Atopo no suplemento Babelia (El País), na sección "Crónicas de América Latina", un artigo de Claudia Hernández que os galeguiños debiamos ler con atención e coas barbas de mollo. Titúlao "La sombra de las lenguas". Precioso título para un triste contido.
Claudia Hernández naceu en San Salvador (véxase localización no mapa que acompaña o artigo; o único que te escusa para non saber por onde cae é o presidente do paísmáispoderosodomundo).
Pois resulta que artigo de Claudia Hernández vén sendo un pranto polas linguas indíxenas do seu país. Fala das súas linguas chamándoas por nomes que nos fan abrir os ollos de sorpresa: potón, náhuat, cacaopera... Formas de comunicación capaces de explicar un mundo e que van desaparecendo como por arte de meigallo. Algúns deses idiomas xa desapareceran cando quixeron rexistralo e estudalo, porque mesmo que pareza mentira as linguas morren máis rápido do que se pensa.
¿E logo por que os galeguiños, mesmo os montunos, debemos reparar neste artigo? Os que estudan lingua e sociedade establecerán paralelismos evidentes entre a historia da que nos fala o artigo e mais a nosa propia historia. Reparemos en que os parias destas historias son sempre os indíxenas. ¡Xa é teimosía!
E os indíxenas, montunos incluídos, deberiamos reparar tamén en que non só as linguas van a menos: a xentiña acompáñaas no mesmo camiño. E esa xentiña que non puido manter a lingua tampouco non puido facer moito coas autoestradas, coas escolas, cos hospitais, cos servizos públicos... ¿Por que será que andan sempre na cabeza do ránking... de fracasados? Se cadra son algo bruto se o digo, pero teño para min que se os indíxenas non somos quen de estar no mundo na nosa propia lingua, haberá quen se encargue de facernos desaparecer do mapa, e sen dó. E, ademais, faranlle dicir ó heroe de película que "o único indíxena bo e o indíxena morto".
E no que portén ós indíxenas do fogar do Breogán, ¿gañamos algo con que se perda algunha lingua deste pobre mundo?
E a mulleriña indíxena da foto de José Cabezas, ¿ten moito que lle agradecer ó mundo que engulipou a súa lingua? ¿Pensades que os do Club Financiero de Vigo se van molestar en calcular a porcentaxe de PIB que acada o seu idioma? Podedes esparar sentados.
Cun pouco de sorte, alguén de Chámallehache Bilingüe lle botará en cara que pola súa culpa os seus fillos non puideron ser educados na lingua escolleita polos papás. E algún periódico líder en información neste mundo sacará unha páxina completa, con foto incluída, acusándoa de causar vítimas pola súa imposición lingüística.
Hai un anaco dun parágrafo do artigo de Claudia Hernández que quero pegar aquí para que os estudantes de lingua e sociedade establezan a correlación que corresponda:
Unen sus fuerzas en contra del tiempo, la pobreza y la marginalidad,
que son los tres compañeros que los idiomas indígenas han tenido en el
país. "No es coincidencia que los hablantes de estos idiomas se
encuentren ubicados en las franjas más pobres y desatendidas"
Tamén lembra Claudia Hernández a responsabilidade que a poboación debe asumir para a conservación do idioma.que son los tres compañeros que los idiomas indígenas han tenido en el
país. "No es coincidencia que los hablantes de estos idiomas se
encuentren ubicados en las franjas más pobres y desatendidas"
Os indíxenas do fogar de Breogán que nos sentimos montunos preferimos oír os cantos das sereas en MP3. ¿Que máis ten que acabemos no menú dunha quenlla se iso nos fai felices? ¡Jo, que subidón! ¡Que fuerte!
__________
Entrevista coa escritora en Camisa de fuerza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario