28.2.18

Rolda pola república das letras-194. Febreiro de 2018



Deixounos Isidro Novo
O escritor Isidro Novo (Lugo, 1951) faleceu este xoves aos 66 anos de idade. Destacado novelista e poeta, empezou a súa carreira literaria en galego con Teaza de brétema, publicado na colección O Barco de Vapor no 1994. Seguiríalle o wéstern Por unha presa de machacantes, os oito relatos de Carne de can, e o libro de poemas Dende unha nada núa, segundo indica a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (Jaureguizar, El Progreso, 01-02-2018.

Emilio Xosé Ínsua, Díaz Castro: poeta en formación (1914-1939)
[...] relata no seu libro a época e as influencias que conformaron a poesía de Díaz Castro, e revela o seu forte conservadurismo católico. O poeta de Penélope, emblemática composición de posguerra, morreu en Lugo en 1990 (Sermos Galiza, 01-02-2018).

Emilio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González, Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte
Este traballo únese, así, a outros semellantes realizados recentemente -como a biografía sobre Castelao elaborada por Miguel Anxo Seixas ou a de Rosalía feita por María Xesús Lama- para avanzar nun xénero, o biográfico, "aínda moi deficitario", segundo os dous autores, na nosa cultura (entrevista de Montse Dopico, Praza Pública, 09-02-2018).

Miguel Anxo Seixas, Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao. Biografía dun construtor da nación
Podemos dedicarlle medallas, unha rúa, o que queiramos pero, como dicía Walter Benjamin, temos que escoitar a voz dos vencidos. E eu tento seguir ese mandado de Benjamin. Tamén o dicía o propio Castelao nun dos seus debuxos: “Galegos, cumpride a manda dos vosos mortos”. E foi o que el fixo: seguiu loitando e resistindo no exilio. Agora, o fascismo segue a triunfar en moitos sitios. Segue a haber rúas que levan o nome de fascistas e asasinos. É como se os derrotados fosen derrotados de novo. É parte do botín de guerra dos vencedores. E é a nosa obriga loitar contra inxustizas coma estas. Ou polo menos tentalo (entrevista de Montse Dopico, Praza Pública, 02-02-2018).

María Solar, Os nenos da varíola
Boa parte dos vinte e sete capítulos desta novela xira ao redor dos preparativos afrontados pola Real Expedición Filantrópica da Vacina, que alteran por completo os hábitos do hospicio coruñés dirixido por Isabel Zendal. Sobresae a sedutora capacidade da escritora compostelá para construír, a través dunha coidada selección léxica e un fluído transcorrer discursivo, o sórdido universo que acollía os nenos e nenas considerados a inmundicia da sociedade (Eulalia Agrelo, El Correo Gallego, 04-02-2018).

Olalla González / Marc Taeger, Un máis
A narrativa artéllase de forma repetitiva, a partir dunha estratexia compositiva que favorece a memorización e envolve o lector, estimulando a súa curiosidade. Noutras palabras, o relato asenta na reiteración e no paralelismo, manifestos nos sucesivos diálogos do pequeno coello con súa nai, nos encontros cos distintos animais e, inclusive, nas propias brincadeiras ou xogos que vai imaxinando (Sara Reis, El Correo Gallego, 04-02-2018).

Arnold Lobel, Saltón no camiño
Lobel amosa unha gran capacidade para converter o cotiá en extraordinario. Texto e imaxe responden á mesma estratexia formal, sen ostentacións, en busca dunha estética moderada e próxima coa que favorecer a capacidade evocadora do conxunto. A linguaxe sinxela e accesible apóiase nun deseño coidado de ringleiras separadas e tipografías básicas que favorecen a lectura do lectorado novel (Olalla Cortizas, El Correo Gallego, 05-02-2018).

Manuel María, Os soños na gaiola
O autor, como cativo criado na Terra Chá, escribe para os pequenos lectores, sobre elementos que poden atopar ao seu redor, ría, inaugurou a poesía en galego para a xente nova, “algo que falta na nosa literatura”, dixo o autor arredor de outubro de 1967 (María Almodóvar, El Correo Gallego, 05-02-2018).

Maside. A presenza do ausente.
[...] reúne 190 retratos realizados sobre papel, a lapis ou a pluma, polo pintor pontevedrés, que queda á súa vez retratado nestes debuxos, bosquexos, siluetas, apuntamentos e caricaturas de personaxes que lle son contemporáneos. Todos -salvo o de Rosalía- foron feitos de forma presencial, como recorda a crítica de arte Mercedes Rozas, que achega a este libro un texto introdutorio (Héctor J. Porto, La Voz de Galicia, 08-02-2018).

Talía Teatro, trinta anos
[...] Para iso, trasladaron un dos textos referenciais da Commedia Dell’Arte italiana á actualidade. Os contratos matrimoniais da obra orixinal son substituídos por licitacións empresariais, nesta peza, para a construción dun hospital; e os nobres e mandatarios serán neste espectáculo empresarios e políticos (Montse García, La Voz de Galicia, 13-02-2018).

Xavier Queipo, Home invisíbel
Quince textos, en que a experimentación formal viaxa do poema prosa aos xogos case caligráficos, conforman Home invisíbel. “Ten unha compoñente de lírica amorosa que vai alén da propia elección formal e da reflexión sobre o desexo, o amor potencial se así se quere”, afirma (Daniel Salgado, Sermos Galiza, 14-02-2018).

RAG, En tempos das Irmandades:fala, escrita e prelos
El volumen distribuye los textos en ocho capítulos. Los cuatro primeros se centran en distintos géneros literarios, mientras que el quinto analiza la modernización de la lengua y el sexto aborda 'La conquista del público'. Cierran el libro los capítulos dedicados a 'Intelectuales, periodistas, escritores' e 'Imagen e identidad' (El Correo Gallego, 15-02-2018).

CCG, Dicionario enciclopédico de termos escénicos
[...] unha proposta investigadora e normalizadora referida ao teatro pero tamén ás outras artes escénicas (El Correo Gallego, 15-02-2018).

João Manuel Ribeiro, O Señor Péssimo é o Máximo
A familia do señor Pésimo, composta pola súa muller e dous fillos, está disfrutando duns días de vacacións na preciosa costa galega. O afundimento do buque Prestige desencadea un profundo cambio interior no pai que se envorcará por completo no labor de intentar cambiar e salvar o mundo, conseguindo arrastrar a toda a familia na súa renovada sensibilidade e entrega, chegando a ser recoñecido por O Máximo (Giulia Vezzaro, El Correo Gallego, 18-02-2018).

João Manuel Ribeiro, A Casa Grande
É un álbum metafórico onde se pode aprender a ser un maiúsculo cidadán que soña sen medo de envellecere vive con intensidade. As ilustracións de Ricardo Rodrigues recrean os momentos clave do texto, así como contemplan aspectos que o compoñente verbal non inclúe, enriquecéndoo (G. S. M., El Correo Gallego, 27-02-2018).

Tomi Ungerer, Caracol, onde estás?
[...] a interrogación invocativa que constitúe o título representa o punto de partida ou o reto que se lanza ao lector: percorrer as páxinas do volume ou a secuencia de ilustracións, sen palabras, en que se basea, e chegar ao seu final cunha resposta, no presente e na primeira persoa, declarada polo propio protagonista, xa introducido desde o título (Sara Reis da Silva, El Correo Gallego, 18-02-2018).

Xavier Estévez, Avións de papel
Os personaxes aos que dá vida están moi ben definidos e o autor póñenos na súa pel para que sintamos os seus medos e inseguridades, as súas ledicias e degoxos. Ademais, é unha historia con dous narradores, que se identifican polo emprego dunha tipografía en redonda e cursiva, facendo o percorrido polas palabras moi ameno. Con eles viviremos os misterios e as inxustizas que acontecen nunha vila costeira (Raquel Senra Fernández, El Correo Gallego, 18-02-2018).

1.2.18

Rolda pola república das letras-193. Xaneiro de 2018

Grupo Dramaturxa de escritura teatral
El Centro Dramático Galego (CDG) ha abierto el proceso de selección de los diez autores que formarán parte del primer 'Grupo Dramaturxa' de escritura teatral, bajo la coordinación del escritor y director escénico Manuel Lourenzo (El Correo Gallego, 03-01-2018).

Libros para agasallar
Un libro nas idades axeitadas (ou nas que non o son) é un agasallo de longa distancia, unha especie de bomba de reloxaría con potencialidades ocultas (Mario Regueira, Sermos Galiza, 03-01-2018).

Álvaro Cunqueiro, Obradoiro do falador
"Obradoiro do falador" es el título de la obra publicada por Galaxia de los filólogos vigueses Iago Castro y Xosé Henrique Costas en la que recopilan toda la producción periodística en gallego del escritor publicada en el diario decano de la prensa nacional (Andrea Mariño, Faro de Vigo, 10-01-2018).

Luís Valle, Para que eu beba
É unha obra escrita en mónadas, en versos cortados, que temática e estilisticamente continúa un liña de escritura que inaugurei hai nove ou dez anos cun poemario que se chamaba Fedor. Esta é a terceira parte dunha obra maior que se titulará Os froitos negros e que incluirá Fedor, As cicatrices do Sol e este Para que eu beba (entrevista de Elisa Álvarez, La Voz de Galicia, 10-01-2018).

Manuel María, Os soños na gaiola
Algúns dos poemas máis célebres da literatura galega atópanse nun libro humilde, cuxa primeira edición facturou un fabricante de cartóns para confitarías. Os soños na gaiola, de Manuel María, non só achegou a lingua a centos de cativas e cativos. Tamén inventou un xénero para o galego: a poesía infantil (Daniel Salgado, Sermos Galiza, 14-01-2018).

Encrucillada celebra 40 anos
Encrucillada naceu en 1977, no barrio de Canido de Ferrol, procurando o diálogo entre a fe e a cultura, desde unha ollada galega e en galego, porque o seu compromiso coa lingua era e é, salienta Andrés Torres Queiruga, "incondicional" (El Correo Gallego, 20-01-2018).
  • As letras galegas na encrucillada”: [...] Encrucillada non naceu por casualidade, «senón de estrita necesidade: a dun corpo social longamente amordazado, falado-falseado nun idioma alleo, emigrado de si mesmo, roto na súa intimidade, esgazada a súa trama social polo imposto -e ás veces interiorizado- turrar de tantas cordas de fantoche, que desde fóra decidían os camiños da política e do diñeiro, os da fala e os da escola, os da cultura e ata os do Evanxeo» (R. G., La Voz de Galicia, 20-01-2018).
María do Carme Kruckenberg, O morto asasinado
Entre 1998 e 2012 publicou periodicamente, en edicións non venais, un monllo de relatos que servían de agasallo para as súas amizades máis íntimas. Estes textos recóllense agora no volume O morto asasinado (Galaxia), nunha edición ao coidado de Mercedes Queixas (Xesús Fraga, La Voz de Galicia, 23-01-2018).

Antón Lopo, Corpo
[...] O xurado valorou o libro gañador, Corpo como un excelente poemario, que se compón de diversas suites que se completan ou se enfrontan ou se escisionan (El Correo Gallego, 25-01-2018).
Lucía Novas, Cervatos
[...] a autora leva á poesía a técnica do collage e a estética do videoclip. En imaxes que se suceden veloces, efémeras (Montse Dopico, Praza Pública, 27-01-2018).

Miguel Anxo Seixas, Castelao. Biografía un construtor da nación
O propósito de Seixas era pescudar nun Castelao de «raíces, árbore e froitos», no que o home, a árbore, «unha figura exemplar», tamén contribuíse ao entendemento da «obra excepcional» (Xesús Fraga, La Voz de Galicia, 29-01-2018).

Fernando Pérez-Barreiro Nolla, Poemas do carricanto
Ese poeta secreto revélase no libro Poemas do carricanto (Espiral Maior), que recolle a súa poesía galega, toda inédita, cun minucioso estudo biográfico e literario a cargo de Armando Requeixo e un epílogo de Xosé Luís Méndez Ferrín (Xesús Fraga, La Voz de Galicia, 31-01-2018).

Marilar Aleixandre, Mudanzas e outros velenos
Atravesados por unha forte conciencia feminista e de pescuda nas zonas negadas da historia, os seus poemas rescriben mitos e narracións, entenden o mundo como tecido por relatos e nel interveñen destemidos (Sermos Galiza, 31-01-2018).