30.12.08

Paula Carballeira. A era de Lázaro

1. Ábrese a novela cunha cita do Evanxeo de san Xoán que nos conta a resurrección de Lázaro. O ritual descrito no texto evanxélico vai servir de modelo para o arrinque do relato: Noelia Samesuga, utilizando textos do Libro dos Mortos tentará devolver ó mundo dos vivos ó seu Lois, que morrera nun accidente doméstico absurdo do que ela se sentía culpable.
Cando Lázaro é resucitado, Xesús pídelles ós presentes que o liberen da mortalla e que o deixen ir. Os que fomos criados na fe católica non nos preguntamos máis que foi de Lázaro. O interese do milagre non estaba en coñecer a vida do afortunado. Mais nesta novela, Paula Carballeira expón os posibles problemas que se orixinarían se os falecidos fosen devoltos a este mundo cunha especie de sucedáneo de vida.
Non tarda moito o lector en decatarse de que a autora non parece moi convencida das bondades de sacar os mortos da cova e mandalos a camiñar polo mundo. Neste sentido engancha cunha vella liña de pensamento que considera como castigo unha eterna vida terreal. Lembremos algunha prosa de Castelao que nos ensina que o peor castigo que lle podemos pedir a un inimigo é que viva ata sobrevivirse. Así Paula Carballeira, nunha escena chea de plasticidade e humor, faille dicir a un dos personaxes:

"Estou seguro de que se acontecese hoxe o episodio de Lázaro, alguén lle taparía a boca a Xesús para que non pronunciase as palabras que levarían ao outro a erguerse e a camiñar" (p. 22).

2. Cóntanos, pois, a historia de Lois des que morrera dun accidente: pisa unhas espinacas, esvara, cae polas escaleiras e esnócase. No mesmo día do enterro, Noelia sácao da cova valéndose dun escoxuro collido do Libro dos Mortos (literatura islandesa).
Para desgusto da rapaza, os ollos de Lois están sen vida. Por onde pasa o morto ambulante vai deixando un arrecendo a terra fresca e un ambiente xélido. O seu carácter tornouse retorcido. Anda como a procura de formar unha familia de mortos viventes e a súa presenza provoca acusadas alteracións na memoria e comportamento dos vivos e desarranxos nos obxectos.

3. O relato desenvólvese de forma polifónica: contribucións das voces dos protagonistas, informes, anacos de libros, conversas, cibercorreos, cartas, novas do xornal...
Papel salientable no desenvolvemento da trama téñeno a Empresa e mais o seu representante (Alexandre Doval). O lector quedará sen saber se a Empresa e os seus representantes son invento dunha mente atolada. Con todo, os "traballos" da Empresa consisten en procurar que os mortos sigan sendo mortos.
Os dous últimos capítulos resultan inquietantes para o lector, que queda sen ter moi claro en que mundo se moven os personaxes cos que acaba de tropezar.


4. Falan da obra:
  • NetClub publica unha entrevista con Paula Carballeira, na que fala do conto, do público infantil e anuncia a publicación desta novela.
  • Isabel Soto fai unha recensión da obra no portal do Consello da Cultura Galega.
  • No blog Fomento lector, a autora responde ás preguntas que lle fan rapaces de segundo e terceiro.
  • En Galicia Dixital vén o currículum e mais a bibliografía de Paula Carballeira Cabana.
  • En Vieiros atopamos coa noticia da concesión de premio Manuel María de teatro. Tamén no Xornal de Galicia.
  • Na páxina de Baía Edicións hai unha pequena ficha dos traballos en teatro, televisión e radio de Paula Carballeira.
  • A entrada que a autora ten na wikipedia precisa unha boa ampliación (decembro 2008).
  • A Nosa Terra recolle a nova dunha entrevista publicada polo un xornal ecuatoriano El Comercio na que Paula Carballeira fala do conto ecuatoriano en comparanza co conto galego.


Paula Carballeira, A era de Lázaro, Vigo, Galaxia, 2004.
Imaxes: Editorial Galaxia.

29.12.08

Ollos de auga. Léxico-1

Para o club de lectores de Ollos de auga, de Domingo Villar.
Quen queira lidar con algunhas das palabras que aparecen nesta novela pode meterlle o dente a este
Aburiño.
Nota sen gastos: o xerador de tests non nos deixa pór o til onde nos pete. E onde non nos peta, tampouco.

Imaxe de Primsworld.

Ollos de auga, de Domingo Villar.

A novela de Domingo Villar cóntanos a investigación dun crime levada a cabo polo inspector Leo Caldas, moi coñecido polo seu programa radiofónico dedicado a recoller as queixas da cidadanía. As pistas que lle van deixando case que o levan a cargarlle o morto a un inocente. Mais o instinto profesional do inspector e a fortuna coroan o éxito policial. Leo Caldas dá co verdadeiro asasino do saxofonista.
O lector desprázase co inspector pola cidade de Vigo e polos seus arredores; visita locais de ambiente e achégase ó mundo da alta sociedade.

  • Para saber máis sobre a novela:
  • Na páxina da Editorial Galaxia atópase unha ficha da obra e recolle unha recensión de Uxía Casal. No Boletín de novidades dáse unha pequena achega á obra e ó autor.
  • No blog Estudio en escarlata temos visión xeral da novela con recolleita de opinións de lectores.
  • O diario gratuíto 20 minutos publica unha entrevista con Domingo Villar na que se fala da novela e, especialmente, do espazo literario. Este aspecto tamén se comenta criticamente en Vigoblog. Máis entrevistas atopámolas en Gansterera, Vieiros, A Nosa Terra, Atlántico diario ,
  • Os xornais Galicia Hoxe e ABC recollen a nova da concesión do Premio Frei Martín Sarmiento e doutros galardóns xa recollidos por D. Villar.
  • Para unha degustación de Ollos de auga podemos visitar Capítulo 0.
  • O blog Liches este? achégase á novela e tamén recolle opinións de lectores.
  • O Times publica unha pequena recensión. Da versión inglesa da novela tamén atopamos referencias no Galicia Hoxe e en Lingua de amor .
  • Sobre o protagonista e o seu axudante atopamos unha boa descrición nesta páxina que nos leva a Biblioparalaia.
  • Unha achega xeral ós detectives do país vémola na Voz de Galicia. O mesmo medio boa un ollo ó humorismo terapéutico. En El País temos un artigo sobre o investigador en "Detectives de papel", artigo de Daniel Salgado.
  • Para o coñecemento da novela policial, en xeral, podemos ver Romance policial e "A tipologia do romance policial" (de Clelia Simeão Pires).

Domingo Villar, Ollos de auga, Vigo, Galaxia, 2006. (Quinta edición 2008).

Imaxes: Editorial Galaxia (foto autor) e Williams College Museum ("Morning in a City, 1944, de E. Hopper).

28.12.08

Domingo Villar. Ollos de auga. Cuestionario.

Para o club de LECTURA: Domingo Villar, Ollos de auga.

CUESTIONARIO

  1. ¿Cal é o papel da música na novela? (Cfr. pp. 9, 11, 43, 104, 106, 111, 241.)
  2. O personaxe Leo Caldas compaxina actividades. ¿Cales son? ¿É o típico neste tipo de personaxe de novela policial?
  3. O tópico e o orixinal no personaxe do axudante Estévez.
  4. A novela (policial) e o percorrido turístico.
  5. Actitudes ante a presenza da morte. (Cfr. especialmente pp. 31-2.)
  6. Comenta no contexto (p. 35) esta referencia a Albert Camus: "O ser humano nace, morre e non é feliz".
  7. O carácter dos galegos segundo o axente Estévez.
  8. As viúvas brancas (p. 96).
  9. O pai de Leo Caldas reflexiona sobre o vello tópico da vida no campo / cidade. ¿Cales son as súas conclusións? ¿Hai na novela outros personaxes que pensen parecido? (Cfr. pp. 155-162.)
  10. Comenta as caractrerísticas da novela policial presentes nesta obra. A saber: a) O heroe; b) A intriga principal. ¿Atopas intrigas secundarias?; c) Os cadáveres; d) O asasino; e) As pistas; f) A solución do misterio.
  11. Seguramente coñeces personaxes de novela policial de sona universal. ¿A quen se che parece Leo Caldas?
  12. ¿Cualificarías esta novela como literatura de masas?
  13. Carraxe e vinganza son trazos da literatura policial. ¿Atópanse nesta novela? (Cfr. p. 203; contrástese coa resolución do caso.)
  14. Comenta a actitude do protagonista co seu traballo.
  15. Analiza o papel das mulleres en Ollos de auga.
  16. Comenta o xogo transgresión /respecto das regras que se observa nesta novela. (Podes comparalo con outras obras que coñezas.)
  17. No cuarto de Reigosa colgaba unha lámina de Edward Hopper (p. 35), pintor americano centrado no tema da soidade. ¿Podes ver este aspecto na novela?
Imaxes: Editorial Galaxia (capa da novela) e AllPosters.es ("Cuarto de hotel", Edward Hopper).

27.12.08

A censura e o libro galego


Para estudantes de 3º de ESO en diante propomos esta actividade voluntaria. Para máis detalles, premede na imaxe ou nesta ligazón.
Aburiño e boas festas.

24.12.08

Bo Nadal

Bo Nadal e venturosos anos vindeiros, amada lingua. Que o Apalpador e a Befana sexan xenerosos contigo e con cantos te falen con agarimo.


(Foto de Galería Fondebre.)

22.12.08

Noticias de literatura (51)

Manuel Janeiro presenta A fada das lapas. Na presentación da obra, Ramón Nicolas di que o libro "propón unha parábola sobre o amor e as súas
escravitudes, a proxección nos fillos, as relacións de parella: unha
parábola do noso tempo, moi pegada á contemporaneidade, mais construída
a partir da recreación dos mitos clásicos, facendo unha nova e moi
suxerente lectura dos mesmos" (Xornal de Galicia, 14.12.2008).

Ás voltas coa casa de Castelao: Abuín de Tembra opina que xa vai sendo hora de que fose declarada ben de interese cultural.
Lorca, ese gran poeta que non tivo noxo a manifestarse en galego, difúndese na rede. A noticia (que lemos en La Voz e mais no Faro de Vigo) salienta tres páxinas: a da Fundación Federico García Lorca, a da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes e a do Archivo Federico García Lorca.
Preséntase A batalla do paraíso triste, novela de Xosé Ramón Pena. Na entrevista publicada no Galicia Hoxe, o autor salienta as actitudes ante a lingua.
Xesús Constenla recolle na Estrada o premio García Barros 2008 que gañou coa novela titulada Shakespeare destilado. Segundo o autor, trátase dun longo monólogo desmitificador da literatura. Sobre a concesión deste premio xa lembramos as noticias de xullo publicadas no Galicia Hoxe: "Á espera do lusco fusco" e "Xesús Constenla desmitifica a literatura na súa nova obra".
Podemos ler en galego A elegancia do ourizo, de Muriel Barbery. A tradución de María Dolores Torres París edítaa Galaxia. E tamén podemos ler a Sergi Pàmies (Se comes un limón sen facer xestos), traducido por Antón Dobao. Ós autores citados podemos xuntarlles Platón e Freud.
Marcos Calveiro, finalista do Casino de Santiago con Festina lente "unha novela histórica que recrea a cidade de Santiago dos séculos XVI e
XVII. Segundo explicou o xurado, esta novela foi elixida como finalista
pola"boa documentación" que "presenta moi ben a situación do Santiago
desa época", a Galicia urbana, o contacto con Europa a través dos
portos e a oposición ás ideas de modernización por parte de certos
poderes sociais" (Galicia Hoxe, 19-12-2008).
Recuperar as perdas, de Xabier Xil Xardón, premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, que outorga o concello de Dodro. En palabras do autor, "este poemario leva o selo de todos os que levamos a bagaxe da Limia e
do que esa terra perdeu, pero amplíase para ser unha metáfora de todas
as perdas do país galego, que debemos recuperar"(Galicia Hoxe, 22-12-2008).
______________
Imaxes deXornal de Galicia e La Voz de Galicia.

14.12.08

Noticias de literatura (50)

Nesta quincena, a prensa deixounos boas noticias literarias. Salientamos as que seguen.

Comeza decembro cun acto literario en honra de Blanco-Amor no que interveñen o PEN Clube e mais os alumnos do instituto que leva o nome do autor. Pasaron xa trinta anos dende que o autor nos deixou e cincuenta dende a publicación d' A esmorga. Rosa Veiga fala de Blanco-Amor como un autor "libre" e "rebelde".

Manuel Vidal Villaverde entrevista a Agustín Fernández Paz.

Bernardino Graña, premio Estornela de teatro. Un dos aspectos destacados da obra é o trato coidadoso da lingua.
Enrique Acuña dá un repaso á Guerra Civil.

Simposium sobre O porco de pé. Pasaron oitenta anos dende a súa primeira edición e, lamentablemente, a novela de Vicente Risco non perdeu actualidade. Así que, ó valor informativo que lle atribúe Fernández del Riego, habería que engadirlle o valor de sinalar co dedo a canto celidonio campa e trunfa polas nosas corredoiras (AP9 incluída).
O embigo do mar, de Luís Pousa, presentouse en Culturgal. O libro vén sendo o "mapa lírico" da Coruña, a identidade poética desta cidade, á que o autor paga o seu particular tributo.

Imaxes de Vieiros e Farrapos de gaita.

2.12.08

Noticias de literatura (49)

Rematou novembro e, entre outras noticias relacionadas co mundo das letras, deixounos estas:

O escritor indio Bali Rai traducido ó galego.
La Voz entrevista a Concha Blanco, gañadora do Premio Pura e Dora Vázquez de narrativa. Fala a autora da súa traxectoria literaria, da literatura infantil e lembra o Balbino das Memorias dun neno labrego pola súa capacidade para abrir os ollos.
"Máis alá dos límites editoriais" é a onde pretende ir Manuel Lourenzo González, quen continúa na rede coa novela gañadora do Premio Xerais de narrativa.
María López Sández presenta a obra coa que gañou o Premio Ramón Piñeiro de ensaio: Paisaxe e nación (A creación discursiva do territorio).
Manuel Rivas presenta o seu último libro, A corpo aberto , 199 artigos publicados no xornal El País e a revista Integral. "Rivas aborda temas como a memoria histórica, a política, os agravios lingüísticos, o cambio climático, a síndrome de Burn-out ou a vangarda do fartismo. Tamén se mergulla na paisaxe galega e rememora a catástrofe do Prestige, dende a autoridade do que o viviu en primeira liña e participou na creación de Nunca Máis. Un libro no que non renuncia ao humor e á ironía", lemos no Galicia Hoxe. Outros aspectos, como o compromiso do autor coas causas xustas, aparecen salientados no Atlantico Diario.
A Richard Burns sóanlle ben os seus versos en galego.
Cen anos cumpre Claude Lévi-Strauss, antropólogo. Desexámoslle que os cumpra gozosamente.

Imaxes de J. M. Casal (La Voz de Galicia) e Library Thing.