Amosando publicacións coa etiqueta Lingua de mollo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lingua de mollo. Amosar todas as publicacións

22.2.10

Lingua sen pelos

Estas cousas aquí non pasan. Deixo a ligazón do vídeo porque é un bonito exemplo do uso terapéutico da lingua. Está en estranxeiro, pero unha orella galega pode pillar algunha palabriña solta.
Que nos sirva de proveito.

19.9.09

O modelo lingüístico da filla do cura

Leo no xornal El País de hoxe (19-9-09) esta reportaxe de Omayra Lista e Xurxo Lobato sobre a profesora Marta Dahlgren. Á parte do pracer da lectura, ten para min un efecto reconconciliador co mundo e con esta profesión de escravos. Non me resisto a deixar aquí pegado un consello que ofrece ós seus alumnos, pero que considero útil para calquera que queira achegarse a linguas novas:
Con sus compañeros de claustro aprendió a hablar gallego, y trabajó como traductora de su lengua materna a la de acogida. "A mis alumnos les digo que pierdan el sentido del ridículo y se lancen a hablar inglés, como hice yo con el gallego". Ella, curiosamente, ha encontrado más complejo ajeno que propio, porque percibe el rechazo a que una profesora de ciudad hable gallego.
O resto da reportaxe pódese ler na ligazón enriba sinalada.
Tamén considero aconsellable a súa lectura a xente dalgún país bilingüe e mesmo a algúns dos responsables da alta política destes lares. Aínda que non máis sexa que para distinguir que hai diferentes maneiras de facer o sueco, como as hai de facer o indio.

Imaxe: Eudebate2009.eu

4.7.09

Caldo de lingua

Reparo en tres noticias publicadas hoxe (4 de xullo de 2009, sábado) en La Voz de Galicia, xornal non dubidoso á hora de da novas sobre a liberdade lingüística. As noticias aparecen en seccións distintas e sen conexión aparente entre si, pero curiosamente todas tres tocan o tema da lingua (galega, claro).
Na primeira dásenos conta da preocupación pola queda de galegofalantes:
Los equipos de normalización lingüística y el PP, preocupados por la caída de gallegohablantes
Ambas as partes coinciden no diagnóstico, que non é novo nesta altura. Todos os estudos feitos sobre a cuestión veñen anunciando por onde van os tiros. A política lingüística debería servir de chaleco antibalas, mais tamén é ben sabido que como moito tal política hoxe ten a eficacia daqueles "detente bala" que cosían no peito da camisa os requetés que participaron na guerra civil.
Tamén se fala da noticia dun "
decálogo de «consenso» para recuperar el diálogo sobre el gallego en la educación"; este periódico non dá outros datos sobre tal decálogo.
Nun breve das páxinas locais de Vigo recóllese a protesta do claustro do IES de Teis sobre a "enquisa das linguas". O contido do documento do instituto está recollido dun xeito un tanto críptico, ademais de estar mesturado cunha noticia de maltratadores de parellas. É unha pinga máis na chuvia de protestas que xerou a enquisa, falta dun "obxectivo suficientemente definido". Cómpre entender que se trata dun obxectivo científico. Non pretende botar luz sobre unha situación xa abondo estudada e coñecida. Por outro lado, a falta de rigor metodolóxico co que foi feita non permitirá tirar conclusións válidas, salvo aquelas que sexan do gusto dos promotores. Se se lle quere atopar un obxectivo, témolo doado: xustificar a postura daqueles que sosteñen que falar galego provoca halitose.
O terceiro pé do gato póñeno as declaracións de Mariano Rajoy en Cataluña. Para o líder do PP, Galicia é un modelo "en libertad educativa":
«En Galicia todo el mundo puede opinar y eso es más razonable y sensato, para que todo el mundo pueda estar a gusto», afirmó el líder del PP (La Voz de Galicia, 4-7-09, páxina 22).
Comprobada a data (non é primeiro de abril nin vinte e oito de decembro), teremos que acreditar na veracidade das declaracións do político. Así e todo e contra o afirmado na noticia, os que andamos na docencia sabemos que ós profesores non se lles preguntou nada. Aínda máis, recomendóuselles que gardasen as súas opinións e que se limitasen a seguir as instrucións da superioridade. O asunto acabou perante o xuíz, como é sabido.
Tocante á calidade do ensino en Galicia, á que fai referencia o mesmo político, xa veremos o que nos conta o informe PISA.
O que me gustaría saber é o que pensa o sector gorruno do PP (perdón, quixen dicir o sector da gorra, galegofalante de seu). ¿Que farán con el e coa súa lingua cando non sexan necesarios os votos que gardan baixo o xergón?
(Esta tamén é unha pregunta digna da enquisa.)
Hoxe mesmo, a lingua tamén está presente noutros xornais, coma case sempre. Velaquí algunhas mostras:
Voces contra a agresión, con foto da inauguración dos cursos de galego para estranxeiros.
Unha opinión sobre Galicia Bilingüe.
Como en Cataluña...
A romaxe do Faro.
As tres universidades únense...

Véxase tamén Galego, patrimonio da humanidade.

28.2.09

Coma en Burela...

En Vigo tampouco non hai xente acomplexada co galego. Só os que se senten montunos... e eses no te deben ser de Vigho.
Así e todo, se algún hai e quere irse liberando de complexos pode botarlle unha ollada a esta páxina de Vieiros e mais a estoutra do IES Perdouro.
Aburiño.

29.9.08

Se nolo dixese o avogado...

Vía La Paraula Vola chegamos a esta presentación de Ferran Suay sobre as actitudes lingüísticas e o seu posible cambio (verbascripta.googlepages.com/TELP.ppt ). Ligámola aquí coa mala intención de dar con alguén que lea entre liñas.
Somos conscientes, así e todo, de que os galeguiños non lle damos creto ós especialistas alá a correr. Xa nos vén de vello:
- ¿Quen che dixo que estás a morrer? ¿O médico? Boh... boh... boh... Se cho dixese o avogado...
Sobre o mesmo tema das actitudes lingüísticas, tamén da autoría de Ferran Suay, trata estoutra presentación.

Ferran Suay
View SlideShare presentation or Upload your own.

19.1.08

Defensa ecolóxica da lingua

Leo con agradable escepticismo o artigo que Manuel Rivas publica en El País. Titúlao "Mensaxe para Mariano". A lectura tróuxome á cabeza un estudo de Colin Baker, no que se compara a riqueza lingüística a un xardín cheo de flores. Trátase dunha sisuda exposición sobre o bilingüismo e os fundamentos da educación bilingüe que Mariano nin Paco van ter tempo nin gana de ler por andaren demasiado ocupados, os pobres.
O artigo de Rivas está escrito en galego, como se pode ver. Quero sinalar que o autor podería vivir moi ben sen tal idioma e que se o defende non é polo peso do bandullo. Bota man de razóns como a da enerxía interior que supón unha lingua; de que as linguas non lle pesan a quen as leva; de que as linguas non son abstracións, senón que teñen corpo e alma; de que as linguas son o almeiro da civilización... En fin, razóns que só se poden entender co corazón.
Recoñezo que gocei coa lectura do artigo de Rivas, e que me alegra atopar xente que escriba cousas así sobre a lingua que se ama. Mais dubido que a mensaxe chegue ó destinatario. Se a memoria non me falla, xa estivo de vicepresidente da Xunta e non lembro que movese un dedo en defensa do "idioma propio de Galicia". Naceu cos tímpanos apedrados como para percibir vagalumes e xoaniñas. E non é o único. Ós poucos días de acceder ó cargo citado, houbo quen gabou a eficacia do novo gobernante. Eficacia en castellano, como tiene que ser. Nas hemerotecas podemos atopar máis dun exemplo. ¿Que se lle vai facer?, preguntou o galego.
Deixémonos de desvaríos. ¡Antes mortos ca políglotas!
(A imaxe atoparédela en LiLeLa. Non é unha invitación ó pastafarismo lingüístico.)

7.1.08

Páxina multilingüe

Atopo esta noticia en Vieiros e non me resisto a deixala pasar. Déixoa enlazada aí enriba. Chámase Travelphrases. Resulta moi curiosa e interesante. Coido que está pensada para viaxeiros lacazáns.
Tocante á versión galega das catro frases fundamentais para defenderse polo mundo, poderíanselle facer algunhas suxestións, pero será outro día.
Os meus alumnos que falan "gallego cerrao" deben saber que tamén se pode preguntar deste xeito:
-¿U-lo meu cuarto?
-¿U-la praia?
-¿U-lo bar?
-¡Nin se che ocorra tocáresme...!
Pode haber máis versións, pero non é o momento de facer un remuíño de ideas.
Aburiño.
(Imaxe do blog Feito en Galiza.)

27.9.07

Día europeo das linguas

Onte seica foi o Día europeo das linguas. Na nosa comunidade educativa (como diría un pedagogo) pasou sen pena nin gloria. Esta nota vén ser como chegar ó fume das velas. Mais non hai caso, porque aquí somos multilingües e sachamos no idioma que nos poñan por banda. ¡Ai, logo!
Así e todo, enlazo aquí esta noticia e mais este vídeo que atopei no Vieiros. Non vos vén mal ós de bacharelato, agora que andades metidos na fariña da lingua e a sociedade. Mirade que traballo máis guapo fixeron os rapaces do vídeo. E ademais de faceren un traballo estupendo, parecen inmunes ó sarabullo que lles provoca a cuestión da lingua a algúns dos comentaristas da noticia. Nos tempos que corren é bo sinal.

23.9.07

Himno. Xénese e interpretación

Achamos no Galicia Hoxe dous artigos de interese para escolares.

Ambos os artigos tocan o tema do himno (galego). O de Neira Vilas -"A xénese do Himno"- vén sendo un novo artigo da serie que sobre este tema vai publicando no xornal citado. O de Xosé Manuel Beiras -"Do Courel a Corrubedo. VII. 'Imbéciles e escuros'"- trata da interpretación de certas palabras que sentan tan mal a algunha xente (lembro un historiador, teólogo, xornalista...). Este segundo artigo toca, cun evidente ironía, outros temas non directamente relacionados co himno, pero si co país.


En fin, aquí só chamamos a atención sobre os aspectos escolares de ambos os dous artigos. Quen teña ollos para ler, que lea.


(Foto publicada no Galicia Hoxe.)

21.9.07

Proposta de ensino

No apuntamento de hai uns días coloquei a foto da páxina da proposta de ensino que nos fai a revista LongaLingua 4. Só se logra ler o que di un dos paxarecos: o que serve de máxima. Copio neste novo apuntamento o texto completo, porque non só propón unha actitude ante a lingua, senón tamén unha actitude ante a vida.




"QUE SE FALE E ESCRIBA EN GALEGO DEPENDE DE TI!
1. Fala en galego sempre que poidas. Coa familia, cos amigos e amigas, etc.
Fai o propósito de falar en galego a quen sabes que te entende aínda que até o
de agora lles falases en castelán.
2. respecta a aquelas persoas que che falen noutra lingua, mais exixe que
tamén as outras persoas respecten a túa.
3. Diríxete en galego a todos e todas: na rúa, por teléfono, no centro de
ensino, no traballo. Verás que te entenden. Continúalles a falar en galego,
aínda que che respondan noutro idioma.
4. Ás persoas que coñezas que entenden o galego coloquial, mais mostran
curiosidade por algún termo que ignoran, explícalles o significado desas
palabras, axudándoas a ampliar o vocabulario. Se alguén se esforza en falar o
noso idioma, sélle de axuda e demóstralle que valoras o seu comportamento.
5. Respecta as diferenzas locais da lingua. Coñece as particularidades de
cada zona. Esta é a riqueza do galego, como a de todas as linguas.
6. Toma a decisión de escribir todos os apuntamentos, notas, correos
electrónicos e cartas en galego. A partir de hoxe pon sempre o teu nome en
galego. Fai mudar os teus papeis, impresos, rótulos, etc. Sería ben triste que
por aforrar uns pequenísimos gastos deixásemos de contribuír á expansión do noso
idioma.
7. Faite subscritor/a de publicacións escritas total ou en boa parte en
galego. Le libros, asiste a espectáculos teatrais, musicais, cinematográficos,
visita páxinas web, etc, na nosa lingua.
8. Exixe de todos, mesmo das institucións máis rotineiras, que che escriban
en galego. Faino amabelmente. Non perdas o tempo e os nervios en pelexas cos
inimigos declarados da lingua do país. Déixaos de lado, ignóraos.
9. Se tes como lingua familiar o castelán, interésate pola nosa lingua.
Loita contra a inxustiza fomentada durante tantos anos. Toda a represión dunha
lingua é un acto de barbarie. E sobre todo tenta falala e escribila, porque a
mellor defensa de calquera lingua é o seu uso.
10. Se sentes un bloqueo psicolóxico, como adoita ocorrer para pasar a
falar en galego con persoas e en ambientes en que sempre falaches castelán,
comeza por usalo cos descoñecidos, a practicalo en situacións novas, para ilo
introducindo despois na túa esfera habitual. Non te envergoñes dos defectos de
pronuncia ou escrita; respectar o galego mais a distancia, "sen rompelo nin
lixalo", iso si que deteriora o idioma.
11. Se es profesor/a e non impartes as aulas en galego, proponte comezar
para este curso vindeiro. O tempo que resta é suficiente para te póres ao día.
Cun pequeno esforzo contribuirás dun xeito moi importante á normalización do
noso idioma.
Fotocopia este texto e difúndeo polo teu centro de ensino.
TODA PERSOA QUE DEFENDA A SÚA PROPIA LINGUA SEN AGREDIR A NINGUÉN TEN A RAZÓN DA SÚA PARTE
(Adaptación dun texto ideado polo Dr. Tilbert D. Stegmann, da Universidade de Frankfurt)".

Transcribo este texto pensando no carácter case que sagrado que ten a lingua para os meus alumnos. Cando os presiono para que a empreguen coa maior corrección posible, míranme coma se estivese forzándoos a cometer un sacrilexio.
(Sacrilexio, ¿qué es?)

19.9.07

Volvemos ás aulas


Volvemos ás aulas, non hai máis voltas. E tornamos con forza, ánimo, esperanza... e unha chea de boas intencións. ¿E con medo? Ese deixádeo na outra chaqueta.

Como este é un caderno de lingua, tamén para ela estaremos cheos de bos propósitos. Podemos asumir o que deixou dito un tal Eduardo -¿ou Arturo?- Pondal: déchesme unha lingua de ferro, devólvoche unha lingua de ouro. E se foi outro quen o dixo ou mesmo non o dixo ninguén, tanto dá. O propósito é bo, e facémolo santo.
Colgo aquí unha "Proposta de ensino" que atopei na revista LongaLingua 4. Reparade en que non é só unha proposta para o uso dunha lingua; tamén é unha proposta de boa crianza. Seguídea. Havos prestar.


Hoxe tamén retoma o curso La Voz de la Escuela. Botádelle unha ollada á páxina 2. O artigo de Ana T. Jack sinala estratexias para superar con éxito esta nova xeira que hoxe comezamos. Explícanos o método DAFO, que debemos seguir; e fálanos da "indefensión aprendida", que debemos evitar.
(Na páxina 4, recuncho da esquerda abaixo, atoparedes algúns "vellos" coñecidos.)


E se aínda con todo isto vos quedan dúbidas, acollédevos ó principio democrático daquel personaxe de Mafalda (creo que era Manolito Goreiro): o primeiro día de curso todo o mundo pode sacar dez.
Ánimo, forza e sorte.

(Imaxe de Maolito Goreiro en http://www.geocities.com/soho/museum/5495/manolito.html.)

2.9.07

Himno

Aínda sen apagar a polémica sobre a lingua -¡e aínda o que lle queda!-, acendeuse a cacharela do himno. Non nos queremos meter nas liornas dos políticos, pero si achegarnos á historia no noso himno (que existe aínda que algúns non o cantemos; asubialo tamén pode valer). Neste sentido, coidamos de interese os artigos que enlazamos porque recollen, ademais dos feitos históricos, o sentir e o pensar dunha xente respectuosa e respectable. Referímonos ás reportaxes:




"Noite da estrea", de Xosé Neira Vilas, "evoca aquel 20 de decembro de 1907 na Habana, cando se interpretou por vez primeira o himno galego" (Galicia Hoxe, 2-9-07). "A longa viaxe do himno", de Ángel Varela, recolle os avatares da composición (La Voz de Galicia, 2-9-07).

Os traballos citados dan información abonda como para ter unha idea bastante cabal da cuestión. Mais, á parte da información que nos refresca o coñecemento, volvemos sentir esa amarga sensación que nos causa o sabérmonos mellor identificados e explicados dende fóra ca na propia casa. ¡Que se lle vai facer!, diría un galego.
Como remate, e para quitarlle ferro ó asunto, vénnos ben o artigo de Anxo Tarrío Varela, "Praza de Pascual Veiga", que pide sentidiño aínda que sexa de broma.



Imaxes de

19.5.07

Guía sexual da sociolingüística

En realidade, o artigo de Sechu Sende ó que facemos referencia ten pouco que ver co adxectivo que figura no título, pero moito cunha relación afectiva coa lingua. Ironías á parte, trátase dun texto moi asisado e merecente de ser levado á práctica.
O artigo suscita unha agradable sensación nos que temos coa lingua unha relación amorosa tan real coma inexplicable. Mais non nos impide mirar de esguello para quen tamén nisto se comporta coma un baballoso ou un baldreu, dispensando.
Lédeo e que vos sirva de proveito.

(Os bachareis podedes engadilo ós vosos "apuntiños" sobre lingua e sociedade. En serio.)
Abur, e sede felices (se podedes).
Sobre o asunto, vede tamén http://www.blogoteca.com/literactua/index.php?cod=15124.

(Imaxe: Sechu Sende fotografado por Nacho Santás. Galicia Hoxe.)