Amosando publicacións coa etiqueta Miguel Anxo Murado. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Miguel Anxo Murado. Amosar todas as publicacións

21.9.16

Miguel Anxo Murado. Libro de horas

Imaxe:
 Libro de horas. Editorial Galaxia
Comecemos polo remate. A “Nota do autor” sintetízanos as características da obra que acabamos gratamente de ler. De tales características salientamos:
  1. O marco cronolóxico. O libro escolma textos publicados en La Voz de Galicia entre 2014 e 2015. O título do libro pon en relevo a importancia da cronoloxía nesta colectánea de pezas literarias.
  2. A evidente intención estética dos textos: estamos ante exemplos de columna literaria.
  3. A intención de ir máis alá dos límites do artigo de opinión.
  4. O desexo --logrado-- de dar unha visión máis complexa de noticias constatables.
A cronoloxía manda, pero a reflexión sobre os feitos narrados, próximos ou recuados, tórnaos intemporais e amortécelles a fría obxectividade da noticia allea ao lector para convertelos en feitos que nos afectaron ou van afectar en canto seres sociais. Asuntos como as guerras, frías ou quentes, a represión dos estados sobres os cidadáns, os dereitos humanos, a carreira de armamentos… enfócanse dende outra perspectiva ao seren relacionados con outros acontecementos similares.
A reflexión sobre a noticia convértea tamén en universal. O feito obxecto de reflexión pode ser novo e ter data concreta, pero as ideas ou actitudes que o provocaron vense repetidas ao longo da historia da humanidade, como o demostra a relación con feitos semellantes acontecidos noutras épocas. As reflexións sobre as noticias escolleitas por Miguel Anxo Murado fanlle sentir ao lector un mundo máis achegado e familiar.
Cómpre salientar a homenaxe que nestas crónicas se fai a un amplo elenco de obras --literarias ou non-- que se converteron en fitos da bibliografía da humanidade: Cervantes, Rosalía, Rulfo, Lowry, Bellamy…, sen esquecer as populares novelas de vaqueiros que serviron de lecer especialmente nunha triste etapa da nosa historia.

Falan da obra

Miguel Anxo Murado, Libro de horas. Vigo, Galaxia, 2016.

26.9.08

Os outros (M. A. Murado: O soño da febre)

Para o club de lectores de O soño da febre (Miguel Anxo Murado) deixo esta proposta de traballo, de carácter voluntario, que pode considerarse unha ampliación do cuestionario colgado hai uns días.
A proposta é unha miniquest baseada no conto titulado

"Os outros".

Das condicións do traballo, da súa valoración e da data de entrega xa falamos na clase e foron recollidas na programación de aula.
Para outras consultas, falades co profesor (se o vedes).
Ánimo e avante.

22.9.08

O soño da febre. Cuestionario

Para o club de lectores de O soño da febre (de Miguel Anxo Murado).

Déixovos como guía para a lectura desta obra o seguinte

CUESTIONARIO

  1. Caracterización xeral da obra.
  2. Relaciona e comenta brevemente as épocas nas que están ambientados os relatos.
  3. Os espazos dos relatos.
  4. Describe a técnica que o autor adopta para a construción dos relatos [cfr. p. 33].
  5. Segundo o autor, ¿cal é a relación entre arte e enfermidade?
  6. ¿Como casa o autor aspectos contrarios como o real e o fantástico?
  7. Sinala a crítica que estes relatos de Murado son de resultado desigual. ¿Compartes esta opinión? (Xustifica a resposta.)
  8. O onirismo na obra.
  9. ¿Existe como un "marco" xeral no que se engloban todos os relatos?
  10. Analiza a presenza dos animais esparexidos pola obra. ¿Engádenlle algún valor ós relatos?
  11. Nesta obra, ¿pódese identificar autor e narrador? (Xustifica a resposta.)
  12. Hai relatos que tratan aspectos coma o da convivencia de culturas. Comenta este tema.
  13. Outros relatos tratan o tema do colonialismo. ¿Como se enfoca?
  14. Comenta e xustifica, se é posible, a expresión "a febre é un lugar" (p. 10).
  15. Nalgúns relatos os obxectos son tratados coma se tivesen vida. Analiza este aspecto. [Podes empezar por "Jan van Riis, xoieiro", "O remorso", "A moeda de prata"...]
  16. ¿Que escritor do país aparece citado nesta obra? ¿Cales poden ser as razóns? [Pistas nas pp. 33 e 63]
  17. Varios relatos teñen nenos como protagonistas. Analiza este aspecto.
  18. "O remorso" é o título dun relato. Mais este sentimento está presente e actúa noutros relatos. Comenta este aspecto. [Se non sabes por empezar, bota unha ollada a "Jan van Riis, xoeiro", "A moeda de prata" e "O remorso", por suposto.]
NOTA
Como traballo voluntario proporemos, dentro duns días, unha miniquest sobre "Os outros".

Imaxe da páxina do Dr. Jorge Cárdenas.

16.9.08

Miguel Anxo Murado. O soño da febre

O soño da febre é un conxunto relatos que teñen en orixe unha causa, un tempo e un escenario moi concretos: unha noite de febre, ano 2002, Cidade dos Mortos (O Cairo). Dos tres elementos, o principal é a febre, que se converte aquí no recurso básico para crear literatura fantástica
"sen que sexa fantástica. Pode seguir sendo realista, pero é fantástica
ao mesmo tempo. A febre é unha especie de estado literario, porque é
unha distorsión da realidade. Hai unha certa comuñón entre a idea da
febre e a idea da literatura. As dúas cousas deforman a percepción da
realidade".
A data e o lugar, aínda que sexan elementos que dean realismo ó que se nos conta, son nesta obra secundarios. O espazo literario vén sendo "a cidade da miña propia memoria, porque a febre conxurou alí en min pantasmas esquecidas había moitos anos" (p. 10).

Emprega Murado nestes relatos a técnica do "fío que cose" (p. 33). O fío é aquí o delirio febril que esvaece as fronteiras entre o real e o figurado, entre o momento actual e os tempos idos. E será o seu tío Avelino, morto na guerra civil, quen lle explique esta técnica a través do delirio. O delirio é o fío visible que ganduxa esta ducia de relatos, coma o asubío do tren en Anna Karenina, segundo dicía Cunqueiro.

Este relato da febre, onde o autor nos describe a técnica que emprega, está narrado en primeira persoa, ó xeito dun retallo biográfico. Divídese en 12 capítulos curtos, e neles o lector atópase:

a) Co dato técnico xa descrito do fío que cose. Tamén coa descrición da atmosfera enfebrecida que domina a obra.
b) Con retallos biográficos da voz narradora. Nunha sorte de totum revolutum provocado pola febre sabemos do asasinato do tío Avelino; de como pasou o sarampelo de cativo; do tío Pedro e da gripe do 18; das enfermidades contadas polo avó médico, xa morto, pero que visita ó narrador no seu delirio...
c) Cun tratado sobre a importancia da febre e a súa influencia na historia. O avó médico considera a febre unha grande viaxeira: foi con Colón a América, viaxe coas gripes dende Finlandia ou dende a China... Chega a comparar a febre co "espírito hegeliano do mundo" (p. 90). As diversas manifestacións da febre chegaron a marcar o rumbo da historia: Axudou a Roma contra Cartago, a Wellington contra Napoleón, a Stalin contra Trotski, ós serbios contra Austria... (cfr. pp. 34 e 74).
d) Cunha relación de exemplos sobre a influencia da febre na arte e na literatura. Así aparecen citados escritores e artistas que puideron crear baixo os efectos da febre: Stevenson (Jeckyll -Hyde), Marco Aurelio, Coleridge, Piranesi, Fuseli...; ou creadores, modelos e personaxes de ficción que padeceron unha saúde maltreita gobernada pola febre (cfr. pp. 145-6).

Cosidos neste fío van once relatos fantásticos:

1. "Jan van Riis, xoieiro", holandés, viúvo, vendedor ambulante de xoias. Viaxa acompañado da súa filla, mulata moi fermosa. Van deixando tras de si unha restra de mortes.
2. "Os seres luminosos" conta como unha rapaciña, única supervivente dunha familia de colonos en Guinea, é coidada polos familiares mortos polo cólera mentres non chega o barco de rescate.
3. "Os outros", relato ambientado na guerra civil. O Negro, que se avinagrara cando a guerra, acabou por se meter un tiro. Uns lobicáns que criara executarán a súa vinganza.
4. "Soldado, soldado" está ambientado no conflito pelestino-israelí. Unha muller preñada é axudada polos fantasmas da súa familia e dalgúns soldados xudeus para que poida dar a luz no outro lado da fronteira.
5. "O soño da neve". Unha familia illada pola neve na montaña precisa dun médico. O encargado de ilo buscar sofre o soño da neve e cre que logra cumprir a misión.
6. "A moeda de prata" recolle o mito de Caronte, pero en Londres e con protagonistas emigrados: unha familia de xudeus ortodoxos e un galego que morre na miseria.
7. "O remorso" conta a historia, chea de misterios, dun galego emigrado no Brasil. O irmán cóntalle ós fillos unha parte desa historia que lle deixa como recordo unha aventura cunha cobra maligna e un reloxo de ouro.
8. "A Pietá Rondanini" describe a actitude dun escultor ante unha obra inacabada e compáraa o autor coa actitude de Michelangelo ante a obra que dá título ó conto.
9. "O pan dos xustos" recolle as cartas que un sacerdote queimado pola inquisición dirixe ó arcebispo de Compostela emprazándoo perante o tribunal de Deus por lle negar a carne dunha balea ós seus servos.
10. "O diaño do outono" vén á feira da cidade coa súa barraca de proxección para facer soñar as xentes co cinematógrafo.
11. "A folla e o paxaro" narra un duelo entre dous homes namorados da mesma muller. O perdedor séntese amado con dozura e non se decata da morte ata que a muller llo confirma.

Estes once contos están ambientados en épocas e lugares diferentes, perfectamente identificables. O recurso ó onírico rompe as fronteiras espazo-temporais, pero respecta as marcas da realidade. O soño permite cumprir no mundo dos mortos os desexos que non se deron cumprido no mundo dos vivos. A fronteira entre os dous mundos é moi permeable nestes contos.


Falan da obra en:

Casa das letras: recolle a presentación editorial e a ligazón á recensión de Manuel Rodríguez Alonso en Cartafol de libros (Vieiros).
Páxina de Galaxia: presentación editorial e titulares de prensa. Tamén en readgalicia.com.
Sobre autor e obra publica un artigo xornal.com. O mesmo tipo de traballo atopámolo na folla de novidades da editora.
La Voz de Galicia e La Región dan a noticia da concesión do premio Antón Losada Diéguez a Miguel Anxo Murado por O soño da febre.
De obras premiadas en 2007 fala a páxina da AELG; noticia recollida tamén no Atlántico diario, no Faro de Vigo e n' A Nosa Terra. Neste xornal damos cun artigo sobre o Murado onírico.
El País, El Progreso recollen a noticia dos Premios da Crítica.
Lingua de amor recolle a presentación da "novela". Acto semellante en Galicia Hoxe, e mais unha entrevista.
Vieiros publica unha entrevista con Miguel Anxo Murado, co motivo da presentación do seu "novo conxunto de relatos". Co autor tamén fala Praza das Letras.
Na páxina do Instituto Cervantes atopamos un artigo sobre o autor. Breve é a biografía da Wikipedia.

Miguel Anxo Murado, O soño da febre, Vigo, Galaxia, 2007.
Imaxe da páxina de Galaxia.