30.4.11

Noticias de literatura-103

Rubén Ruibal acode á Miteu con Nunca durmo:
Nunca Durmo foi escrito a partir da idea inicial sobre "arte e nada" de Eva Gontad e Begoña Ferreira e improvisacións dos membros do reparto de Ápeiron Teatro da Universidade de Santiago de Compostela. "Si hai en Duluth unha rebelión contra o poder, que é un tema que aparece si, moito nos meus textos. Pero é unha rebelión feble, coa que non chega ata o final. Vendémonos por pouco. Sempre me chamou a atención como nos vendemos ó achegarnos ó poder...", indicou (Galicia Hoxe, 22-04-2011).
No artigo de M. Dopico faise tamén un breve percorrido pola obra teatral de Rubén Ruibal.
Noticia sobre a Feira Internacional de Teatro da Coruña no Galicia Hoxe (24-04-2011).
Entrevista con Rubén Ruibal en El Mundo (27-04-2011): “O medo é un poderoso instrumento de control”.
Espiral Maior estrea unha colección de poesía para nenos. Entrevista coa ilustradora Isabel Pintado (Galicia Hoxe, 24-04-2011).
Olga Novo fala para Galicia Hoxe (25-04-2011):
O camiño libertario. Aquel que non dá o seu voto nin a súa voz a ningún poder para que logo a utiliza para asoballar xentes humildes, facer guerras e insultar os traballadores con políticas que constitúen unha explotación da intelixencia humana e unha prostitución da pureza das persoas. Para min, a liberdade é o único camiño sempre, a única solución, mesmo se o soño semella imposible... incluso así.
Lingua e literatura a debate: “Persoeiros como Castelao e Rosalía, temas como as redes sociais, e proxectos como a Casa Museo de Manuel María enchen o programa” (Galicia Hoxe, 25-04-2011).
A. Abal Lemos publica Muchita Bon (Barbantesa):
Retrato dunha muller soa, vítima dos lobos que agardan en cada recanto para recordarlle que está indefensa (A Nosa Terra, 25-04-2011).
Manuel Lanero presenta Historia dun ermo asociativo. Labregos, sindicatos verticais e políticas agrarias en Galicia baixo o franquismo:
"Como outros fascismos, o franquismo tivo unha vontade refundadora da realidade. Fixo tábula rasa, quixo desbotar todo o anterior, e no ámbito das políticas agrarias especialmente. Pero como non foi quen de substituílas máis que por políticas, ó meu ver erráticas, tivo que retomar o que se fixera no pasado, e fíxoo con menos eficiencia", apuntou Lanero, como unha das primeiras conclusións da súa obra (Galicia Hoxe, 27-04-2011).
Iván Suárez  e Ignacio Vilariño gañan con Titoán o premio Castelao de banda deseñada:
Titoán é “unha achega adulta a un personaxe histórico como Castelao, a través dunha narrativa medida e axustada, sen parafernalia efectista”, e cunha solución gráfica “atractiva, coherente e eficaz, que funciona á perfección ao servizo que está a contar” (Xornal de Galicia, 27-04-2011).
Noticia do evento en

Domingo Villar: A praia dos afogados, en inglés.
Barriga Verde ten barraca nas festas de Lugo:
"Barriga Verde era considerada una diversión inofensiva, por eso en los años más duros de la represión sigue representando en gallego", sigue Campoy. Tras el paréntesis obligado por la Guerra Civil, en 1939 la barraca de José Silvent -en la que también viajaban y trabajaban su esposa, Emerenciana y sus ochos hijos- reaparece en el San Froilán de Lugo, uno de sus bastiones tradicionales, donde era conocido como Traga Estopa (El País, 28-04-2011).
Xaime Domínguez Toxo publica As palabras que move o mar:
As palabras que move o mar son catro relatos longos que teñen como fío condutor a memoria e a construción da identidade alicerzada neses recordos que permanecen imborrables na vida dos seres humanos ao longo de toda a súa vida (Xornal de Galicia, 30-04-2011).
Anxo Rei Ballesteros: Galaxia reedita a novela A sombra dos teus soños:
Publicado por primeiro vez en 1998, A sombra dos teus soños marcou un xiro na obra de Anxo A. Rei Ballesteros. Escritos despois da súa novela Loaira, estes relatos sitúanse en “tempos de triunfante nihilismo”, cando o único valor indiscutible seica é o diñeiro. Tempos de soños idos nos que soamente cómpre escribir sobre a súa sombra (Xornal de Galicia, 30-04-2011).
Etiquetas: , , ,

21.4.11

Noticias de literatura-102

Antía Otero fala de lingua e poesía con Manuel Vidal Villaverde no Galicia Hoxe (11-04-2011):
Antía Otero ( A Estrada, 1982) é escritora e actriz. Licenciada en Historia da Arte e formada artisticamente na Escola de Teatro Espazo Aberto, conxuga unha formación e produción artística interdisciplinar,  onde conflúen a escrita, a arte e a interpretación.  Na súa experiencia na creación escénica destaca como traballo máis recente Operatorio, performance teatral creada ao lado de Carlos Neira, e no terreo audiovisual: Tabernario (Toño Chouza), 24 ( Seném Outeiro), As Reliquias do Santo. (Toño López),  Dous Fragmentos (Eva) ( Angel Santos), OS ATLÁNTICOS (Beatriz de Monte, Gustavo Balza). Como poeta é autora dos libros  O Son da Xordeira e (Retro)visor, e no 2010 acaba de dirixir AMAZONA, a súa primeira curtametraxe de ficción como directora e guionista. Na actualidade dirixe varios obradoiros de escrita e creación artística baixo o nome de O ollo da arte, e imparte a materia de Novos Comportamentos Artísticos na escola de teatro Espazo Aberto. Vicepresidenta da Asociación de Escritores en Lingua Galega e colaboradora con diferentes centros e plataformas culturais do país, mantén a súa páxina web www.antiaotero.com .
Raúl Dans publica Chegamos despois a unha terra gris (Xerais), obra premiada co Álvaro Cunqueiro de teatro:
O dramaturgo fai un "retrato desapiadado dun núcleo familiar en descomposición, en cuxo centro está Helena, esposa e nai, presa da insatisfacción e a amargura, ante o reto de afrontar unha batalla contra o destino mentres todo o seu universo se derruba" (Galicia Hoxe, 11-04-2011).
Agustín Fernández Paz publica Non hai noite tan longa:
Non hai noite tan longa conta o regreso de Gabriel Lamas, un home de 50 anos asentado en París, á vila galega na que naceu. É a primeira vez en trinta anos que pisa a súa terra. Non volveu nin sequera para darlle sepultura ao pai, condenado e encarcerado a finais dos sesenta por un delito que non cometeu. A Galicia coa que se atopa en 2002, tras a morte da súa nai, é moi distinta da que deixara en 1970. O que non cambiou foi a ferida que o arredou dos seus e o levou a Francia, aínda sen estiñar. A mala conciencia segue intacta. “A novela é un axuste de contas coa miña xeración”, explica. “Coa educación que recibimos” (Xornal de Galicia, 12-04-2011).
Tamén é noticia Agustín Fernández Paz pola selección da editorial Dalkey Archive Press:
Agustín Fernández Paz será o primeiro autor galego incluído na Best European Fiction (Mellor narrativa europea) que publica a editorial estadounidense Dalkey Archive Press. Será a terceira entrega desta selección, realizada polo escritor bosníaco Aleksandar Hemon. Fernández Paz aparecerá co conto Esta estraña lucidez, pertencente ao volume O único que queda é amor, libro que xa lle valera ao autor galego o Premio Nacional e que Jonathan Dunne traduciu ao inglés (Galicia Hoxe, 19-04-2011).
Chelo Suárez fala d’ As horas rotas:
Chelo Suárez muda de tema, pero non de xeito de escribir, na súa última novela, As horas rotas, (Sotelo), co que gañou o Premio Loueiro Rey 2010. O lirismo, a rebelión contra a violencia de xénero ou o ronsel da sensualidade conectan este libro cos anteriores da autora, que está agora a traballar nun poemario que dedicará ao poeta Lois Pereiro. As horas rotas indaga no xeito no que a vida das persoas, en especial as mulleres, quedou tronzada polo terror imposto tras o golpe do 36 (Galicia Hoxe, 12-04-2011).
Domingo Villar: A praia dos afogados en inglés:
Con esta nova novela de Villar, a Literatura galega comeza a arrabuñar espazo nos andeis británicos, onde o ano pasado se publicou -con notable éxito de crítica- Os libros arden mal, de Manuel Rivas, con tradución de Jonathan Dunne.Sen dúbida, Rivas é o grande embaixador galego na lingua inglesa -como recolle a páxina do propio Dunne-, xa que boa parte da súa obra recente pode atoparse nas librerías británicas: no 2001, traduciuse O lapis do carpinteiro (tamén a cargo de Dunne), no 2002 ¿Que me queres amor? -co título Vermeer"s Milkmaid and Other Stories-, e no 2003 En salvaxe compaña. Todas estas traducións correron a cargo de Dunne, responsable tamén da antoloxía que, recentemente, lle dedicou a revista Poetry Review á poesía galega contemporánea (Galicia Hoxe, 13-04-2011).
Noticia da tradución ó inglés de A praia dos afogados no Xornal de Galicia (13-04-2011):
“Certamente, que as miñas novelas gusten tanto no estranxeiro é algo que me sorprende, porque son uns textos moi locais, pensei que non as entenderían”, confésase o escritor de 40 anos. “Isto o que demostra é que a literatura non ten barreira de ningún tipo, supoño que é como cando por aquí, en Galicia, lemos a un autor galés, ou siciliano”, conclúe Domingo Villar.
Pilar Pallarés e a súa poesía neste artigo de Miguel Anxo Fernán Vello:
Para quen isto escribe Pilar Pallarés é unha das máis altas voces, sen dúbida, da poesía contemporánea e a súa obra, a lectura da súa obra, é unha porta cognitiva por excelencia que nos permite acceder ao outro lado, ás esferas ocultas da realidade (Galicia Hoxe, 15-04-2011).
Iria Fernández Crespo presenta Flores da Galvana:
A escritora Iria Fernández Crespo (Barcelona, 1982) presentou onte en Compostela a que é a súa estrea na poesía. O seu primeiro libro titúlase Flores da Galvana (Espiral Maior, 2011). “Estes versos teñen cinco ou dez sentidos que se r­eúnen nun mesmo: a luz do pensamento crítico”, explicou a autora na presentación do seu libro (Xornal de Galicia, 19-04-2011).
Manuel Guede gaña o Dieste de teatro con A función do tequila. A obra pescuda
na peripecia vital da muller que a CIA lle puxo de secretaria a Castelao na súa visita a Nova York en 1938, cando o autor de Sempre en Galiza trataba de lograr apoio económico para a II República. Ela era daquela unha rapaza e chamábase María Docampo. Porén, ao tirar do fío descobre unha figura fascinante: o seu marido, José García Peña Jalisco (Galicia Hoxe, 20-04-2011).
No Xornal de Galicia (20-04-2011): “Manuel Guede faise co Premio Rafael Dieste de textos teatrais”. En La Voz de Galicia (20-04-2011): “Manuel Guede gaña o premio Rafael Dieste de teatro”.
Manuel Lourenzo González, premio Barco de Vapor:
la novela ganadora es «una narración llena de imaginación y fantasía, que destaca por el acertado diseño del mundo en el que transcurre, con el uso de un lenguaje propio que da cuenta de todas sus peculiaridades» (La Voz de Galicia, 20-04-2011).
Noticia do premio no Galicia Hoxe (2104-2011): “Manuel Lourenzo gaña o Barco de Vapor por Mundo ARB”:
O libro é "unha novela de viaxes, sobre a aventura da viaxe, a loita por adaptarse a un medio adverso, a importancia da amizade, e sobre como ter un obxectivo tira para chegar ata o final, malia as dificultades", comentou Lourenzo.
Os protagonistas son tres amigos, moi pequenos, que viven nas pólas dunha árbore, que para eles é un mundo enorme. Emprenden unha viaxe por novas xeografías e paisaxes, na que coñecen outros mundos distintos do seu, "aprenden a valerse por si mesmos, e a respectar e preservar a natureza", salientou o autor.
Etiquetas: , , , , , , , , , ,

16.4.11

...que te voy esmendrellar

Así mesmiño, preciso e contundente, llo estampou nos fociños a alcaldesa de Carballeda  a unha rival política. Cóntanolo o xornal El Mundo (14-04-2011). Aquí non imos discutir se as cousas foron así ou asá. Nin tampouco imos entrar nas cuestións da educación en valores, transversalidade, igualdade, convivencia, urbanidade ou cidadanía. Só nos imos centrar na cuestión da lingua. Se cadra é un bo modelo de bilingüismo cordial, pero preferimos metelo no saco das interferencias.
Vexamos:
a) Aínda que hai bilingües que afirman que as linguas non teñen territorio, estas palabras bonitas pronunciáronse en Carballeda de Valdeorras. Que saibamos non ten "sinónimo" enriquecedor do estilo de Carbajeda de Valledehuerras ou similar. Daquela, dito sexa cos permisos pertinentes, debemos andar por territorio galegofalante.
b) Mais as palabras bonitas foron pronunciadas en castelán, nun lícito e legal exercicio de liberdade.
c) Neste idioma sabemos que a fórmula da perífrase utilizada é: ir+a+infinitivo. Outras linguas, coma a galega ou a francesa, non presentan nesta perífrase a preposición a entre o verbo auxiliar e o auxiliado. É dicir: a nosa doadora constrúe en galego con lastros casteláns.
d) Tocante a esmendrellar é doado atopalo en dicionarios galegos. Resulta plástico e agradable na expresión esmendrellarse de risa. Noutras acepcións non ten chiste ningún. Tamén podemos buscar a palabra nos dicionarios casteláns... coa axuda dun farol.
Feito o comentario, aínda nos quedan un par de preguntiñas no aire. Son ocorrencias que non teñen nada que ver coa lingua:
1. ¿Falar castrapo con estola de pel e outros complementos resulta máis fashion que facelo en "gallego cerrao"?
2. ¿Por que se faría eco deste notición un xornal coma El Mundo?

Imaxe de Actions Lecture.

12.4.11

Noticias de literatura-101

A secretaria xeral de Igualdade, Marta González, presentou onte en Santiago a II Guía de Literatura Infantil e Xuvenil non Discriminatoria. Unha obra que reúne un total de 50 obras galegas pensadas para xente de entre cero e 18 anos e que busca promover «valores de igualdade» a través das súas historias (ABC, 01-04-2011).
Esta segunda Guía de Literatura Infantil e Xuvenil non Discriminatoria, tenta destacar obras en que as nenas cumpren un papel protagonista activo e senlleiro; sinalar narracións en que tanto as cativas como os cativos se ven liberados dos roles de xénero máis esterotípicos; reflectir textos en que o maltrato e a violencia, en calquera das súas formas, son claramente condenadas ou nos que se establece unha reflexión profunda a partir delas; valorizar os saberes tradicionalmente considerados femininos; impulsar os valores de igualdade, paz e tolerancia a través da literatura; e achegar outras culturas para que se coñeza a situación de nenas e mulleres en ámbitos diferentes ao europeo (FalaRSE, 01-04-2011).
Cando Federica Montseny, unha das figuras máis prestixiosas do movemento libertario, pois a súa vida é en parte a historia mesma do anarquismo ibérico, viaxou por Galicia en decembro de 1935, a expectación creada pola súa presenza era enorme, e non exenta de polémica. Federica aliñábase na corrente máis radical da CNT, que impulsara os movementos insurreccionais de 1933, e era moi crítica coa militancia anarcosindicalista máis moderada (do blog de Trifolium, 31-03-2011).
Fran Alonso, O meu gato é un poeta:
O volume bota man da fusión de xéneros literarios a través da reflexión, da poesía visual, dos xogos de palabras, da interacción, dos caligramas, da narración, da música, das novas tecnoloxías para conseguir unha proposta poética fresca e divertida (Xornal de Galicia, 02-04-2011).
A Federación de Libreiros entregou os premios Irmandade do Libro. No xornal La Voz de Galicia (03-04-2011) atopamos, por mor do evento, unha entrevista con Víctor Freixanes (autor do ano por Cabalo de ouros) e un artigo sobre Diego Ameixeiras (libro do ano por Asasinato no Consello Nacional).
Marga do Val e Víctor Freixanes gañan o premio da Crítica con A cidade sen roupa ao sol e Cabalo de ouros. Noticia destes premios en La Voz de Galicia (10-04-2011)
Quico Cadaval e Cándido Pazó debrúzanse sobre a figura e a obra de Álvaro Cunqueiro.
Teresa Moure, la mujer de las palabras”, artigo de Consuelo Bautista en El País (03-04-2011).
Xabier P. Docampo reedita O misterio das badaladas e estrea a película A casa da luz:
O libro, unha “novela de pandillas” que depuraba a fórmula do libro programado, prendeu axiña. Inspirábase nunha colección anglosaxoa, coñecida en España como “Elige tu propia aventura”, pero evitando a frustración do lector. Os xogos que puntuan a trama non son imprescindíbeis para chegar ao final. Non hai “Game over”. Daquela, a Lei de Normalización Lingüística disparara a necesidade de textos en lingua galega para a escola e todo estaba por facer. “Escribían Paco Martín, Xoán Babarro e pouco máis”, recorda. “Aínda faltaba un ano para que Agustín Fernández Paz empezase a publicar. O equipo comercial de Vía Láctea traballou duro e puxo a novela en todas as partes. Era difícil atopar un rapaz que non a coñecese. Hoxe, todos eses lectores teñen trinta e pico anos” (Xornal de Galicia, 04-04-2011).
María do Carmo Kruckenberg entrevistada en La Voz de Galicia (05-04-2011) por da publicación da súa biografía. Noticia da presentación de Vivir, unha aventura irrepetíbel en Faro de Vigo (05-04-2011). Artigo de Alberto Ramos no Xornal de Galicia (06-04-2011).
Francisco Domínguez Romero (Ferrol, 1939 - Santiago de la Ribera, 2005), Poemas de inverno (Follas Novas):
Na última etapa, á que pertencen estes Poemas de inverno, o poeta frecuentou o medio electrónico. Ao final do libro, tamén se inclúe un apuntamento biográfico (Galicia Hoxe, 06-04-2011).
Lupe Gómez publica Diálogos imposibles:
Dialogos imposibles é, en palabras de Lupe Gómez, "poesía e teatro ao mesmo tempo", entre outras razóns porque ela nunca pode abandonar totalmente a poesía, pero tamén "porque me apetecía escribir teatro" e o seu teatro "está influído pola poesía. E viceversa: os dous xéneros vanse mesturando e retroalimentando entre eles" (Galicia Hoxe, 07-04-2011).
Eva Veiga publica A frecha azul do teixo:
As persoas que somos -eu digo afortunadamente- de aldea temos seguramente máis ocasión de experimentar nalgún momento a comuñón coa natureza que é, ao meu parecer, o máis semellante a un éxtase; é dicir, un intre de absoluta plenitude. E esta entrega que acontece con certa facilidade cando somos nenos, diminúe segundo nos imos "adulterando". E é mágoa porque significa un vínculo profundo e indestrutible coa vida. Lembro , especialmente, certas tardes de outono: o aire como se movese unha luz de mel, o rumor seco do millo, unha humidade case imperceptible e anunciadora de tormenta; e aquel arrecendo a cocedura de pan nos fornos... E, en efecto, só na poesía podo reencontrarme con esa experiencia, case irresistible, da beleza (Galicia Hoxe, 08-04-2011).
Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer estudan a situación da muller en Vivas en nós. Mulleres represaliadas polo franquismo na Coruña a raíz de 1936:
"Partimos do esforzo personal das mulleres máis conscientes na Segunda República, que foi freado no 1936 para evitar que as mulleres volvesen á vida social, á vida profesional, para volver metelas na casa segundo unha concepción sexista. Por iso se ensañaron tanto coas mulleres cuxa actividade tivera unha dimensión pública: intelectuais, obreiras sindicalistas e sindicadas... As formas de violencia de xénero eran moitas, sendo a violación e máis brutal, pero non esquezamos por exemplo o rapado de cabezas, pois para eles o cabelo era símbolo de femineidade", explicou Fer (Galicia Hoxe, 08-04-2011).
Valados, de Agustín Fernández Paz, adaptada ó teatro por Rubén Ruibal e subida ó escenario por Artestudio:
Valados conta a historia de Helena e Xoel. Ambos os dous gozan dunha fermosa vila e dunha gran amizade, até que un vento fantasmagórico lles rouba a ledicia e o amor e desata as diferenzas entre as persoas. Dos prexuízos que agroman –medo ao diferente, desconfianza no veciño– xorde un valado que parte a cidade en dous, deixando a Xoel a un lado e a Helena no outro.
Música e danza conforman un espectáculo teatral que pretende invitar á reflexión e a esperanza a un público de todas as idades (Xornal de Galicia, 09-04-2011).
Lois Pereiro: Galaxia reedita Náufragos do paradiso:
Lois Pereiro comezou a escribir Náufragos do paradiso –a súa única novela– a finais da década de 1970, cando acababa de facer vinte anos. Cunha linguaxe que emprega imaxes poéticas, a historia narrada concéntrase na interioridade torturada de Bernal e a súa viaxe á “pálida beleza da morte prematura”. Nun milimetrado puzzle de sentimentos e situacións, o autor mostra a súa extraordinaria e incisiva capacidade de observación como preciso analista da condición humana (Xornal de Galicia, 09-04-2011).
Floreano (de Gogue) dános a noticia simpática: vai aparecer en tres dimensións. Aínda que o vemos habitualmente do embigo para a gorra, cómpre recoñecer que é un personaxe moito máis enteiro e asisado ca moitos dos que toman decisións que nos afectan. Mesmo estando algo chispo. E que saibamos, paga sempre o seu chiquito de viño e nin se lle ocorre pórlle tarifa á auga que a natureza dá gratis. Vai un grolo á súa saúde, señor Floreano.

Etiquetas: , , , , , , , , ,