Amosando publicacións coa etiqueta Manuel Portas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Manuel Portas. Amosar todas as publicacións

27.7.16

Lourenço, xograr (de Manuel Portas). Cuestionario.

Imaxe: Premios García Barros
Cuestionario para o faladoiro do club de lectura de Lourenço, xograr, de Manuel Portas.

  1. Na novela descríbese a sociedade estamental do século XIII. Comentade as características fundamentais desta sociedade.
  2. Ao xograr Lourenço un dos tópicos da poesía do seu mestre parécelle unha parvada. ¿A que tópico se refire? ¿Por que o considera unha parvada?
  3.  Dona Maior (pp. 105-6) fala co mozo Lourenço e dálle uns consellos que se resumen na palabra mesura. Concretade un pouco máis tales consellos.
  4. Describide a relación entre Joam García de Guilhade e o xograr Lourenço. 
  5. En Compostela, Joam García de Guilhade sofren o acoso dun embaucador. ¿Que lles ofrece? ¿Hai algún dato histórico que lle permita ao autor desenvolver esta escena humorística? ¿Como remata o lance? [Pp. 113-5]. 
  6. O trobador recrimínalle a Lourenço o desexo de aprender a compoñer poemas e explícalle os distintos oficios e papeis relacionados coa poesía e a súa interpretación. Comentade e sinalade personaxes e funcións (p. 146).
  7. ¿Que opinión ten Lourenço da guerra?
  8. ¿Que motivos teñen os insurxentes para depoñer a Sancho o Capelo? Podedes botar un ollo á páxina 166.
  9. ¿Por que razóns chama Lourenço "tropa do carallo" as asediantes de Porto?
  10. despois da batalla de Gaia, ¿que cambios produce no carácter de Loureo o sentimento de vencido?
  11. A entrega dos castelos ao Boloñés é un tema tratado na lírica medieval. Poñede en común a información que teñades sobre este asunto.
  12. Debatede sobre os desaxustes que Joam García de Guilhade atopa entre a teoría do fin'amors e a súa experiencia persoal.
  13.  ¿Que condicións se teñen que dar para que a mediados do século XIII unha muller como a Balteira se considere libre? Contrastádeo co que conta Branca de Guilhade.
  14. Comentade as reflexións que o rei Afonso X vai vertendo sobre a política peninsular e europea.
  15. A novela ten dúas partes. Na primeira hai unha soa voz narradora, pero a segunda é polifónica. Comentade este aspecto.
  16. Un dos temas da literatura escarniña é o da fame. ¿Como se trata o tema na novela?
  17. Da lectura da novela pode sacarse unha idea do matrimonio na etapa histórica que recrea. Poñede en común a vosa análise.
  18. Apoiándovos na novela e na historia que recrea, ¿que podedes dicir do poder do Papa na época? 

OUTRAS ACTIVIDADES

14.6.16

Manuel Portas. Lourenço, xograr

Imaxe: Editorial Galaxia
Manuel Portas narra unha imaxinada vida do xograr Lourenço e recrea, asemade, as condicións históricas do tramo da Baixa Idade Media que ao poeta galego-portugués lle tocou vivir.
O autor comeza presentándonos un Lourenço adolescente e namoradizo, con ansia por facerse home e medrar social e literariamente. Así e todo, o rapaz é consciente de que as posibilidades de medra son cativas nunha época socialmente compartimentada na que as relacións e os oficios eran cuestión de caste. Nas cuestións amorosas, o afortunado corazón de Lourenço voa libre, pero nas económicas e literarias os desgustos son o pan da cada día. Tocoulle en sorte un mestre --Joam García de Guilhade-- que o saca do amparo do mestre ferreiro co engado de ver mundo e triunfar na literatura, pero que malamente pode sosterse a si mesmo nin quere que o aprendiz medre por conta propia. O de Guilhade aparece na novela como fidalgo de antiga liñaxe e pouca bolsa, de espada cega e lingua afiada que non para de lle lembrar ao xograr que os da súa caste non poden ter sensibilidade nin arte para seren trobadores. Na novela, coma na historia, Lourenço demostra que na literatura a autenticidade e a destreza non son cuestión de caste nin de moda.
A novela estrutúrase en dúas partes (Livro primeiro, Livro segundo), separadas pola noticia da morte do pai de Lourenço na guerra do Algarve. Un pai que responde ás caracteríscas das cantigas da época: unha figura ausente por andar no fossado. Na primeira parte estamos perante un Lourenço adolescente, aprendiz de ferreiro co mestre Diogo, a quen acompaña ao mercado de Braga para vender as armas e ferramentas que produce e a quen axuda a defenderse dos ataques dos salteadores de camiños que inzan o incipiente reino de Portugal. A segunda parte comeza cun Lourenço mozo, o día que cumpre 23 anos (primeiro de agosto de 1245) esperando a orde para asaltar o castelo de Gaia. Mesmo sendo hábil coas armas, os seus pensamentos defíneno como pacífico home de letras para quen as guerras non son máis que un desperdicio para os pobres e un medio de medrar para os poderosos. As recompensas viñéronlle a Lourenço polo seu labor artístico, non por feitos de guerra; por outro lado, o seu mestre García de Guilhade procuraba fuxir de onde houbese ruídos de armas, o que deixaba a ambos os dous sen posibilidades de recibir mercés por feitos de conquista.
A polifonía da segunda parte facilítalle ao lector unha visión do protagonista e da época conxugando múltiples perspectivas. As voces narradoras (Lourenço, o mestre ferreiro Diogo, dona Branca, María Balteira, Afonso X, Sancha de Guilhade e, rematando o relato, o cronista omnisciente que lle presta a voz a un Lourenço malferido) van dando testemuño do protagonista, de si mesmos e da sociedade na que viven. Son testemuñas de distinta clase e condición que falan da feira segundo nela lles vai e, xunto cos datos históricos comprobables, meten no relato un evidente aire de autenticidade.
Autenticidade é tamén o trazo característico da poesía de Lourenço. A crítica do Rei Sabio considéraa un tanto anacrónica e fóra de moda, pero enraizada no sentimento e na tradición literaria. Gusta do xograr e da obra polo que teñen de auténticos. O autor procura este resultado salpresando a novela con poesías da época presentándoas como resultado de vivencias dos personaxes.


SITIOGRAFÍA

Manuel Portas, Lourenço, xograr. Vigo, Galaxia, 2015.