Amosando publicacións coa etiqueta Iria Collazo López. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Iria Collazo López. Amosar todas as publicacións

12.2.17

Iria Collazo López. Coma unha áncora

Imaxe: Coma unha áncora. Editorial Galaxia
A historia de amor de Manuel e María sobrevive á morte del nun naufraxio. O mesmo que o amor de siña Amalia polo seu Minio. O relato non nos conta só o naufraxio do barco. A parroquia enteira vive asolagada nun naufraxio social:
“Moitos non volveron, coma os nosos, María. Polo menos aos nosos levóunolos o mar. Aos outros levounos a mesquindade que levamos todos dentro” (p. 105).
Iria Collazo descríbenos unha parroquia traballadora, pacífica e pacificada, pero que non pode vivir en paz. Hai unha débeda que saldar coa xente das covas: “O que non foi lenda foi a desgraza dos que tiveron que agocharse nas furnas, nas covas e nos montes, fuxindo dos que xa sabemos” (p. 105). Esa débeda sáldase simbolicamente na novela co cruzamento de favores entre siña Amalia e María: a cega e a moza buscan obsesivamente os corpos dos seus maridos empurradas non só por un profundo sentimento amoroso, senón tamén por unha estraña forza telúrica.
A fame é un padecemento común ao que os personaxes xa case nin lle prestan atención, pero a voz narradora lémbralla ao lector de forma directa ou mesturada coa mención de feitos cotiáns: “Ás veces mareábase e anubrábaselle a vista. A perda do meniño, a tristura, a falta de alimento pasábanlle factura” (p. 121); “Non me dera conta ata ese momento do escuálidos que estaban [os fillos de Minio e Amalia] (p. 121). O mesmo recurso estilístico emprégao a autora para amosarnos a pobreza endémica cando deixa caer algún detalle sobre o estado da vivenda, o frío que malamente se combate con roupa ou o estado desa mesma roupa. E sobre a miseria material campa a miseria moral que apodrece toda a sociedade da época do naufraxio que se relata na novela.


Falan da obra


ACTIVIDADES PROPOSTAS
  1. Coma unha áncora, de Iria Collazo. Cuestionario

  2. Coma unha áncora (de Iria Collazo). Miniquest

  3. Coma unha áncora (de Iria Collazo). Test de léxico-2

  4. Coma unha áncora (de Iria Collazo). Test de léxico-1



Iria Collazo López, Coma unha áncora. Vigo, Galaxia, 2015.

21.12.16

Coma unha áncora, de Iria Collazo. Cuestionario

Para club de lectura da novela Coma unha áncora, de Iria Collazo López.
Deixo este cuestionario coa intención de que poida servir de guía para un coloquio sobre a obra.

CUESTIONARIO
  1. Iria Collazo avisa nun dos paratextos iniciais que un tráxico naufraxio é o xerme da novela. Poñede en común o que saibades desa traxedia.
  2. Comentade o xogo que, dende o punto de vista literario, poden dar o nome real do barco e o nome que figura na novela.
  3. Ademais do naufraxio, ¿que outros feitos históricos están presentes na novela?
  4. Na obra aparecen dous mundos. Para entedérmonos imos chamarlles mundo real e mundo de ultratumba. ¿Que elementos serven de pasadizo entre ambos os dous mundos? ¿Está ben lograda a conexión entre eles?
  5. O sentido do título da novela explícao unha personaxe. Comentade este aspecto.
  6. Segundo a novela, ¿por que é importante ter un corpo para enterrar?
  7. Despois da lectura da novela, ¿poderiamos falar de náufragos de mar e náufragos de terra?
  8. ¿Que personaxe da novela pode ser o paradigma das vítimas dun xenocidio?
  9. Aínda que na novela non se fala da miseria con palabras directas, a autora válese de varios recursos para poñela ante os ollos de quen a lea. Citade e comentade algúns deses recursos.
  10. ¿Tócase na novela o tema da emigración?
  11. Comentade como era a situación escolar botando man dos datos que se nos dan na novela.
  12. ¿Podemos imaxinar a situación política do momento coa lectura desta novela?
  13. ¿Que imaxe da infancia e da adolescencia se desprende da lectura desta obra?
  14. Dende o punto de vista dunha lectura crítica literaria, ¿podería dicirse que lle falta ou lle sobra algo a esta novela?
  15. ¿Que uso se lles dá no relato aos elementos lendarios ou misteriosos?
  16. Observando os personaxes da novela, ¿como se podería cualificar a súa actitude vital? ¿Resignada? ¿Estoica? ¿Optimista? Admítense propostas.
Outras actividades propostas

  1. Coma unha áncora. Test de léxico-1
  2. Coma unha áncora. Test de léxico-2.
  3. Miniquest. Coma unha áncora (de Iria Collazo).

12.12.16

Coma unha áncora (de Iria Collazo). Miniquest

https://sites.google.com/site/comaunhaancora/home
Proposta para o club de lectura da novela Coma unha áncora, de Iria Collazo.
Trátase dun pequeno traballo de procura de información sobre o naufraxio que serve como xermolo da novela citada.
Velaquí a ligazón a Coma unha áncora.

Outras actividades propostas:
  1. Coma unha áncora. Test de léxico-1
  2. Coma unha áncora. Test de léxico-2.

24.11.16

Coma unha áncora (de Iria Collazo). Test de léxico-2

http://www.daypo.com/coma-unha-ancora-lexico-2.html#informacion
Coma unha áncora. Léxico-2

Actividade para xogar co léxico da novela de Iria Collazo López. Consiste o divertimento en adiviñar a palabra que falta na expresión que se copia da novela citada. Digo "adiviñar" porque nalgúns casos poderían valer varias das solucións que se propoñen. Así e todo, creo que o ton da novela dá a pista para atinar coa palabra orixinal.
A palabra faltosa sinálase con [...]
Pasádeo ben.

18.11.16

Coma unha áncora (de Iria Collazo). Test de léxico-1

http://www.daypo.com/coma-unha-ancora-lexico-1.html
Coma unha áncora. Léxico-1

Actividade para xogar co léxico da novela Coma unha áncora, de Iria Collazo López.
Como vén sendo habitual, o exercicio non ocupará moito máis alá de tres ou catro minutiños.