28.1.20

Viale Moutinho. "Manhas do gato pardo"

José Viale Moutinho preséntanos nesta obriña a adaptación de media ducia de contos populares rusos:
  1. "Manhas do gato pardo"
  2. "Urso pateta"
  3.  "Raposa rapozeca e cegonha de bico comprido"
  4. "A união faz a força"
  5. "Casa panela de barro"
  6. "Comer, beber, rir e fugir"
1. En  "Manhas do gato pardo" (que dá título a toda a colectánea) temos un gato demasiado lambón ao que a dona bota fóra da casa despois de lle quentar a pelella. Mallado e choroso vai camiñando na procura de novo acubillo. Vano acompañar na viaxe o carneiro e o bode, convencidos polo gato de que poden rematar nun bo asado. Van atopando outros animais polo camiño: uns, amigos, coma o oso; outros, inimigos, coma os lobos. O gato mañoso vainos librando dos perigos que poidan aparecer por eses camiños do mundo.
O relato ten unha estrutura semellante á dos músicos de Bremen, mais nesta vagabundaxe os protagonistas non se propoñen lograr un obxectivo definido, senón que semellan preferir ir tirando sen rumbo e procurar saír sans e salvos dos perigos que se lle presenten. Máis que un equipo solidario semellan un grupo dirixido por un líder astuto --o gato-- que os fai actuar en proveito de todos, aínda que lles custe algún sacrificio.

2. Un oso parvo e un labrador aproveitado de máis son os protagonistas desta breve historia. O labrador vai convencendo o oso de que, no canto de comelo, resultaríalle máis beneficioso colaborar con el. Pero o humanao resulta ser unha grade que leva todos os terróns e o babeco do oso queda sempre a velas vir. Canso dos abusos do labrador, o oso encabúxase e estrágalle os cultivos de xeito que ninguén saca proveito do campo. No remate de contas, labrador e oso non se poden ver.

3. O mesmo resultado, aínda que desenvolvido con métodos máis sutís, é ao que se chega na historia da raposa e a cegoña. A actitude aproveitada da primeira e o pago coa mesma moeda da segunda fan que se perda unha boa amizade. É o que ten querer quedar ben sen facer gasto.

4. O resultado contrario acádase cun cambio de actitude. No relato "A união faz a força" demóstrase que a colaboración honesta entre individuos, aínda que non se leven ben, dá sempre bo resultado sen que ninguén saia prexudicado.
Tamén demostra que sae a conta confiar na sabedoría dos vellos.

5. Na casiña da panela de barro vanse xuntando animaliños diversos que gustan do acubillo e viven felices nel ata que chega un oso paspallán e abusón que lles escacha o refuxio. Tamén neste relato a unión fai a forza e a acumulación de recursos dos amigos serve para lle dar ao oso unha lección inesquecible.

6. En "Comer, beber, rir e fugir" un pobre estorniño vese obrigado a facerlle o traballo suxo a un raposo que o ameazaba con paparlle os fillos. Canso do insaciable extorsionador, acaba por tenderlle unha trampa para que o raposo acabe nas mans dos cazadores.

Velaí, pois, media ducia de historias populares que nos agasallan a vellos e novos con consellos útiles para a vida en calquera lugar e tempo.

_______________________
Viale Moutinho: Manhas do gato pardo. (A ra que ri), Lisboa, Plátano Editora.
Ilustracións: João Luís.