Amosando publicacións coa etiqueta Carré Alvarellos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Carré Alvarellos. Amosar todas as publicacións

25.11.16

Leandro Carré Alvarellos. Un caso compricado. Comedia en dous actos

Imaxe: Grupo de
 Investigación Lingüística e Literaria Galega
0. Lemos a peza na antoloxía publicada por Laura Tato Fontaíña. Infórmanos na introdución que non foi publicada en vida de Leandro Carré Alvarellos. A peza é necesariamente curta (comedia en dous actos) porque foi escrita para ser representada por un coro; isto esixía unhas dimensións reducidas.

 1. Feliciano e Cecilia son noivos, pero teñen que verse ás escondidas debido ao "xenio condenado" do pai da rapaza (Bonifacio), que non traga o rapaz porque o considera un monicreque para a filla. Os mozos contan coa complicidade de Engracia (irmá de Cecilia) e, sobre todo, de Lucas ("criado da casa, pillabán de conta"). Como Bonifacio non está disposto a criar as fillas para darllas a un parvo, decide resolver a situación botando man da escopeta: descobre a Feliciano e dispáralle. Non lle atina, pero o rapaz desmáiase do susto e todos o dan por morto. Entra en escena o xuíz don Modesto ("moi petulante"), un alpabarda que se considera excelente investigador. Atopan unha camaisa manchada de sangue, pero seguen botando en falta o cadáver do mozo e mais un porco, do que tentaba tirar proveito o espelido Lucas. Ao final todo se aclara, triunfa o amor, o xuíz celebra o éxito da súa investigación e os namorados casan (por decisión paterna).

2. A obra desenvólvese en dous actos de parella extensión. O segundo dispón dunha escena máis, a derradeira, que pon  ramo á obra: todo se aclara, os antagonistas cambian de actitude e anuncian un final feliz.

3. Os personaxes están construídos con poucos trazos, pero eficaces para crear un estereotipo: fillas doces e obedientes; pretendente que se derrete de amor pola noiva, pero que se escagarruza de medo ante o pai dela; pais que son cabezas de familia en exercicio, que só pensan no mellor para a súa prole... aínda que a prole non pense o mesmo.
Curiosamente, non aparece na peza unha figura materna que comparta ou equilibre o exercicio da autoridade na familia. Se cadra, a súa ausencia explica os paus de cego que dá o pai na relación coas fillas. ¿Trátase dunha ausencia necesaria para o desenvolvemento desta trama?

4. A actualidade da obra cómpre entendela situándose en 1922. Hoxe en día resulta ideoloxicamente inadmisible o papel secundario da muller, a case propiedade das fillas en relación cos pais (que llas "dan" aos futuros maridos), os matrimonios baseados no interese económico dos contraentes, a impermeabilidade entre clases sociais (amos / criados), o predominio da amizade sobre a xustiza...
Malia que a obra non represente o cen por cen do ideario das Irmandades da Fala, aínda hoxe resulta divertida: ese era o seu principal obxectivo. Tampouco se pode considerar absolutamente escapista, pois axuda a entender unha época e representa un chanzo máis na historia do noso teatro.

5. Sobre esta peza, ademais do estudo introdutorio de Laura Tato Fontaíña para a antoloxía citada, podemos ler:
___________________________________________________
Laura Tato Fontaíña (ed), O teatro nas Irmandades da Fala. Antoloxía. RAG, 2016.
Personaxes: 2 mulleres e 6 homes.