30.4.07

Soidades de Ana. Algunhas achegas.


Os amables membros do club de lectores de Soidades de Ana atoparedes un par de achegas que se cadra vos resultarán de utilidade.

Unha síntese argumental apertada na páxina web de Andel; un comentario xeral dalgúns aspectos da novela neste blog.
Tamén vos lembro que tedes un caderno que devece polas vosas opinións.

29.4.07

Cerradelo, Rábade e Rivas

A prensa de hoxe vén chea de noticias de galardóns literarios.
Silverio Cerradelo obtén o Premio Terra de Melide cunha novela sobre a incomunicación: Os paxaros tamén migran ao sur.
Xesús Rábade Paredes acada o Blanco Amor con Mentres a herba medra.

E a novela de Manuel Rivas Os libros arden mal faise cos premios da Crítica e mais co Losada Diéguez.


Unha achega crítica a esta obra podedes vela en Brétema; e outra máis, da man de María Liñeira, nesta páxina do Consello da Cultura.

(Imaxe da capa da novela en
http://www.xerais.es/cgigeneral/agenda.pl?id_sello_editorial_web=13&mes=12&anio=2006.)

26.4.07

Tres lecturas

Tres libros galegos, na selección «The White Ravens», lemos no titular de La Voz de Galicia.




Tres obras galegas, entre as mellores das letras para cativos
Smara’ de Paula Carballeira, ‘A princesa do Caurel’ de Patacrúa e ‘A sombra descalza’ de An Alfaya, no White Ravens, lemos no Galicia Hoxe. Neste xornal coméntanse brevemente outros aspectos relacionados coas obras seleccionadas. Tamén se dá a páxina web da prestixiosa selección: http://www.ijb.de/whiteravens.




Non fai falla dicir que non estaría mal incorporar estas obras á nosa lista de lecturas.




Aburiño.




23.4.07

Premios Minerva


Coñécese o veredicto do xurado que outorgou os premios Minerva 2007 (35ª edición). Atoparédelo nun gozoso artigo que escribe Avelino Abuín de Tembra para o Galicia Hoxe (23-4--07).

Parabéns para os gañadores e para todos os participantes.

(Imaxe de http://www.mic.ul.ie/english/Paula's%20Home%20Page.htm)

21.4.07

Brazos en cruz


Lemos no Galicia Hoxe un artigo de Susana de la Gala sobre o masacre na Universidade de Virxinia. Céntrase a articulista na figura do profesor emérito que tentou deter o asasino mesmo facéndoo pasar por riba do seu cadáver. Mais non deixou de chamarnos a atención o parágrafo que citamos:

"Tiven bos profesores dende preescolar, agás algún caso concreto, cruel nos tempos de Franco, do que esquecín o nome. Deuse o caso que poñía de xeonllos cos brazos en cruz, e as mans suxeitando libros, os rapaces e as rapazas que falaban galego en clase. E ademais daba co anel enorme que tiña no dedo medio nas cacholas dos nenos e das nenas de aldea. Ou coa vara de medir, que era dura como o demo".

Non precisa comentarios. Só o traemos aquí para que a amnesia histórica non nos faga desvergonzados á hora de reclamar dereitos lingüísticos e de laiarnos polos ataques á sacrosanta liberdade.

A pouco que se escaravelle damos con alguén que considera delito o uso de certos idiomas, porque hai idiomas que ofenden.

E agora atopádelle explicación.

20.4.07

Soidades de Ana. Cuestionario


Velaí vos vai o cuestionario-guía de Soidades de Ana.

Non fai falla que vos lembre onde esperan con ansia as vosas opinións sobre esta lectura.

Ánimo.


LECTURA: Jordi Sierra i Fabra, Soidades de Ana, Vigo, Galaxia, 2007.

CUESTIONARIO
1. Argumento.
2. A obxección de conciencia: valores e inconvenientes.
3. Os pais e o noivado.
4. Tema central da novela: enfoque e tratamento.
5. Os adolescentes e o sentido do compromiso.
6. A vida herdada.
7. A liberdade e as súas limitacións.
8. A necesidade de respostas cando xa non serven para nada.
9. O tema da educación sexual e o seu tratamento.
10. Estrutura da novela.
11. O tempo na novela.
12. As cargas familiares: enfermidade, morte, impedimentos...
13. Os amigos: valores e inconvenientes.
14. O futuro en compañía: vantaxes e inconvenientes.
15. O namoramento: tratamento que se lle dá na obra.
16. Condicións e actitudes segundo a novela para decidir a propia vida e o propio destino.
17. Caracteriza a adolescencia segundo a lectura da novela. [158]
18. Segundo a túa propia experiencia, ¿que lle falta ou sobra na novela á etapa da adolescencia?
19. A soidade. ¿A quen acudir cando estás sen xente, rodeado de obxectos? [169-70]
20. ¿A que se refire a novela cando fala do inimigo interior?
21. O final feliz. Valoración dende o punto de vista narrativo.

15.4.07

Gallegos de remate


Gallegos de remate: velaí o título dun artigo de Antonio Sangiao, publicado no Xornal.com. Trátase dun artigo en defensa da raza e dalgunha cousiña máis. Está escrito en castelán, porque o autor non quere que o tomen por parvo. Así e todo, os que temos o bacharelato creo que podemos ler ese idioma, mesmo non estando obrigados a coñecelo.

Tamén enlaza o antecitado xornal un artigo de C. Novo e mais un vídeo sobre o lado escuro do idioma. Podedes velos se vos peta.

Gallego el que no lo haga.

María Mariño existiu de verdade

Agora ninguén o dubida, pero houbo tempos que nin se sabía da poeta, e os que coñecían o nome coidaban que era uninvento.


Sobre este aspecto fala Méndez Ferrín no suplemento "El Sábado", do Faro de Vigo (14-4-07).


Á parte do referido sobre a autora noiesa, comenta o autor outras "fraudes literarias" de interese.


Atoparédelo no lugar enriba indicado.


Abur.
(Imaxe da capa da revista Festa da palabra silenciada, en http://perso.wanadoo.es/festadapalabrasilenciada/images/festa21.jpg)

14.4.07

Luís Seoane


Nas "Crónicas inconformistas" (La Voz de Galicia, 14-4-07, aniversario da proclamación da II República), Isaac Díaz Pardo a exposición de debuxos comisariada por Valeriano Bozal que se expón na fundación do artista e escritor coruñés.

Céntrase Díaz Pardo na faceta plástica, mais non deixa de citar a obra literaria e algúns aspectos da biografía que conforman a figura de Seoane.

Déixovos o artigo enlazado, por se queredes botarlle unha ollada.

13.4.07

María Mariño. Novas luces


No Galicia Hoxe temos a noticia da presentación dun libro de María Mariño, oculto unha chea de anos. Este libro misceláneo misceláneo (poesía e prosa) bota luz sobre a etapa máis escura da poeta.

(Foto de Ramón Escuredo publicada no Galicia Hoxe, 13-4-07.)

11.4.07

Eva Moreda. O demo e o profundo mar azul



Para o club de lectores d'O demo e o profundo mar azul.


Os que teñades curiosidade por achegarvos á biografía da autora podedes consultar a ficha da BVG. (A foto é desa páxina.)

Tamén hai datos nesta curiosa páxina.

Para quen estea interesado no aspecto musical, moi importante nesta novela, consulte estoutra páxina.

Para unha achega máis xeral á obra: este blog.


Como xa vos coñezo e sei do voso espírito de traballo non fai falla que vos diga onde podedes deixar as vosas reflexións sobre esta interesante novela: Oleiros, Matacristos e asociados, ou nesta mesma bitácora a través dos comentarios.

Saudiña e que vos preste a lectura. Estou seguro de que así será.

(Nota sen gastos: Aínda que o profe é algo inocente, creo que sabe distinguir entre "traballar en equipo" e "copiar con todo o equipo". Dígovos isto porque mo comentou así de pasada. Abur.)

O demo e o profundo mar azul


Para o amable club de lectores d' O demo e o profundo mar azul, de Eva Moreda.

Velaquí vos deixo un cuestionario. Como non me convence moito, estou tentando refacelo. Mais polo de agora ímolo aproveitar tal como está.
Na horta de María, categoría "O demo", podedes ver algunhas das reflexións dos vosos compañeiros.

Que a lectura vos sirva de proveito.

CUESTIONARIO

1. Argumento.
2. Relación literatura-música na novela.
3. Estrutura da novela.
4. O tratamento do drama da emigración no relato.
5. O marco cronolóxico do relato.
6. Cita os feitos históricos máis relevantes acaecidos no marco cronolóxico da novela.
7. A foto de recordo e a historia do álbum de fotos (en cursiva na novela).
8. As relacións de noivado na Galicia do primeiro terzo do século XX, segundo a novela.
9. O sentimento de saudade.
10. O emigrante e o sentimento de culpa.
11. Volve ós feitos relacionados na cuestión 6 e comenta o tratamento que se fai dos mesmos nesta novela.
12. A visión do pai a través da nai.
13. Sinala sobre un mapa o percorrido de Goro Gancedo.
14. As luces e as sombras da afección como traballo (cap. 9).
15. O proceso de inculturación no país de acollida (p. 92).

6.4.07

Literatura con sabor a mar


A revista Ardentía -mirade o quiosco da dereita- trata no número catro a relación da muller co mar. Tamén bota unha ollada a algunhas obras literarias nas que a presenza do mar é salientable. Lemos a noticia no Galicia Hoxe, 6-4-07.

5.4.07

Gallegada


Apego aquí a letra dunha canción do "in-mortal cri cri". O seu autor supomos que foi don Francisco Gabilondo Soler (Nació el 6 de octubre de 1907 en Orizaba, Veracruz. Desde los 7 años tuvo gran afición a la música y a las estrellas, segundo reza en www.colegios.net).

A letra da canción está pensada para nenos inocentes (olliño coa polisemia desta palabra). Reparade, de paso, na fluidez verbal do galeguiño. Deixade pasar o bo xorne do animal.


GALLEGADA

¡Pobre galleguito!
Su borriquito
no quiere andar.

-¡Este malditu u tonto borrico
por caprichoso no quere andar!

Ay, iba pa´l pueblo
y hasta mañana
podrá llegar.

-¡Si no caminas, te hago añicos
de un garrotazo, por miña nai!

Se tendrán que quedar a dormir
bajo de las esrellas
que en Galicia son bellas de ver
en el cielo zafir..

¡Pobre galleguito!
Su borriquito
no quiere andar.


E se cadra, os nenos de colexio, cando lles deprenderon a canción, quedaron cun excelente concepto do galleguito e mais do seu borriquito. (Polo menos turraba dun borriquito e non ía empurrando na roda de afiar.)

Así e todo, o que máis me aqueloutra e non dar atopado a música. Se dades con ela, xa sabedes...
O autor debeu de ser boa persoa. Pero hai cousas que están no ambiente e reclaman o seu tributo.

Lingua nos concellos

De interese para os bachareis

"Uns 267 concellos incumpren o plan de normalización da lingua galega" (De luns a venres, 5-4-07).
O plan do que se fala foi aprobado hai uns anos no Parlamento (21-9-04). Se o queredes ver, premede na ligazón.

Asterix



"Asterix cruza o espello
Varios autores darán a súa visión persoal do heroe galo para celebrar o 80 aniversario dun dos seus creadores, Albert Uderzo" (Galicia Hoxe, 5-4-07).


O personaxe non parece ter moitos problemas en falar diversas linguas. Coa galega tivo os seus atrancos, pero tampouco lle resulta allea. Aquí no país a Asterix pásalle coma ó AVE, non lle funciona a poción máxica e ten que ir amodiño e a pé. Non sería mala cousa aproveitar a ocasión do Saló del Cómic para darlle unha pequena dose...



4.4.07

Falar galego é inxusto


Un dos síntomas de que unha lingua é anormal vese na constante aparición na prensa. Quero dicir, aparición na prensa como noticia. Se unha lingua non se emprega para comunicar noticias, tamén é un sinal de anormalidade, malia que pareza mentira.
A noticia da que falo aparece no Galicia Hoxe. E pon en boca dun xuíz un "lapsus" que alguén desa categoría non debería ter. Polo que se ve, a glotofaxia é mala de curar. Velaí a deixo, por se alguén a quere ler.
(¿Y esto, si cuadra, también entra en el tema de lingua y sociedade?
Se cadra, entra. E mentres tanto, que Deus nos afaste de xustizas, falen o idioma que falen.

3.4.07

María Mariño a ritmo de bossa nova


Atopamos a noticia en La Voz de Galicia: "Editan un disco que musica a poesía da protagonista dás Letras Galegas
Vos poemas de María Mariño foron adaptados en clave de «bossa nova» por Eloi Caldeiro
Ou cedé estará acompañado dun deuvedé cun documental sobre a vida dá escritora
".

Sobre a figura e a obra de María Mariño Carou van saír nestes meses estudos interesantes. Os que teñades máis cobiza por saber podedes ir achegándovos a algún deles (non digo a todos para que non me tomedes por tolo de vez). A saber:
1. A editorial Galaxia, acaba de sacar unha biografía da man de Xerardo AgraFoxo. É un traballo documentado e moi agradable de ler. Aclara bastantes aspectos escuros da biografía da autora homenaxeada. Tamén deixa, supomos que adrede, outras incógnitas que tampouco non nos interesan moito ós que non somos ratos nin ratas de biblioteca.


2. Unha escolma moi representativa da obra de María Mariño é a de Patricia Arias Chachero (Galaxia).


3. Tedes a obra poética case que completa, cun excelente estudo introdutorio de Victoria Sanjurjo, editada por Xerais. (Había edición anterior).

4. Na mesma editorial acharedes a biografía e o estudo de Carmen Blanco.
E para empezar, abonda. Son todos traballos que olen a tinta fresca. Cando saiba de máis, ireivos informando. (Non pretendo que me fagades caso. Só escribo isto por se algún de vós pica.)
Aburiño e coidádevos.



Pan con poesía


Eis o título dunha campaña dos panadeiros da que se fai eco o Galicia Hoxe. Da noticia non se desperdicia nin migalla: "Os versos de Chus Pato chegan ás panaderías ourensás
O poema da autora galega tamén estará impreso nas bolsas que se repartan nas vilas pontevedresas de Lalín, Dozón, Silleda ou Agolada
".


A imaxe da poeta, así como datos da súa biografía e da súa obra, e tamén a súa voz, podedes atopalos na páxina do CVC.

2.4.07

O aliado inesperado


Se chegaches ata aquí, prezado membro do club de lectores d'O aliado inesperado, preme neste enderezo. Atoparás o cuestionario de guía da lectura e algunha cousiña máis.
Xa sabes que esperamos a túa contribución a lectura no blog do grupo ou nos comentarios desta entrada.
Pego tamén aquí o cuestionario referido:

O aliado inesperado
  1. Argumento (10 liñas).
  2. O punto de vista do lobo (en cursiva no texto).
  3. A organización da obra.
  4. O espazo narrativo. Sitúao nun mapa vid. P. 49).
  5. As soidades (p. 66).
  6. A idea da amizade (pp. 63-4).
  7. Regras da amizade a da alianza.
  8. Infórmate sobre a guerra civil e a guerrilla. Tratamento destes temas no relato.
  9. Os temas anteriores, ¿teñen relación? ¿De que nos serven desde o punto de vista da narración?
  10. Infórmate sobre o despoboamento do rural. Tratamento do tema nesta novela.
  11. O medo.
  12. Os perigos dun lugar deshabitado.
  13. Os vellos: problemas e solucións.

  14. Comenta os cambios producidos na forma de vida no paso de pais a fillos.
  15. Os vellos e a política.
  16. Tratamento literario da figura do lobo.
  17. O home e o lobo: proceso de achegamento. Ou se o prefires: humanización do lobo e alobamento do home.
  18. A carta como recurso narrativo nesta novela.
  19. As razóns do vello para non abandonar a aldea.
  20. As razóns do fillo para abandonar esa mesma aldea.
  21. As razóns sociais para desprazar o vello do seu hábitat.


Propoño, ademais, un par de traballos, a escoller, voluntarios e nas condicións previstas na programación:

1. O lobo na nosa literatura.

2. A guerrilla nas nosas letras.

*Se alguén non se lembra das condicións, pódellas preguntar ó profe. Supoño que o coñecedes. (Que quede entre nós: non morde).



Ánimo e sorte.

O pai do vangardismo galego



Con este título publica hoxe La Voz de Galicia unha reportaxe de Ana Abelenda sobre a figura de Evaristo Correa Calderón.


Para os que estudamos outros bacharelatos, este nome ía emparalledado co de don Fernando Lázaro Carreter na capa dos manuais de Lengua española. Pero esta reportaxe que aquí queda ligada amosa outra cara do noso escritor, quizais menos coñecida pero si máis interesante.


Lédea con atención, se non por interese, polo menos porque vos entra no programa deste curso.


(Carta manuscrita de Evaristo Correa Calderón a Jesús Bal y Gay, c. 1927. Atópase en http://www.residencia.csic.es/bal/exposicion/obra/seccion/obra56.htm.)

1.4.07

Premios da crítica


Premios da Crítica a Manuel Rivas e a Vilanova
‘Os libros arden mal’ e ‘A esmeralda branca’ están considerados os cimos literarios dos seus autores. Lemos a noticia no Galicia Hoxe. Neste xornal aparece a fotografía dos autores citados.

La Voz de Galicia trata a noticia dun xeito xeral: En literatura gallega, los galardonados han sido Manuel Rivas (narrativa) y Manuel Vilanova (poesía).