28.2.11

Ray Bradbury. Fahrenheit 451

1. Montag vive nunha cidade e traballa nunha compañía de bombeiros incendiarios que perseguen cidadáns disidentes que cometen o delito de posuíren e leren libros. Os encontros cunha veciña nova chea de alegría, a crise matrimonial, a vida mísera que leva, o feito de non gustarse nin a si mesmo abren unha fenda no pensamento politicamente correcto de Montag. Decide ir agachando e lendo libros en privado, feito que escandaliza a muller e as súas amigas. Tamén establece contacto co vello Faber, profesor que levaba moitos anos destituído.
O capitán Beatty, xefe de Montag, sabe da crise do subordinado e tenta reconducilo. Non ten éxito e, previa denuncia da muller do bombeiro, decide facerlle queimar a casa e arrestalo inmediatamente despois.
Montag reacciona, queima o xefe e o sabuxo e fúgase para o bosque. Ten éxito na fuga. Acólleo unha comunidade de disidentes e coñece a Granger, líder do grupo. Estala unha guerra que destrúe a cidade. Os disidentes fan plans de futuro para cando retornen á vida urbana.
2.  A novela é unha distopía. O lector de hoxe non debe esquecer que foi escrita a principios da década de 1950, que marca tamén o inicio da consideración da literatura de ciencia ficción. Ray Bradbury será un autor destacado do xénero caracterizado pola súa visión pesimista da sociedade. Para a crítica, esta novela representa unha denuncia do macartismo, pero lembra tamén as fogueiras dos autos de fe e a queima de libros da Alemaña nazi de 1933; e os lectores destas terras podemos incluír tamén as nosas propias fogueiras de libros durante a guerra civil.
A guerra da novela tamén agacha unha crítica ó uso da bomba atómica.
3. A novela conta con varias versións cinematográficas. Entre nós, contamos cunha montaxe teatral de Limiar Teatro inspirada na novela:

“Lectores castrados nunha sociedade na que os libros son preservados na clandestinidade alén do mar, na terra dos homes libro. Neste lugar cada persoa esqueceu o seu nome e tomou o do libro que preserva e protexe na súa memoria. Xan agora é Longa Noite De Pedra de Celso Emilio e transmíteo de xeración en xeración agardando o día en que remate a represión e os libros poidan volver a imprimirse”.

 

4. Sitiografía
5. Véxase tamén:


Ray Bradbury, Fahrenheit 451, Vigo, Xerais, 2005. Tradución de María Magdalena Fernández Pérez.
Etiquetas: , , ,

26.2.11

Verbos galegos-6

Deixo a ligazón a este test de verbos regulares. Para acceder a el, prémase no título do post ou na ligazón Verbos galegos-6.
Pode facerse o test individualmente ou, se se prefire, en equipo.

Se se atopa algunha gralla, prégase avisar. Agradécese por anticipado.
Aburiño.
Etiquetas: , ,

20.2.11

Noticias de literatura-96

Mariano Casas presenta A historia xamais contada:
"Será unha boa ocasión tamén para que os escépticos vexades como se pode ler un cómic nun ipad, porque irei facervos unha demostración para que vexades que é un soporte interesante, e no dos meus cómics, que lle senta como un guante ao tipo de cousas que fago,... aínda que eu sempre, (creo) serei máis de papel", di o autor no seu blog (Galicia Hoxe, 11-2-2011).
Yashmina Shawki fala en La Voz de Galicia (12-2-2011) sobre Fundación Libélula:
Unha novela curta que aborda a cooperación entre mulleres, persoas que non terían porque atoparse senón fose por unha avogada. María Xosé Muradás despois de gañar moitos cartos sen demasiados escrúpulos decide que ten que devolver algo a sociedade a través daquelas persoas que teñen máis dificultades. Máis que unha novela de personaxes e profundización nos carácteres, a min interesábame as coincidencias e o destino que fai que as veces as persoas se atopen unhas as outras.
Álvarez Cáccamo presenta Cántico dos topónimos esdrúxulos:
xoga coa musicalidade dos topónimos, combinándoos de diferentes maneiras. Subliña o efecto con cores, coa forma dos poemas caligráficos... E, aínda que non concibiu o libro pensando niso, defende os topónimos na súa forma orixinaria, real, primixenia, contra os ataques dos que queren traducilos (Galicia Hoxe, 16-2-2011).
Xavier Castro gaña o Premio Nacional de Gastronomía Álavaro Cunqueiro con A mesa e manteis. Historia da alimentación en Galicia:
Existe, segundo este traballo, un substrato común entre a cociña popular e a distinguida: o emprego dos recursos do país, a impronta da mentalidade relixiosa católica, o emprego duns mesmos instrumentos culinarios (lareiras e cociñas de ferro) e a adhesión a unhas premisas gastronómicas semellantes. Tamén coinciden en e as verduras, o rexeitamento da mestura do doce co salgado, os tabús, a adhesión ós viños da terra, etc. Certamente, o contraste é maior se comparamos os xantares dos ricos cos dos labregos de bon pasar, xa que a maioría dos labradores tiña que se abster, de xeito case indefectible, das mellores carnes en fresco, dos peixes e mariscos caros, etc. A culinaria fidalga e burguesa empregaba ademais xéneros de importación e aplicabar receitas foráneas que os paisanos descoñecían. Quizais a maior diferencia resida no recurso preferente a cocción por parte dos sectores populares, por resultar máis barata e non requirir tanta atención (Xornal de Galicia, 16-2-2011).
Urco e Sacaúntos, novos proxectos:
O Corvo de Edgar Allan Poe, A lenda de Sleepy Hollow e outros relatos de Washington Irving, O retrato de Dorian Gray de Oscar Wilde, Solomon Kane de Robert E. Howard, Conan: A filla do xigante de xeo de Robert E. Howard ou A praga escarlata de Jack London son algúns dos títulos que, traducidos á nosa lingua, forman parte do catálogo de Urco, a única editora galega especializada en ciencia-ficción, literatura gótica e fantástica (Galicia Hoxe, 17-2-2011).
Pinto e Chinto van coa segunda edición dos Contos para nenos que dormen deseguida:
O primeiro neno que tes é o neno que ti mesmo fuches e pídeslle que che bote unha man. O neno ten unha lóxica diferente á nosa. O seu mundo está moi pegado á imaxinación e vive moito "na súa mente". Trátase de entrar nesa mente e xogar con ela. A literatura é a busca de beleza e pretende reafirmarnos no que somos. A literatura para nenos é facer o mundo máis bonito a través das historias. Tamén formas as persoas no gusto pola arte e polas cousas ben feitas (Galicia Hoxe, 19-2-2011).
Federica Montseny, Impresións dunha viaxe por Galicia en 1935 (Trifolium):
A xira tivo lugar entre os días 3 e 16 de decembro de 1935, e transcorreu polas localidades de Betanzos, Ferrol, Cariño, Santiago, A Coruña, lugo, Carballo e Ourense. Federica Montseny, tal como indica o historiador Eliseo Fernández no limiar do libro, non só fixo un frutífero traballo propagandístico entre os homes e mulleres do mar, do campo e da cidade, senón que ademais, levantou acta da existencia daquela Galicia libertaria que pasou diante dos seus ollos por algúns días. E difundiu o que vira neste vívido relato da súa andaina por Galicia, publicado orixinalmente por entregas en La Revista Blanca, nos primeiros meses de 1936 (Galicia Hoxe, 20-2-2011).
Teaza de brétema, publicado en 1994, sería o seu primeiro título individual. Seguiríalle o western Por unha presa de machacantes e a continuación Carne de can, un feixe de oito relatos, e o libro de poemas Dende unha nada núa. No 99 sae a rúa Antollos de Eimarmena, de narrativa curta, e logo de catro anos sen publicar, aparecerán, consecutivamente, as novelas: Súa de si, Rosa lenta e Un escuro rumor tralo silencio. No ano 2007 ve a luz un libro de poemas da súa autoría titulado Esteiro de noites falecidas (Xornal de Galicia, 20-2-2011).
Etiquetas: , , , , , , ,

13.2.11

Xurxo Sierra Veloso. Os fíos. Cuestionario

Para o club de lectura de Xurxo Sierra Veloso, Os fíos (Vigo, Galaxia, 2010), deixo este CUESTIONARIO que pode servir como guía de lectura. Velaí vai:
  1. Rematada a lectura da obra, tenta explicar o sentido do título.
  2. Comenta brevemente a estrutura desta novela.
  3. Cada parte ten seu narrador. Mais na terceira cambia o punto de vista para unha terceira persoa omnisciente. Comenta o que gaña ou perde a novela con este recurso.
  4. Eis a frase que fecha o relato: “Seica non sabe que todas as vidas on absurdas?”. ¿Pódese relacionar co título da obra?
  5. Os tres personaxes principais teñen asuntos sobre a conciencia, pero o remorso non lles afecta por igual. Analiza este sentimento.
  6. Esta novela non ten sentido se o lector non admite o absurdo como recurso literario. Comenta este aspecto.
  7. Describe as relacións humanas dende a óptica da novela.
  8. Lidia repasa as súas relacións cos homes. Nun momento dado, fala do Home (“Tamén pode ocorrer que o sucedido sexa un sinal de que entre o Home e mais eu é admisible un maior achegamento”, pp. 84-85). Propón unha explicación a esta afirmación da narradora.
  9. Da lectura da segunda e terceira parte, ¿podería elaborarse unha teoría do crime perfecto?
  10. O mundo da pintura susténtase sobre dous piares: o artístico e o comercial. Traza as súas características segundo os datos que vai dando Lidia.
  11. Os personaxes que representan a autoridade (gardas civís, funcionarios de prisións...) teñen nesta obra un tratamento atípico. Comenta este aspecto.
  12. Os protagonistas coinciden no tempo (e mesmo no espazo). Pero o tempo semella que transcorre cun ritmo diferente en cada unha das partes da novela. Comenta este aspecto.
  13. Enumera os temas que preocupan ou teñen especial interese para a sociedade de hoxe. Comenta o enfoque que se lles dá na novela.
  14. A obra comeza cun aviso introdutorio no que se lle suxire ó lector que pode decidir a orde da lectura. ¿Está xustificada esta suxestión?
Etiquetas: , , ,

10.2.11

Xurxo Sierra Veloso. Os fíos.

 Ábrese a obra cun “aviso” no que se lle fai entrega do relato ó lector para que o lea na orde que queira.
1. Na primeira parte coñecemos a Antón Queguas, mestre (non frustrado) de profesión, que chega a unha casa de turismo rural onde quedara citado coo súa noiva Lidia.
As cousas comézanlle a torcer cando recibe carta dun avogado sobre asuntos relacionados coa súa futura paternidade. Coméntalle á súa moza a denuncia por embarazo  e aínda que sostén que non tivera nada coa camareira,as probas de paternidade certifícano como pai. As evidencias están na súa contra e procura probas que demostren a súa inocencia. Non as dá atopado. Perde a moza e os amigos e as parellas retíranlle a palabra. Antón Queguas acaba por volver á casa de turismo rural para falar coa camareira Ubaldina e coñecer o fillo. Acaba vivindo con ela. O protagonista móvese como levado polo destino. Vive unha resignada felicidade.
2. Na segunda parte escoitamos a voz de Lidia, pintora e marchante de arte. No seu relato mestúranse aspectos da vida privada, os esforzos para asegurar o éxito laboral e as reflexións sobre a experiencia vivida con Queguas, marcadas por un certo resentimento. Nunha das viaxes de traballo, detense onda unha leira de millo e decide probar unha escopeta que un tío vello lle deixara en herdo. O espantallo ó que lle disparara resultou ser un home. Seguiu coa súa vida sen grandes remorsos de conciencia. Fai a venda de cadros que ela mesma consideraba invendibles. O crime cárganllo a un veciño.
3. Na terceira parte, unha voz omnisciente nárranos a vida de Luciano Bendaña dende que sae do cárcere polo asasinato que fixera a pintora. Luciano, que fora xoieiro, tenta refacer a súa vida coa axuda da familia e dos amigos. Ata decide visitar a súa antiga casa da aldea. Reencóntrase cos veciños e coa familia “inimiga”. Os fillos do asasinado agradécenlle que os librase do besta do pai. Ninguén parece acreditar na súa inocencia, malia recoñecer que o xuízo fora unha chambonada.
A vida non se lle dá endereitado. Un amigo cre que a muller lle pon os cornos co párroco e pídelle a Luciano que o mate: pagaralle o traballo e asumirá as culpas. Luciano segue o plan que lle preparara o amigo para desfacerse do párroco, pro decóbreno e detéñono. Remata o relato laiándose do absurdo da súa vida.
4. O primeiro que sorprende ó lector nesta novela é xustamente este laio de Luciano Bendaña: o absurdo da vida. Ningún dos tres protagonistas a controla. Sos os feitos que lles ocorren os que deciden por eles e os personaxes amósanlles unha vontade moi esmorecida. O absurdo acaba por facerse dono destas tres vidas que se van desenvolvendo ante os ollos do lector. No caso do terceiro protagonista aínda se fai máis patente ó non ser el o narrador. O autor cambia nesta parte o narrador-protagonista das dúas primeiras por un narrador omnisciente alleo ó personaxe.
Tamén é diferente o ritmo narrativo das dúas primeiras partes fronte ó da terceira. Naquelas, os feitos narrados van acontecendo sucesivamente; nesta, semellan desencadearse en poucas horas.
Consideramos importante o trato que o autor ofrece ós lectores no “aviso” inicial. A lectura, convertida nun xogo de complicidades, resulta máis gorentosa.
5. Sitiografía
Noticia da concesión Premio Repsol de Narrativa Breve en:


Artigos e entrevistas:


Xurxo Sierra Veloso, Os fíos. Vigo, Galaxia, 2010.
Etiquetas: ,

8.2.11

Noticias de literatura-95

Ana Romaní fala de Estremas:
Estremas xurdiu, confesa a autora noiesa (1962) dun poema, o inicial, que funcionou como espiral da que se desprenderon os textos sucesivos. Ela -recoñece- non quería escribir un libro pero a man foina arrastrando até conformar un conxunto de textos "escritos desde a furia, desde a rabia, desde a paixón" pero, sobre todo, desde a súa indagación persoal: "o que fala é o animal ferido, un corpo social despezado e abandonado á súa sorte" (Galicia Hoxe, 1-2-2011).
Noticia da publicación de Estremas en La Voz de Galicia (4-2-2011):
Segundo o crítico literario Ramón Nicolás, este novo libro de Ana Romaní «érguese como un desafío, como un reto interpretativo para quen o le».
Contos por palabras, de Agustín Fernández Paz, cumpre 10 anos:
Es­ta colectánea de relatos foi merecente do prestixioso Premio Lazarillo en 1990, na primeira convocatoria á que podían concorrer tex­tos en todas as linguas ofi­ciais do Estado español e, entre outros recoñecemen­tos, foi incluída na Lista de Honra do IBBY do bienio 1990-1992 e na selección dos Dez títulos imprescin­dibles da Literatura Infantil e Xuvenil española do sécu­lo XX elaborada en 2010 (Galicia Hoxe, 1-2-2011).
Galaxia é a responsable desta edición, traducida directamente do xaponés por Mona Imai e Gsabrile Álvarez. Murakami estivo en Galicia no ano 2009 para recoller o premio San Clemente que lle entregaron os estudantes galegos ao mellor escritor internacional dese ano (Galicia Hoxe, 1-2-2011).
1Q84 desenvolve as historias paralelas de Aomame, unha adestradora de ximnasio que vive unha dobre vida relacionada co asasinato, e Tengo, un profesor de matemáticas a quen un editor encarga a reescritura da novela dunha atractiva adolescente para gañar un concurso de novos talentos. A novela de Murakami, como a de Orwell, desenvólvese no ano 1984 e entre outras temáticas aparecen ao longo da trama o poder e forza das seitas no Xapón ou a cuestión dos malos tratos (Xornal de Galicia, 1-2-2011).
Artigo de Manuel del Río sobre esta novela de Murakami: “Recorriendo distopías” (ABC, 1-2-2011).
Volve Haruki Murakami”, Xornal de Galicia (5-2-2011).
Claudio Rodríguez Fer presenta Unha tempada no Paraíso:
Centrándose no amor, no erotismo, na viaxe e no lugar, Unha tempada no Paraíso supón unha luminosa reivindicación libertaria da utopía tras a triloxía da memoria escrita polo autor, composta por Lugo blues, sobre a historia da súa cidade natal; A loita continúa, da historia de Galicia, e Ámote vermella, sobre a represión das mulleres progresistas (Xornal de Galicia, 1-2-2011).
Neira Cruz, en coreano:
Jan estivo alí é un libro de gran formato, unha historia que parte da premisa de que dentro das grandes obras de arte habita un enigma. No fondo do cadro do matrimonio Arnolfini hai unha sorpresa, de que parte a historia (Galicia Hoxe, 2-2-2011).
Manuel María. Miguel Mato analiza a obra poética de Manuel María en Señardade da luz:
"Manuel María non é unha figura só literaria. A súa desaparición foi tamén a dun xeito de ver o mundo, unha Galicia, unha valoración ética e estética de Galicia". Así o di o poeta e profesor de Lingua e Literatura Galegas Miguel A. Mato Fondo” (Galicia Hoxe, 4-2-2011).
Yashmina Shawki publica Fundación Libélula:
unha chamada á concienciación social para acabar coa escravitude sexual, o maltratamento familiar e a precariedade laboral que afecta, sobre todo, ás mulleres (Galicia Hoxe, 5-2-2011).
“Ollada á precariedade feminina”, artigo sobre Fundación Libélula (Xornal de Galicia, 5-2-2011).
Rafael Lema fala no Galicia Hoxe (7-2-2011) de lingua, literatura e outras cuestións máis ou menos afíns:
Como poeta foi premiado co Espiral Maior, o Concello de Carral e por dúas veces co accésit do Esquío. A súa novela U-49 foi finalista do Martín Sarmiento en 2008 tras Agustín Fernández Paz, e é finalista en 2010 do mesmo premio por O tesouro da corsaria. Tamén obtivo distintos premios de investigación por traballos relacionados co patrimonio submarino. Actualmente está traballando no censo de barcos afundidos en Galicia.Ten publicado obras como Mareas Negras (2003), Capitán Araña (2004), O club do corvo mariño (2005), El Camino Secreto de Santiago (2008) ou Crónicas corsarias (2009).
Antón Figueroa publica Ideoloxía e autonomía no campo literario galego (Laiovento, 2010):
“A historia da literatura galega, como a de moitas outras literaturas, como a da literatura en xeral, é a historia dunha ambición permanente: a conquista da liberdade” (Galicia Hoxe, 8-2-2011).
 
Etiquetas: , , , , , , ,

5.2.11

Muñoz / Tirso / Montes. A mansión dos murmurios. Sara. (Libro 1)

1. O álbum sitúa a acción en Checoslovaquia no ano 1949. Ana, rapariga de 10 anos, está recluída no Fundación Broemel, afectada por un estraño virus supostamente esparexido polos nazis. O virus converte os infectados en seres monstruosos sedentos de sangue, unha especie de soldados licántropos. Os médicos da fundación tentan curar a pequena Sara, que chegara á mansión despois de que uns monstros acabaran coa súa familia.
Descobre que na mansión hai outros nenos coma ela. Saben que cando medren acabarán encerrados nos sotos.
Dos muros da mansión saen voces que van guiando a nena nese labirinto de terror no que se atopa. (Conforman este plano narrativo as viñetas de coloración máis tenebrosa).
Remata esta primeira entrega sen sabermos se Sara se vai librar dos efectos do virus. Se é que se trata dun virus...
2. O crítico Y. Tilleuil sinala que, unha vez presentado o escenario, as múltiples fontes de inspiración da trama péchanse e o lector vese metido nunha canella cativadora e eficaz. Salienta a orixinalidade deste relato estraño e fantástico na mestura do mito do vampiro (que nos remonta á Idade Media), o espazo glacial da Europa do Leste, a mansión perdida no medio dun bosque e os heroes infantís que se moven nese escenario sen sentirse abafados polo medo.

3. Sitiografía
  • Zonafandom fai unha recensión da obra e salienta o dominio dos autores á hora de dosificar as escenas de acción.
  • Galimatías: noticia desta e doutras obras.
  • Trafegando ronseis dános unha breve nota da trama e sinala a expectación que causa esta primeira entrega.
  • Noticia da presentación en laopinioncoruna.es.
  • O castelo de Aldara fai unha lectura “molona”, adubada cunhas pingas de medo.
  • Toupa.net salienta o grafismo tenebroso e dinámico.
  • Fervenzas literarias, na súa biblioteca máxica, recolle a historia intrigante deste primeiro volume e a emoción e sorpresa da continuación da historia.
  • Noticia d’ A mansión dos murmurios en El Mundo.
  • Les humanoïdes associés fai unha gabanciosa crítica d’ A mansión dos murmurios, historia na que se manexan maravillosamente os resortes da emoción e do espantoso.
  • Recensións varias en CoinBD.com. Salientan o excelente traballo dos autores. Por exemplo, do guión di que “está ben artellado, a acción  levada con sutileza e o desenvolvemento do relato é fluído e eficaz”. E se o guión é de primeira categoría tamén llo debe ó “formidable trazo de Tirso” que recrea perfectamente “o ambiente, a época e o estilo da obra”.
  • Mickaël Géreaume comenta A mansión dos murmurios en planetebd.com.
  • Critic blog: resumo e opinión.
  

    Muñoz / Tirso / Montes, A mansión dos murmurios. El Patito Editorial, 2010. Tomo 1. 
    Etiquetas: , , , ,