Amosando publicacións coa etiqueta Cartelazos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cartelazos. Amosar todas as publicacións

3.9.12

"Putos profes"

Foto: Rdf (01-09-2012).
Agora que comezamos novo curso non reprimo a ansia de colgar no caderno esta especiosa mostra de amor e admiración polo profesorado. Podíanse facer moitos comentarios, mais agora só vou salientar a evidente competencia comunicativa (e dixital) do perpetrador, o coidado con que trata os bens públicos, a finura lingüística, a galanura de estilo e a beleza caligráfica.
É posible que acabe ostentando algún cargo público. Se así resulta, que Deus e mais o Demo o leven a outro país.
Só me alegra, e non moito, que o perpetrador non sexa bilingüe cordial.

30.3.09

A lingua e o calzador

Vou seguir o consello do xeneral Franco: non me quero meter en política. Así Deus me salve. Só vou reparar na lingua da pancarta.
A veciña L. estarase a preguntar:
-¿El que "declina" ese letreiro?
Calquera sabe.
¿Será imposición lingüística?
¿Galego cordial?
¿Galego urxente?
¿Variedade dialectal?

Se cadra... está ben de máis. As linguas imperialistas non merecen moitos requilorios.


Imaxe: El País, 30-3-09.

29.10.08

Embarquémonos, pois

¿Está escrito como parece ou teño que ir ó oculista? ¿Pero que pecado cometiches, miña amada lingua materna, para que te traten deste xeito? ¿A que lles vén esa teimosía de te levaren ó matadoiro coma un touro bravo que non ara?
Miña pobre lingua, seica te viu un vesgo.

9.9.08

Desvío por obras

Ó doutor Darío Álvarez Blázquez dedicáronlle unha rúa en Vigo. Non é moi longa, pero descorre entre edificios nobres. Ben a merece.
Darío Álvarez Blázquez é irmán de Xosé María, de quen temos oído falar abondo este ano por ser o autor homenaxeado o Día das Letras.
Agora andan "mellorando o futuro" e mais as "beirarúas" (sic), e teñen que desviar o tráfico por obras. Avísano cun carteliño que está na rúa de Policarpo Sanz, diante do edificio Suevia.
E xa que cómpre desviar o tráfico, os peóns... ¿por que non meter no lote a onomástica?
-Xa se sabe -dixo o encargado-: cando hai obras, algo sempre pasa.
-Home -dixo o rotulista-, os apelidos escríbeos cadaquén como lle peta, ¿ou?
-Pataca miúda -dixo outro.
-Na... isto non é nada. O letreiro é provisional.
-Eso es por culpa de los galleguistas, que siempre te andan a cambiar las normas.