Amosando publicacións coa etiqueta A sombra descalza. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta A sombra descalza. Amosar todas as publicacións

28.9.08

An Alfaya. A sombra descalza. Cuestionario

Para o club de lectores d' A sombra descalza (An Alfaya).

Deixo como pequena guía de lectura este


CUESTIONARIO

  1. Argumento da novela.
  2. ¿Que razóns explican o misterioso título da obra?
  3. "Ninguén nace coa culpa no berce, senón coa mágoa, filla" (p. 12). Explica o sentido que teñen na novela estas palabras de Esperanza.
  4. Fame e guerra son dúas palabras que caracterizan a época dos avós. a) Sitúa cronoloxicamente esa época e explícaa. b) Avó e avoa refírense a esas palabras en orde diferente. ¿Atópaslle algunha explicación? (P. 12).
  5. Os zapatos da morta (pp. 17 e 20, principalmente).
  6. A construción dos personaxes segundo o binomio culpa / coita (p. 24).
  7. Os nomes dalgunhas personaxes femininas carrexan un notorio simbolismo. Explícao.
  8. Debuxa a árbore de relacións e parentesco.
  9. O matrimonio morganático (cap. 13).
  10. As chaves da casa e o seu valor (p. 64 e 91, nomeadamente).
  11. A economía da aldea (cap. 22).
  12. ¿Por que medrou Elsa nun ambiente resentido? (Cfr. cap. 2.)
  13. ¿Que segredos de familia lle ocultan a Elsa?
  14. A voz narradora di que as mulleres eran "sombras" na casa familiar (p. 24). ¿Por que o di?
  15. O marido devolve a Florinda para a casa dos pais. Esta muller pasa a desempeñar o papel da defunta tía Sagrario. ¿Que "razóns" a obrigan a tomar tal decisión?
  16. O máis indefenso da familia acaba por apandar coas culpas de todo. ¿Por que ocorre isto? ¿Tan algunha solución? (Cfr. cap. 5.)
  17. ¿Que significado pode ter ventilar a casa? ¿Por que se frustra esta tarefa aparentemente sinxela? (Cfr. cap. 8-9.)
  18. Compara a paz que Amadora desexa para a súa casa coa paz que se vive no país. (Cfr. pp. 48-49).
  19. O "amor animal" (p. 48) de Amadora polo seu home, ¿explica a actitude desta muller?
  20. Na novela hai personaxes que teñen moi presente as ideas de dignidade e de deshonra. ¿Que personaxes son? ¿Que entende por dignidade e deshonra?
  21. Establece o marco cronolóxico da historia que se nos conta na novela e describe brevemente os cambios que se foron producindo nese tempo.
Para quen se decida a ampliar o campo de traballo, deixo enlazado este completo proxecto de lectura.

Imaxes de blix e de Bibliotecas escolares de Galicia.

4.7.08

An Alfaya. A sombra descalza

A sombra descalza, de An Alfaya (Vigo, Xerais, 2006). Premio Lazarillo de literatura xuvenil 2005.

Ninguén nae coa culpa no berce, senón coa mágoa.


1. Tres xeracións dunha familia viven varadas na mágoa causada polo comportamento indigno dalgúns dos seus membros en tempos da guerra civil ou da posguerra. Ese é o pano de fondo. O matrimonio Xuliano-Amadora píntao só con dous motivos: fame e guerra. O home concédelle máis relevancia ó segundo termo, porque é máis mirado coas cuestións ideolóxicas; o primeiro resulta máis preocupante para a muller. En calquera caso, ambos os dous termos tamén constitúen matrimonio na novela:

Fame e guerra constituían dous vocábulos que coincidían na linguaxe dos avós. Xuliano Contreras pronunciaba con énfase a palabra guerra porque el participara de xeito activo no bando republicano (...). En cambio á boca de Amadora adoitaba acudir a palabra fame como unha exhalación, e mentres a pronunciaba os seus ollos fuxían cara ao fumegante prato de garavanzos (p. 12).

O velorio de Sagrario aguilloa a curiosidade de Elsa, o membro máis novo da familia, aínda adolescente. Sagrario aparece na caixa cuns bonitos zapatos, pero Elsa sempre a lembra andar descalza pola casa adiante coma unha fantasma. Andar descalza e vivir case que en reclusión no seu cuarto foi a penitencia que a familia -e tamén a mesma Sagrario- lle impuxeron por roubar os zapatos dunha muller claudiada o día que cumpría os vinte anos. Co enterro de Sagrario parece chegado o momento de ventilar a casa para que o membro máis novo non herde as miasmas que abafaron case que toda a vida da familia. A golpe de curtos capítulos, Elsa vai sabendo das miserias dos seus: que os zapatos colléraos en realidade a avoa Amadora, que apanda tamén coa mágoa de saber que a súa irmá Sagrario e mais o seu marido foran amantes; que o avó Xuliano enchía a boca a falar de dignidade, pero fora cruel co seu fillo, coa nora e mais chegara a vender en matrimonio de comenencia a súa filla Florinda; que Florinda casou con Bieito Nogueira (home da idade de seu pai, cacique, empresario, mal becho) por salvar a familia da ruína, pero sempre estivo namorada de Rafael Xunqueira, ata a morte. Cando Bieito soubo das cartas entre Florinda e o seu namorado, repudiouna. Morre o avó Xuliano sen saber que a filla vendida lle fora devolta para a casa co que levaba posto cando casou. Elsa
saíu do cuarto disposta a abrir as xanelas, ventilar os malos agoiros e que o aire fresco entrase na casa, pero unha imaxe detívoa. Era Florinda, que avanzaba polo corredor coa mesma indumentaria que noutro tempo vestira Sagrario. A súa sombra descalza encheuna de friaxe (p. 133).

2. Os personaxes femininos están dotados dunha forza especial. Tres mulleres teñen un papel destacado nesta historia: Amadora (a tradición), Esperanza (a transición), Elsa (o futuro). As mulleres "en sombra" (Sagrario e Florinda) non son donas da súa vida e constitúen un elemento desequilibrador no pasado (Sagrario) ou proxectan sombra sobre o futuro (Florinda).

Tamén polos nomes podemos albiscar quen son. Así, temos en Sagrario un personaxe entre tabernáculo de segredos e caixa de Pandora; cando se abren os seus segredos aparecen as miserias da familia. A Florinda as circunstancias non lle deixaron ser máis que unha muller obxecto; non se deu zafado da férula do pai nin da do marido (que tiña a idade de seu pai): ámbolos dous exerceron de amos. Para Amadora, o amor que lle profesa ó marido suponlle mesmo a perda da propia dignidade. Esperanza é o personaxe que mellor honra o seu nome; entra na familia por matrimonio, pero pertence ó grupo social dos vencedores da guerra civil polo que ten que sufrir unha longa etapa de illamento. Así e todo, a relación co seu home baséase no respecto mutuo e na paridade; fan equipo, apóianse mesmo sen falar as cousas. Sabemos que a historia familiar está a coller novo rumbo cando a sogra Amadora lle dá as chaves do goberno á nora Esperanza. A adolescente Elsa á aínda un personaxe en formación. Ten un nome con raíces na tradición e aire moderno, mais que non leva o peso de ningunha carga simbólica. Os seus pais, e sobre todo a nai Esperanza, non queren que alicerce a súa vida nos tristes segredos de familia. A Elsa queren deixarlle a casa ventilada, sen sombras.

Sobre esta novela falan en:
Sombras de muller (crítica de Isabel Soto)
Unha lagoa de libros (recolle impresións de lectores mozos)
Biblioboveda (fala da visita da autora e publica fotos)
Xornal.com (dá noticia do premio, fai unha breve sinopse da novela e engade ficha da autora) Brétemas recolle a noticia da inclusión desta obra na lista de honra do IBBY. Podémola ler con máis detalles n' A Nosa Terra e mais en Vieiros.
En Galiciae.com e mais en Galicia Hoxe publican unha entrevista coa autora por mor da concesión do premio Fundación Caixagalicia 2007 a outra das súas obras.

Imaxe de readgalicia.com