Amosando publicacións coa etiqueta Chamádeme Simbad. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Chamádeme Simbad. Amosar todas as publicacións

11.5.10

Chamádeme Simbad. Léxico-3

Para os lectores de Chamádeme Simbad (de Francisco Castro). Velaquí deixo a ligazón a este pequeno test de léxico. O exercicio consiste en relacionar cun trazo da esquerda á dereita as palabras que aparecen nas columnas segundo o seu significado. Poden darse algúns casos sen relación e outros con máis dunha.
Ánimo. Leva pouco tempo.
Para acceder ó test, premede no título do post ou aquí en:


10.4.10

Chamádeme Simbad. Léxico-2

Para os lectores de Chamádeme  Simbad (Francisco Castro). Velaquí queda a ligazón a estoutro pequeno exercicio de léxico. Para realizalo, premede no título do post ou en

5.4.10

Chamádeme Simbad. Léxico-1

Prezado club de lectura de Chamádeme Simbad (de Francisco Castro), deixo a ligazón deste exercicio de léxico. É moi faciliño este xogo e non dura máis alá de tres minutos. Veña, dádelle duro. Premede no título do post ou en

30.3.10

Chamádeme Simbad. Cuestionario

Cuestionario-guía para o club de lectura de:
Francisco Castro, Chamádeme Simbad, Vigo, Galaxia, 2009.

CUESTIONARIO
  1. Redacta nunhas 5-10 liñas o argumento da novela.
  2. Seguindo a liña argumental, ¿en cantas partes se estrutura a novela? Sinálaas e xustifica a túa análise.
  3. Os protagonistas -avó e neto- están afastados pola idade, pero aseméllanse noutras cousas. Cita e explica algunhas delas.
  4. O avó padece alzhéimer. a) Describe a enfermidade cos datos que che dá a novela. b) Completa a descrición con datos doutras fontes.
  5. Cita e describe os dous xogos principais ós que se dedican avó e neto cando están xuntos.
  6. O pai de Paulo nega a existencia do tío Bernardino. ¿Por que?
  7. O pai de Paulo e o móbil. ¿Está de psiquiatra o pai de Paulo?
  8. No grupo familiar semella que cada membro ten asignado un papel que comporta dereitos e obrigas. a) Analiza -sempre seguindo a novela- cada un deses papeis. b) ¿Hai algún membro que non cumpre co que se espera del? Xustifica a resposta.
  9. Na novela atopamos personaxes con actitudes egoístas e con actitudes xenerosas. Pon algúns exemplos.
  10. Paulo di: "Non quería que ninguén soubese o triste que estaba. Pero os piratas non choran" (p. 37). ¿Que opinión che merece esta postura do neno?
  11. O Simbad do conto do avó, ¿de que cidade era? ¿Que sabes dela?
  12. O pai de Paulo considera que contar historias é unha perda de tempo (p. 52). ¿Compartes esta opinión?
  13. Na carta que o avó envía a Simbad di que "a vida é unha aventura". ¿Por que define a vida así?
  14. Cando o avó fala de que os filibusteiros lle queren afundir o barco, ¿a que dúas cousas se refire?
  15. As fotos do avó na Taberna do Pirata, ¿en que década se sitúan? ¿Que sabes desa época?
  16. a) ¿Cal é a verdadeira razón pola que foxe o avó da casa? b) ¿Por que a policía non dá con el?
  17. ¿Cal é a reacción do neno cando sabe que lle ocultan os problemas?
  18. Repara na figura do avó. ¿En que consiste para el a felicidade?
  19. ¿Poderías dicir se a novela ten un final feliz?
Procedencia das imaxes: Editorial Galaxia (capa) e Manuel Craneo.

14.2.10

Francisco Castro. Chamádeme Simbad


0. A través dos ollos dun neno de 10 anos vemos os problemas que o alzhéimer causa en quen o padece e mais na súa familia.
Entre o avó e o neno establécese unha complicidade e unha comprensión que escapa ós adultos da familia, se cadra porque a enfermidade do avó convérteos en compañeiros de xogos. Só nun momento de lucidez o vello chama o neto polo seu nome (Paulo); habitualmente son o Capitán e Simbad, nome do personaxe do relato que o mariñeiro lle contaba ó fillo, primeiro, e ó neto despois. O ancián irase recluíndo no mundo da súa nenez.

1. En Chamádeme Simbad atopamos un matrimonio novo cun fillo de dez anos e un vello con alzhéimer que os vai volvendo tolos co seu comportamento estraño e errático. O neno, que se leva moi ben co avó, non entende as cousas dos maiores. Tampouco non entende as frases feitas.
O rapaciño séntese esquecido do pai, home trasfegado polo traballo, que trae a oficina á casa, que vive colgado do móbil e anda sempre atodavelocidade. Cando a nai non está na casa, avó e neto xogan ós piratas sen moito respecto polo mobiliario.
Unha noite o avó marcha da casa durante o sono dos outros. A ausencia prolóngase máis dun mes, amárgalle a vida ós que quedan e entristécelle as festas. Pero tamén obriga ó pai a desempeñar o seu papel co neno: a idea de fracaso nesta función queda patente na lectura do conto de Simbad interrompida constantemente polo móbil.
Será o rapaz quen aclare a situación seguindo unha especie de xogo do achado do tesouro proposto polo propio avó: a carta, a mensaxe e a chave, a caixa agachada tras o libro favorito, as fotos e os papeis, a tarxeta co enderezo da taberna...
As cousas acláranse falando. As preguntas acaban por ter resposta acaída. Algunhas actitudes cambian. O reencontro familiar alegra tamén o lector. Non se pode dicir que sexan felices e que van comer perdices, porque o do avó non ten cura, pero co agarimo familiar e un centro de día vaise paliando a situación.
O que si parece que tivo cura foi o alzhéimer voluntario: o de esquecer o que non interesa, aínda que se trate de persoas achegadas.

2. Sobre a obra:
Cuestionario para o club de lectura.

Francisco Castro, Chamádeme Simbad. Vigo, Galaxia, 2009. Ilustracións Manel Cráneo.
Imaxes: Editorial Galaxia e Manel Cráneo.