28.1.09

Silverio Cerradelo. Os paxaros tamén migran ao sur

1. Trátase duns cadernos nos que o protagonista, Jordi, narra a enxurrada de sentimentos que purran por saírlle da alma ó saber da morte de Eva, unha rapaza alemá da que estivera fondamente namorado.
A presentación editorial fala dunha historia de amor transgresora. Para o protagonista é unha historia de amor natural, baseada no respecto e aceptación mutuos: "Eu estou tan seguro do que nos une... e con tanta forza..." (p. 133); "E sempre, sempre, sempre, con ela, segue parecéndome que floto" (p. 134). A Jordi non lle preocupa especialmente que se prostitúa, pero si que o aqueloutra o motivo: dispor de diñeiro para heroína. Séntese un fracasado por non ser quen de tirar a moza do vezo da droga. Neste período de educación sentimental, Jordi aprendeu a aceptar a xente polo que é, non polo oficio ou a fortuna que teña.
O sentimento amoroso móstrase ante o lector obsesivo e envolto nunha forte carga erótica.
O estilo, xa dixemos, é o dun caderno de notas. O lapis segue o pensamento nervioso do narrador, que escribe como anarquicamente, para si:

"Pois foi coñecer a Eva e... a miña percepción do tempo cambiou.
Non, isto non vai ben. Cóutome.
E logo, por que teño que me coutar para dicir as cousas para min?
Porque se me fai estraño, supoño.
Porque outras veces que me teño lembrado de partes, de días desta historia, sentín angustia.
Anda, chega xa de medos, Jordi. Para adiante!"
(p. 16).
2. O proceso creativo da novela e o seu contido véñennos descritos na introdución do autor (pp. 9-10): un proceso longo de contar que se foi refacendo con notas nadas en tres idiomas e unha historia de amor vivida nunha grande cidade e que non segue as canles socialmente establecidas.

3. Quen se queira debruzar sobre esta novela non debe deixar de ler a crítica de Montse Pena: "Sensibilidade narrativa". Salienta o aspecto transgresor da historia, o ámbito onde se desenvolve (grande cidade que non facilita a comunicación entre a xente), o erotismo elegante... No aspecto técnico destaca o aproveitamento narrativo da primeira persoa e a construción dos personaxes.
Na recensión que lemos en El color de les sabates, faise fincapé na marxinalidade dos protagonistas, no seu comportamento libre de tabús; tamén nos trazos de oralidade visibles na novela e no mergullo nos ambientes sociais marxinais da cidade de Barcelona. Indiscutible e interesante a identificación do paxaro do título co personaxe de Eva.
Na entrevista que publica La Voz de Galicia por mor da concesión do Premio Terra de Melide, o autor sinala as marcas que o espazo deixa nas persoas. Neste caso, a Barcelona onde se ambienta a novela, cidade na que o autor vive dende novo; a terra de nacemento...
Acepta o autor unha lectura da novela como denuncia do consumismo: "As sociedades urbanas nas que vivimos non deixan espazo para a felicidade. Non hai tempo para a comunicación. Imponse o materialismo e o diñeiro convértese en deus. Nese contexto, palabras como tenrura
desaparecen do vocabulario".
Dos aspectos sinalados xa falara o autor na presentación da obra.
Unha sinopse da novela e mais unha breve biografía do autor atopámola en Vieiros. No mesmo medio ofrécenos unha recensión máis ampla.
Damos con referencias á novela e mais cunha interesante impresión persoal en O Trasno Viaxeiro.
O espazo da TVG "Libro Aberto" dedicoulle un programa.

Silverio Cerradelo, Os paxaros tamén migran ao sur, Xerais, Vigo 2007. Premio Terra de Melide 2006.
Imaxe de readgalicia.com

25.1.09

Noticias de literatura-53

Edítase O cabalo de vidro , obra póstuma de Avilés de Taramancos. O orixinal regalárallo a unha amiga. Nestas datas tamén andamos polo quincuaxésimo aniversario da publicación do seu primeiro libro de poesía, A frauta i-o garamelo.
Vinte e cinco anos celebra o grupo poético De Amor e Desamor.
As flores de Baudelaire no xardín da nosa lingua: "Charles Baudelaire é unha das voces máis rotundas e orixinais da literatura contemporánea e, en palabras do responsable desta edición galega o poeta é "iniciador da modernidade na poesía. Esta condición élle recoñecida pola orixinalidade da súa obra, que incorporou perspectivas e ámbitos temáticos nunca antes explorados, pola súa sutileza e intensidade, pola súa ousadía e rebeldía, pola radical interpretación dos signos do seu tempo"(Galicia Hoxe, 17-01-09).
Seguimos desexándolle longa vida ó vello Tintín (80 anos); nalgúns artigos de prensa aparécenos mozo e gaiteiro. Tamén está de aniversario Edgar Allan Poe, de quen Baudelaire foi un magnífico introdutor en Europa. O xornal El Mundo publica un traballo sobre este escritor da autoría de Fran Casillas.
O Premio Facho de Ouro para Xosé Neira Vilas: "Levo feito o que puiden, que non sei se é moito ou pouco. Dende Galicia e dende a emigración, nos 45 anos que pasei en Bos Aires e Cuba, sempre loitei por manter o idioma e a cultura do noso país, e porque se coñecesen os esforzos dos galegos que estaban en América. Foi nese tempo, estando na Habana, cando tiven noticia das
actividades da asociación O Facho, que ten o enorme mérito de nacer durante o franquismo [en 1963] e manterse en activo ata hoxe. Cheguei a colaborar con eles, e agora agrádame moito que un colectivo de tanto valor me teña en conta desta maneira" (Xornal de Galicia, 21-01-09).
Laiovento publica textos teatrais de Manuel Lourenzo.
Jaureguizar presenta O globo de Shakespeare . A novela foi a gañadora do VIII Premio Terra de Melide. "O Globo de Shakespeare é, segundo explica o seu autor, un "libro sobre os soños que temos todos: de poder, de amor, de éxito... Fala do espectáculo, e do fracaso, a través dun personaxe, Ricardo, un titiriteiro que ten un teatro nun paseo, e que lle ten envexa a un escritor de éxito. Chega un punto no que o seu fracaso é tal que só actúa para unha prostituta á que lle paga por velo actuar". A novela tamén aborda as relacións de poder en grupos pequenos, a partir dunha trama sobre a busca do manuscrito do Hamlet nun pazo de Ribadeo" (Galicia Hoxe, 24-01-09).
Tamén temos a noticia triste do pasamento de Riveiro Loureiro: Escritor prolífico e apaixonado, comprometido coa sociedade, tradutor de obras clásicas da literatura rusa ó galego. Para el, a literatura estivo forxada pola vida.

Imaxes de Galicia Hoxe.

13.1.09

12.1.09

Agustín Fernández Paz. O único que queda é o amor (1)

1.1. "Un radiante silencio". Sara, executiva capaz e competitiva, busca unha pequena saída á rutina diaria cambiando a cafetería habitual pola dunha nova librería que acaban de abrir ó pe do banco onde traballa. Curiosea polos andeis e compra algúns libros que le con ansia. Tamén vai atopando polos andeis tarxetas con citas de libros, coma se fosen expresamente deixadas para ela, coma se alguén estivese a manter unha charla con ela... Xorde o namoro ás cegas, mais abandona a busca do seu namorado oculto e deixa de ir pola librería. Pablo, o libreiro, decide queimar as tarxetas que lle tiña preparadas, coma se fosen cartas de amor, para irllas deixando días vindeiros.
1.2. "Amor de agosto". O protagonista, home maduro e cos fillos criados, decide queimar as cartas que de mociña lle escribira Laura. Namoráranse de adolescentes, mais o pai da rapaza botouno do traballo e ameazouno se non a deixaba. A rapaza elixiu o mellor partido dun estudante de leis con futuro.
O conto tamén nos presenta o panorama de emigración dentro do Estado: o asentamento e creación dunha familia noutro lugar, a falta de raíces da parella e dos fillos na terra, o esforzo do emigrante saudoso por manter algún lazo, aínda que sexa remoto, co lugar onde naceu.
1.3. "Esta estraña lucidez". El e mais o seu can tornan cada noite durante un ano "a este mesmo lugar, como marionetas gobernadas por unha man invisible". El namorárase d' Ela o día que a viu lendo un libro sentada nun banco da praia. El e mais o can morreran nun accidente. Aínda que romperan antes do accidente, de morto torna a visitar a muller da que estivera namorado.
1.4. "Unha historia de fantasmas". Pamplona, ousada de peregrinos que camiñan a Compostela. Cóntanse historias, recítanse poemas. Un misterioso contertulio identifícase co poema de Valente recitado pola narradora. O misterioso contertulio cóntalle o accidente dunha parella namorada. O narrador resultou ser o marido falecido catro anos antes naquel accidente de coche.
1.5. "Ríos de memoria". María, aproveitando unha viaxe a Bilbao, obriga o seu marido a desviarse para visitar a vila onde vivira de pequena. Identifica os lugares, lembre un amor adlescente, a despedida onda o regato que desapareceu canalizado... As bágoas acoden ós seus ollos: o soterramento do río asolágalle parte da memoria.
1.6. "Loanza da filatelia". Ernesto colecciona caixas de mistos. Cando casou, a muller non lle puxo mala cara; mais comezou a vela con malos ollos cando dediciu que lle estorbaba na casa. Despois dunha rifa coa muller, Ernesto deixou a colección. Cando morreu dun infarto, a muller queimou as caixiñas e con elas arde o "magnífico diamante de vinte e catro quilates engarzado no anel de ouro branco" que tiña pensado regalarlle nas vodas de prata.
1.7. "Unha foto na rúa". Daniel atopa tirada na rúa unha foto de carné co nome de Diana escrito por detrás. Namórase da moza e comeza unha busca desesperada. Diana é unha administrativa que se dedica a viaxar dende que lle tocara a lotería. Xoga a deixar oito fotos en cada cidade que visita coa ilusión de que, se cadra, alguén que as atope se entreteña en imaxinar historias.
1.8. "Meditación ante o álbum de fotos familiar". O narrador desta historia fai por herdar o pazo familiar. Na reforma da vivenda atopa un agocho cun cadáver. Mirando o álbum familiar, o narrador tenta ver os ollos do asasino.
Neste relato podemos ter o xermolo de Corredores de sombra, novela que trata o resentimento e a represión na guerra civil. Na novela, o tema desenvólvese dende a perspectiva da neta do asasino.
1.9. "Despois de tantos anos". Á narradora danlle a nova da morte de Adrián, de quen se namorara sendo moza xa con noivo formal. A vida levou a cadaquén por camiños estraños e afastados. Coa nova, a narradora recupera as lembranzas da mocidade e o desexo de imaxinar como tería sido a vida co mozo de quen estaba namorada. Unha caixa na que gardara unha foto e un exemplar das Rimas de Bécquer que Adrián lle regalara serviralle de táboa neste naufraxio.
1.10. "Un río de palabras". Botando man do recurso de colocar en lugares públicos follas con anuncios de servizos varios e tiras cortadas co número de teléfono, o protagonista deste relato pretende inundar a cidade con ríos de tinta: textos de obras e tiras co título para animar á lectura. Xórdenlle imitadores. Entre eles espera atopar o amor da súa vida.

Ilustración de Pablo Auladell para esta obra.

9.1.09

Feliz aniversario, Tintín

Tintín está de aniversario: oitenta aniños non é nada. Felicidades, pois.
A noticia que lemos en La Voz de Galicia fai referencia ós cotifeiros: "foi acusado de sexismo, paternalismo e antisemitismo". Tamén lle puxeron a "chata" de racista. E mesmo hai quen o ten por homosexual, cando non por pervertido. (Máis datos en Papel en blanco.)
Nas Españas estiveron a piques de o bautizaren como "Pepito" ( La Voz de Galicia, El Público).
Os negocios, así e todo, non lle van mal. Desexámoslle que siga progresando. E pregámoslle que non se meta en política nin se faga cacique.
Xa sabedes que Tintín fala galego. ¿E logo non será por isto sospeitoso de sexista, paternalista, antisemita, racista, homosexual e pervertido? ¡Meigas fóra!

Imaxe en opt.be

5.1.09

Noticias de literatura-52

Entre Nadal e Reis os xornais deixáronnos algunhas novas literarias como as que seguen:

A caída, poemario de Luís Valle, premio de poesía Caixanova. Faro de Vigo fai referencia á súa actividade como pintor; engade que, aínda que este poemario sexa a súa primeira achega á poesía en galego, o autor xa tiña obra publicada. O Xornal de Galicia e mais Galicia Hoxe ofrecen máis datos sobre a obra.
O Modesto Figueiredo gañouno Iván García Campos con Unha casa chea de xanelas. O xurado destacou desta obra "a súa capacidade narrativa, o detallismo na construción psicolóxica dos personaxes, o multiperspectivismo para crear a historia de realidade e imaxinación" (Galicia Hoxe). Neste mesmo xornal, Abuín de Tembra relata unha breve historia da vida do certame.
O Johan Carballeira de poesía (XII) foi para Mario Regueira (Blues da crecente) e Diego Cousillas ve publicado Faltas de ortografía, poemario co que gañara a IX convocatoria deste prestixioso Premio que convoca o concello de Bueu.
Manuel Vidal Villaverde e Yolanda Castaño falan de lingua ("unha pedra no zapato", segundo o artigo de Joaquim Ventura) e literatura no Galicia Hoxe.
Rematamos coa lembranza de Castelao 59 anos despois do seu pasamento.

Fotografías de Diego Cousillas e Yolanda Castaño publicadas no xornal Galicia Hoxe.

2.1.09

Paula Carballeira. A era de Lázaro. Test de léxico


Test para os afoutos lectores d' A era de Lázaro que queiran xogar con algunhas palabras desta novela de Paula Carballeira.
Premede na ligazón.




O debuxo de Castelao é de museocastelao.org.