24.4.13

Diego Ameixeiras. Cine e novela negra

Hoxe (19-04-2013) visitounos o escritor Diego Ameixeiras. Foi recibido polo director do centro e presentado por un grupo de lectores. Falounos de cine e novela negra.
Comezou cunhas breves notas autobiográficas para explicar como chegou ao oficio de escritor e ao seu traballo actual de guionista de cine e televisión. Salientou na adquisición do oficio o esforzo e a superación, e sinalou a afección polo cine como fonte de recursos técnicos para mellorar a narrativa.
Fixo un percorrido panorámico pola súa novelística. Salientamos a creación do detective Dopico.
Diego Ameixeiras caracteriza o escritor -ou o guionista- como o encargado de poñer a imaxinación para darlle corpo a aquelas historias que vemos no cine ou na televisión. Confesou o seu interese polo mundo do crime e a delincuencia como material para contar historias. Recoñece que trata literariamente historias duras, mesmo vidas problemáticas.
A novela negra que gusta de escribir -e en xeral a novela negra dos últimos anos- fala de xentes que non son grandes investigadores nin detectives; fala de xentes con matices, isto é, persoas que son boas e malas á vez.


Salientou especialmente o mundo dos sentimentos. O escritor e o cineasta transmiten a idea de que o lector ou o espectador non son persoas illadas no mundo, senón que hai outras xentes que viven sentimentos semellantes. O que fai un escritor é verbalizar eses sentimentos, pórlles palabras. Deste xeito, unha novela ou unha película convértense nun bálsamo para quen as goce.



21.4.13

O Principiño (Saint-Exupéry). Cuestionario

Cuestionario para o club de lectura d’ O Principiño (de Antoine de Saint-Exupéry)
Imaxe: Editorial Galaxia


  1. No relato distínguese entre as persoas maiores e os rapaces. Semellanzas e diferenzas.
  2. O narrador nota sinais de avellentamento. ¿En que as nota?
  3. Hai quen ten establecido un decálogo das ensinanzas deste libro. Redactade o voso decálogo ou, polo menos, algo que se lle achegue.
  4. ¿Terá algún significado que cada planeta visitado polo Principiño teña un habitante?
  5. ¿Cales son os motivos da viaxe do Principiño?
  6. ¿Que relación ten o Principiño coa súa flor? ¿Que flor é? ¿Que pode significar?
  7. ¿Que razóns lle dá o raposo ao Principiño para que o domestique?
  8. Comentade este consello do Principiño: “Non se ve ben se non é co corazón”.
  9. Comentade o desenlace da obra. ¿Que significa para vós?
  10. ¿Podería dicirse que neste relato o autor defende o infantilismo?
  11. Indicade se da lectura desta obra pode tirarse algunha lección para a vida.
  12. ¿Como é o Principiño?
  13. ¿Que personaxes vai atopando o Principiño na súa viaxe polo universo?¿Que fan eses personaxes? ¿Que sentido ten o que fan?
  14. ¿Algúns personaxes do relato poden ser comparados con personaxes reais da actualidade?
  15. ¿Atopades no relato algo que poida facer pensar que o Principiño ten saudade?
  16. Segundo a lectura do relato, ¿que valor ten o ser especial para alguén? Poñede exemplos.
   17. Analizade como se trata o tempo no relato.