Amosando publicacións coa etiqueta Durmido sobre os espellos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Durmido sobre os espellos. Amosar todas as publicacións

17.9.14

Durmido sobre os espellos. Léxico

Brincadeira léxica para lectores de Durmido sobre os espellos, de Jordi Sierra i Fabra.
As palabras e expresións están tiradas desta obra. O exercicio -que non rouba moito tempo- consiste en elixir o significado máis axeitado de entre os tres que se propoñen.

27.5.08

Jordi Sierra. Durmido sobre os espellos. O título.

Para o club de lectores de Durmido sobre os espellos, de Jordi Sierra i Fabra (Vigo, Galaxia, 2003).

Seica vos preocupa atinar co sentido do título da novela. Non vos preocupedes: atinarlle ou non non vai ser morte de cristián. Un erro de diagnóstico non vai supor mandar o paciente para a pataqueira, neste caso.
Durmido sobre os espellos. Descartamos a interpretación literal: o protagonista non está deitado a durmir coma un cepo encol dun espello. Acollémonos ó dereito a especular (verbo da mesma familia etimolóxica) sobre o título.
Collemos, pois, o título polo lado simbólico e relacionámolo coa cita de Nietzsche que abre a novela. Esta dános a imaxe dun espello embazado, aquel sinálanos un individuo non consciente. O espello é un elemento de múltiple valor simbólico. Para nós o máis doado é entendelo ó xeito do psicanalista Jacques Lacan: o rapaz que se ve reflectido no espello é consciente de que se está a ver a si mesmo; mais neste caso, o feito de estar durmido impídelle recoñecerse, saber quen é exactamente. E velaí está o miolo da cuestión. Na novela temos un mozo que non sabe verdadeiramente quen é el nin a súa familia; está como durmido sobre a súa propia imaxe vital. Nesa viaxe (iniciática) que fai a Cuba na procura das súas raíces, descubrirá datos que lle devolven unha imaxe máis cabal de si mesmo e dos seus. O espello deixa de estar embazado e o rapaz de estar durmido.
O espello simboliza aquí o coñecemento. Cando Diego "esperte", verá reflectida no espello da historia a verdade da súa familia e das súas orixes. E mentres o espello estea embazado e non reflicta toda a luz da historia, Diego vivirá "na sombra", como nos suxire a cita de Nietzsche.
¿Realmente é isto o que significa o título? Pois non volo sei. Pero se tedes unha interpretación mellor, facédema saber.
Aburiño.

(Imaxe da Wikipedia.)

26.3.08

Sierra i Fabra. Unha noticia

Para os clubs de lectores de Sierra i Fabra.
Co atractivo título de "O regreso do fillo do bastardo" lemos no Galicia Hoxe unha nova relacionada coa biografía (ou iso parece) do escritor Jordi Sierra i Fabra. E aínda que a noticia se refira a unha novela que acaba de saír (Cuatro días de enero) e non teña relación directa coas obras que lle estamos a ler a este escritor, pode axudar a entender a súa actitude ante certos temas relevantes da súa narrativa.
Velaí queda a indicación.
Aburiño.
(Imaxe de Popular libros.)

2.3.08

Jordi Sierra i Fabra entrevistado

Para os clubs de lectores de Jordi Sierra i Fabra.

Na revista XLSemanal publican hoxe unha entrevista de David Benedicte con Sierra i Fabra. Trátase dun faladoiro cheo de frescura, mais non por iso deixa o autor de tocar temas que lle afectan á mocidade e que aínda son tabú para moita xente madura. Os que estades a ler Durmido sobre os espellos ou Soidades de Ana poderedes velos reflectidos dende outro ángulo.
Déixovos a ligazón da entrevista por se queredes botarlle unha ollada.
Algunhas das cousas que di deberían considerarse seriamente, como a "refundación da escola", por exemplo.
Abur.
(A foto de Lucía Antebi está na revista XLSemanal)

13.1.08

Durmido sobre os espellos. Achegas externas

Para o club de lectores de Durmido sobre os espellos (de Jordi Sierra i Fabra).
No suplemento "Los domingos de La Voz" que deixo enriba enlazado, atoparedes unha reportaxe fotográfica sobre Cuba. A información que nela se dá, sen ter que ver directamente coa novela que estamos a ler, axuda a entender algunhas situacións que só se insinúan no relato, pero que non reciben maior desenvolvemento por razóns bastante obvias.

Cos datos que se facilitan na reportaxe pódense entender mellor algúns comportamentos dos personaxes da novela, e os seus devezos. Así e todo, considero que as preguntas 17 e 20 do cuestionario proposto veranse con mellor claridade despois de ler -e ollar- esta reportaxe.
Na edición en papel tamén aparecen as fotos de tres carteis: un, coa imaxe do Ché e a lenda "Tu ejemplo vive"; outro, a dúas cores, coa lenda "Nuestras armas: la moral, la razón y las ideas"; por último, o cartel que lembra a efeméride: "47º aniversario. Multiplicando acciones junto al partido, a Fidel y Raúl".
Se a información non resulta útil, polo menos espero que aumente os coñecementos.
Para calquera dúbida, consultade co profe. Tamén vos lembro que dispodes dun estupendo caderno dixital, que tedes algo esfameado.
Abur.
(A foto é de Xosé Castro e está publicada na reportaxe enriba citamos.)

11.12.07

Durmido sobre os espellos, de Jordi Sierra Cuestionario


Para o club de lectores de Durmido sobre os espellos, de Sierra i Fabra, deixo este cuestionario.
Xa falamos na aula das condicións desta lectura. Así e todo, vou repetir aínda o desexo de que traballedes en equipo. O punto de encontro do club atoparédelo neste blog. O local está aberto a todas horas, ou polo menos mentres o permita certa compañía de telecomunicacións. Quen teña dificultades coa chave, que avise.
Aburiño.

CUESTIONARIO

1. Redacta en dez liñas o argumento da novela.
2. Segundo a novela, ¿que situación se vive en Cuba no momento da visita do protagonista? 3. A novela estructúrase en tres partes. Comenta este aspecto.
4. Segundo a túa opinión, ¿cal é o tema central da novela?
5. A novela é unha viaxe iniciática. ¿Que aprendeu o protagonista para a vida nesa viaxe?
6. Analiza a figura do avó do protagonista.
7. Á luz da novela, comenta esta afirmación: “A liberdade ten un prezo”.
8. ¿Que personaxe da novela é o modelo humano que o protagonista quere imitar?
9. Explica o título da novela.
10. Tira da novela aqueles personaxes reais que foron influentes na revolución cubana.
11. ¿Que feito histórico, revelante para o país, foi o que padeceron os avós do protagonista?
12. Segundo a novela, ¿pode afirmarse que os seres humanos non son realmente donos do seu destino?
13. No remate da novela, o protagonista une no seu maxín as figuras de Tania e mais da avoa. Explica o motivo.
14. A figura do avó sintetiza os ideais dun revolucionario. ¿Cales son eses ideais?
15. ¿Cal é o pago que os avós do protagonista tiveron que facer por seguir un ideal?
16. No inicio da novela o autor describe o pai e o tío do protagonista como personaxes opostos, malia seren irmáns xemelgos. ¿Ten este recurso algunha utilidade dende o punto de vista novelístico?
17. Ó longo da novela inténtase dar unha visión da situación cubana desde diversas ópticas. ¿Como se describe esa situación?
18. Analiza o uso que se fai na novela da figura da muller.
19. Analiza a figura do protagonista.
20. Tendo en conta a presente situación de Cuba, ¿que valor ten esta novela?