste epistolario en: Praza das Letras
Francisco Fernández del Riego, Un epistolario de Ramón Piñeiro, Vigo, Galaxia, 2000.

Imaxe páxina de Galaxia.

Ningún comentario: